leoeosseus

domingo, 28 de febreiro de 2021

Aireándose

 
 
Nótase que abriron a man. Onte sábado facía un día precioso. Por fin a avoaE puido comer con nós. Despois fun con Xela á Risca. Quedamos co seu amigo Llechat e alá estiveron agabeando polos penedos. Había muita xente e quen máis  quen menos incumpría as normas de estaren só catro xuntos coa máscara posta e gardando a distancia. Había familias soltas e despois grupiños que uns eran algo máis legais e outros xa pasaban de todo como tres coches co maleteiro aberto, con música e cervexas e a xente de risa alí sen máscara nin posta de babeiro. Iso si, cando marchamos a iso das sete xa subía unha patrulla da Garda Civil que seguro que meteu un susto a máis dun.


E hoxe fixo outro día boísimo de sol. Á mañá fun mercar o pan e as terrazas non estaban mui cheas. Supoño que era cedo ( eran as once ) e aparte co día que estivo a xente foi por aí. Nós fomos a Vlrñ a voar o papaventos de Xela. Era a primeira vez e voou de marabilla e ben logo Xela lle topou o xeito. Tamén levamos a cadela e notábase que era a primeira vez que estaba nunha praia e que miraba o mar. Cheirou, cheirou e non xogou nin coa area nin con paus pero gustoulle.

A xente na praia era pouca e en grupiños e seguindo as normas daquela maneira. Os bares estaban abertos ( tiña eu a dúbida se ía ir algún ao tacho ) e marchamos ás seis e inda estaba a xente nas mesas coa súa bebida.

Antes as normas de circulación eran as máis infrinxidas pero agora as normas ditadas pola Xunta son máis infrinxidas aínda.

Ah, e deixo a ligazón a un vídeo marabilloso dunha muller formidable que se chama Nieves e vive en Viana do Bolo. É pastora, poeta, escultora de madeira e fotógrafa e os fillos construíronlle un museu que en canto abra vou visitalo de cabeza.

Para min que é a Apalpadora porque lle facía xoguetes de madeira aos fillos.

https://www.youtube.com/watch?v=hvFKe0ThsM8

Etiquetas: , ,

domingo, 14 de febreiro de 2021

Coronatroido


 

Este ano o entruido é ben triste con todo suspendido e o pouco ambiente que hai. Este ano xa non houbo xogo da ola nin comparsas nin nada. Algúns nenos saíron disfrazados hoxe da man dos pais e poucos destes se disfrazan. Iso si eu mirei un dinosauro o sábado e un Piolín e un bote de ZZ Covid hoxe que me dá na espiña a min que é cousa do Cuquín que non perde ocasión de disfrazarse.

Eu poñerei algo o martes e darei por finalizado este Coronatroido 2021. Xa virán tempos millores.

Deixo un mapiña coas distintas formas de referirse a esta tradición de disfrazarse en Galicia.

Etiquetas: , ,

sábado, 3 de outubro de 2020

Ilegata e outra xente


 

O problema este do Cornoviros lévao a xente ao seu xeito. Temos o caso da Ilegata, que nunca leva máscara e non saúda, que cando foi do confinamento vivía co noivo e ían de arriba para abaixo canto querían e que dá de comer a gatos e así o vecindario está feito unha gatería de muito nabo. Só me saudou unha vez e foi cando a " cachei " de noite dando de comer aos afillados felinos.

Logo están os que o levan con máis sentidiño e poñen a máscara cando hai que poñela e non pasea de máis para non correr risco anque despois poñen o pé debaixo da roda dunha carretilla por ser tan fervellico.

Tamén hai veciños do número dezaséis con EPI de arriba a abaixo.

E logo hai quen non pode máis e acaba suicidándose polas consecuencias económicas desta peste coma o propietario dos manequíns da foto.

Sentidiño e a levalo o millor posible.

Etiquetas: ,

venres, 25 de setembro de 2020

Mudanzas obrigadas

 
Foi chegar este becho do Escornaviros e mudou muitísimas cousas. Aquí poño a foto do furgón de Nel, un home con facilidade de palabra e artisteiro que de sempre andaba coa música ás voltas. Que eu saiba foi " pincha ", tivo unha discoteca, foi locutor de radio e ultimamente percorría toda a bisbarra anunciando eventos, festas e romarías. Agora levo días mirando o furgón aparcado cuns cartaces pegados dunha festa de agosto e non sei se o furgón rompeu ou o Becho rematou co negocio. Non sei.
Sei que o Leo empezou o instituto  ( 3ºda ESO xa ! ) e que hai normas como a entrada e saída por portas distintas doutros cursos, zona onde estar no recreo que é sen fútbol nin xadrez, e aireado das aulas. Tamén ten unha profesora que está amargada esperando que clausuren o curso a dous dias de empezado !
Tamén estamos en festas en  Vilaguindastre e pouco se notan sen atraccións e con poucas actuacións e con asentos separados e asignados por internet. Mirei unha rosquilleira dende o coche e hai poucas luces.
Muitas mudanzas obrigadas !.

Etiquetas: ,

martes, 22 de setembro de 2020

Reliquias

E seguimos ás voltas co coche vello que non pasou a ITV por unhas chorradas que no desguace son poucos euros. É mágoa ter que volver á ITV para facer cola e andar con máscara de aquí para alá.Ganas dá de mercar unha dilixencia que traballou de taxi en Valadares pero ao dono da chatarrería ofrecéronlle 30000 euros por ela e non a vendeu.

 
Muito lareou o dono connosco sobre motores de coches ( el mesmo creou un motor eléctrico e outro a hidróxeno ), sobre  rodas de carros cos seus bitoques e llamias, e de pedras que non dilatan porque os canteiros antigos buscaban o andar das pedras. Mírase que o home está no seu ambiente rodeado de tanta sabedoría tradicional.
 


 

 

Etiquetas: ,

sábado, 23 de maio de 2020

Ledicia



Hai xente leda que cos anos non perde a ollada infantil e arma barcos con monecos para dar cor. Cor necesaria nestes tempos que vivimos. Como precisamos de estar cos amigos ou coa familia e gozar de praceres sinxelos como beber, comer e leriar.

Etiquetas: ,

venres, 1 de maio de 2020

Comeza Maioviros


E agora comeza maio e cando non poalla chove ou sorprendentemente deixa de chover. E hoxe suponse que é o día do traballador pero poucos quedan e prohíben manifestacións anque sexan caravanas dun condutor en cada coche. Noutras ciudades fanas estáticas, con seis persoas erguidas e gardando a distancia de seguridade ou noutra cidade fan unha caravana cun número xa limitado de participantes.
E eu que navego pola arañeira e topo cancións de Xoana, unha veciña que tamén está presa, de momento, e que curiosamente falaba hai meses dun virus pero da canción.
E agora estamos coa película " Naceu unha estrela ".
Toca pasear a cadela neste último día de feche e que a Garda Civil patrulle onde sexa necesaria.

Etiquetas: ,

mércores, 22 de abril de 2020

Todo no aire



O futuro preséntase ben turbio. Aquelas boas épocas remataron hai pouco e teremos que afrontalo así. Teremos que amoldarnos á nova situación que non será tan próspera coma antes. Iso non quere dicir que non sexa máis feliz. Todo consistirá en aprezar o que temos e a quen temos e tratar de conservalo e gozalo.
E aquí seguimos coa rotina: Xela escribindo o que din nun vídeo de galego e Leo describindo en inglés as partes dun corpo feito de collage de famosos.
Na foto unha casa veciña dun famosillo que viviu millores tempos no GH.

Etiquetas: ,

sábado, 28 de marzo de 2020

Xentiña pola rúa


Malos tempos para pasear así que poño unha foto de hai uns meses.
Un dos paseantes era O Señor das Chaves, un que traballou de chófer de autobús e que últimamente daba a volta á mazá onde vive cun monllo de chaves na man. Neste confinamento mireino dentro dun coche mirando o móbil.
Outros que seguen a pasear é a Parella Plasticosa que levan sempre uns pantalóns de lycra. Pero como non poden ir xuntos van cada un pola outra beirarrúa da estrada.
Tamén mirei ao Jehobicho que un día levaba unha máscara como das guerras das galaxias no supermercado e falaba coa caixeira e non se lle entendía nada. El ría e a caixeira tamén, supoño que por educación. Mireino outra vez camiñando e sen máscara con cara feliz. Debe de pensar que vai ir para o paraíso un día destes.
E que farán estes días os Motorizados que ían levar e buscar a filla ao cole nun aparello destes para non gastar zapato ?.


Son tamén malos tempos para todo e para os namorados e os amantes non che conto. Si.

Etiquetas: ,

sábado, 17 de agosto de 2019

Ligando


Camiñando pode pasar de todo; dende atopar un antigo xefe de aperitivos, ata profesoras de ioga de paisano. O que si é máis extraño é atopar un home interesado en convidarme a algo e preguntándome se estaba separado. Foi unha experiencia extraña ao lado mesmiño da casa.


Etiquetas:

sábado, 15 de xuño de 2019

Cleopatra quere falar galego


Saíndo da autovía respírase o ambiente humano e así atopo esta vítima dunha despedida de solteiros.
Levei a Leo para a comida cos compañeiros de fútbol e á volta enchín o depósito do coche. Na gasolineira faloume Cleopatra, unha rapaza cun corte de pelo e uns ollos pintados que me lembran a esa emperatriz ( ou era faraona ?). Díxome que era de Benavente e que quería aprender galego pero ninguén llo falaba. Eu díxenlle que contase comigo que non falo outra cousa. Logo ela falou cun chófer e rectificoulle dicindo que era señorita e non señora que ningún galego quería casar co ela.
Está claro que non é este da foto !.
Que teña sorte Cleopatra; co noivo e co galego !.

Etiquetas: ,

domingo, 9 de xuño de 2019

Na veciñanza



Aos poucos imos adaptándonos á nova veciñanza que ten de todo. Cada vivenda é un misterio que aos poucos vai desvelando os seus habitantes anque coñecemos máis nomes de cans que de donos; é o que ten pasear a Elsa !.
Tamén parece que hai un ocupa no motel abandoado mencionado por min en novembro e o " propietario " deixou a súa sinatura aproveitando aquel cartel indeciso.
Seguirei informando.

Etiquetas:

domingo, 9 de decembro de 2018

Entre desastres


Mentres a maioría anda coa ilusión do Nadal e fantasiando sobre a lotaría, outros non o pasan tan ben.
Unha veciña tivo un incendio na súa casa e quedou na rúa. Xa lle ardera un piso hai muitos anos e é que nunca tivo sorte na vida que andou tirada dende nena e de maior tivo problemas con drogas.


 
Outra veciña e ademáis amiga está hospitalizada onde está a estatua da foto. Apareceulle unha polineurite e ten unha recuperación lenta despois da parálise case total. Pásao mal porque é unha muller mui activa e estaba a cuidar dos pais pero non perdeu o humor e seguro que logo recupera anque este ano vai comer as uvas no hospital.
 

Ánimo e que a ilusión deste tempo non decaia !.

Etiquetas:

venres, 12 de outubro de 2018

Rastrexos e máis



Onte fun á escola vella e mentres non me atendían dei unha volta por alí. Apeteceume coller uvas de rebusco e só atopei unha escadiña de hidro que me soubo a pouco. Tamén topei unhas poucas castañas e fixen unha foto ao resto dun tobogán de auga dun rastrexo. As asociación culturais levan uns anos organizando rastrexos que son carreiras por equipos pasando por distintas probas. Nunca fun pero teñen boa pinta e as asociación conseguen uns cartiños xa que o monte poucos cartos dá.
 
 
Tamén falei con ....iño que pouco fala co tratamento antidepresivo que segue. Antes era faladeiro e simpático e agora só é un eco que repite as últimas palabras que lle dis. Espero que se repoña e que chegue a apuntarse a un rastrexo.

Etiquetas: ,