leoeosseus

sábado, 26 de agosto de 2017

Septuaxésimo cuarto mes ( e mais dous días )


Pasa o tempo e esquezo o mesario da xoubiña. Aquí a está armando as súas historias con Pepini, Paporrubio e Panda. A verdade é que agora xoga pouco na casa; a tablet e a tele ocupa a maior parte do seu tempo. Con Mehdi empeza a xogar agora un pouco, cando xa lle queda pouco para volver á súa terra. Xoga a Mario Bross ou fan manualidades xuntos.
Do resto segue coma sempre: de pouco comer e con forte carácter.
Engado unha foto do mes pasado.




Etiquetas:

martes, 15 de agosto de 2017

Monumentos e monumentiños

 
 
Seguimos coñecendo a terriña e notamos diferenzas entre vilas que teñen monumentos e parques infantís como mandan os tempos e Vilaguindastre que ten monumentiños xacobeos e parques infantís demasiado simples.
Arriba unha foto parcial de " Inés - Palmira " de José Solla en Bueu e abaixo un pelegrino en Vilaguindastre.



Etiquetas: ,

mércores, 9 de agosto de 2017

Falo que non hai roupa ao sol


Como non están os nenos podo falar.
Mehdi non é o neno perfecto do principio. Agora xa é máis normal e non come todo o que bota no prato. Xa non reza nin dobra a súa roupa. Manda calar a Leo e Xela cando falan no coche e búrlase deles de cando en vez. Os nenos son mui distintos e a convivencia está pasando unha mala racha que non acaba e non sabemos como rematará todo.
Iso si, a Mehdi encántalle saír da casa e así o pasa ben no parque da auga de Mos con outros nenos do Sáhara ( ata saiu unha foto no Faro de Vigo ), facendo cola para botarse polo tobogán de Navia anque nos aburrimos e marchamos antes de montar. Tamén o pasou ben en Acedre co seu lavadoiro decapitado sen tellado e en Monforte no parque. Tamén lle gusta meterse en ríos calzado ou explorar o castelo de Vilasobroso en busca de pantasmas.
Gústalle a música do coche e mira bruxas Maruxa en todas partes: a virxe María da capela do castelo de Vilasobroso ou mirando a Lano, unha personaxe barbuda de Ponteareas.
Bueno, hai que ter paciencia.

Etiquetas:

xoves, 3 de agosto de 2017

Semella que foi hai un século


Aquelas viaxes polo corredor do Morrazo ás veces tan lentas que mesmo daban para fotografar pintadas.

 
 
Aquelas paseatas nocturnas con vagalumes ou coa chuvia no mar para sorpresa e ledicia de Mehdi que podía beber auga caída do ceo.
 


Aquelas partidas de petanca, de paletas, pachangas e rebumbios: fermosa palabra para definir un fútbol de poucos xogadores que xogan todos contra todos. Tamén Mehdi descubriu os cangrexos e ata topou un diminuto dentro dun croque dunha empanada !.



Aquela tarde de cinema onde Mehdi riu muito con Gru 3 e ofreceu palomitas a unha descoñecida.


Aquela manifestación pedindo a liberdade para os presos saharauis en Marrocos. Gozar do espectáculo dos mimos, os escaparates con mariscos vivos e o ambiente festeiro de Santiago antes do día grande de Galicia.


Aquela construción dunha balsa por Robinson Crusoe e Venres na praia case paradisíaca.



Aqueles parrulos que percorrían con pachorra a praia para nadar despois cara o seu acubillo nocturno.


Aquela foguetería para despedida da festa e que coincidía coa fin da nosa estadía en Vlrñ.

De verdade que semella que foi hai un século.

Etiquetas: , ,