leoeosseus

Monday, 22 January 2018

Nova mascota do camiño


Levamos uns días grises, poallentos e case pechados na casa. Saímos dela para traballar, irmos ao cole e actividades e pouco máis. Son días de tele, chocolate con churros e de preparar disfraces.
Tamén Vilaguindastre semella triste con novos establecementos pechados anque no despacho de lotaría non paran de conseguir premios.
Pero sempre queda lugar para o optimismo e así frutas Katuxa crea unha nova mascota para os pelegríns que se chama "PeraGrino" que se engade ás anteriores mascotas do Camiño.
Xa chegará o bo tempo !.

Labels: ,

Monday, 15 January 2018

Luns triste


Seica hoxe é o "Blue Monday" ou luns triste que é o baixón que lle dá a un despois de rematada a época de Nadal e o comezo das rebaixas. E para min, que non sabía do conto, empezou apagado cun día gris, frío e de néboa sen asomar un raio de sol e lendo de casualidade O diario de Anne Frank en novela gráfica. Mira ti se non xustifica a tristeza do día !.
Non podía seguir así e xa fixen por cambialo; fomos xantar a Lademanu en Tui, un sitio limpo, agradable, de bo trato e boa comida a prezo interesante. E tamén vou aparcar a lectura do libro ata mañá. Total, xa sei o final.
Que o teu luns vaia ben.

Labels: ,

Sunday, 14 January 2018

Primeira palabra do 2018


O outro día sentín a palabra "pubela" no choio como referíndose a un contedor de lixo. Nunca a escuitara e preguntei a Google. Nas imaxes saían contedores que ese é o nome en romanés pero quedaba lonxe ese país de Galicia. Así que seguín explorando e topeina como palabra empregada por portugueses que veñen de Francia e Suiza porque en francés o contedor é "poubelle". Daí debeu de entrar por Galicia da mans de portugueses ( vivimos ben perto ) ou de emigrantes galegos.
En galego "pubela" existe como a enésima forma de nomear á folla do piñeiro que é "candea" en Vilaguindastre, "pirlo" en Sardiñeiro e "fasco" por Arbo.
Sempre se aprende algo !.

Labels:

Friday, 12 January 2018

Coco


Levaba tempo sen mirar unha película tan boa e orixinal. Na película "Coco" un neno entra no mundo dos mortos que é un mundo cheo de cores. E logo están os "alebrijes" que son animais fantásticos de cores incribles. Esta película emocionoume de verdade polos sentimentos de familia.

O Leo non quixo ir ao cinema. Vai medrando e prefire xogar ao fútbol cos amigos.
O noso Leo vai medrando.
Aí o vai cheo de ilusión co balón e as chaves de casa.



Labels: ,

Saturday, 6 January 2018

Cabalgata 2018

 
Pois houbo sorte e despois de botar a chover todo o tempo dende o día de Nadal, onte deixou de chover.
Saiu a cablagata ás seis en punto e a toda velocidade. A policía local cortaba o tráfico e despregaba toda a parafernalia cos dous cabalos supoño que alugados e os " recollepedros " ao rabo deles.
 

O Leíño repartía caramelos dende a carroza de Melchor. El e os compañeiriños repartiron tantos caramelos que quedaron sen apañar muitos deles.


A carroza de Baltasar tamén está adornada polo colexio de Leo e o rei saudou a Xela.


Ao principio da cabalgata ía a rondalla de Pontellas e pechando a cabalgata ían uns animadores mui vistosos.
Xela ía ir camiñando con Naideleo pero como leva unha tempada sen comer está débil e quedou de público comigo.
Levou un par de caramelazos que a fixeron chorar pero despois seguiu apañando caramelos.


E o día de hoxe viñeron os Reis e deixaron agasallos para todos que ben os merecemos.

Labels: , ,

Wednesday, 3 January 2018

Un novo ano


Un ano novo e haberá que pedir algo.
Supoño que o primeiro será pedir saúde para min e para a familia e iso pido. Tamén pido tranquilidade ou paz e que non haxa envexas como dicía a bisavoa Celia que unha muller botou mal de ollo á vaca que tiñan hai unha chea de anos e cansou o leite. A solución era sacar a camisa do pantalón coas dúas mans e facer o sinal do cruz coa camisa por diante dos cornos do animal.
Outra petición: que non chova o día da cabalgata. Despois do traballo que levaron os pais do cole sería inxusto non facer a cabalgata de Reis o venres.
E pouco máis se pode pedir, nonsí ?.

Labels: ,