leoeosseus

venres, 17 de xullo de 2020

Calor e máscara


Hoxe seguimos co esta calor abafante. Nin a cadela quere pasear !.

 
 
Apetece un baño pero agora a piscina ha de estar chea de xente. No mediodía estaba baleira.

 
 
Para durmir un pouco preciso o " dá-fresco ": unha compra mestra que fixen hai uns anos dunha especie de cobertor que se mantén a 26 grados e refresca o corpo. É parecido ao que arrefría as botellas nos restaurantes pero non necesita frigorífico. Dura algo máis dunha hora pero xa teño outro para a segunda hora se o preciso.
 

 
Mañá queriamos ir á praia pero coa nova norma do uso de máscara case sempre bota un pouco para atrás.
Dá ganas mesmo de darlle unha patada ao Becho.



Etiquetas: , ,

domingo, 12 de xullo de 2020

E votei


A iso das dúas e media fomos votar. Esa hora é hora de pouca afluencia e por iso a escollemos. Foi chegar á porta de fóra e xa pasar despois dunhas catro persoas. Namáis entrar xa nos chiflaron nas mans o xel hidroalcólico. Mandáronos á mesa que nos tocaba. No pavillón ía unha calor asfixiante e os encargados das mesas eran dous por urna. Pobre desa xentiña que estaba co esa calor abafante e coa máscara posta inda por riba. Debaixo das mesas tiñan auga embotellada pero debía de estar coma o caldo. Tamén tiñan madalenas e biscoitos deses industriais.
Esperamos á distancia que acabaran con tres persoas que tiñamos por diante. Nós xa levabamos papeletas da casa así que non tivemos que coller dunha estantería de onde voaran ducias de papeletas que ninguén collía do chan onde estaban ciscadas. Cando nos tocou o turno deixamos o carné nunha bandexa de porispán, leron o nome, comprobaron que estabamos na listaxe e metemos o sobre na urna. Logo eu limpei o carné co líquido que sabe Deus cantos carnés pousaron nesa bandexa. E despois xa nos mandaron saír por outro camiño para non cruzarnos coa xente que entraba pero pasabamos mui preto dos interventores, apoderados e demais adláteres dos diferentes partidos que sempre están pululando nestas ocasións.
Había muitísima policía local e algún membro de protección civil e non puiden facer unha foto ilustrativa do recinto.
Deixo a foto coa camisola que levei para votar.
Espero que haxa " Sentidiño " ou axirío e que gañen os menos malos desta gandaxe politiqueira .

Etiquetas: ,

sábado, 11 de xullo de 2020

Máis praia


Alá fomos a Vlrñ onde apareceron sinais prohibindo pasar a non autorizados en muitos sitios. Dei a volta no cruceiro do Hío e aparquei non mui ben nun sitio esperando que non me manden unha multa calquera día. Fomos xantar ao Buxaina mudado de nome. A carta hai que escaneala por código QR e logo xa pedimos o que quixemos e non estivo mal.
Na praia había pouca xente a esa hora e os peixiños eran muitos e dun verde case fosforescente que non sei se será cousa do Contraviros.
A calor apretou e logo chegou máis xente e outra desapareceu por medo aos " contaxiadores ". A auga estaba boísima e deu mágoa marchar ás nove e media.

Etiquetas: ,

venres, 10 de xullo de 2020

Adaptacións


O Becho anda por aí e se non é este becho pode ben ser outro novo nun futuro. Para non tocar onde toca máis xente están cambiando en Vilaguindastre os botóns dos semáforos por uns detectores de man. A ver se aprenden os dos supermercados que para acceder ao parking hai que premer co dedo no botón. Eu procuro premer cunha pata da gafa ou unha chave pero non co dedo.


A xente ten medo de tocar onde tocaron outros e así nunha perruquería con este cartel evitan virus e " ataques sexuais ".



Unhas cafeterías pecharon pero aínda algunha abre mudando o nome e pasou do francés Adèle ao galego Bolboreta.
Outros comercios fan negocio coas máscaras de tea personalizadas ou non mentres eu no choio tiven un debate co xefe porque quixen cambiar de máscara despois de usar unha durante dúas xornadas de traballo que estaba suxa, babada e suada. O xefe di que aguanta unha semana pero eu díxenlle que ou levaba máscara como é debido ou non levaba.

En fin, adaptándose a esta situación.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de xullo de 2020

Carreira tola

 
 
Mentres os prezos seguen na súa carreira tola os servizos médicos están adurmiñados agardando non sei que.


O Presidentiño dixo que o futuro da sanidade é a vía telefónica e, de exemplo, mañá Leo ten unha cita co dentista por teléfono !. Nin videochamada nin farrapo de gaita: por teléfono. Non sei que van amañar se xa coas visitas físicas pouco facía o dentista do seguro.
A ver se o domingo hai sorpresa e mudan algunhas cousas.

Etiquetas: ,

martes, 7 de xullo de 2020

Selectivo especial



Hoxe fixo caloraza. Aos pobres que teñen o selectivo tocoulles apandar nervios, medo ao Escornaviros e mais esta calor. Nunca foi bo pasar esta proba pero neste momento penso que é muito pior.
Agardo que lles vaia ben aos curmáns F. e M.

Etiquetas: ,

sábado, 4 de xullo de 2020

Novos prezos e areas


Os avións xa voan e os prezos coma os dos combustibles soben un céntimo cada catro días ou así. Tamén fun cortar o pelo hoxe e subiu o prezo. Eu fastidieino e subinlle a propina !.

 
 
E fomos á Praia de Vlrñ. Canta xente había sen máscara !. Na area, está claro. Por fóra muita xente andaba con máscara. Iso si, había unha partida de petanca con xente uniformada pero sen máscara nin eles nin os espectadores. Na area puxémonos algo afastados da xente pero noutras partes a xente estaba máis apretada.
Non sei como rematará a nova normalidade con tanta xente de vacacións desprazándose e xuntándose con descoñecidos.



Etiquetas: ,

martes, 30 de xuño de 2020

Bye, bye xuñoviros !


Os políticos seguen cos seus inventos. Neste caso desenterran unhas vías de tranvía, múdanas de sitio, póñenlle un panel explicativo e crean un monumento.


Outros monumentos como o idioma galego déixanos de lado e non os COIDAN.


Outra vítima é a cultura. Fecha a sala Ingrávida.

 
As institucións públicas aíllanse do Cornoviros como saben.
 
 
 
E a vida salvaxe segue ao seu.
 
Agora a ver Blogger como muda este blogo.

Etiquetas: , , ,

domingo, 28 de xuño de 2020

Triple Galicia e máis


A puntiño de rematar este xuño e aparecen os cartaces de propaganda política coas súas frases " explicativas ": un pon " A! " , outro pon " Galicia Galicia Galicia " e aqueloutro repite o da hora do cambio. Outros partidos non sei que poñen de momento.
No concello veciño a fonte da rotonda di " Co orgullo de ser como soMOS " en referencia ao día de hoxe. Celebración polémica segundo algunhas ideas que non van cos tempos. Semella que queren volver aos tempos de Waldo de los Ríos.
Non topo unha foto miña coa bandeira multicolor pero poño esta imaxe co esa errata tan desafortunada.
E este ano non houbo curros por mor do Escontraviros que aínda anda por aí e a Xunta obriga a usar máscaras case todo o tempo.

Etiquetas: ,

mércores, 24 de xuño de 2020

Noveno ano


E xa van nove anos. Son tantos que botei unha boa tempada pensando que facía oito anos no canto de nove !
Esta mociña é un ser inquisitivo e con muitas cualidades e tanto monta smartgames como toca a guitarra, o piano ou a frauta i esta cunha soa man. É teimuda pero con bo corazón e un pouco medenta a catástrofes ou a miniferidas ou bechiños que precisan dun microscopio para topalos.
Este ano soprou a candea pero non hai festa con amigos nun espazo infantil por mor do Cornoviros. Iso si, terá festa nun merendeiro na Risca, o monte emblemático de Vilaguindastre.

Este san Xoán foi máis apagado do que é normalmente: sen fogueiras nin sardiñadas ou churrascadas públicas e tampouco mirei cousas " mudar " de sitio coma noutros anos.
Haberá que esperar para o san Xoán que vén ou para a Noiteboa que é cando fan o lume e o roubo de cancelas e carros no Rosal.
Xa se mirará !

Etiquetas: , ,

sábado, 20 de xuño de 2020

Nin tan ben


Hoxe fun lavar a roupa na lavandería despois de muito tempo. Eu estaba só. Mentres a roupa daba voltas quixen tomar un café. Onde o tomaba normalmente agora non abre a esas horas da tarde que non lle dá coa clientela que ten. Tomei o café no outro sitio e o café era malísimo, pior ca antes e eu era o único tomando café dentro do local. A cafetería da foto xa cambiou de nome e xa fechou antes da pandemia e agora segue pechada.

Nin tan ben esta volta á cotiandade

Etiquetas:

luns, 15 de xuño de 2020

A vida asoma


Esta mañá inda había parques precintados. Tamén había fileiras de xente na oficina do Oral, diante de  bancos, na autoescola ou no centro de saúde.
Isto de formar ringleiras xa parece que vai quedar  así.
Tamén mirei o primeiro peregrino dende hai tres meses. Ía só, non semellaba estranxeiro e levaba unha máscara cirúrxica no queixo.


Van abrindo bares. Asoman os fuciños coma os coellos cando pasa o perigo. Outros non aguantaron o achuchón e non abren.



Estaba aberto o cemiterio e entrei que de cando en vez atopo sorpresas como xente que levaba tempo sen  mirar e resulta que morreu.
Encolle o peito entrar aquí e pensar nesta parroquia dos mortos.
Menos mal que de volta á casa mirei xente xogando ao tenis nunhas pistas e un cartaz anunciando un serán para o dezasete.

Semella que imos recuperando o ritmo anterior á peste Córnica...Para o bo e para o malo.

Etiquetas:

venres, 12 de xuño de 2020

Galicia: sitio distinto




E será verdade este dito. Luns comezamos a recuperada normalidade baixo o mando das autoridades galegas. Haberá discotecas ( pero sen baile coma como se coma isto ) e abrirán parque infantís ao aire libre. Aumenta o aforo dos establecementos ( coma se se respetase isto nalgúns sitios ) e haberá que seguir levando máscara ata non se sabe cando. O Contraviros pode abrochar de novo e hai que ter cuidado. Agora só falta que se poña a traballar de verdade o sistema sanitario que hai máis asuntos aparte do Becho e que se aclaren coa volta á escola anque o noso presidentiño non quere falar de aumentar aulas e profesores...na escola pública, por suposto.
En fin.

Etiquetas:

xoves, 11 de xuño de 2020

Afortunado



É certo. Teño un traballo suxo e ruidoso, quente no verán e frío no inverno, cuns turnos-sorpresa que ata o venres non sei de que xeira traballo o luns, cunhas vacacións preestablecidas que coinciden ou non coas dos fillos. Pero teño un choíño e no tocante á saúde todo vai normal e non coñezo a ninguén en persoa que estea ou estivese infectado co Escornaviros.
Supoño que son afortunado...e que siga así a miña normalidade.

Etiquetas: ,

martes, 9 de xuño de 2020

Fase tres. Lareca ou fame negra.



Nesta nova fase abren ximnasios e outras actividades. Os comercios teñen aforo e quen lles dera completalo que a xente non está por mercar. Máis complicado o teñen os nenos que seguen sen parques infantís nin de bolas e as piscinas públicas non van abrir este verán.

E falando do mundo non sei como seguen as revoltas contra o racismo. O outro día escuitei un vídeo de Muhammad Alí e dicía que todo o malo é negro, preto. Eu lembrei a expresión " fame negra " que é unha fame excesiva ou lareca que é unha palabra que non é coñecida en toda Galicia. De feito, o Leo de pequeno cando non tiña fame dicía que tiña " fame branca ".

Etiquetas: , ,

domingo, 7 de xuño de 2020

Estatuas e paseatas


Cando empezou o confinamento eu baixaba a pe por unhas ruelas a mercar pan os domingos. Son rúas tranquilas por onde non pasaba a policía e así eu non tiña que dar explicacións de a onde ía ou deixaba de ir.
Por estas rúas hai boas casas e había á vista máis estatuas humanas que xente .
Menos mal que, de momento, non hai que esquivar a policía e mañá xa se pode saír da provincia.



E pola tarde aproveitamos para facer un sendeiro en Baredo, Baiona. É un camiño de madeira seguindo un regato cos seus muiños e que desemboca no mar con esas olas rompedoras.


 
Alí perto hai un lavadeiro escondido na barriga dun castelo feito con lastros no ano 2000.
Non paramos en Baiona que tiña bastante xente a pasear pero pouca con máscara. Será o que di un compañeiro: están esperando a que saian máscaras de marca.
 
Simpática esta primeira saída " turística "despois do peche.


Etiquetas: , , ,

sábado, 6 de xuño de 2020

Outro pasiño


Todo semella recuperar o ritmo frenético de hai tres meses. Os bares funcionan case a ritmo normal e así hoxe almorcei cos compañeiros do choio un bocata de xamón asado como faciamos antes de cando en vez. Tamén no choio nos agradecen con dous días máis de vacacións por seguirmos traballando durante o peche.
E semella volver todo ao seu sitio coas súas présas, burocracias, compras en varios sitios e arranxos en vivenda de alugueiro. En definitiva, que non puiden escribir nin visitar este mundo virtual.

 
 
O que si parece non mudar é o desleixo pola lingua galega con ese anuncio de  Gadis en galego con ese " Gallito " que é un rapante de toda a vida. O triste é que aparece á beira de Esther Estévez que pola contra nos ensina bo galego todos os días.
En fin.


Etiquetas: , ,

luns, 1 de xuño de 2020

Comeza xuñoviros

 
 
Empeza este novo mes e hai algúns cambios no ambiente. Xa se empezaron a animar os restaurantes e abriron as portas. O tráfico segue indo a máis pero isto é a punta do iceberg. Semella que todo vai ben pero aínda non sabemos a cantidade de empregos que se perderon e están ocultos.
Extrañoume mirar dúas chicas dándose unha aperta na rúa.
Os bazares chineses funcionan e poñen cartaces na porta coas probabilidades de contaxiarse segundo se leva máscara ou non. Unha xefa reproba a unha empregada galega que non leva postas luvas. As terrazas teñen xente pero bastante apegados os uns aos outros e só lles falta bailar " pechito con pechito ". E despois dunha semana de calor infernal esta noite houbo unha treboada con sarabia que entrou ata na tenda dos chineses. Menos mal que o noso céspede aguantou.
A vida normalízase con avarías en quentadores e avisos vermellos no coche. Xa tardaban.


 Agora vai un debuxo corrixindo a foto.



Etiquetas: ,

sábado, 30 de maio de 2020

Un San Fernando distinto


Neste ano o San Fernando ( cando van as moscas ao gando ) foi o menos infantil dende hai muitísimos anos. Outros anos había monicreques en Redondela ou, polo menos, parques infantís para xogar pero neste ano non. Os parques ao aire libre están clausurados coma os parques de bolas.
Aparte o Cornoviros desfixo empregos e deixou a muita xente sen capacidade para pagar un alugueiro mesmo nun bairro coma o da foto.
A ver como saímos desta.

Etiquetas:

xoves, 28 de maio de 2020

Calor de Rossby


Volvemos estar confinados, si. Esta calor producida polas ondas atmosféricas de Rossby é o que teñen. Pola noite no choio non baixa de trinta grados e se me arrimo ao penso son cincuenta grados. E a calor esaxerada cos cascos para o ruido e a máscara que un compañeiro se puxo insistente niso dende que tivo a sogra con febre. Por certo, a empresa reparte máscaras e un botiño de hidroalcol para a familia dos empregados.
Polo día fixo unha calor que aplatanaba e non me puiden deitar a durmir a sesta. Agora estase anubando o ceo e vou aproveitar para pasear a cadela e a ver se me deito antes de ir traballar pola noite.
Iso si, o paseo vai ser curto e non chegarei onde estaba esta flor da foto.

Etiquetas: , ,