leoeosseus

martes, 28 de febreiro de 2017

Aprazando o entruido


Non sei onde imos parar: cain catro pingas e aprazan o desfile de carnaval !. O malo é que a xente xa non sai disfrazada por libre e só mirei un Tío Sam triste e solitario.
En fin.

No choio pediume o mecánico da empresa externa unha cana da cabeza. O extraño pedido era para tirarlle un anaco de pedriña dun ollo do seu compañeiro. Parece ser que unha cana ten bastante firmeza e non fai reacción no ollo por muito que foces nel. Cousas veredes !.

E tendo o tempo libre que deixa o entruido non celebrado podes facer un pasatempo matemático do que falaba o escritor homenaxeado no DLG deste ano: Carlos Casares.
O enigma consiste en descubrir os números que sustitúen as letras para realizar esta operación. Só precisas papel, lápiz e paciencia.
                                                       
                                                             S  E  N  D

                                                 +         M  O  R  E
                                                          ____________

                                                        M  O  N  E  Y

A foto é de hai dous anos.

Etiquetas: ,

domingo, 26 de febreiro de 2017

Sexaxésimo oitavo mes ( e mais dous días )


Xa saltaba eu o mesario da xoubiña. Aquí sai retratada vestida de Super Flas, o único disfraz que quixo poñer porque lle daba superpoderes o cinto ese.
A nena segue debuxando, escribindo e creando construcións cando non mira a tele.
É mui intelixente e razoa ben. Tamén é mui perfeccionista. Ten carácter e quere saír coa súa sempre e ai de quen se opoña. Así ten machacado a Leo . Fala todo o tempo e a volume alto. Pero no fundo ten bo corazón e é mecosiña e quere gustar...e acaba gustando, está claro.

Etiquetas:

sábado, 25 de febreiro de 2017

74 Xogo da Ola


Hoxe xogaron a 74 edición do xogo da ola. Eran muitos xogadores e o árbitro non estaba mui faladeiro.
Eu mirei xogar e romper unhas doce olas a cincuenta céntimos. Había público abondo e apareceu o rei do entruido Cuquín disfrazado de Cuquín cunha careta de papel del e o buraco para o seu nariz.



Tamén estaba Anuska, a súa filla, que sempre quere xogar e non lle deixan. Desta volta tivo sorte e puxo a xogar unha ola dando o saque de honor.


Entre o público estaba un exalcalde que tamén tivo o seu saque de honor e que ía disfrazado de cavernícola mediático.

Foi un bo comezo do entruido 2017.

Aquí deixo un vídeo filmado por min.

Etiquetas: , ,

xoves, 23 de febreiro de 2017

O Meco manda


A estas alturas da película e entéirome agora dela !. Seica a semana anterior ao entruido, nos coles e institutos poñen un moneco que é o Meco e cada día ten un carteliño colgado onde di o que hai que facer ou vestir ese día. E a Leo e Xela tocoulles levar toallas ou bañador por riba do pantalón ou gorro de piscina ( como sae Xela na foto ). Mañá xa toca o desfile polos arredores do cole e este ano van de comida sá. A Xela tocoulle de cociñeira e a Leo de cacho de uvas con ghapio e todo no sombreiro.
A min tócame disfrazarme de traballador e non poderei mirar os meus fillos disfrazados pola rúa.
Outro ano será.

Etiquetas:

mércores, 22 de febreiro de 2017

Que nos robotizan !


Temos na fábrica unha xente de fóra que está arrincando maquinaria vella para cambiar por outra nova. É un adianto, si; e safaremos de facer algúns traballos suxos e penosos, pero algún compañeiro terá que marchar da empresa.
Robotizan todo e xa mirei o Moley, un robot cociñeiro que será parte do futuro ou inspiración para outros.
Tamén queren que haxa veículos que circulen sen chófer e, de feito, hai tractores que van sós en grande prantacións  nos EEUU.
Virá un futuro no que o humano e o tecnolóxico estará tan misturado que non saberemos onde están os límites.

Na foto un coche aparcado en Vilaguindastre que é bastante presumido.

Etiquetas:

sábado, 18 de febreiro de 2017

Xela artista


Xela saiu do cole onte cun premio dun debuxo exipcio para colorear e non parou ata conseguir o resultado final que é incrible para unha nena de cinco anos.
Xela non para de argallar, pintar, montar, escribir e dáselle ben.
Vou criar unha nova etiqueta: Xelartista. E que non me cheguen os números romanos para esta etiqueta.



E, como non é todo arte, quixo andar en bici antes de que volvese a chuvia e así souben dunha pintada que me resultou curiosa.

Etiquetas:

xoves, 16 de febreiro de 2017

Soutos, pericos e novos " pedros "



En custión de idioma sempre aprendo e o outro día en Arbo a avoaM dixo: " Salimos dun souto para meternos noutro ", unha frase feita que vén a dicir que saímos dun problema para meternos noutro. Vaia, a tradución perfecta do español: " Salimos de Guatemala para meternos en Guatepeor ".
No choio tamén aprendo e sai que os " pericos " do cabalo son bos para criar miñocas e facer compost. Os " pericos " son os " pedros " de Salceda e, voltas que dan as palabras;  " pedro " ou " pedrolo " tamén é unha nena que lle gusta os xogos de nenos.

Etiquetas:

martes, 14 de febreiro de 2017

Día do amor


Hoxe voan bombóns, tarxetas e agasallos e hai ceas románticas. Cada un celébrao ao seu xeito ou non o celebra porque non quere ou non ten con quen celebralo. Iso si, eu penso que o amor existe fágase ou non se faga en contra do que di o cartaz da foto de arriba.



Etiquetas:

sábado, 11 de febreiro de 2017

Balonmán e Carapuchiña Vermella



Hoxe tocoulle a Leo xogar o primeiro partido " real " contra nenos doutros colexios.


E á tardiña tocou teatro coa versión con cancións e final feliz para o lobo da obra Carapuchiña Vermella.

Etiquetas: ,

venres, 10 de febreiro de 2017

O " Speed Limit "



Estudou comigo e naqueles tempos de xuventude era batería nun grupo de amigos chamado " Speed Limit ". Pasou o tempo e levounos por camiños distintos. Os del creo que foron complicados con perda de traballo e intrusións en malos hábitos. Agora sempre o miro co esas bolsas e un día pregunteille e díxome e mostroume o que traía nelas. Eran restos de panadería que compartía con veciños máis necesitados ca el e, simplemente, alucinoume.
Agora lembro o vídeo-experimento aquel no que lle dan 100 dólares a un vagabundo sen fogar para comprobar en que o gasta e deixa sorprendidos aos que gravaban.
Está en inglés pero é doado de entender o que acontece.

Etiquetas:

luns, 6 de febreiro de 2017

Errare humanum est...


Alá polo mes de maio apareceron estas bolsas do Eroski con palabras galegas e os seus debuxos correspondentes. A min gustáronme e ata perdoei o erro de escribir bolboreta con " v " que comprobando en google non hai tanta distancia entre " bolboreta " e " volvoreta ".
Pero non quedou a cousa así xa que correxiron o erro haberá un par de meses atrás e agora xa locen as bolsas tal como teñen que ser.
Porque rectificar é de sabios.

Etiquetas:

venres, 3 de febreiro de 2017

Candeloria e San Brais


Onte foi o día da Candeloria, día que dicían os vellos que casaban os paxariños e falamos no taco sobre iso. Falamos dos poucos paxaros que quedan pola escaseza e pouca variedade de cultivos e o uso de pesticidas. Os compañeiros falaron de paxaros dos que coñecía o nome coma carrizo ou pintasilgo pero nomearon un paxariño que non coñecía co ese nome e que chaman canario bravo e que en Arbo creo que é a sirina.
E hoxe é san Brais santo avogoso da tos: necesario para estes días de galerna.

Etiquetas: , ,

mércores, 1 de febreiro de 2017

Crise cultural


Neste tempo de crise que non dá rematado a xente busca cartos onde sexa. Eu fixeime o outro día no anuncio da foto onde vendían dende ferramentas a mobles pasando por artigos para bebé. Tamén vendían libros que supoño que estarán coma novos polo pouco uso cando o dono escribe " libros bariados ".
A crise non só é económica que tamén é cultural.

Etiquetas: