leoeosseus

mércores, 30 de decembro de 2020

Feliz Ano 2021 !


 

Hoxe traballo de tarde e temos inventario e quen sabe a que hora rematarei ! E mañá iremos a Arbo a despedir o ano. Non iamos ir pero os avós non queren estar sós así que iremos.

Pois iso, despido este ano hoxe e que teñas unha boa entrada deste ano 2021 que non empeza mui ben polo Cornaviros e o que trae con el.

Saúde !

Etiquetas:

sábado, 26 de decembro de 2020

Centésimo e décimo cuarto mes ( e mais dous días )


 

Aquí a xoubiña sai retratada xogando con algún dos agasallos que recibiu do Papa Noel. Sempre está enfrascada en algo para non obedecer e esquivar a comida. Se non é debuxar é mirar a tele ou máis ben o mundo Nintendo. Tamén xoga á pita co irmán ou enreda coa cadela. Fai equilibrios coas cadeiras e matina coa maxia de Papa Noel. Cando deixe de facer estas dúas cousas deixará de ser unha nena e non quedará muito que xa ten nove anos e medio !

Etiquetas:

xoves, 24 de decembro de 2020

Noiteboa 2020


 

Este ano é distinto pero os desexos seguen sendo os mesmiños: saúde e paz e sorte.

Esta Noiteboa será máis recollida ca nunca pero é cousa deste ano.

Boa Noite e que recibas agasallos !.

Etiquetas:

luns, 21 de decembro de 2020

Todos somos somos


 

Somos os que somos, Somos Salceda, Somos Mos, Somos Nadal, SomosMagenta...etc. Hai esta moda de dicir que somos o que sexa e xa está. E só somos o que as circunstancias nos deixan ser. E así eu son un montador de liteiras, ou fágome fan do Jato Kósmico  ou descubro que " quedar a pre " é galego e non español ou río aprendendo galego non durmindo senón antes. Os que fixeron este vídeo ben puideron falar antes cos de Somos Magenta que me dá na espiña que o farían millor

Etiquetas: ,

venres, 18 de decembro de 2020

" Novo " Nadal


 

Hai un ano non imaxinabamos o que nos ía caír enriba ... y lo que te ronda, morena !. E coma este ano é tan especial por non dicir triste, pois non hai xantar de empresa e a cesta que chegou é diferente á doutros anos e  hai que adaptarse ao novo Nadal.

Xa avisei a Xela que este ano Papa Noel e os Reis ao millor non veñen por mor do Carroñaviros. Xa o Apalpador deixou de vir pola nosa casa hai anos pero Leo aínda lembra algo. O carboeiro si que vai pasear un día por Vilaguindastre coa Apalpadora. As que seguro que non veñen son as Pupieiriñas, aquel invento que puxen neste blogo e que creou algo de confusión.

Así que adáptate ao Novo Nadal e goza dos teus estes días !

 

Etiquetas: , , ,

mércores, 16 de decembro de 2020

Estamos na época


 

Indo ao bairro obreiro onte topei algo curioso. Un lavadeiro dos de sempre que agora sabemos se usa pouco, acondicionado coma un pesebre. Non me soa de miralo outros anos e aínda quedei sorprendido de que o deixen así, á vista de malandros e gamberros.

Imos cara o Covidal.

Etiquetas:

domingo, 13 de decembro de 2020

Foguetes con motivo


 

Esta mañá sentín foguetes e lembrei que hoxe é Santa Lucía, a patroa dos canteiros e máis oficios relacionados coa vista.

Neste contorna hai muita xente que traballa no sector da pedra; tanto nas canteiras coma na construción con granito ou na transformación do granito para forrar paredes ou chans ou para botar nas estradas.

E hoxe semellaba un día de festa ao mediodía con xente tomando algo en terrazas e dentro de bares e coas ringleiras de xente na porta das panaderías. Nótase que abriron as cafeterías anque só sexa parcialmente daquela maneira e ata as cinco.

E Leo tópase muito millor e xa lle dixemos ao Sergas que Leo deu negativo na proba do Cornoviros e tamén sería bo motivo para botar foguetes.

Que sigamos sen máis sustos que miro o Demo este ata na furgoneta dun veciño.

Etiquetas: ,

sábado, 12 de decembro de 2020

De lonxe a preto


 

Lonxe quedan os días en que o Becho era unha enfermidade cousa dos chineses que comen esas cousas raras. Logo foi cousa de italianos e pegou o chimpo a grandes cidades españolas. Aparecía algunha personalidade que non coñecemos en carne co esa enfermidade que semellaba cousa de ricos ou de viaxados. O círculo foi estreitándose e xa soaba algún  afectado en vilas próximas ou na mesma vila. Logo pasou a aparecer en algún coñecido ou familiar lonxano. E agora xa está entre algún familiar ou compañeiro e xa coñecemos nomes e apelidos de afectados.

Leo está algo pachucho e tivo febre e estamos esperando por unha PCR. Fixémoslle unha proba algo menos fiable e dá negativo.

Crucemos o dedo e que quede aí a nosa relación co Escornaviros.

Etiquetas: ,

xoves, 10 de decembro de 2020

Tanta tecnoloxía...


 

Agora hai aparellos para todo e hoxe estreamos ( máis ben Xela ) un mando para a televisión que busca por ordes faladas. Lonxe quedan aqueles tempos nos que meu pai nos dicía que subíramos un patacón o volume da voz. Subir un patacón significaba subir un pouco de nada  e así tamén dicía meu pai " Non vale un pataco " polo que valía pouco. En efecto: un pataco eran dez céntimos de peseta que agora sería menos dunha milésima de euro.

E a tecnoloxía invade todo e este ano a lotaría da empresa había que mercala de forma Online e así seriamos máis felices pero como estou farto de corrixir as entradas e saídas do choio vía móbil online, pois non a merquei. Houbo máis intentos por parte da empresa para que mercaramos lotaría os que non o fixemos pero por aí non paso. Non deixaban mercar aos xubilados da empresa e limitaban a cantidade de décimos así que teñan sorte os que a mercaron.

E a tecnoloxía tamén vai anulando pensamentos como o compañeiro que co cambio de carretillas a gasóleo ruidosas a eléctricas silandeiras agora pon cascos para non escuitar o seu cerebro traballando.

E, pegando un chimpo ao tema do Cornoviros, resultou positivo un compañeiro que está de vacacións. Fixeran un peneirado no seu concello e saiu positivo pero, por fortuna asintomático. Agora está de baixa e teño que cubrir o seu posto un tempo máis.

Éche o que hai !.

Etiquetas: , , ,

luns, 7 de decembro de 2020

Xogando coa lei


 

Ando estes días polo bairro obreiro por mor dunhas avarías e sigo abraiando co papo que gastan algúns. En Vilaguindastre xa recolleran todas as terrazas ás cinco como manda a lei. Pasei polo bar da foto ás cinco e dez. Estaban fóra catro xogando ao tute e había dous de " miranda ". Ningún levaba máscara. A taberneira xogaba e tiña o bar ás escuras e coa porta cerrada que non fechada. Cando marchei co fontaneiro ás seis menos dez ( que abraiou co bar ) xa había máis xente e tomando cousas coma café ou cervexas e había homes, mulleres e nenos. O fontaneiro preguntoume se aí non había coronavirus. Eu díxenlle que estabamos nunha cidade sen lei. El non sei se o entendeu. Eu si que non o entendo.

Etiquetas:

domingo, 6 de decembro de 2020

Queimando as vacacións


Un espirro e 18,7 ºC foron o aviso. Prendín a cheminea e púxenme a ler a Manuel Rivas. Máis tarde baixei á cadela por ese mundo fantasma dun domingo de chuvia e de nova normalidade. Tres rapaces en bicicleta e menos luces de coches ca de semáforos foi o que topei. Preparei a merenda dos nenos e toca viaxar pola arañeira, ler un chisco máis e queimar madeira ao mesmo tempo ca os meus últimos días de vacacións.

Etiquetas:

venres, 4 de decembro de 2020

Imaxinación na política


 

Manolo Rivas fala de que temos que facer ecoloxía da linguaxe e recuperar o verdadeiro significado das palabras e non o que nos queren chuzar. Ben, el dío doutro xeito pero el é quen eu e eu son este menda.

O que si que estou farto de que lle cambian o que quere dicir un termo ou que o fagan tan etéreo e difuso que ou non diga nada ou diga todo o contrario ou diga todo ao direito.

O cartaz de arriba co esa frase tan nonseique que é " Imaxina canto futuro hai nunha Galicia 98% rural " é un exemplo do que quero dicir. Como uns políticos poden falar de imaxinar sendo  tan bos xestores e contables como son ? Como poden falar de futuro ? Futuro máxico, porvir ou que para quen ? Se é para os animaliños seguro que hai se non morren queimados ou intoxicados de tanto eucalipto. E o de 98 % rural ? É certa esa cifra ? Que quere dicir rural ? Xela preguntoume que significaba e se era palabra galega. Non souben que dicir pero tampouco o saben dicir os que o escriben á vista da paisanaxe que mira o cartaz e di. Que chulo ! Que bonita é Galicia ! E, claro, miran a foto pero non paran a ler e se len esa frase tan voluble interpretarán algo místico ou lendario que sempre vende.

E saíndo do cartaz hai que ver como se lles incha o peito falando de perímetros, conviventes, vacinas e " aforos ". E os bares empezaron hoxe coas terrazas abertas e a mesma xente de antes a tomar o cafelito e o cigarrito coa máscara de adorno ou presta para colocar e evitar unha multa se vén a autoridade que non está para iso que se supón que somos maiorciños. E en Vilaguindastre aínda non se pode tomar nada no interior que cando sexa pasará do 30 % ao 120 % ou máis se collen clientes.

E así estamos.

E descubrín que hai bandeiras da República do Sáhara en muitos balcóns e Xela pensaba que a xente cría que Papa Noel viña do Sáhara. E pensará como siga facendo caso de muitas trapalladas que se din e escriben.

En fin.

Etiquetas: , ,

mércores, 2 de decembro de 2020

Amence sobre Atios


 

A vida é complicada. E máis para algunha xente. Algúns non poden aturalo; tragan e tragan ata que non poden máis.

Lolo xa non chegou a mirar este mencer sobre Atios.

Agora tócalle a outros rir as súas ocorrencias.

Etiquetas:

martes, 1 de decembro de 2020

Empeza Covidal !


 

Estamos cuns días solleiros e ventando o Covidal deste ano.

No sábado tivemos visita familiar duns recuperados do Becho, corrixo; el aínda non ten olfacto nin gusto.

Xa no domingo montamos a árbore de Nadal, o Belén e mais os adornos pola casa, a entrada e a cheminea.  Prendemos a cheminea e viaxei a Xapón con Nekojitablog e a Xeorxia co Trío Mandili.

Onte topei cun veciño que non me saudou mentres el descansaba dunha carreira costa arriba na porta da Risquiña, un parque que ultimamente hai que reservar mesa que se xunta a xuventude para "vivir la vida loca". Despois cruceime con dous que ían cabizmóbiles pola beirarrúa e a cadela enroscou a correa co eles. Non sei quen ten máis culpa; se a cadela ou os outros elementos. Menos mal que ao final do paseo mirei veciños como o bebé Xoel que se animou a tocar a cadela ou o canciño Coco que xogou con Elsa e así me aledaron o paseo.

Pola tarde tocou sesión de xogo con Xela a " Quen é quen " e " Batalla de xenios ". Logo animouse Leo para xogarmos os tres a " Isto é o meu ", o nome oficial na casa do " Party Junior ". Despois Leo e mais Xela botaron un tempo xogando á pita e máis tarde Xela quixo aprender o número Pi e aprendeu bastantes decimais del. Leo díxolle que non ía ter amigos se facía esas cousas e eu díxenlles que coñecín un amigo que tiña un libro que se titulaba " Pi " e eran decimais e máis decimais ata o fin do libro e seguiría que é infinito. O tal amigo sabía varias páxinas de memoria e quería aprender todo o libro e non sei se o conseguiu.

Polo resto seguimos sen saír da contorna e facemos comercio local ( acaban de chamarme que me chegou o último libro de Manolo Rivas ) para apoiar á xentiña de aquí que nolo agradecen nos trinques como ben reflexa a foto ( un dos dous que topei en galego ).

Etiquetas: , , ,