leoeosseus

venres, 31 de xaneiro de 2014

Cazando arcos do trono


Levamos varios días de chuvias e claros e, no medio, ducias de arcos do trono. Tantos arcos que dá para pasar de todo: dores de cabeza, avaría do cable do ordenador, sesión de cinema con pirús que van do futuro á terra dos indíxenas americanos e adopción dun teléfono deses modernos que non saben galego pero si guasipeiro.
E remata xaneiro.

Etiquetas: ,

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Vou vello



Seica vou vello. O oído fállame e dá lugar a situacións simpáticas e non tanto. O outro día oín un anuncio na radio de que o programa Topless era o máis visto na televisión e eu pensei para min que non tiña nada de raro. De alí a pouco repetiron machaconamente o anuncio e xa o escuitei millor e non era Topless senón Top Chef.
A vista tamén me falla e a presbicia obrígame a empregar a " máquina de enfiar agullas " que é o nome humorístico que lle dá un compañeiro do choio ás gafas. E non só teño problemas coa vista a curta distancia senón que teño problemas coa longa distancia e así o traxe de motorista dun trinque seméllabame un traxe de gaiteiro.
Non sei como vai rematar isto !.

Etiquetas:

xoves, 9 de xaneiro de 2014

Misterio grande



Hoxe pasoume unha cousa misteriosa no choio. De crer nas bruxas pensaría que foi cousa dunha. Resulta que apareceu un periódico vello nun estante que emprego eu no traballo. Fixeime e coñecía a portada. O periódico era do 19 de agosto de 2012 e recoñecino porque eu conservo un exemplar desa data. Era o periódico que incluía a esquela de meu pai. Xa sei que todo é unha casualidade pero pasei o resto do día con medo de que me pasase algo. Agora estou na casa e supoño que estou a salvo...e que o demo sexa xordo.

Etiquetas:

sábado, 21 de decembro de 2013

Cestas, festivais e paxes


Cando xa non contaba coa cesta da empresa foi e apareceu. Sempre é unha alegría cargar co ela para casa.

O Leo tivo o festival do cole hoxe. O director case nos fai chorar falando do mal que o pasaba a xente agora. De quince familias que necesitaban caridade hai dous anos pasouse a noventa e catro este ano. Son xente que quedou sen traballo, sen paro e hai casos nos que lles cortaron a luz.
Como non era día para estar triste deu comezo ao festival onde houbo villancicos, panxoliñas, carols, bailes, unha historia do cinema e un monólogo adicado á lotaría do Nadal con parodia do anuncio incluida.
Os nenos da idade de Leo cantaron " O cuarto rei mago " de Mamacabra.

Como non se pode estar en dous sitios ao mesmo tempo perdín a visita dos paxes á gardería de Xela onde ela lles entregou a súa carta pedindo un regalo lila. O outro día sentouse no colo de Papa Noel nun centro comercial e quedou desilusionada porque non lle deu ningún regalo e deulle uns caramelos que non podía comer ela.

E así imos vivindo estas datas.

Etiquetas: , ,

mércores, 18 de decembro de 2013

Decembridades

 
En decembro non só hai festas e paz, tamén hai protestas como as dos veciños de Sela e Barcela que non queren a alta tensión por alá. Protestan facendo unha torre de alta tensión de eucalipto cun camposanto ao pe dela dos veciños da zona.
Esta xente pode gañarlle o pulso á compañía eléctrica que xa gañaron cando quixeron montar un encoro na zona.

 
Hai Beléns de todos os tipos e o que temos na casa é do tipo móbil que non paran os monecos en ningunha parte. Xela é a maquinista e xa lle achantamos o neno Xesús que xa a collemos co el na boca.
Por outra banda, Leo aprobou todo e na piscina nadou os seus primeiros metros sen axuda.
 

Tamén hai tempo para películas como a de " Frozen " que me gustou anque canten demasiado para o meu gusto. É unha película cargada de emocións e de efectos marabillosos que semella un conto e, por momentos, faime lembrar a historia da doncela do xeo rusa.

Etiquetas: ,

sábado, 7 de decembro de 2013

Ladróns, paseos e contos


Xa non podo máis coa presbicia e tiven que mercar gafas para poder enfiar a agulla de cosido de sacos do traballo. Merqueinas no Lidl e xa case non quedaban que roubaron case todas. Avisei na caixa de que case non quedaban e a caixeira díxome que había muito chosco e eu respondinlle que o que o que había era muito ladrón.

Onte fixo bo día e despóis de xantar no Flunch do Alcampo demos un " paseo " de varios quilómetros ata Castrelos. Estivo mui ben e miramos patos e cabalos. Tamén observei curiosidades como " agaxallos " escrito nun cartaz e o Mc Donalds que di que a súa comida non é só boa que tamén é riquiña.

E hoxe tocou asistir á contacontos Paula Carballeira que contou catro contos para espantar medos.

Mañá teño que descrifar uns documentos vellos que seguro que dan para falar.

Etiquetas:

martes, 12 de novembro de 2013

12-11-13


Pasan os días e non posteo pero a vida segue. Son visitas de familia de Mallorca, é ver a obra de títeres " O príncipe e o parrulo ", é probar varias etapas do Pinchorriño, é relembrar a palabra " barrar " de Arbo co significado de untar, é mercar os trompos para Leo e Xela do San Martiño 2013, é mercar unha maqueta dun carro en memoria dun fragueiro que morreu estes días, é meter a bandeira de " Nunca mais " nunha maleta para facela ondear na outra beira da península Ibérica.
É a vida que uns días camiña e outros vai en avión.

Etiquetas:

xoves, 24 de outubro de 2013

A media luz


Hoxe os colexios estiveron a media luz con muitas aulas pechadas en folga contra a LOMCE.
Millor que estean hoxe os colexios a media luz que non que estean os alumnos o día de mañá con menos luces que un barco pirata.
Para exemplo de poucas luces o vídeo destas rapazas que non pisaron suficiente colexio.

Etiquetas:

martes, 22 de outubro de 2013

Chafallada


... e analfabetos polo menos un !.

Etiquetas:

sábado, 19 de outubro de 2013

Por Tui


Pois parece que non se pode evitar a chuvia. Iso si, conducindo para buscar atallos sempre se atopan curiosidades. Hoxe amoso este catavento cunha bicicleta de tamaño real. Só agardo que o mal tempo non tire con ela.

Etiquetas:

domingo, 8 de setembro de 2013

Últimos coletazos


O verán está a dar os últimos coletazos. Hai amigos que volven ao seu domicilio habitual, Xela empeza coa adaptación á gardería onde foi o Leo e ao Leo poucos días lle quedan para empezar segundo de primaria.
Tivemos un cumpreanos a uns quilómetros de onde se fixo a foto e a anos luz co cambio de costumes e co cambio de xoguetes entre a foto e a actualidade.
Tamén onte descubrimos un paseo á beira do mar en Redondela grazas ao tempo algo ventoso na praia e gañei a aposta que onde hai máis de dúas casas xuntas hai un bar para " mollar o alento ".
E así imos rematando a tempada de calor.

Etiquetas:

xoves, 11 de xullo de 2013

Comparando


Pasa o tempo e mudan as formas. Hai máis de trintatantos anos eu era un rapaciño que debuxaba robots inimigos de Mazinger Z. Un día estaba todo enfrascado debuxando no portal do cuartel da Garda Civil esperando por un amigo fillo dun garda. De súpito caiume unha enxurrada de auga por min e a libreta onde debuxaba, levanto a vista e miro un Garda Civil daqueles tempos con bigote e tricornio que aguantaba unha mangueira e que estaba a regar o céspede. Como se aburría non se lle ocorreu nada millor que mollarme a min. El ría e eu solteille un " hijo de puta " que me saiu do peito e botei a fuxir.
Nada que ver co garda de onte cando fun denunciar a rotura do portal do edificio. Levei a Xela e estamos na época de abandono de cueiros e, está claro, escápaselle algunhas veces. Pois iso, non se lle ocorreu nada millor á nena que mexar no cuartel. Eu non sabía que facer pero o garda díxome que me tranquilizsse e ergueuse e foi buscar unha fregona e limpou o chan. Tamén trouxo papel hixiénico para a nena e unha bolsa do lixo para a braguiña.
Semella que algunhas cousas milloraron co paso do tempo.

Etiquetas: ,

martes, 9 de xullo de 2013

Días de calor


Estes días de calor abichornante hai que combatelos como sexa: beber o que haxa, cargar pouca roupa, durmir noutro sentido, repetir piscina en cabo Silleiro e sentir o frescor nos túneis do cuartel abandonado, bañarse no parque aquático de Vilanova de Cerveira, ir a praia América ( anque ataquen por primeira vez a Leo as fanecas ) ou mesmo ir ao cine a ver Monstros na Universidade ou Gru segunda parte.
Hai que esquivar a calor como sexa, polo menos nas horas que non se traballa.

Etiquetas: ,

venres, 28 de xuño de 2013

Google no verán


Vilaguindastre está aturando estes días quentes como pode. Eu bebo zumes, " caguamas " ( cervexas grandes ) e dúchome antes de traballar. A familia vai á praia e o coche de Google maps actualiza os seus datos sobre Vilaguindastre.
A foto non é miña que non tiña a cámara a man cando me crucei co coche.

Etiquetas: ,

domingo, 21 de abril de 2013

Pescando a primavera

 
 
Pescar a primavera pode ser unha frase literal como o que fan estas nasas coas glicinias lonxe do mar.
 

 
Pero tamén pode ser facer unha paseata ata a Laxe do Avó ou a Laxe do Bo, como di avóM, en Arbo.
 

 
Ou tamén levar unha farta de paseos e parques aproveitando o bo tempo.
 

 
 
Ou admirar o enxeño dalgunha xente que dunha roda vella crea unha xardineira estupenda.
 

 
 
Tamén hai lugar para a aprendizaxe e así coñecín os " tornacarros ", pixotes de pedra na entrada dun portalón onde apoiaba a roda do carro e podía virar para entrar no eido.
 


E non só aprendo eu que tamén aprende o Leo a decorar postres na feira do mel organizada estes días en Vilaguindastre.
 
Que siga a primavera !.

Etiquetas: , , ,

xoves, 4 de abril de 2013

Tres de abril















O tres de abril é unha boa data para actualizar o blogo. A primavera vai chegando coas veloritas e o cambio de hora. O mal tempo pechounos na casa e as películas coma " Os Croods ", " Monstros contra alieníxenas " e " Astro Boy " suavizaron o asunto. Tamén contribuiu ir cos amiguiños a un centro comercial acugulado de xente ou a Cotogrande onde había atraccións da festa.
Este mal tempo non é bo para a horta e en Arbo preocupábanse polos allos: " Quen planta polo Natal ten un allal, quen planta polo xaneiro ten un alleiro ".

O meu aniversario tráeme unha cámara cun zoom prodixioso para captar momentos dos pequenos da casa.
 
 
 
 
O primeiro de abril visitamos de balde o zoo e o lobo durmía coma un " casón" como dixo un descargador de Vilagarcía que pasou el a semana santa.
 
 
 
E non me extraña coa sarabiada que caiu na saída do zoo e cachou a máis de un e de dous. E como era a data que vai o burro a onde non debe ir alá fomos de burros a un comercio sendo festivo en Vigo.

Etiquetas: , ,

martes, 12 de febreiro de 2013

Sen currumiños


O venres pasado Leo desfilou pola parroquia cos compañeiros de cole e Leo ía cun arco de vella, un sol e unhas nubes no traxe porque a xente do cole ía de algo relacionado co ciclo da auga. A Xela tocoulle ir de pintora artística na guardería ata que se meteu no coche e rompeu o disfraz feito de plásticos. 
O sábado foi Leo nunha comparsa de policía de Lego e hai que recoñecer que lle acaía mui ben o uniforme de policía. Eu fun de coella preñada para non pasar frío e fixen ben que ese día arrefriou muito o tempo.
E hoxe a ver quen era o guapo que saía de currumiño co esta poalleira e este frío e unha alternativa que escollemos  foi ir ao cine. Fumos mirar " Rompe Ralph " e estivo ben. Bueno, empezaron co corto de "Paper man " e logo foi o turno da película onde o protagonista é un malo nunha máquina de xogos desas de moedas e quere gañar unha medalla e ser bo e percorre varias máquinas de xogos. Estivo ben e no final, cando acenderon as luces, muitos adultos tivemos que secar algunha bágoa que nos baixaba pola faciana.

Etiquetas: ,

mércores, 6 de febreiro de 2013

Pequenos desastres


Hai épocas para todo e parece que nesta casa estamos pasando por unha mala racha. Os nenos cain enfermos, o maleteiro do coche non abre, o edificio solta cascallos e agora a cámara só fai fotos con raias. Definitivamente teño mala sorte coas cámaras: paso dunha que morreu facendo fotos fantasmagóricas a outra que rematou facendo as fotos sobreexpostas a esta que morre facéndoas con raias como se houbese unha veneciana no medio.

Etiquetas:

xoves, 3 de xaneiro de 2013

2013 misterioso


Empeza este ano impar e só podo calificalo como misterioso porque non sei que camiño levará en todos os aspectos.
Irémolo descubrindo.

Etiquetas:

sábado, 15 de decembro de 2012

Hasta lueguín, panadizo


Nunca é tarde para aprender e así neste día chuviñento de sacar a paladas auga da fábrica tiven ocasión de aprender a palabra panadizo. Levo uns días cunha infección nun dedo arredor dunha uña e non dá pasado. Fun hoxe á médica e díxome que era un panadizo ( uñeiro ou colledizo en galego ) e que tiña que sacar o pus no enfermeiro e tomar antibiótico e antiinflamatorio e así fun logo á farmacia. Alí a dependenta de lentillas verdes despediuse de min cun " Hasta lueguín " que nunca oíra na miña vida. Por iso que sempre se aprende saíndo da casa.
Iso si, non aprendo nada cando encendo a radio e escuito falar de matanzas en colexios. Máis ben desaprendo.
Prefiro pintar sorrisos en feridas.

Etiquetas: