leoeosseus

mércores, 28 de outubro de 2020

Cousas extrañas ou non


 

O luns pasou algo extraño como que había néboa e chovían pingas gordas ao mesmo tempo. Non coñezo unha palabra para definir iso pero tería que habela ( pode ser que sexa meleada  ).

Xa onte cando entrei a traballar pola noite enteireime de que somos dous empregados menos. Un deles foi cachado roubando cartos a un compañeiro e non só iso senón que vendía cousas por adiantado e as cousas non aparecían como caixas de polbo conxelado. Pillárono co truco dos billetes marcados que puxo de cebo unha das vítimas. O outro empregado cubría unha baixa e cando apareceu o da baixa de volta o xefe mandouno para casa pero pola tarde volveu chamalo para cubrir a vacante do ladrón e o outro xa non quixo volver. E coa cantidade de traballo que hai !

En fin, cousas extrañas ou non.

Etiquetas: , ,

domingo, 25 de outubro de 2020

Centésimo duodécimo mes ( e mais un día )


 

 

Pese a tanto Coranoviros e ao novo estado de alarma a nosa xoubiña fai o centésimo duodécimo mes.

Ela está aquí co calacú que naceu no valado por fóra da casa da terra que tiramos en maio para pór o novo céspede. Tamén adivíñase a corda que emprega para subir ao mandarineiro. Iso e correr é o que fai cando chega a noite que se nota con enerxía.

E segue sen muito comer e prefire tocar na guitarra a canción de Harry Potter, unha polka ou " O himno da alegría " antes que porse na mesa a xantar.

E xa haberá máis para contar.

 

Etiquetas:

xoves, 22 de outubro de 2020

O Becho non dá tregua


 

Vilaguindastre entra na zona vermella con 26 infectados e non se sabe que sairá de aí. Os bibliotecarios velan pola súa saúde e non abren polas tardes que sería o momento ideal para iren os estudantes e outra xente. Os parques infantís volven á primavera coas súas cintas prohibindo a súa utilización ( ou iso creo ). E o Leo queda sen adestramento polo menos unha semana.

No resto de Galicia prohíben xuntarse máis de cinco persoas pero no bar Casiano xogan ao tute catro e dous están de miróns sen máscara.

A vida éche así !

Etiquetas:

sábado, 17 de outubro de 2020

Por onde van os tiros ?


 

Pois resulta que un compañeiro está confinado porque a muller tamén o está. Deulle a baixa o médico de cabeceira e a Mutua da empresa non pode facer nada que seguro que o mandaba traballar. E así estamos, con indecisións entre autoridades médicas ou políticas e así iremos caíndo por aquí e por alá. É un caos e non está nada claro como a inmobiliaria da foto que me semellaba un salón de facer as uñas.

Quen o ten claro é Elsa, a cadela, que cando nos mira pór o bocal sabe que vai pasear. 

Etiquetas:

xoves, 15 de outubro de 2020

Brusco fin de vacacións


 

Tan tranquilo estaba eu na casa facendo as miñas fuchicadas cando o xefe chama e dime que me vai dar as vacacións máis tarde e que mañán teño que volver.

Etiquetas:

luns, 12 de outubro de 2020

Farto de bandeiras


 

 

Onte e hoxe levei a máscara da foto e non tiven problemas porque a xente agora leva máscara cirúrxica, anda en bici, non colle as cacas do can porque anda cabismóbil ou porque lle peta e o mundo segue a dar as súas voltiñas. E a min plin, cunhas castañas e viño son felís.

 

Etiquetas: ,

domingo, 11 de outubro de 2020

Soño de vacacións


 

Hoxe espertei ás catro e media da mañá e volvín durmir que non tiña que madrugar. Primeiro soñei que meu irmán nos mostraba unhas ruinas dunha fábrica antiga onde nos cruzabamos con soldados angolanos e viña camiñando un camioneiro do choio que vivía a uns minutos. Logo estabamos nunha oficina de turismo e apareceron estranxeiros e AdeBalixe e AdeCantodarea. Buscaban sitios bonitos e Naideleo díxolles dun restaurante e había un home que me lembraba a meu pai que nunha praia chea de rochas me falaba do tempo que botara no estranxeiro. Logo o grupo ía a unha igrexa que tiña unha Virxe enorme e de alí a visitar uhos cun peto de ánimas feito de pedra que era o máis grande do mundo. Eu explicaba no meu " broken English " que era iso e o guía aplaudiume. A xente non levaba máscaras pero falaba de que nunha vila perto había coronavirus.

Espertei e eran as seis da mañá e empecei as miñas vacacións reais.

Na foto un lume de asar as primeiras castañas deste outono.

Etiquetas:

xoves, 8 de outubro de 2020

Economista sen piedade


 

Lin o outro día un artigo de Santiago Niño Becerra que cita un modelo futuro da sociedade en forma de trevo: 30 % de integrados 100% útiles; 30 % de traballadores a tempo parcial e algo máis do 30% sobrante, excluidos cunha renda básica e ocio de balde para que non molesten. Todo sen protestas e estilo China con control militar, con carné por puntos e listaxe de actividades antisociais.

E mete medo e seguro que rematará sendo así.

Na foto unha mostra de alguén que ten ocio.

Etiquetas:

martes, 6 de outubro de 2020

Apetece comer


 

 

Co este tempo máis fresco apetece comer, polo menos a min. E así aproveitei a festa dos callos, con menos postos e menos xente por mor do Becho, e papei ben deles. Tamén comín as primeiras mandarinas do xardín, ben, eu e mais o resto da familia que debe de ser o único que nos gusta a todos. E non digamos as primeiras zarrotas que trouxo a veciña. Estou esperando a comer as primeiras castañas !

Nada, a encher o bandullo !

Etiquetas:

sábado, 3 de outubro de 2020

Ilegata e outra xente


 

O problema este do Cornoviros lévao a xente ao seu xeito. Temos o caso da Ilegata, que nunca leva máscara e non saúda, que cando foi do confinamento vivía co noivo e ían de arriba para abaixo canto querían e que dá de comer a gatos e así o vecindario está feito unha gatería de muito nabo. Só me saudou unha vez e foi cando a " cachei " de noite dando de comer aos afillados felinos.

Logo están os que o levan con máis sentidiño e poñen a máscara cando hai que poñela e non pasea de máis para non correr risco anque despois poñen o pé debaixo da roda dunha carretilla por ser tan fervellico.

Tamén hai veciños do número dezaséis con EPI de arriba a abaixo.

E logo hai quen non pode máis e acaba suicidándose polas consecuencias económicas desta peste coma o propietario dos manequíns da foto.

Sentidiño e a levalo o millor posible.

Etiquetas: ,

xoves, 1 de outubro de 2020

Un novo outubro


 

Un novo outubro e sinto a sensación de que case todo volve a ser o mesmo. O traballo segue sendo estresante e andamos de aquí para alá cos nenos para as súas clases e as súas actividades como por exemplo Xela que segue indo a xadrez anque gardando medidas preventivas contra a peste que vivimos.

E o tempo que refresca e que conseguiu que se pechase a piscina ata o verán que vén.

E onte  morreu Quino, o pai da eterna Mafalda. Terei que relela.

Etiquetas: ,