leoeosseus

venres, 30 de novembro de 2018

Mata 2018 e Google


O tempo pasa e o pintor parece que quere empadronarse na casa e así a mudanza segue en stand by.
Por Arbo os dous porcos pasaron a millor vida e lembrei faenas e palabras e aprendín outras como reighañas e rodocelo.
E hoxe pasou o coche de Google maps Street view e cando actualice as imaxes xa poñerei a miña aquí cos dous polegares levantados.

Etiquetas: , ,

sábado, 24 de novembro de 2018

Entre arcos de tronos e Xela no octoséximo noveno mes ( e mais un día )


Nestes días de chuvias e bataghadas, fríos e arcos de tronos o avance na " restauración " da casa vai despacio.
Mentres; a empresa veciña retira a grúa e multiplícanse as opcións para comer co Pinchorriño e a castañada da asociación.



E que podo dicir de Xela neste mesario ?.
Pois que Xela practica coa guitarra. Tamén coas cancións que vai cantar no prendido das luces de Vilaguindastre. Millora no xadrez e vénceme. Prefire multiplicar antes que escribir e iso que ten unha letra bonita e aprende o que significa tatelo. Come algo millor porque a cambiaron de mesa e fixo un trato coa " cociñora " como dicía Leo de pequeno.
Deixo unha foto un chisco modificada.

Etiquetas: , ,

domingo, 18 de novembro de 2018

Non todo é fedellar


Como o tempo adicado á casa nova non é o cen por cen, pódese levar a Leo a Chaín na outra aba do monte Galiñeiro onde cortaron o lume do ano pasado dirixindo os aspersores do campo de fútbol ao monte de fóra.

 
 
Despois do partido fomos xantar zorza a Pontellas. E que teima con aturullar estas festas con música a todo volume debaixo da carpa.
 

 
E como non é só cuestión de alimentar o corpo tamén alimentei a alma coa obra de teatro " Chicago killers " e así coñecín unhas mulleres asasinas, un avogado cobizoso, un fiscal ansioso por ser gobernador e unha policía que só se move cando rulan billetes.

Foi un domingo distinto.

Etiquetas: ,

mércores, 14 de novembro de 2018

Pasou o martes trece


E os nenos tiveron magosto nos respectivos centros escolares e Xela tivo de agasallo do ratiño Pérez un xogo magnético para montar figuras. A ver se lle sai o sacho de arriba agora que o dente ten o camiño libre.
O meu martes trece consistiu en non ser capaz de montar unha persiana porque non podo coa tapa da persiana. Pero non foi tan mal día que comín mandarinas a falta de castañas.

Etiquetas:

domingo, 11 de novembro de 2018

Chicas sin bragas


Non hai coma un bo nome para atraer a atención dos demais.
Esta nova tenda en Vilaguindastre quere conseguir clientes e polo menos conseguiron publicidade gratuita no meu blogo.
A ver se teñen éxito que o asunto económico segue chungo.

Etiquetas: ,

sábado, 10 de novembro de 2018

Atención ao cliente


Mentres o pintor traballa toca seguir con papeleos e cambios. Tocou cambio de titular de compañía eléctrica e optei pola atención en galego. Primeiro houbo unha mensaxe pregrabada cunha voz de muller con todos os " e " abertos. Nas tres chamadas que fixen falei con dous homes e unha muller. O primeiro falaba un galego simple, o segundo xa soaba máis natural e do centro de Galicia e a muller tivo un desliz e falou en castelán un momento. Todo foi ben e rápido que en español tardarían máis.
Pola súa banda, a profe de Xela puxo un vídeo que falaba do holocausto e fames e outras desgrazas. Algúns compañeiros choraron e non é de extrañar que non é algo adecuado para eles.

Etiquetas: ,

domingo, 4 de novembro de 2018

Indecisión


Ao lado da casa dos espellos está o motel abandonado co seu restaurante de nome indeciso. Por un lado é " Lua Chéa " e pola outra banda é " Lúa Chea ".


É que con isto do galego hai indecisións e casos curiosos como o do programa " O máis galego " onde poñen un nome topográfico con " y " grego como o de Cabo " Estay ". E logo van os concursantes buscando xente de Sanxenxo e o home pregunta se é de Sanjenjo a máis de un. Algunhas mulleres foron decididas e responderon dicindo Sanxenxo.


Tamén hoxe Leo foi decidido e conseguiu a vitoria do seu equipo contra o de Salvaterra metendo o único gol do partido.

Etiquetas: ,