leoeosseus

Wednesday, 28 June 2017

A vixiar


Vai rematando este mes de forma fresca comparada con maio. E estamos como a pintada: atendendo a varios asuntos. Temos que ter un ollo aberto para vixiar o alifafe da bisavoa curándose no semiabandoado Meixoeiro como tamén ter conta de Leo que se nos meteu futbolista esta semana.
Menos mal que o ollo que me vixía cando vou ao choio é MBI e non é a DXT ou un fillo dela.

Labels: ,

Sunday, 25 June 2017

Sexto ano ( e mais un día )


Xela está contenta. Xa é máis maior. Aparte como se portou ben vai ter festa cos compañeiros do cole. De momento  houbo dúas tortas e agasallos da familia como un ukelele, un xogo de construción, un jenga, un golf de madeira e unha casa de Doraemon. Tiña muitas gañas de recibir regalos e nin quería esperar a rematar de comer.
E o outro día remataron o curso e Xela tivo a graduación. Agora pasa de infantil a primaria.

 
 
Vaia: que a nena vai medrando.

Labels:

Wednesday, 21 June 2017

Pan e auga


Eu non son muito de dar cartos aos mendigos. Doulle algo á xente que fai algo, que toca música, fai malabares ou é un mimo ben feito. E así pasaron anos que miraba case a diario ao mendigo da foto e nunca lle dei nada. Houbo unha vez que o mirei na caixa do supermercado comendo pan e esperando para pagar ese pan e unha botella de auga e ese día foi o primeiro que lle dei algo. Onte volveume a pesar o mesmo con outro que comía pan e bebía auga na porta do supermercado e volvín soltar a galiña.
Non sei; pero estar a pan e auga sóame extremo. Como o que pasou Salvador Alvarenga cando estivo á deriva no Pacífico 438 días e que foi bastante pior.

Labels: ,

Sunday, 18 June 2017

Dende buzos a espectadores invisibles


Levaba varios anos intentando fotografar os buzos e o capitán Nemo da praia de Cesantes e por fin o conseguín.

 
 
A marea ten que estar baixa, no debalo. Un dos buzos está ben verde e semella máis un extraterrestre ca un buzo.
 


O outro levaba en tempos un cofre enganchado cunhas cordas pero de cada vez está máis carregado de mexillóns e arneiróns. Tamén está perdendo o aspecto humano a medida que pasa o tempo e medra a súa carga.


Hoxe había música infantil en Mos e Xela máis eu fomos á actuación de " Mamacabra " coa cantante felizmente recuperada. Tamén actuaban " Brincavai ", " María Fumaça " e " Uxía Lambona e a banda molona " pero non quedamos pola tarde. Ía muita calor.


Decidimos sentir o fresco do cinema coa película " Capitán Calzoncillos ". Cando entramos non había ninguén pero eu dixen que estaba cheo de homes invisibles e a Xela entroulle o medo. Cando sentamos díxenlle que tiña á súa beira un home invisible que era mudo e por iso non escuitabamos como falaba. Menos mal que ao final eramos doce espectadores e desapareceron os homes invisibles.

Labels: ,

Thursday, 15 June 2017

Bombóns e cereixas sempre !


Bombóns. Pechar os ollos. Descubrir en min engrenaxes para loitar contra un folio en branco. Confesar a razón de escribir. Atoparme na páxina 166 dun libro do gran Agustín. Coñecer a obra de Antón Pulido e a súa praza das Apertas. Imaxinar un sol azul. Describir un matrimonio. Darlle a palabra a un lápis ou crear unha personaxe moi forzada. Relatar por que botou a bailar unha rapaza e argallar unha parella oposta.
Graciñas a Clara do Roxo e á pequena tribu de letrasferidos do obradoiro.
Lembrareino e non hai Alzheimer que valla. Palabra de " presbicioso ".

Quédame este berro de batalla: bombóns e cereixas sempre !.

Labels:

Monday, 12 June 2017

Abrideiros ?


Avanza o tempo das fruitas e agora tócanlle aos albaricoques. Non sei onde oín que se chamaban abrideiros e decidín investigar. Topei abrideiro como definición de fruita que se abre ben pola metade como é no caso dos albaricoques. Logo está a acepción de abrideiro como tipo de pexego que se abre ben. No asturianu topamos abrideiru que vén a ser a mesma cousa. Nun dicionario topei a palabra albercoque como palabra galega referida a esa fruita. Logo decidín explorar por ese camiño novo e cheguei ao albercoque e abridor aragonés que ben me confirman que eu non ía descamiñado.
O que si topei que as terminacións da lotaría do Gordo de Nadal teñen un nome e que a terminación 70 chámase  " El Albercoque " e como son cen terminacións linas todas e topei algunha curiosa como a 55 que se chama " Los gallegos " que terá unha historia detrás pero que non coñezo.
Xa miras as voltas e reviravoltas que dan as palabras.

Labels:

Saturday, 10 June 2017

Dende un terceiro andar


Logo dunha noite de enchenta de stress e barullo no choio durmín pouco.
Erguinme con imaxes e ideas para escribir.
A vista dunha farola dende arriba resulta canda menos especial. Semella un ollo alieníxena que nos vixía dende arriba.

 
O home segando podería traer unha ovella para esa labor. Sería máis silenciosa e daría la e años.
 

 
No recinto da fábrica química semella ter ocorrido unha catástrofe radiactiva.
 
 

Como os espalleres espidos de viña que darán que falar aos científicos de aquí a mil anos. Buscaranlle unha función relixiosa ou astronómica. Outro misterio como Stonehenge.

Labels:

Thursday, 8 June 2017

As cereixas brancas


Non hai día sen novidade e onte aprendín que existen cereixas brancas. E souben que os merlos non van a elas e as " asiáticas " tolean por comelas. Aparte de probar cereixas brancas falamos no choio de cando se roubaba fruita e cando o dono era mui terco corría o risco de que lle cortasen a árbore pola noite.
Eran outros tempos !.

Labels:

Monday, 5 June 2017

Bo proveite !


 No choio estamos ben educados e cando entramos no comedor dicimos " Que aproveite ! " aos compañeiros que comen o taco. Bueno, iso digo eu. Outros din " Bo proveito ! " ou "¡ Que aproveche ! " e hai un que ata di algo que só llo oín a el: " Bo proveite ! ". Mira ti cantas formas de desexar que lle sente ben a comida a un comensal !.
Pero iso é en galego que semella un idioma tabú en muitos lugares onde dan de comer e así en Vilaguindastre, en pleno camiño dos pelegríns a Santiago, topo este cartaz en inglés e español cun " Buen probecho " que di bastante do escribidor.


Outro exemplo: noutro establecemento da vila teñen un mantel de papel feito por Aguas de Mondariz no que desexan un bo proveito ao cliente. O que é un chisco triste e que o desexen en tantos idiomas ( español, grego, portugués, inglés, catalán, chinés, ruso, euskera, xaponés, alemán, francés, italiano e árabe ) e esquezan o idioma onde está asentada a empresa como se Mondariz estivese en plena Serranía de Cuenca.
En fin.

Labels:

Sunday, 4 June 2017

Feira do pan


Nesta fin de semana celebrouse a segunda festa do pan do Porriño.
Aproveitaron varios comercios para organizar un desfile. Non quedei para mirar desfilar os rapaces de " Blackbird Barber Concept " que cuidan do cabelo e das barbas.


Había postos de pan, de mel, de xamón e de cervexa artesá que aproveitei para mercar " Curuxa " lager.


Para rematar había unha actuación de dous " forzudos " equilibristas e malabaristas con muito humor e con Xela de vontaria nun equilibrio. A min tocoume darlle masaxes ao rapaz.
Foi un sábado distinto.

Labels:

Friday, 2 June 2017

Ampliando a polivalencia


 
Esta semana que remata empecei a aprender un novo posto no traballo: prenseiro. Teño que estruchar as neuronas para aprender a botoneira " old fashioned " e o lucerío que indican o camiño do penso ás celas.
E non paso frío ningún luitando cos tres mostros barullentos que prensan a fariña.
 


Bueno. Tendo tempo e mestre todo se aprende.

Labels:

Thursday, 1 June 2017

O tempora, o mores !


Estreamos mes e hai que ver como corre o tempo e mudan costumes e modas.
Nisto dos xoguetes agroman de súpeto aparellos en mans dos nenos que hai un mes nin existían e así agora están os nenos co " spinner " de abaixo e quedou totalmente desfasado o xoguete de arriba: o " magnetic gyro wheel ".
Cal será o próximo ?.


Labels: