leoeosseus

luns, 14 de setembro de 2015

Sen ideas

 
Á mañá apurei  na torredocaminho e subín á segunda pranta para facer esta foto sen que ninguén se decatase. É o cartaz-protesta do home da limpeza para referirse ao porco que lle enche de graxa o seu asento. Non entrarei na polémica de se o merece ou non porque tamén é especial este home.
Ao que ía; fixen a foto e quería escribir algo sobre ela pero as musas ou o estro andan perdidos e busquei nos outros catorces de setembro deste blogo a ver se tiña ideas pero nin así.
E, de súpito, lembrei a un compañeiro que falou da chuvia de onte que dixo: " Onte choveu a tortas e dereitas ", unha expresión que nunca oíra. Busquei en google e non a atopei pero si atopei un blogo interesante que vou engadir á miña listaxe para lelo con vagar.
A ver se outro día estou inspirado.

Etiquetas: , ,

domingo, 17 de maio de 2015

Praia e pedros



Onte fixo un bo día de praia así que nos acercamos a Cesantes. Facía aire pero os nenos gozaron da area e da auga de todas formas. Eu retratei a praia e os nenos dende distintas perspectivas e lembrei a broma que lle fai un compañeiro a alguén novo que entre na fábrica ( cousa que ocorre cada vez con menos frecuencia ). El di que vén á praia coa muller e espera a última hora para baixar o coche onda o mar. Logo a muller enxabrona o coche e el colle o caldeiro de xogaren os nenos na praia e vai botando auga para enxaugar o coche. Os novos compañeiros quedan coa boca aberta e dinlle que así o coche se oxida pero o meu compañeiro di que non, que vai secando polo camino e non pasa nada.

Cando volviamos da praia topei"  pedros " cerca da casa e máis adiante adiantei aos responsables deses " pedros " que non eran outros que uns cabalos.
Tes que saber que por Salceda de Caselas chámanlle " pedros " ás deposicións dos cabalos. E esta palabra ía ben naquel posteo de hai tempo onde falaba destes temas escatolóxicos.
Esta é a miña contribución para o día das Letras Galegas 2015.
Que o pases ben !.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de abril de 2015

De brouco e máis


Non sei se che pasará a ti pero a min tenme pasado de escuitar unha palabra e despois xa a escuitas un feixe de veces. Algo parecido pasou o sábado que escuitei de avoaM dicindo que estaba algo de " cu para arriba " e ela acostuma dicir " de brouco " para referirse a algo boca abaixo ou cu para arriba como o cesto da foto.
Foi lembrar esa expresión e no mesmo día apareceu nun blogo do sur de Pontevedra.




Pasaron máis cousas estes días como o domingo que fomos ver uhna actuación de Pablo Díaz. Foi pouca xente porque facía bo día e así despois inda fomos tomar un xelado á praia.


No día seguinte o vento levaba polo aire a farna que semellaba que nevaba.


Os coches rematan cheos desa poeira e hai que darlles unha lavadela rápida que total pouco tempo duran limpos.

 
 
E os nenos van ben. O Leo flipando co doado que é buscar palabras no diccionario e Xela progresando coa escritura e debuxo. Aquí estou eu rindo cos ollos coma montañas, Naideleo está de amarelo cunha moeda de céntimo diante e Xela de azul e Leo de verde.
Eu non sei como saín tan rideiro. Será que hoxe fago oito anos traballando na Torredocaminho ?.

Etiquetas: , , , ,

venres, 6 de marzo de 2015

A canicouva e outras porcalladas


Vai rematar esta semana laboral e eu rematarei ás sete da mañá do sábado metido na canicouva da foto limpando a estrumeira que caia aí.
Canicouva chámalle un compañeiro a este sitio cando entra no seu turno e me atopa aí metido. Para min que será como a cova dun can anque para outra xente cambia o significado e noutras fontes tamén varía o significado e a grafía.
Nesta semana tamén oín da boca dunha caixeira do Froiz a frase " Cousa ghabada, cousa caghada " falando da primeira empanada que fixo unha compañeira. Atopei o refrán aquí e aquí na interrede.
E, seguindo con porcalladas varias, vou contar un chiste que contaron no choio.
Ían dous madrileños de paseo por un parque de Madrid e miran un home cagando nunha esquina. Entón dille un ao outro: " Si ahora acaba y mira para la cagada es gallego ". E, meu dito meu feito, o home rematou a faena e botoulle unha ollada rápida á obra. Os madrileños riron para eles e animáronse a preguntarlle por que facía iso e así seguir rindo coa resposta. O galego ante a pregunta tonta dixo: " Estaba a mirar a cantidade de merda. Para min solo é muita, para nolos tres é pouca pero para volos dous é a xusta. "

Etiquetas: ,

luns, 26 de xaneiro de 2015

Busco adiviño



 
 
Non sei que pasará en Grecia a partir de hoxe, nin en España dentro duns meses pero si que adiviñei que habería recortes na empresa anque tardaron un pouco máis do que pensaba para chimpar un compañeiro. Iso si, o meu futuro laboral non o sei. Terei que preguntar na cristalería onde mirei a lápida da foto que adiviñan o futuro con dous anos de antelación ( e ata saben que para aquela os anos terán trece meses polo menos ). 

Etiquetas:

domingo, 18 de xaneiro de 2015

Escravitude


Hoxe houbo reunión para decidir o disfraz da comparsa deste ano e, tras unha escolla democrática, saiu elexida a opción de cociñeiros.
Cociñeiros non pero de escravos terían que disfrazarse os que entran mañá a traballar nunha empresa da automoción. Van botar de quince días a un mes traballando sen cobrar a ver se valen e despóis si que o escollen os válidos. Iso si, xa avisaron de que a empresa non quere problemas coa puntualidade e a xente que ten fillos ou maiores para cuidar que teñan ollo que chaman unhas horas antes para facer o turno que toca e hai que ir si ou si.
Bueno, de escravos non poden ir disfrazados porque os escravos polo menos tiñan comida e casa pagas.
Crisis. What crisis ?.

Etiquetas:

xoves, 20 de novembro de 2014

Saúde


No momento do taco no choio falamos de varios temas. Hoxe falamos da morte, non a dunha duquesa; senón dun rapaz que se aforcou con vintesete anos. Outro tema non foi a morte senón a saúde que empezaron a repartir os resultados da revisión médica. Nela eu teño sobrepeso, colesterol e GGT que non sei que é. Non sei se será ou non será, porque á oficinista dixéronlle que estaba grávida de 26 semanas e non é o caso.

Etiquetas:

martes, 18 de novembro de 2014

Paseando o elefante bicolor


Estes días estaba prevista unha folga de transportistas que reclamaban o céntimo sanitario. Ao final desconvocouse e houbo circulación normal. Así tamén puideron pasear os camións do elefante bicolor da foto que son curiosos polo menos para min, por esas cores nuns camións coruñeses.

Etiquetas:

sábado, 8 de novembro de 2014

Triste despedida


Triste foi o tempo hoxe. Triste é o cemiterio da foto que é o de Fisterra visto dende un barco. E triste foi a despedida do Tatuado. Pouca xente na igrexa e do traballo só eramos dous compañeiros e unha compañeira.
Hai veces que a xente me falla.

Etiquetas:

venres, 20 de xuño de 2014

Ben e mal


Mentres a uns lles vai ben como ao Filipe MIREI, que é rei por aquelas artes; outros quedan ben e aforran como os do cartaz da foto e outros van mal como na Torredocaminho onde traballo e onde van haber recortes.

Etiquetas: ,

luns, 2 de xuño de 2014

Mostro


Rematou de momento o de traballar de noite e con iso as tardes libres acompañado dos nenos co seu cine de loros azuis, paseos, piscina, Tui e algunas tardes non tan boas de mal tempo e malestar.
Agora tócame lixarme menos pero circular a lume de carozo coa carretilla polas tardes.
A ver se visito máis este mundo virtual.

Etiquetas: ,

luns, 13 de xaneiro de 2014

Aclarouse o misterio


Ao final o periódico misterioso estaba nunha taquilla dun compañeiro que botaron á rúa por levar produto para casa.
E falando de cousas ilegais saiu a relucir no traballo a expresión " plantar / deixar un salgheiro " que na Guarda significa " deixar cartos a deber " e que por outras zonas dicimos " plantar / deixar un pexegheiro ".
Na foto sain amieiros e eucaliptos que, ao millor, son árbores que falan de débedas noutras zonas de Galicia.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de decembro de 2013

Cestas, festivais e paxes


Cando xa non contaba coa cesta da empresa foi e apareceu. Sempre é unha alegría cargar co ela para casa.

O Leo tivo o festival do cole hoxe. O director case nos fai chorar falando do mal que o pasaba a xente agora. De quince familias que necesitaban caridade hai dous anos pasouse a noventa e catro este ano. Son xente que quedou sen traballo, sen paro e hai casos nos que lles cortaron a luz.
Como non era día para estar triste deu comezo ao festival onde houbo villancicos, panxoliñas, carols, bailes, unha historia do cinema e un monólogo adicado á lotaría do Nadal con parodia do anuncio incluida.
Os nenos da idade de Leo cantaron " O cuarto rei mago " de Mamacabra.

Como non se pode estar en dous sitios ao mesmo tempo perdín a visita dos paxes á gardería de Xela onde ela lles entregou a súa carta pedindo un regalo lila. O outro día sentouse no colo de Papa Noel nun centro comercial e quedou desilusionada porque non lle deu ningún regalo e deulle uns caramelos que non podía comer ela.

E así imos vivindo estas datas.

Etiquetas: , ,

venres, 13 de decembro de 2013

Avanza decembro


...e os nenos están máis alterados. O Leo quere tres xogos e Xela quere un regalo lila pero que non sexa unha boneca. Xela di que se porta mal e que non vai ter regalo de Papanuel e, a verdade, non está tendo uns días bos porque apenas obedece e case nunca pide para facer pis. Para máis anda pachucha con tos.
E avanza decembro cos seus fríos e chuvias e mañá toca comida da empresa con repetición do ano pasado e non hai queixa que " non habendo pan, boas son as mighallas ".


Etiquetas: ,

mércores, 27 de novembro de 2013

Dáme na espiña


Dáme na espiña que non vai tocar este número na lotaría de Nadal pero hai que mercalo porque é o que xoga a empresa. Hoxe tocou volta de fin de vacacións e despois desta noite que andaron os trasnos a pintar todos os coches de branco era obriga mercar un dos últimos décimos.
Pero si non toca a lotaría pode ser que Leo saque uns cartiños de mais para a familia cando sexa maior e escriba cousas como as que escribe agora que non teñen desperdicio.

 


PIRATAS los piratas son una triculacion de marineros y un jefe que no tiene ni pata ni mano y tampoco ojo
 



MOMIAS las momias son personas cubiertas  de papel y gienico que se encuentran en egipto

Etiquetas: ,

xoves, 20 de xuño de 2013

Apalpando a crise


Onte notei máis que nunca a crise. Había pintadas e acampados diante dunha fábrica, pechou a penúltima sucursal de Novagaliciabanco en Vilaguindastre e a última estaba asediada por afectados das preferentes. Na rúa eu collía conversas polo aire de contratos fin de obra, de axuda familiar, de ESO necesario para traballar e de ERES, de baixón de pedidos, etc. Vaia, unha situación alarmante.
Así ata agradecín toparme cunha pobre chica que se pon de leria comigo de cando en vez e que desta volta me falou da súa novela de vinte páxinas titulada " El aullido del lobo " que lle mercou o anterior alcalde por vinte euros e que, seica, o malandro quere publicala no estranxeiro.
Triste está dicilo pero esta muller foi un claro no medio da tormenta que nos arrodea.

Etiquetas: ,

sábado, 1 de xuño de 2013

Vivindo


Despóis dunha tempada intensa de traballo e dunha desgraza dun compañeiro de choio que fixo aparecer o dito de " Hai dúas cousas difíciles de entender: que os curas vaian ao inferno e os médicos acaben por morrer"; chegan dúas semaniñas de vacacións para ver o mundo dende outra perspectiva.
É o que imos levar nesta vida !.

Etiquetas:

mércores, 1 de maio de 2013

Dignidade


Haberá uns vinte anos eu era veciño de Maxi. El traballaba noutra empresa distinta á miña pero gañaba o mesmo salario ca min. Cando chegaba o día vinte sempre me pedía prestadas 40000 pesetas que me devolvía nada máis empezar o mes seguinte. Eu non sabía en que as gastaba nin me importaba pero Maxi sempre cumpriu co trato coma un cabaleiro. Nunha ocasión deixou de pedirme cartos e ata hoxe.
Pasaron todos estes anos e Maxi rematou entrando no paro haberá uns tres anos como muitos que está a atacar esta crise. O outro día mireino entrar nun bar a mirar un partido. Non ten muitos cartos así que nin pediu na barra nin colleu silla nin nada. Púxose de pé a mirar todo o partido sen tomar nada pero tampouco gastou silla nin mesa, con toda a dignidade do mundo.
Muito deberían aprender uns nestes días revoltos en cuestión de traballo e dereitos dos traballadores mentres outros malgastan, aprovéitanse da situación e aínda por riba choran por máis cartos e subvencións.

Etiquetas: ,

venres, 11 de xaneiro de 2013

Facendo a zaina

 
Empeza o ano con frío e con indecisión. O traballo en Torredecaminho non dá levantado vó e botamos a xeira enteira a limpar por aquí e acolá. Rematei o ano pasado limpando arañeiras e empezo o novo limpando zanxas. Outros traballan un chisco e outros fan a zaina, ou sexa, fan que fan. Ás veces semellamos extras dunha película. Só espero que esta película non sexa un drama.

Etiquetas:

mércores, 19 de decembro de 2012

Prenadaleando


Como é costume na empresa houbo xantar e cesta. O xantar foi en Vilaguindastre, nun sitio pequeno pero onde se estaba ben e a comida foi boa. O discurso foi curto que a situación laboral non está para retóricas. No tocante a cesta dicir que era igualiña que a do ano pasado anque cambiaron os mantecados por bombóns.
Os nenos están ben anque pasan demasiado tempo na casa por estes temporais e acaban frenéticos. O Leo sacou boas notas e mañá vai cantar disfrazado de pastor. Xela segue feita un terremoto e repite palabras coma un loro. Está enamorada dos " tiíz " calcetíns que non paran no pé e dos "guagua " paraugas. Gústalle lavar os dentes "teniiz " e mirar contos que ela denomina " tontos " para riso de Leo.
E así estamos prenadaleando a uns días da chegada do señor de vermello.

Etiquetas: , ,