leoeosseus

martes, 6 de outubro de 2020

Apetece comer


 

 

Co este tempo máis fresco apetece comer, polo menos a min. E así aproveitei a festa dos callos, con menos postos e menos xente por mor do Becho, e papei ben deles. Tamén comín as primeiras mandarinas do xardín, ben, eu e mais o resto da familia que debe de ser o único que nos gusta a todos. E non digamos as primeiras zarrotas que trouxo a veciña. Estou esperando a comer as primeiras castañas !

Nada, a encher o bandullo !

Etiquetas:

martes, 22 de setembro de 2020

Reliquias

E seguimos ás voltas co coche vello que non pasou a ITV por unhas chorradas que no desguace son poucos euros. É mágoa ter que volver á ITV para facer cola e andar con máscara de aquí para alá.Ganas dá de mercar unha dilixencia que traballou de taxi en Valadares pero ao dono da chatarrería ofrecéronlle 30000 euros por ela e non a vendeu.

 
Muito lareou o dono connosco sobre motores de coches ( el mesmo creou un motor eléctrico e outro a hidróxeno ), sobre  rodas de carros cos seus bitoques e llamias, e de pedras que non dilatan porque os canteiros antigos buscaban o andar das pedras. Mírase que o home está no seu ambiente rodeado de tanta sabedoría tradicional.
 


 

 

Etiquetas: ,

luns, 14 de setembro de 2020

Non-vendima e taller

 
 

Onte fomos a Arbo e pola mañá remataron parte da vendima. Tiña que ser a festa do Libramento pero este ano non había nada.
Hoxe luns empezaban coa Treixadura para a adega pero este ano non vou para estar cos nenos e para traballar tamén. Só axudei a cargar no tractor unha cuba de inox, unha bomba coa manga e a espaleadora.
 

E hoxe despois de traballar tocou ir ao taller para amañar os intermitentes do coche vello. Fotografei este cartaz simpático desta xente que vai por libre e non leva os fillos á escola de momento e iso que non teñen a excusa de que van ás festas.

 

Etiquetas: ,

sábado, 22 de agosto de 2020

Paseos e visitas


Marchou a chuvia e xa se pode pasear con Xela e os amigos polo río Guindastreiro. Lembrei cando me bañaba no Peirao, présa que agora non sei onde está se é que existe hoxe. Tamén xoguei á pita coa beba que me chama Pepe e que lle dá zurras no cu aos bambáns porque están maliños.
Tamén fun por ese Vigo en obras coa rúa Príncipe onde a xente enmascarada viña contra min ata que caín da burra e mirei no chan as pegadas pintadas indicando o sentido de marcha. Merquei tapabocas do Rei Zentolo farto de tanta bandeira rojigualda. Non puiden evitar a visita de Librouro despois de tantos meses. Un emigrado en  Bruxelas  dicía que non aprendemos e que as máscaras e establecementos pechados chegaron para non marchar.
E hoxe os veciños convidáronnos a xantar e houbo unha parella de visitantes. A lereada e o licor café rularon e falamos de todo, ata de piscinas; unha de tinto e outra de branco cun dono peneque el que quería nadar coma un porpiaño.
E mañá haberá unha paseata a unha illa que non quixeron os reis de hai cen anos, parviños que eran !

Etiquetas: ,

xoves, 6 de agosto de 2020

Sempre quedan os soños



Traballando de mañá sempre durmo millor. Ata hai días que soño. Estabamos cuns amigos nunha festa na fábrica que tiñamos diante do noso piso de antes e descubrimos que no faiado había unha casa feita de cartóns e adornada con fotos. Isto era dun home sen fogar que lembraba cando casou e subiu a cabalo polas escaleiras do polígono veciño de onde viviamos antes. O mundo tiña menos cemento e a xente non usaba máscara nin escapaba unha da outra.
Pero soou o espertador e tiven que volver a este mundo de entruido obrigado.

" Se o teu día está un chisco amargo...Sacúdeo... Ás veces o azucre está no fundo ": agridóce mensaxe nun parque de bolas que vai facer cinco meses fechado.

Etiquetas: ,

martes, 4 de agosto de 2020

Arredorizando




Hoxe facía un día raro. Un día de quedar polos arredores. Xogamos na casa á Batalla de Genios e a Temple Trap, xogo que domina Xela de maneira abraiante, Á tardiña aproveitamos para apañar moras anque este ano semellan pequenas e serodias. Debe de ser que a terra non ten lentura e todo queda en cascallóns secos sen zume. Iso si, andar coa máscara todo o tempo ronca o carallo.

Etiquetas: ,

sábado, 1 de agosto de 2020

O sol cai


Baixan os días. O sol case non quenta na entrada no mediodía. O aire móvese ( o Leo di que o aire existe sempre ). AvoaE fai anos. Leo artigos de Roy Galán. Lavo roupa de faena e máscaras que sobran en barrio obreiro. Merco Lk do Louro e fotografo unha flor curiosa do xardín.



Etiquetas: , , ,

martes, 21 de xullo de 2020

Día do can


Seica hoxe é o día do can e a nosa cadela está tranquila dentro da casa para non sufrir as calores de fóra.
Quen sufriu pero por mor das vespas foron os avós de Arbo. Na horta teñen un pé de andamio para soster uns arames e alí aniñaron unhas vespas. Cando foi avoaM coller uns pementos dúas vespas picáronlle e de tan mal que estivo foi a urxencias á Caniza. Atendérona ben e rápido e descubriron que é alérxica. Déronlle unha especie de xeringa para outra ocasión e a mala sorte foi que no domingo volveron picarlle. AvóM ía porlle a cura e pinchou o dedo e desta volta foi o avóM a urxencias co dedo inchado, negro e adormentado. Agora están os dous ben.
Onte fomos a Vlrñ cunha amiga e a filla e perdeu a chave do coche. Tivo que chamar ao home que lle trouxese unha copia e así tamén el coñeceu a praia.
E por fin nos arranxaron o termo da auga quente que aínda estaba en garantía. Tiveron que cambiar unhas resistencias que en teoría duran cinco anos pero neste caso non chegaron a ano e medio.
Tres exemplos de que case todo ten solución.
E hoxe é o día do can e aí  a está tan feliz e sen máscara.

Etiquetas: , ,

venres, 17 de xullo de 2020

Calor e máscara


Hoxe seguimos co esta calor abafante. Nin a cadela quere pasear !.

 
 
Apetece un baño pero agora a piscina ha de estar chea de xente. No mediodía estaba baleira.

 
 
Para durmir un pouco preciso o " dá-fresco ": unha compra mestra que fixen hai uns anos dunha especie de cobertor que se mantén a 26 grados e refresca o corpo. É parecido ao que arrefría as botellas nos restaurantes pero non necesita frigorífico. Dura algo máis dunha hora pero xa teño outro para a segunda hora se o preciso.
 

 
Mañá queriamos ir á praia pero coa nova norma do uso de máscara case sempre bota un pouco para atrás.
Dá ganas mesmo de darlle unha patada ao Becho.



Etiquetas: , ,

mércores, 15 de xullo de 2020

Non minto


E segue a subir o prezo do carburante. Seguro que antes de que remate a semana sobe outro céntimo. Non creo que suba así o salario da xentiña que traballa aí. De feito eu non boto gasoil aquí porque despediran hai tempo a unha rapaza que levaba anos a traballar. Volvérona contratar seis meses máis tarde pero xa con outro salario e outras condicións de traballo. Dende que marchou aqueles seis meses non volvín botar gasoil aí.
As empresas fan o que queren cos traballadores e sóbralles tempo.

Etiquetas:

martes, 14 de xullo de 2020

Outro misterio sen resolver

 
 
Deberon de facer unha " ouija " ou algo así para que siga o mesmo partido no poder.
Non sei a solución deste misterio.


Este posteo teño que etiquetalo como etnografía.

Etiquetas: ,

domingo, 12 de xullo de 2020

E votei


A iso das dúas e media fomos votar. Esa hora é hora de pouca afluencia e por iso a escollemos. Foi chegar á porta de fóra e xa pasar despois dunhas catro persoas. Namáis entrar xa nos chiflaron nas mans o xel hidroalcólico. Mandáronos á mesa que nos tocaba. No pavillón ía unha calor asfixiante e os encargados das mesas eran dous por urna. Pobre desa xentiña que estaba co esa calor abafante e coa máscara posta inda por riba. Debaixo das mesas tiñan auga embotellada pero debía de estar coma o caldo. Tamén tiñan madalenas e biscoitos deses industriais.
Esperamos á distancia que acabaran con tres persoas que tiñamos por diante. Nós xa levabamos papeletas da casa así que non tivemos que coller dunha estantería de onde voaran ducias de papeletas que ninguén collía do chan onde estaban ciscadas. Cando nos tocou o turno deixamos o carné nunha bandexa de porispán, leron o nome, comprobaron que estabamos na listaxe e metemos o sobre na urna. Logo eu limpei o carné co líquido que sabe Deus cantos carnés pousaron nesa bandexa. E despois xa nos mandaron saír por outro camiño para non cruzarnos coa xente que entraba pero pasabamos mui preto dos interventores, apoderados e demais adláteres dos diferentes partidos que sempre están pululando nestas ocasións.
Había muitísima policía local e algún membro de protección civil e non puiden facer unha foto ilustrativa do recinto.
Deixo a foto coa camisola que levei para votar.
Espero que haxa " Sentidiño " ou axirío e que gañen os menos malos desta gandaxe politiqueira .

Etiquetas: ,

xoves, 9 de xullo de 2020

Carreira tola

 
 
Mentres os prezos seguen na súa carreira tola os servizos médicos están adurmiñados agardando non sei que.


O Presidentiño dixo que o futuro da sanidade é a vía telefónica e, de exemplo, mañá Leo ten unha cita co dentista por teléfono !. Nin videochamada nin farrapo de gaita: por teléfono. Non sei que van amañar se xa coas visitas físicas pouco facía o dentista do seguro.
A ver se o domingo hai sorpresa e mudan algunhas cousas.

Etiquetas: ,

sábado, 4 de xullo de 2020

Novos prezos e areas


Os avións xa voan e os prezos coma os dos combustibles soben un céntimo cada catro días ou así. Tamén fun cortar o pelo hoxe e subiu o prezo. Eu fastidieino e subinlle a propina !.

 
 
E fomos á Praia de Vlrñ. Canta xente había sen máscara !. Na area, está claro. Por fóra muita xente andaba con máscara. Iso si, había unha partida de petanca con xente uniformada pero sen máscara nin eles nin os espectadores. Na area puxémonos algo afastados da xente pero noutras partes a xente estaba máis apretada.
Non sei como rematará a nova normalidade con tanta xente de vacacións desprazándose e xuntándose con descoñecidos.



Etiquetas: ,

xoves, 2 de xullo de 2020

Papeleos e paredes



Onte pola mañá andei polo Vilaguindastre adiante polos bancos e de compras. Hai que facer cola e cando decides facelo polo caixeiro non ten cambio nin nunha sucursal nin na outra e a outra oficina desapareceu coma por arte de maxia. Ao final hai que anotarse na ringleira para que o faga a persoa detrás do mostrador: como sempre foi e tería que ser, e máis agora que inventan comisións. Tamén tiven que ir ao cole de Xela e non saben como se van organizar cando comece o curso. O Becho deixou todo nunha nube de incerteza.
Iso si, fotografei esta parede á beira do parque infantil pintada así xa que prohíben ondear bandeiras distintas das oficiais.
Fermoso truco para burlar a lei !.

Etiquetas:

martes, 30 de xuño de 2020

Bye, bye xuñoviros !


Os políticos seguen cos seus inventos. Neste caso desenterran unhas vías de tranvía, múdanas de sitio, póñenlle un panel explicativo e crean un monumento.


Outros monumentos como o idioma galego déixanos de lado e non os COIDAN.


Outra vítima é a cultura. Fecha a sala Ingrávida.

 
As institucións públicas aíllanse do Cornoviros como saben.
 
 
 
E a vida salvaxe segue ao seu.
 
Agora a ver Blogger como muda este blogo.

Etiquetas: , , ,

domingo, 28 de xuño de 2020

Triple Galicia e máis


A puntiño de rematar este xuño e aparecen os cartaces de propaganda política coas súas frases " explicativas ": un pon " A! " , outro pon " Galicia Galicia Galicia " e aqueloutro repite o da hora do cambio. Outros partidos non sei que poñen de momento.
No concello veciño a fonte da rotonda di " Co orgullo de ser como soMOS " en referencia ao día de hoxe. Celebración polémica segundo algunhas ideas que non van cos tempos. Semella que queren volver aos tempos de Waldo de los Ríos.
Non topo unha foto miña coa bandeira multicolor pero poño esta imaxe co esa errata tan desafortunada.
E este ano non houbo curros por mor do Escontraviros que aínda anda por aí e a Xunta obriga a usar máscaras case todo o tempo.

Etiquetas: ,

mércores, 17 de xuño de 2020

Outra fin do mundo


Unha consecuencia boa de que os nenos non teñan clase é que xantamos todos xuntos. Isto dá para falar de muitas cousas coma dos soños que tivemos. Hoxe Leo soñou que estaba nun concurso televisivo de música cos compañeiros do instituto e quen gañaba escollía aula. Xela soñou con animais de cores e eu non lembro que soñei. Cando traballo de noite a durmida da mañá é tan funda e curta que non me dá para soñar.
E falando, falando; falamos da fin do mundo que vai vir este domingo. Eu dixen que era a terceira que lembraba e Xela, que quedou mui preocupada, preguntoume como era o mundo antes. Muito rimos. Lembro que na de 1984 un bar puxo barra libre  e chimpamos o que quixemos aquel día. Non volvín en muito tempo non foran facerme pagar o que bebín.

Na foto está Nova Guinea que forma parte dun cadro á beira da mesa onde xantamos. Para min seméllame un voutre pero para outros semella unha tartaruga.

Etiquetas:

martes, 9 de xuño de 2020

Fase tres. Lareca ou fame negra.



Nesta nova fase abren ximnasios e outras actividades. Os comercios teñen aforo e quen lles dera completalo que a xente non está por mercar. Máis complicado o teñen os nenos que seguen sen parques infantís nin de bolas e as piscinas públicas non van abrir este verán.

E falando do mundo non sei como seguen as revoltas contra o racismo. O outro día escuitei un vídeo de Muhammad Alí e dicía que todo o malo é negro, preto. Eu lembrei a expresión " fame negra " que é unha fame excesiva ou lareca que é unha palabra que non é coñecida en toda Galicia. De feito, o Leo de pequeno cando non tiña fame dicía que tiña " fame branca ".

Etiquetas: , ,

domingo, 7 de xuño de 2020

Estatuas e paseatas


Cando empezou o confinamento eu baixaba a pe por unhas ruelas a mercar pan os domingos. Son rúas tranquilas por onde non pasaba a policía e así eu non tiña que dar explicacións de a onde ía ou deixaba de ir.
Por estas rúas hai boas casas e había á vista máis estatuas humanas que xente .
Menos mal que, de momento, non hai que esquivar a policía e mañá xa se pode saír da provincia.



E pola tarde aproveitamos para facer un sendeiro en Baredo, Baiona. É un camiño de madeira seguindo un regato cos seus muiños e que desemboca no mar con esas olas rompedoras.


 
Alí perto hai un lavadeiro escondido na barriga dun castelo feito con lastros no ano 2000.
Non paramos en Baiona que tiña bastante xente a pasear pero pouca con máscara. Será o que di un compañeiro: están esperando a que saian máscaras de marca.
 
Simpática esta primeira saída " turística "despois do peche.


Etiquetas: , , ,