leoeosseus

mércores, 14 de novembro de 2012

Folga do 14 de novembro


 
Hoxe tocou folga e alá fun á manifestación en Vigo.
Os estudantes viñas con forza e ánimos.
Había xente protestando por muitos asuntos e é que as cousas non van ben.
Ata había un neno que pedía máis música no planeta.
 
Eu fun por conciencia propia e para suplir a ausencia de xente obrigada a traballar ese día como por exemplo a criada que fumaba no balcón.
  
 


















En Vilaguindastre a folga foi bastante seguida anque á tarde empezaron a abrir algúns comercios.
Unha cafetería que tiña o cartaz de apoio á folga e de que ía estar fechada pola folga abriu as súas portas á tardiña. Xa sabes iso de que hai que estar a ben con deus e o demo; maloserá que che pasen os piquetes a fechar o local.
En outro local aínda se atreveron a deixalo aberto despóis da pintada que lle mandaron na fachada.
 
 
En definitiva, non creo que se solucione muito co esta folga pero aí está o noso dereito a manifestarnos.

Etiquetas:

xoves, 21 de xuño de 2012

Ourizos cacheiros


Hai un mes falaba Aldabra do caso dunha gaivota que fixo o niño na beirarrúa do aparcamento do traballo. Non sei como seguirá o asunto pero nese momento foi unha nova ben curiosa para min.
E aquí na Torredocaminho onde traballo eu apareceu un ourizo cacheiro grande haberá un par de meses que pasea polo almacén con tranquilidade e sen medo dos humanos. Hoxe descubrimos que o tal becho non é cacheiro que é cacheira e que ten dúas crías polo menos. Unha está retratada na man do xefe e así saiu que non se me deixaba fotografar.
A ver canto dura esta curiosa familia. Por parte do xefe non hai problema que seica estes animais cazan ratos e nunha fábrica de alimentos animais teñen traballo abondo.

Etiquetas: ,

xoves, 17 de maio de 2012

Baldío


Hoxe é o día das Letras Galegas e non miro millor motivo para ofrecer dúas frases que aprendín hai pouco.
O outro día falaba un camioneiro cousas dun novo compañeiro e dixo: " non o poñas na miña boca " que vén a significar " non digas que cho contei eu ". Isto contoumo un compañeiro que cando lle piden un sobresforzo no traballo responde: " Ei, tranquilo; ou pensas que isto é baldío ?. " que vén a dicir que muita xente se aproveita do baldío facendo a ecuación simple de que o que é de todos non é de ninguén e así faise de todo no baldío.
E falando de baldío tamén nace de todo como os xoios da foto que protagonizaron grandes batallas da miña infancia actuando de frechas que se cravaban na roupa e no pelo.
E para que non caia en baldío este día das Letras pola miña banda aparte das frases que escribín e o nome da pranta poño unha ligazón a unha máis que interesante páxina sobre o galego con muitos recursos e que ten para perderse nela como por exemplo cos cantos dos paxaros.
PD: Eva infórmame dunha ligazón boísima sobre os paxaros e teño que deixala aquí. Ademáis está creada en Vilaguindastre !.

Etiquetas: , ,

mércores, 28 de marzo de 2012

29 de marzo



Un simple obreiro ten poucas oportunidades reais de facer historia e unha delas é facendo manifestacións e folga xunto cos demais. Sabemos que esta folga de pouco ha valer pero teremos a conciencia tranquila por facer o correcto. Porque o que temos hoxe non é regalo dos empresarios ou do estado; é gañancia dos traballadores que luitaron polo que temos. Non están os tempos para arriscar o posto de traballo pero tamén hai que saber dicir " Non " cando é non.
A imaxe collina da rede e tiña outra data. O texto di: " Estamos en folga xeral. Facer folga axúdache seriamente a ti e aos que te arrodean ".

Etiquetas:

domingo, 25 de marzo de 2012

Kommunikation ist Alles


Esta fin de semana tocou cambio de hora cos seus trastornos engadidos cos horarios dos nenos, as comidas e a hora de durmir. Tamén hai que buscar reloxios por toda a casa e no coche e menos mal que algúns cambian de hora por si sós.
Isto faime lembrar a historia que lle pasou a un compañeiro xubilado do choio. Un ano esqueceu adiantar a hora do reloxio e chegou tarde ao traballo. No ano seguinte lembrou de cambiar a hora e cambiou o espertador pero non llo dixo á muller. A muller sabía o despistado que era o home así que ela adiantou outra hora máis o reloxio que xa estaba posto na nova hora e non lle dixo nada ao home. Cando espertou o home foi ao traballo todo convencido de que ía na hora pero chegou e non había ninguén. Alá quedou el matinando sobre se sería festivo local ou algo así ata que de alí a unha hora foron aparecendo compañeiros que viñan na hora boa porque el chegara unha hora antes.
Por iso titulo eu este posteo coa frase: a comunicación é todo.

Etiquetas:

luns, 20 de febreiro de 2012

Manifestándose


Anque vai valer de pouco xuntámonos muitos para dicir que non estamos de acordo coa reforma laboral.
Como estamos en pleno entruido algunha xente aproveitou para disfrazarse e darlle un toque distinto á protesta.


Etiquetas:

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Sabíao




Cando fixen esta foto na empresa hai case un ano xa cheiraba eu que o vello ascensor habería de deixar encerrado a alguén.E, efectivamente, esta noite pasada un compañeiro pasou dúas horas dentro del. Hoxe estaban amañando o ditoso aparello e tiven que subir e baixar varias veces pola escaleira o equivalente a un décimo piso. Gobernárono alá polas doce pero eu seguín subindo e baixando un par de ocasións. O cartel di que se impida que os nenos viaxen sós pero eu son maior e tampouco quería quedar encerrado e prefiro que proben outros estas vintecatro horas seguintes. Ti farías o mesmo, nonsí ?.

Por certo, como variou a moda nestes trinta e cinco anos.

Etiquetas:

domingo, 18 de decembro de 2011

Viños e comidas



Non, non estou anunciando unha casa de comidas ou un bar para camioneiros. Estou resumindo este sábado pasado cando tiven a comida de empresa onde comín muuuitas navallas que estaban gordas e saborosas e descubrín que eran muitos compañeiros os que as comían con garfo e cuitelo. Tamén bebín un viño branco Ribeiro que non estaba mal: " Terra Zelta". Nesa comida non cheguei aos postres nin aos discursos nin ao novato cantando " A Rianxeira " que tiña que ir cuns familiares a unha adega de Arbo. Alá chegamos baixo un batagada de chuvia que o curmán de Mallorca disipou con só saír do coche. Mostráronnos as instalacións e probamos un proxecto de viño escumante mentres desfrutabamos da vista outonal tralas vidreiras. Despóis fomos ata A Refontán onde se coñeceron as dúas familias e rematou algún enamorándose do xamón ecolóxico.

Foi un sábado para lembrar.

Etiquetas: , ,

martes, 13 de decembro de 2011

Cesta



Nestes tempos tan revoltos de crise sempre se agradece ter un salario e ter unha cesta polo Nadal que cambiou pouco con respecto ao ano pasado.

Que polo menos siga así !.

Etiquetas:

luns, 17 de outubro de 2011

Culpabilidade




Levan máis dun mes coa mesma rotina anque cada día son menos xente. Chegan ás seis da mañá dos días laborables e extenden un cartaz diante da fábrica que di " Xefes Islas especuladores ". A esa hora son catro ou cinco persoas e despóis das nove da mañá cando recollen serán unhas quince. Non cortan o tráfico nin berran nin molestan. Están aí para facérense ver e máis nada.


O outro día pasei por eles co bocadillo cara o meu coche para ir ao traballo e mirei para eles. Normalmente están de leria entre eles e nin se decatan da miña presenza pero ese día un quedou ollando para min e o meu bocadillo. Eu non puiden aguantar a súa ollada e mirei para o chan. Entroume como unha mistura de vergonza e culpabilidade por ter eu un posto de traballo e eles non que me bateu no corazón.

Etiquetas:

mércores, 20 de abril de 2011

Chocos e mostros


Estes días atrás retirouse na torredocaminho o " Manitas malfalado ". Así que hoxe trouxo empanadas de chocos " da casa " ( pescados polo fillo ) e viño e estaba todo mui bo e seino de primeira man porque me tocou traballar muitas horas e comín nos dous tempos para o taco.
O malo foi que hoxe botei pouco tempo coa familia. Iso si, o Leo tivo tempo para ir apagando as luces da casa na noitiña e dicirme: " Ahora vai vir un mostro e vaite levar ao traballo outra vez ".
Menos mal que todo quedou na imaxinación do neno e nos nosos risos !.
Na foto sae unha das últimas notas típicas que deixaba para Ross Jonander.

Etiquetas: ,

sábado, 19 de febreiro de 2011

Poxeiras e lapuzadas


Esta semana estou aprendendo outro posto de traballo e, co el, tamén aprendo ou relembro palabras galegas. A que aprendo é " poxeira " que é o pó que se levanta e a que relembro é " lapuzada ".
A min pásame como a Zeltia que o galego me pon a andar e non como a outra xente que lle dá baixón este idioma tan paleto.
A min alédame cando lle pregunto a Leo en que idioma quere que lle lea os contos diarios para durmir e a súa escolla é galego. En cambio, o que di esa rapaza do Gran Irmán ou que pelegrine o exército español diante da Torredocaminho xa non me aleda tanto.

Etiquetas: , ,

domingo, 12 de decembro de 2010

Ross Jonander


Se falamos de tradicións nadaleiras non podemos esquecer a cesta da empresa e a comida. A cesta sae na fotografía e o xantar foi honrado ( segundo dixo o xefe ) pero non se pode esixir demasiado tal como están os tempos.
Este ano foi ao xantar a mistura de Ross e Jonander, un compañeiro simpático e boafé que perde case todo e non se enteira de muito e cantou a Rianxeira que é a canción oficial dos novos da empresa. O ano pasado non foi ao xantar. Estaba de vacacións e cando o chamou o xefe para preguntarlle se ía o Ross Jonander respondeu que ía se lle pagaban como horas extras o tempo do xantar.
Verídico.

Etiquetas: ,

xoves, 25 de novembro de 2010

Quedei espichado


Hoxe espertei tarde e cheguei cinco minutos tarde ao traballo. Non sei como foi. Supoño que non puxen o espertador e espertei cando me cadrou e iso que durmira un chisco con Leo despóis de contarlle os tres contos de rigor e logo fun para cama sen navegar pola interrede nin nada.
É raro que quede espichado na cama. Lembro unha vez hai muitos anos que apaguei o espertador e oín claramente unha voz que me dicía: " Durme tranquilo que xa te esperto eu ". Apaguei a luz e o espertador e deiteime pero pensei: " Quen falou comigo ? ". Prendín a luz e por suposto que non había ninguén. Erguinme e cheguei a tempo ao traballo pero hoxe non foi o caso. Que lle imos facer ?.
E como non só vai ser falar de min quero lembrar que hoxe é o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e aprendín a orixe desta efeméride gracias a acuática.
Vou pedir un imposible pero dáme igual: que non se repita.

Etiquetas: ,

mércores, 29 de setembro de 2010

Folga xeral


Ogallá sirva para mudar a reforma laboral porque a ninguén lle gusta un día así.
Eu non libro coma os " florasteiros " vigueses da foto: a min tócame cumprir servizos mínimos pola tarde .

Etiquetas:

sábado, 17 de xullo de 2010

Récord


Non semella ser a época idónea para falar do traballo pero non quero deixar pasar o meu récord
de tempo traballando nunha empresa porque xa levo máis de tres anos e tres meses na Torredocaminho.
No meu tempo de blogueiro xa estiven traballando nunha empresa de cosméticos, noutra de pedra artificial, unha de granito e esta de agora que espero que me dure porque a crise ataca a todo.
Na foto sae un cartel da empresa que é esaxerado porque todos nos levamos máis ou menos ben.

Etiquetas:

sábado, 10 de xullo de 2010

E sigo sen fútbol


A formidable treboada da outra noite obrigoume a manexar a carretilla do choio a toda velocidade para rescatar sacos de papel e pallets da chuvia que entraba na fábrica. Toda a chuvia que non cabía fóra entrou na fábrica ... e non era pouca. Pero esta treboada agasalloume coa palabra " cacarola " referida ás pedras da sarabia. Foi pronunciada por un compañeiro de traballo que botou muitos anos no estranxeiro e que de cando en vez regala palabras rescatadas do falar de hai máis de trinta anos.
No xoves fun á presentación do libro " O secreto de Marco Polo " e se chego a ser a muller de Francisco Castro sospeitaría de Ledicia Costas que gabou con fervor ao escritor que fixo o que quixo porque dicía que era a presentación do seu libro. O escritor quixo escribir sobre Marco Polo porque non lle chistou que ninguén crese a Marco Polo cando voltou á súa patria despóis de botar máis de vinte anos fóra. Agora tócame a min coñecer ese secreto.
E o venres o Leo coñeceu a Pablo Díaz, o cantante de Tic Tac e a Marc Taeger, o ilustrador do libro CD que lle pintou un crocodilo enamorado.
E mañá seguro que hai opcións ao partido.

Etiquetas: , , , ,

mércores, 2 de xuño de 2010

Vences


Hai un compañeiro novo que me lembra a esta personaxe do Quixote que é Cardenio pero que tamén me lembra un antigo compañeiro de hai muitos anos. A aquel compañeiro chamábamoslle Vences que vén de Wenceslao e era un home faladeiro, de sorriso eterno e con algunha curiosidade. Tocounos traballar xuntos de turno de noite unha tempada e el mandáballe unha sopa de cabalo cansado ás dúas da mañá e deitábase no banco uns quince minutos. Outras veces contaba a súa vida embarcado ou nas Canarias ou as diferenzas do falar da Guarda con Vilaguindastre pero a historia que máis me prestou foi de como casou. El estaba mirando un vídeo da voda dun primo ( xa sabemos o divertidos que son ) e, de súpeto, espertou e fixouse nunha moza. Preguntoulle ao curmán quen era e díxolle que era a súa cuñada, a irmá da súa dona. Vences quedou prendado e díxolle que a quería coñecer. O primo presentoulla e en menos dun ano xa estaban casados.
A min pareceume unha historia incrible naqueles tempos que non había interrede nin nada. O que pasa na rede agora fai deste acontecido unha anécdota sen maior importancia.

Etiquetas: ,

sábado, 13 de marzo de 2010

Traballar por " fas "


O tempo segue o seu camiño adiante sen preguntar e sen se deter e así outro compañeiro da torredocaminho se retirou onte. Vou botar de menos as súas historias de fondo sabor popular e as súas anécdotas que abrochaban con cada palabra.
Esta noite pasada trouxo de despedida uns chourizos da casa con viño bastante bó e un licor de cilantro nunha cesta talmente á da Carrapouchiña e falamos de viños, de matanzas de porcos e de enviar produtos da casa en maletas.
Como el me regalou tantos contos eu faleille do conto de traballar por " fas ".
Resulta que a un que se xubilaba un compañeiro díxolle que agora ía aprender a traballar por " fas ". O que se retiraba respondeulle que non sabía nada de traballos de oficina ao que o outro respondeulle: " Si, home si. Agora vas traballar por " fas " porque vai vir túa muller e vaiche dicir " Agora fas isto e logo fas aquilo " e así sempre ".
Na foto unha das vistas dende a torredocaminho.

Etiquetas:

venres, 29 de xaneiro de 2010

Xubilación


Hoxe no tempo do taco do choio falamos da idea do goberno de retrasar a xubilación ata os sesenta e sete anos de idade. Logo os compañeiros empezaron a botar a culpa a Zapatero, que se axudas para inmigrantes, que se créditos bancarios, que se burbulla inmobiliaria, etc, etc. O que quedamos todos de acordo é co dito do avóM referido a pedir préstamos fóra das posibilidades reais. O dito é: " Quen compra sen ter vende sen querer ".
Na foto dun libro de francés para principiantes tamén se explica política para principiantes.

Etiquetas: ,