leoeosseus

martes, 30 de novembro de 2010

Insultos


O outro día descubrín de casualidade unha ligazón onde saen insultos en galego. Comprobei con sorpresa que un dos sinónimos de cachazudo é paideleo.
Así que me vou pór en plan Shinchan e tamén vou inventar un insulto e vou ampliar a lista con insultos que coñezo eu.
Apana: sinónimo de marrecas, monxa, borboleta, mangoeira, lapacricas, flatosa, fervellica, fachada e salgarita.
Non está nada mal para un prosma, mortenegra e cachazudo, eh ?.
Postdata: non borro este posteo porque non teño costume de facelo pero metín a zoca e non pouco e aclároo no seguinte posteo.
Síntoo e non pouco.

Etiquetas: ,

luns, 29 de novembro de 2010

Cincuenta meses ( e dous días )


Non esquecín o mesario, non. O que pasa foi que o sábado estivemos de matanza todo o día e onte foi un día complicado cun cumpleanos de mañá e unha actuación frustrada de " mamá cabra " e tiña que escribir sobre a matanza antes que a esquecese.
O Leo segue adiante coa leitura e escritura e gústalle xogar coas letras e os números. Conta para atrás dende o dez coma se fose mesmo un traballador da NASA e para adiante conta en español e galego ata o dezaseis que a partir de aí ata o trinta só o sabe en galego. En inglés conta ata o dez e sabe cores e unhas cantas cousas. Empeza a distinguir días da semana e rotinas. Le cousas sinxelas e lembra cousas curiosas como o número de DVD da Pantera Rosa que mirou dous ou tres días atrás ou cando esperta que enlaza a última conversa da noite anterior. Come bastante ben e vai deixando atrás tanto chocolate. Bebe bastante anque non lle apetece muito a auga e nada o leite. É complicado sacalo da casa e cando sae e vai a outro sitio non quere moverse de alí. Segue xogando e falando só e faino en castelán. O amigo invisible Jónistan segue presente. No galego mete muito verbo composto que semella o galego do Val de Ellas en Estremadura. Na piscina pásao ben e ten que levar o gorro de peixiño coas orellas de fóra e as goggles postas no alto da cabeza. Segue simpático co seu falar e di " nesito " no canto de " necesito " , " traír " por " traer ", " roxo " por convinción propia, " júbol " por " fútbol ", etc. As formas irregulares dos verbos seguen en danza.
E que prosiga !.

Etiquetas:

domingo, 28 de novembro de 2010

Matanza 2010

Un ano máis repítese o rito de matar os porcos. Cambiou o matador pero pouco cambia con respecto ao ano pasado. Despóis de matar os animais, queimarlles o pelo e lavalos logo toca almorzar o sangue fritido. O aviso " anda o ghato no porco " fai levantar os homes da mesa que hai que abrir o animal. Ábrese o porco polo medio. Hai que ter cuidado coas tripas do porco para extirparllas e tapónase o cu cun casulo de millo. O matador saca fóra os untos, corta a cacheira, fai uns calcetíns nos xamóns e colgamos o animal polas vides na viga. Así pendurado vacíase do pedro e demáis tripas, saca fóra o bofe, os leviáns e o corazón. Por detrás corta deixando no medio a columna vertebral. Logo van para a mesa as hombreiras e os perniles, o solombo e o lagharto ( seica é a millor parte do porco ) e os touciños coas costelas. Na mesa pícanse os courachos e demáis sobras dos perniles e hombreiras para chourizos e chourizas. O touciño, as cacheiras, o unto, o rabo, as hombreiras e os pernís van para salgar na salghadeira coa salmoura ( sal e cebola ).

No medio de todo este traballo sempre hai tempo para leriar de política e veciñanza, falar dun médico que é un " criminal de guerra ", de que os terroristas non son nada finos que tiñan que " amaestrar paxariños para levar bombas que nadia sospecha dos piscos ". Que para arreglar isto tiña que vir un Franco e un Hitler " un para matar e outro para enterrar ". E que raros son os curas que nunca os ves no centro médico.

De cea hai o típico zarrabullo: fígado, castañas e cotobelos de pasta ( fáltalle o sangue do porco ) e arroz con carroleira ( médula espiñal ).

E así rematou esta labor nada pracenteira.

Etiquetas: , ,

xoves, 25 de novembro de 2010

Quedei espichado


Hoxe espertei tarde e cheguei cinco minutos tarde ao traballo. Non sei como foi. Supoño que non puxen o espertador e espertei cando me cadrou e iso que durmira un chisco con Leo despóis de contarlle os tres contos de rigor e logo fun para cama sen navegar pola interrede nin nada.
É raro que quede espichado na cama. Lembro unha vez hai muitos anos que apaguei o espertador e oín claramente unha voz que me dicía: " Durme tranquilo que xa te esperto eu ". Apaguei a luz e o espertador e deiteime pero pensei: " Quen falou comigo ? ". Prendín a luz e por suposto que non había ninguén. Erguinme e cheguei a tempo ao traballo pero hoxe non foi o caso. Que lle imos facer ?.
E como non só vai ser falar de min quero lembrar que hoxe é o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e aprendín a orixe desta efeméride gracias a acuática.
Vou pedir un imposible pero dáme igual: que non se repita.

Etiquetas: ,

luns, 22 de novembro de 2010

Deberes para o Leo


Estamos todos na rutina do traballo e estudios e o Leo non ía ser menos. Agora mándanlle do cole todas as semanas un conto para casa. Temos que lerllo e logo el ten que escribir o título, a data e debuxar algo relacionado ( como a pata do lobo asomando por debaixo da porta ). O Leo prospera bastante para o meu entender e coñece todas as letras e le sílabas sinxelas. Escribir é máis difícil e así o " s " faino sinuoso de máis e escribe algunhas letras para o lado contrario ( non sei se será por ser zurdo ).
Pero, bueno, ninguén aprendeu a ler e escribir nun día.

Etiquetas:

xoves, 18 de novembro de 2010

O fotógrafo Virxilio


Hoxe visitei a exposición fotográfica de Virxilio Viéitez no MARCO de Vigo e aprendín máis del. A sua filla descubriu unhas latas con negativos onde fora parir unha gata e dentro topou unhas obras de arte inéditas. Virxilio botou anos retratando a xente de Soutelo de Montes e arredores en muitos aspectos da vida diaria. Facía retratos para o carné de identidade cun fondo branco como o que sostén esa muller tan risoña. Retrataba mortos para mandar fotos aos familiares emigrados que se non miraban a foto non crían o que dicían as cartas. Retrataba xente na rúa e quería que a foto fose nítida. Tamén retratou xente no bar, no campo, no baile, en vodas, primeiras comuñóns, en romarías e festas, etc. Virxilio especializouse tanto no retrato e era tan coñecido na zona que os seus retratos resólvense carregados dunha humanidade especial.
Virxilio como fotógrafo gustoume pero como persoa semellaba ser humilde e traballador e nunca na súa vida soñara con coñecer personalmente a un fotógrafo como Cartier Bresson e ser espectador dunha exposición das súas propias obras.
En fin, gustoume todo.

Etiquetas:

martes, 16 de novembro de 2010

Chocolatina Leo


Esta quincena traballo de tarde e estou pouco tempo co Leo e chego case a esquecer o faladeiro e simpático que é. O outro día foi a un circo e explicou o que había. Explicouno tan ben que a bisavoa Celia dicía que xa valía para falar na televisión. Fíxome gracia cando falou dun funambulista que ía en bicicleta por unha corda no teito. Eu díxenlle a Leo: " E ese home non tiña medo de cair ? " e o Leo dixo todo cheo: " Tiña medo que tapou os ollos cunha venda ".
Na foto sae retratada unha chocolatina co nome Leo que non é invento meu. Será polo dóce ?.

Etiquetas:

sábado, 13 de novembro de 2010

Quen lembra ?


Quen lembra que un día coma hoxe hai nove anos o mar rompía en dous o petroleiro Prestige ?.
E quen lembra que a raíz diso o alemán de Camelle sufriu ata morrer de alí a pouco ?.
Quen pensa nas mil voltas que deu ( e dará ) para adiante e atrás o museo de Man ?.
Quen lembrará dentro de nove anos que o temporal destes días atrás desfixo practicamente a obra de Man ?.
Postdata: onde pon nove anos é oito anos. Graciñas, Alís.

Etiquetas:

venres, 12 de novembro de 2010

Casa da anta VS casa de antes



Para construir unha casa da anta ou dolmen tés que ter un camión cunha pluma, uns cartos que che sobren, unha pedra que dea o pego e un gusto especial.
Para construir unha casa de antes tés que ter un respecto polo antigo, uns cartiños pero non tantos, conservar o material de antes e tratar con gusto e cariño o entorno.
As dúas casas son veciñas, unha dunha beira do regato e a outra da outra beira.


Etiquetas:

xoves, 11 de novembro de 2010

E van seis san Martiños !


Si. Levo seis san Martiños falando dos pións, buxainas, pirouchas, virandelas, bailarinas, trompos ou como queiras chamarlle. Empecie falando deles no 2005, naquel blogo que tiña nos EEUU. No 2006 retrataba e falaba dos meus trompos. No 2007 seguín coa teima e falando de castañas con néboda e refráns. No 2008 explicaba un pouco o xogo tal como o lembro e relataba a primeira reacción que tivo o Leo co pión. No 2009 comentaba a dificultade que tiña para topar pións á venda e que apareceran uns de plástico. Aparte do que dixen non podes deixar atrás os comentarios que engaden máis datos e experiencias sobre este tema.
Neste ano podo dicir que tiven sorte para topar trompos. Merquei o verde nos chineses a 1,50 €. Logo merquei o do medio a 0,90 € e debuxeille un Plankton de Bob Esponxa. E por último merquei o da baraza ou baragha no quiosco a 1 euro. Este ano non topei trompos de plástico que son bos bailaríns. En canto á reacción do Leo cos trompos ?, pois xoga co trompo enterrándoo na area do parque e falando e montando historias. Xa lle chegará o tempo que aprenda a facelo bailar.
E que siga a suma de san Martiños !.

Etiquetas:

martes, 9 de novembro de 2010

Coellas e verzas


Chove e esta chuvia alimenta a natureza. Van arriba as humildes coellas ( verba que cría non existía nos diccionarios ) e transfórmanse nas xigantes verzas.
Bo tempo para comer quente e probar as primeiras zarrotas !.



Etiquetas: ,

domingo, 7 de novembro de 2010

En diferido


Onte sufrín no corazón por non estar en Santiago pero para solucionar esta perda hoxe adquirín a revista Retranca onde me falan da visita en diferido de Bieito XVI. Tiven a grandísima sorte de poder ler esta revista despóis do que pasou cun periodista e do que pasou coa propia revista Retranca, que probou a diferenza de trato recibido respecto doutras publicacións e que,a pesar de todo, leva o asunto con retranca da boa.
E agora todo volve á normalidade.

Etiquetas:

sábado, 6 de novembro de 2010

Magosto e loaira


Foi un día dominado por néboas e nubes. As árbores regalaban cores de outono, o chan estaba estrado de follas, candeas e tollemerendas cos pétalos pechados. Soaba unha gaita, o Leo bailaba e os maiores arranxabamos Galicia, Estados Unidos e o mundo enteiro. Comemos chourizos e castañas ao lume con tortilla, empanada e sobremesa. Subimos un feixe de escaleiras e exploramos penedos como o de Noiteboa e topamos érbedos e cogomelos e dende o mirador fotografei a loaira que furaba o ceo gris.
Foi un sábado distinto.

Etiquetas: