leoeosseus

domingo, 26 de abril de 2015

Festa coa lamprea



Hoxe tocou comer lamprea e ben boa que a prepara a avoaM que ten un truco secreto que non llo conta a ninguén nin da familia para que non o " pradiquemos ".
Eramos un grupiño xeitoso e riuse e muito na mesa coas gafas feitas do arame dun corcho dunha botella.
Tamén os vecinos de Sela aproveitaron que había procesión de coches forasteiros que ían comer lamprea para adornar o seu poste de luz de eucalipto cunha caixa rodeada das cruces dos veciños en protesta polo paso da liña de alta tensión.

Etiquetas:

sábado, 25 de abril de 2015

Politequerío



E comeza o que nunca rematou; o circo das eleccións e a politicada. Aos políticos de " toda " a vida xúntanse máis e máis candidatos e así atopamos ata o presidente americano que desembarcou en Vigo.
En fin, nada novo baixo o sol.

Etiquetas:

venres, 24 de abril de 2015

Cuadraxésimo sexto mes

 
 
E xa van corenta e seis meses que fai a nena hoxe. O mes pasado quedou sen reflexar no blogo os seus corenta e cinco meses porque coincidiu coa avaría do outro ordenador e así poño hoxe unha foto " vella " de Xela de hai un mes saltando de pedra en pedra.



A xoubiña segue avanzando en todos os ámbitos e así escribe, debuxa, colorea, recorta, xoga ao coito, á pita, xoga con monecos ( sempre quere que eu fale co ela e os monecos ) e fai boas migas con Leo e cos curmáns. No parque xoga con nenos e saúda aos amiguiños que topa pola rúa. E ten razón quen di que vou ter que andar atrás dela cunha escopeta que xogaba con Brian e logo estiveron os dous paseando da man para sorpresa da nai del e miña. Conta todo o que fai e quere ser a gañadora e primeira en todo.
E todo isto faino sen apenas comer para marabilla da natureza que eu non sei de onde saca as forzas.
No falar segue facendo verbos regulares e así é: " dijí ", " hací ", etc. Pregunta como se din cousas en galego e segue a contar neste idioma ata o vinte que transforma en cuarenta ( para Leo era " dezadez " ).
Agora a ver se non salto ningún mesario máis de Xela.

Etiquetas:

xoves, 23 de abril de 2015

Libros e ITV


Hoxe o coche vello pasou a ITV e vou lembrar a data para o ano que vén porque coincide co día do libro. No cole dos nenos trocaban libros por cartóns de leite e fun con dous cartóns e vin de volta con eles porque os nenos non quixeron libros: querían liscar do cole.
Eu lin no parque un libriño en francés sobre unha cidade que se defende do avance das areas do deserto cos seus habitantes varrendo e paleando a area fóra da cidade. Antes a cidade estaba rodeada de auga como reflexa o mapa que teñen na escola os habitantes de Ygg pero agora a auga desaparece misteriosamente.
E así foi este día.

Etiquetas:

domingo, 19 de abril de 2015

Domingo pola Boa Vila


A andaina de hoxe levounos á Boa Vila onde o loro Ravachol e a igrexa da Peregrina son os símbolos da cidade e así saen retratados xuntos na foto.
Quedamos onda a estatua de Valle Inclán cos amigos e ata ela leváronnos unha muller e o pai dando un paseo turístico polo centro. Xantamos nunha creperie, tomamos un café mentres os nenos agabeaban polas letras VILA e logo fomos á feira do libro. Había contacontos e, aparte, mercamos libros para os nenos  e para min que  non puiden evitar mercar o quinto tomo de O Bichero e máis o libro de Galicia encantada onde sae un texto meu na páxina 47.
Que se lle vai facer se nos encantan os libros ?!.

Etiquetas: ,

Sábado entre chuvias


Entre chuvias damos paseos e así fotógrafo un camión aparcado en Vilaguindastre pola Feira apícola.



No concello de Salvaterra de Miño visitamos a capela da Asunción nun altiño con penedos e boas vistas do arredor.


En Salvaterra mesma demos una volta polas murallas e o Miño baixaba cheo entre cores primaverais de vexetación e ceo.

Etiquetas:

xoves, 16 de abril de 2015

1111


Hoxe quedamos no choio sen pallets e un compañeiro dixo con ironía que o xefe non se decatou porque os pallets non falan. A min viume á boca a frase que só lle oín dicir a meu pai: " Non falan nin toan " e tiven que explicar que " toar " significa dar sinais de vida, facer caso.
E últimamente semella que o bloguerío non fala nin toa que levo tres posteos seguidos e non houbo ningún comentario... e levo 1111 posteos e é a primeira vez que me acontece tal cousa !.
En fin, como di a pintada: " As paredes falan. Falemos con elas ! ".

Etiquetas: ,

mércores, 15 de abril de 2015

Mensaxes


Só a min se me ocorre prender a radio para enteirarme de que morreu Eduardo Galeano e tamén 400 inmigrantes africanos que ían a Italia.


Pasa o tempo e muitas pintadas desaparecen en Vilaguindastre. Quedan outras que son verdades coma templos.
Mentres a xente consulta o móbil eu prefiro ver pola ventá da cafetaría como se acerca a chuvia e como a vida segue o seu ritmo con coñecidos e descoñecidos deambulando. Leo merenda e le e Xela coñece spiders, snakes e sun.

Etiquetas:

luns, 13 de abril de 2015

Trilhos e conatos


Descubrimos de casualidade un " trilho " en Melgaço que promete. Fixemos só un anaco que facía calor e os nenos non aguantaban.
Tamén andaban os helicópteros collendo auga para apagar un lume en san Felipe, na beira galega do Miño. Menos mal que había catro helicópteros e unha avioneta e o lume non pasou de ser un conato.



Hoxe houbo outro conato diante da nosa casa pero apareceu un helicóptero e non foi a máis.
Esperemos que todos os lumes queden en conatos e que os bosques queden coma na primeira foto,

Etiquetas:

xoves, 9 de abril de 2015

De brouco e máis


Non sei se che pasará a ti pero a min tenme pasado de escuitar unha palabra e despois xa a escuitas un feixe de veces. Algo parecido pasou o sábado que escuitei de avoaM dicindo que estaba algo de " cu para arriba " e ela acostuma dicir " de brouco " para referirse a algo boca abaixo ou cu para arriba como o cesto da foto.
Foi lembrar esa expresión e no mesmo día apareceu nun blogo do sur de Pontevedra.




Pasaron máis cousas estes días como o domingo que fomos ver uhna actuación de Pablo Díaz. Foi pouca xente porque facía bo día e así despois inda fomos tomar un xelado á praia.


No día seguinte o vento levaba polo aire a farna que semellaba que nevaba.


Os coches rematan cheos desa poeira e hai que darlles unha lavadela rápida que total pouco tempo duran limpos.

 
 
E os nenos van ben. O Leo flipando co doado que é buscar palabras no diccionario e Xela progresando coa escritura e debuxo. Aquí estou eu rindo cos ollos coma montañas, Naideleo está de amarelo cunha moeda de céntimo diante e Xela de azul e Leo de verde.
Eu non sei como saín tan rideiro. Será que hoxe fago oito anos traballando na Torredocaminho ?.

Etiquetas: , , , ,

domingo, 5 de abril de 2015

Nesta Semana Santa


O mércores comezou cun paseo suave polo paseo do río de Tui. Facía calor e os nenos gozaron cos xeados, a tirolina e o tobogán novos.


O venres fomos ata Allariz. Onde atenderon no xantar a velocidade alaricana e botamos case todo o tempo no restaurante á beira do río.


Había cartaces simpáticos para concienciar á xente sobre a recollida das deposicións caninas.

 
 
Na praza do concello había un feixe de xogos feitos de madeira polo tal Cedric, como indica o cartel.
 

 
Subimos ao alto do Castelo e pouco máis fixemos que tiñamos reservado un catamarán nos canóns do Sil. O catamarán foi un engano xa que nos cobraron una chea de cartos por un barco pequeno con pouca visibilidade para facer fotos e desfrutar da paisaxe. Dende logo que impresionan máis os canóns e a paisaxe dende arriba que dende o barco.
Que conste aquí para que non te enganen.

Etiquetas: