leoeosseus

domingo, 10 de maio de 2015

A dez de maio


O venres saiu Xela contenta do cole porque traía para casa a mascota " Peliños ". Esta mascota bota unha fin de semana con cada neno e nunha libreta póñense fotos e textos explicando o que fixo " Peliños " na casa do neno. O malo foi que Xela lle pintou algo na fazula do moneco e non lle dá saído.
En fin, accidents happens.


Despois dunha semana con chuvias e nubes hoxe quería saír o sol con forza.
A foto tireina cando saín de traballar de noite hai trece horas e nela a néboa desfaise en fíos entre as árbores e as canteiras.


As cada vez máis escasas anduriñas aniñan onde poden e lles deixan. Non sei se para o ano que vén seguirá o niño aí.



E nós fomos mirar a película de " Astérix e a residencia dos deuses ". Mui ben os debuxos e a historia. O que me chocaba era a voz das personaxes principais que eu nunca imaxinaría así.

Etiquetas: , ,

domingo, 19 de abril de 2015

Sábado entre chuvias


Entre chuvias damos paseos e así fotógrafo un camión aparcado en Vilaguindastre pola Feira apícola.



No concello de Salvaterra de Miño visitamos a capela da Asunción nun altiño con penedos e boas vistas do arredor.


En Salvaterra mesma demos una volta polas murallas e o Miño baixaba cheo entre cores primaverais de vexetación e ceo.

Etiquetas:

luns, 13 de abril de 2015

Trilhos e conatos


Descubrimos de casualidade un " trilho " en Melgaço que promete. Fixemos só un anaco que facía calor e os nenos non aguantaban.
Tamén andaban os helicópteros collendo auga para apagar un lume en san Felipe, na beira galega do Miño. Menos mal que había catro helicópteros e unha avioneta e o lume non pasou de ser un conato.



Hoxe houbo outro conato diante da nosa casa pero apareceu un helicóptero e non foi a máis.
Esperemos que todos os lumes queden en conatos e que os bosques queden coma na primeira foto,

Etiquetas:

xoves, 9 de abril de 2015

De brouco e máis


Non sei se che pasará a ti pero a min tenme pasado de escuitar unha palabra e despois xa a escuitas un feixe de veces. Algo parecido pasou o sábado que escuitei de avoaM dicindo que estaba algo de " cu para arriba " e ela acostuma dicir " de brouco " para referirse a algo boca abaixo ou cu para arriba como o cesto da foto.
Foi lembrar esa expresión e no mesmo día apareceu nun blogo do sur de Pontevedra.




Pasaron máis cousas estes días como o domingo que fomos ver uhna actuación de Pablo Díaz. Foi pouca xente porque facía bo día e así despois inda fomos tomar un xelado á praia.


No día seguinte o vento levaba polo aire a farna que semellaba que nevaba.


Os coches rematan cheos desa poeira e hai que darlles unha lavadela rápida que total pouco tempo duran limpos.

 
 
E os nenos van ben. O Leo flipando co doado que é buscar palabras no diccionario e Xela progresando coa escritura e debuxo. Aquí estou eu rindo cos ollos coma montañas, Naideleo está de amarelo cunha moeda de céntimo diante e Xela de azul e Leo de verde.
Eu non sei como saín tan rideiro. Será que hoxe fago oito anos traballando na Torredocaminho ?.

Etiquetas: , , , ,

venres, 20 de marzo de 2015

Eclipses



Esta mañá o sol lucía deste xeito detrás dunha nube a iso das nove e media. Sería este un eclipse nubeiro porque despois non puiden mirar para el que non tiña protección para a vista. Iso si, notouse una luz apagada no ambiente, silencio e un frescor esaxerado. Logo o sol recuperou a forza e puidemos gozar dun triple cumpreanos con comida no exterior.
O tío Nesi mirou o eclipse montando lentes dunhas gafas de sol para ciclista e así fixen esta foto de como miraría el o sol cando foi o eclipse, sen o eclipse, claro; que foi muitas horas máis tarde.
E hoxe habería outro eclipse que sería o do ordenador que fixo " puff " e apagouse por completo.
Só espero que teña solución.





Etiquetas:

domingo, 8 de marzo de 2015

Sol e ciencia


Venres tocou percorrer o paseo polo río Louro onde Leo e Xela saltaron charcos e tiraron pedras.


Sábado tocou xantar en Cesantes, na tasca onde está o burro José, amigo dos nenos e os anacos de pan.


Non faltou a voltiña pola praia onde o vento convocou cores en forma de papaventos, windsurfs e kiteboards.


Despóis acercámonos a Pontevedra onde había Salón do libro e exhibicións de traballos infantís de ciencia. Os nenos demostraron ter imaxinación e ganas de traballo e os adultos quedan como simples cando pensan que tres indios " civilizados " van contaxiar á tribu enteira.
Nada. Que non estiveron mal estes dous días.

Etiquetas: ,

luns, 2 de febreiro de 2015

Lampreas, papafigos e sangras


O outro día estivemos a falar das lampreas no taco da noite. Un compañeiro ten unha estacada e montouna hai dez días pero aínda non a estreou coma quen di. Cada estacada ten establecidas noites alternas para pescar e el estivo a traballar de noite o martes e o xoves e o sábado pasado non puideron pescar pola enchente do río e ata tivo que ir recoller as luces da estacada que o río pasaba por riba tal como reflexa a foto feita hoxe e iso que xa baixou o río.
Comentamos curiosidades das lampreas como que nacen e morren no mesmo río e pasan o resto da vida vampirizando outros peixes no mar. Por América do Norte son unha praga, sobre todo nos Grandes Lagos e son gordas pero non valen para comer e cando volven ao río no que naceron deixan de comer. Soben polo río e se erran no camiño volven baixar ata enfiar o camiño correcto. No río onde naceron buscan caveiros ( fondos areosos en augas tranquilas ) onde desovar e acaban morrendo.
De aí saltou a conversa á riqueza que había de paxaros e peixes antes e un compañeiro nomeou o papafigos que non dei mirado eu nunca e tamén falou de que pescaba lampreas e meixóns nunha sangra do Cerquido. Sangra ?; encendéuseme o piloto de palabra descoñecida e preguntei o que era e dixéronme que é unha especie de regato que vai dunha gándara a un río.
E así vai o vello morrendo e vai aprendendo.

Etiquetas: ,

martes, 28 de outubro de 2014

Outubro tolo

 
 Cos seus cocomelos que nacen á beira da praia.



 
Ou coa Coca de Redondela, os xigantes e cabezudos para retratar como boa opción a mirar un partido de fútbol.


Ou cun contedor de orgasmos a pares que se atopa en Tui.

Mira ti que cousas retrato !.

Etiquetas: ,

xoves, 16 de outubro de 2014

Escaleiras e auga


O tempo este dá para falar e así falamos na hora do taco de varios temas. Empezamos falando do ascensor do choio que, unha vez máis, estaba avariado e había que subir muitas escaleiras e, falando delas, saíron lugares con muitas escaleiras e un é o Bom Jesus que ten uns elevadores que funcionan con auga cun sistema de contrapesos que me resultou curioso. De alí saltamos a tempo de recollida de kiwis, alerxias e hospitais.
Na foto non hai unha balea no medio dun cultivo de arroz senón millo e un penedo bañados polo río desbordado. Esa auga sería boa para os elevadores dos portugueses que son mui mañolas ou enxeñosos, segundo di un compañeiro.

Etiquetas: ,

domingo, 15 de xuño de 2014

Marea viva


Hoxe comezou a tempada de praia da familia. Fomos xantar á tasca do burro Jose Ángel e os periquitos e logo baixamos á praia. A marea estaba a subir e subiu de verdade que case non quedou area !. Leo e Xela pasárono ben coa auga e non se decataron de que esquecín os cacharros de xogar na area.

Etiquetas:

martes, 18 de febreiro de 2014

Probando a neve




Pois si, este domingo pasado por fin fomos á neve. Leo quería ir dende o Nadal: a presión da tele e os contos coas imaxes brancas era demasiada. Despois de xantarmos en Arbo collemos o coche, cruzamos a fronteira e alá fomos por unha estrada chea de curvas dirección Castro Laboreiro pero na entrada de Lamas de Mouro na serra da Peneda xa nos desviamos para subir a onde hai muiños de electricidade. Baixamos do coche, puxemos algo de roupa e alá empezaron as batallas de neve porque eramos un grupo xeitoso de nove: cinco adultos e catro nenos. Xela montou un anaco no trineo pero quixo andar pola neve. Leo non quería batallar coa neve pero logo xa se animou e a curmá empezou a subir aquel monte para chegar ao cume. Xela tamén quixo subir pero no meu colo e hai que ver o que pesa a nena costa arriba. O avóM pasouno case que diría eu millor ca ninguén: primeiro botou a batalla de bólas de neve e logo púxose a facer unha bóla grande de neve que é a que sae con Leo.
E así pasamos a tarde. De lembranza montamos o típico moneco no coche pero polo camiño adelgazoulle o pescozo e rematou por lle caír a cabeza antes de pasar a fronteira.


 


Etiquetas: ,

luns, 3 de febreiro de 2014

Rapaces e neve


Estamos en plena invernía e paseamos os nenos malamente. Xela quere ir a parques e brincar e malamente pode ir por debaixo de soportais na bici de Reis e bailar ao son dalgún flautista ambulante que ri cando lle dá moedas de unha en unha.
Como pasou a Candeloria e chorou e riu sabemos que queda aínda inverno así que para a fin de semana tocará acercarse á montaña portuguesa para enredar coa neve.


Etiquetas: , ,

xoves, 17 de outubro de 2013

Esquivando a chuvia


Cando chove non hai como coller os nenos e a merenda, montalos no coche e ir a onde non chove.
E así chegamos a unha praia adornada co colorido das gamelas.


 
As gamelas dan para montar historias e contalas.


 
Sempre queda a opción de andar polas rochas ou simplemente tirar area ás olas.



E andando entre elas podemos atopar algún nome curioso de gamela que nos faga sorrir diante dos cabreos diarios.

Etiquetas:

sábado, 12 de outubro de 2013

Primeiro magosto


O tempo muda e xa semellan doutro ano as calores desta semana de " ottobrata " que remata.
Agora apetece arrimarse ao lume, comer chourizos e as primeiras castañas do ano e leriar con familia e amigos.

Etiquetas: ,

venres, 11 de outubro de 2013

Ottobrata


Estamos desfrutando duns días de temperaturas mornas que invitan a facer " ottobratas ". " Ottobrata " en italiano significa comida campestre en outubro. E é verdade; fai caloriña sen chegar ao punto de suar, hai poucos bechos molestos e a luz solar é amable. Así que eu aproveito as tardes para coller os nenos, a moto de xoguete, o " papanete " e a silla de paseo da nena e facemos o paseo do río, o camiño azul que di Leo polos números pintados no chan indicando os tramos cada cen metros. Paramos a merendar e gozamos só con ollar o río. Despóis contamos patos, miramos pasar o tren, descubrimos cores novas de bolboretas e escuitamos grilos e paxariños. Tamén hai tempo para curiosidades como ver peixes pendurados no medio das viñas. Non sei a utilidade, non sei se é para evitar xabaríns ou paxariños. Deixo aquí a foto como curiosidade.
 



Etiquetas:

luns, 27 de maio de 2013

Rengos e máis aprendizaxes


Nas estadías en Arbo acostumo aprender cousas novas e este domingo non ía ser menos. Aprendín que " desistir " pode significar ir ao baño a facer augas maiores e tamén aprendín que hai unha herba mala que se chama " rengo ". Tamén aprendín que se lles fai un nó aos alleiros. Seica así medran máis as cabezas de allo enterradas. Non sei se é verdade pero aquí faino toda a xente.

Etiquetas: ,

domingo, 12 de maio de 2013

Tempo de poupas


Estamos a mediados de maio e séntense muitos paxaros. Hoxe oín o moucho cerca e corrín coa cámara a pillalo pero pillei a poupa da foto. Chámase así seica polo seu canto " pu- pu- pu " e ten fama de cheirar mal porque fai o seu niño coa súa cachicha. Antes había casas en Arbo que as tiñan coma quen ten hoxe un loro e que repetían algunha palabra. Tamén está no refraneiro de Arbo que din " Cando a poupa anda a poupar é tempo de sementar ".
Sigo admirado polo zoom da miña cámara !.

Etiquetas:

domingo, 5 de maio de 2013

Paseando en maio

 
 
Maio pode estrearse cun paseo á beira do río Miño.
 

 
 
É unha oportunidade perfecta para topar cun amigo da infancia, xogar en parques infantís, fotografar graffitis ou que Xela probe o primeiro xeado da súa vida.
 


 
Neste sábado cambiamos do río para a ría e despóis do xantar baixamos á zona da ETEA de Vigo onde un cuartel da mariña quedou aberto para desfrute de toda a xente.
Non me extraña que poñan pintadas dicindo: " Gora ETEA " ( " Viva ETEA ").
 



Desta vez un parque con forma de barco atraiu a atención dos pequenos.
A min gustáronme as imaxes do mar tranquilo e o ceo azul.
Seguiremos paseando !.

Etiquetas: ,

domingo, 21 de abril de 2013

Pescando a primavera

 
 
Pescar a primavera pode ser unha frase literal como o que fan estas nasas coas glicinias lonxe do mar.
 

 
Pero tamén pode ser facer unha paseata ata a Laxe do Avó ou a Laxe do Bo, como di avóM, en Arbo.
 

 
Ou tamén levar unha farta de paseos e parques aproveitando o bo tempo.
 

 
 
Ou admirar o enxeño dalgunha xente que dunha roda vella crea unha xardineira estupenda.
 

 
 
Tamén hai lugar para a aprendizaxe e así coñecín os " tornacarros ", pixotes de pedra na entrada dun portalón onde apoiaba a roda do carro e podía virar para entrar no eido.
 


E non só aprendo eu que tamén aprende o Leo a decorar postres na feira do mel organizada estes días en Vilaguindastre.
 
Que siga a primavera !.

Etiquetas: , , ,