leoeosseus

martes, 9 de outubro de 2012

Outubro

 
 
Empeza outubro e xa se vendimou todo. É máis, a uva xa ferveu e perdeuse a oportunidade de curar males de pernas meténdoas no viño a ferver.

Tamén se apañou o millo e antigamente quen topaba a espiga escura era o rei ou raíña.
Tamén chegaron os novos inquilinos á casa anque por menos tempo do que quererían eles. Este ano os dous inquilinos son pedreses. A ver se se lle nota a  diferenza en algo.
                                                                                                                                             
 
 
 
 
 

Etiquetas: , ,

luns, 10 de setembro de 2012

Xela de anxiño



Como todos os anos celebrouse este ano en Arbo a misa pola Virxe do Libramento e este ano tocoulle a Xela levar as asas de anxiño que usa a familia dende hai máis de cincuenta anos. Tamén tiña que ir sentada no carro pero era mala hora para ela e non houbo maneira de que non saíse do colo dalgún coñecido. Este ano só había dúas nenas con asas e semella que esmorece o costume cada ano que pasa. Primeiro foi cambiar a xunta de bois por un tractor para tirar do carro e de cada vez hai menos nenas con asas. Tamén antes había festa e xa leva uns anos sen habela. Iso si, non mudou o baile de catro parellas e o amoreamento da xente e coches que interrompen o baile.

Etiquetas: , ,

sábado, 5 de maio de 2012

Festa da lamprea 2012


Outro ano máis Arbo celebra a festa da lamprea e haberá que comela e ben a gusto que quedo.
Como xa puxen algunha foto dese becho que nin á súa nai lle gusta a súa cara pois este ano poño o debuxo da rede con toda a súa nomenclatura. Xa sabes, para que non se perda isto. Esta rede ponse amarrada a unha especie de peiraos de pedra que se adentran no río e chaman pescos ou pesqueiras e que son antigos. Actualmente son propriedade de Fenosa mentres non constrúan un novo encoro e desaparezan afogados despois de levar dous mil anos en pé nalgún caso.
Pois nada, a desfrutar da lamprea mentres se poida !.

Etiquetas: ,

domingo, 18 de decembro de 2011

Viños e comidas



Non, non estou anunciando unha casa de comidas ou un bar para camioneiros. Estou resumindo este sábado pasado cando tiven a comida de empresa onde comín muuuitas navallas que estaban gordas e saborosas e descubrín que eran muitos compañeiros os que as comían con garfo e cuitelo. Tamén bebín un viño branco Ribeiro que non estaba mal: " Terra Zelta". Nesa comida non cheguei aos postres nin aos discursos nin ao novato cantando " A Rianxeira " que tiña que ir cuns familiares a unha adega de Arbo. Alá chegamos baixo un batagada de chuvia que o curmán de Mallorca disipou con só saír do coche. Mostráronnos as instalacións e probamos un proxecto de viño escumante mentres desfrutabamos da vista outonal tralas vidreiras. Despóis fomos ata A Refontán onde se coñeceron as dúas familias e rematou algún enamorándose do xamón ecolóxico.

Foi un sábado para lembrar.

Etiquetas: , ,

sábado, 10 de decembro de 2011

Matanza 2011



Hoxe tocou a tradición de sempre de matar os porcos. Tocoulle a dous que eran boíños ( " Pobriños !. Que mansiños eran !. " ) dicía avoaM coma sempre. A verdade é que saen do cortello enganchados polo fuciño coma se fosen un can de paseo. Arrímanse ao banco, pasásenlle dúas cintas polo corpo e dáselle un cuarto de volta á taboa do banco e xa están listos para matar. Logo tócalles chamuscalos para queimar o pelo con fento e logo fachuqueiras de centeo e limpar con carqueixa. Na foto de hai dous anos vese ao matador arrincando as uñas do pesuño. No momento de queimar había xente que comía o rabo asado tal como estaba. Preguntei se o facían os rapaces pero dicían que non, que os rapaces collían a vexiga e inchábana coma un globo para xogaren e quedaban tristes cando rebentaba.

O traballo da matanza xa o expliquei o ano pasado e este ano foi case igual. Eu estiven salgando na salgadeira nova plástica. Este ano aprendín unha frase cando lavaban o pedro, a tripa gorda e que dicían cando un levaba o gando pouco tempo ao prado: " Pedro botello: bótase tarde, métese cedo ". Tamén aprendín que os laghartos veñen a ser os solomillos do porco e que o corazón da cebola chámase choromelo.

Falouse de todo: política, crise, pensións, veciños, roubos, etc e ata falaron dun tal Dionisio que estivo en Cuba e cando volveu de alí fuxiu para o monte para evitar que o paseasen os fascistas. Seica era un home intelixente e que fixo un casamento de comenencia que lle saíra mal e que el resumía coa frase: fun por farelo e salín enfarelado.

Así foi o día de hoxe e mañá toca preparar a carne para facer chourizos.

Etiquetas: , ,

xoves, 8 de setembro de 2011

Vendima 2011





Nótase que hai crise que a vendima se adiantou e vén máis farturenta que outros anos e así a adega non quere máis uvas que os dous mil cincocentos quilos do cupo e o resto hai que tragalo. Menos mal que apareceu outra adega que quedou cos máis de mil quilos a máis de Albariño que produciron San Benito, Soutelo, Suborribas, Correlos, O Couto, Tumbalobos e As Carmelas.



Levamos unha boa farta os dez vendimadores contando o primeirizo curmánD con doce anos.



Agora queda a Treixadura para a adega e as tintas e híbados para a casa pero iso é outro cantar.



Na foto uns cachos de Albariño non mui grandes que había outros coma rapaces pequenos.

Etiquetas: ,

domingo, 28 de novembro de 2010

Matanza 2010

Un ano máis repítese o rito de matar os porcos. Cambiou o matador pero pouco cambia con respecto ao ano pasado. Despóis de matar os animais, queimarlles o pelo e lavalos logo toca almorzar o sangue fritido. O aviso " anda o ghato no porco " fai levantar os homes da mesa que hai que abrir o animal. Ábrese o porco polo medio. Hai que ter cuidado coas tripas do porco para extirparllas e tapónase o cu cun casulo de millo. O matador saca fóra os untos, corta a cacheira, fai uns calcetíns nos xamóns e colgamos o animal polas vides na viga. Así pendurado vacíase do pedro e demáis tripas, saca fóra o bofe, os leviáns e o corazón. Por detrás corta deixando no medio a columna vertebral. Logo van para a mesa as hombreiras e os perniles, o solombo e o lagharto ( seica é a millor parte do porco ) e os touciños coas costelas. Na mesa pícanse os courachos e demáis sobras dos perniles e hombreiras para chourizos e chourizas. O touciño, as cacheiras, o unto, o rabo, as hombreiras e os pernís van para salgar na salghadeira coa salmoura ( sal e cebola ).

No medio de todo este traballo sempre hai tempo para leriar de política e veciñanza, falar dun médico que é un " criminal de guerra ", de que os terroristas non son nada finos que tiñan que " amaestrar paxariños para levar bombas que nadia sospecha dos piscos ". Que para arreglar isto tiña que vir un Franco e un Hitler " un para matar e outro para enterrar ". E que raros son os curas que nunca os ves no centro médico.

De cea hai o típico zarrabullo: fígado, castañas e cotobelos de pasta ( fáltalle o sangue do porco ) e arroz con carroleira ( médula espiñal ).

E así rematou esta labor nada pracenteira.

Etiquetas: , ,

martes, 12 de outubro de 2010

Outonizar


Outonizar significa apañar as primeiras trece castañas, pirixel para casa e un coco ou calacú ou cabaza para decorar.
Outonizar tamén significa comer as penúltimas uvas do ano.


Outonizar quere dicir separar a bisavoa Celia o millo bo do podre neste ano non mui bo para o millo porque o verán foi seco.



Outonizar é pasear e fotografar oito tornarratos ou mós e varios pés de canastro amoreados e esquecidos para que debatan os arqueólogos do futuro sobre este misterio.



Neste paseo tópanse saltóns e unha barbatesa ou teresiña e muitos pericos de cabalo e unha fita de " Los Chunguitos " semisoterrada no camiño que fai pensar en como pasa o tempo e que poucos coches levan hoxendía música de cassette.

Etiquetas: , , , , ,

xoves, 16 de setembro de 2010

Vendima 2010


Empezamos por albariño e treixadura para facer viño branco da casa. Outro día vendimamos albariño para a adega. Despóis quedará a treixadura para a adega e as tintas e híbados para casa.

O albariño está sanciño e roxiño e deixa as mans pegañentas do zucre que ten.


O conxunto das uvas amarela-verdosas, o verde das follas filtradas pola luz solar, o azul do ceo e o marrón das videiras dan colorido á vendima.

Este ano hai cantidade abonda.




O Leo come uvas e xoga con plastilina nunha toalla ou sentado nunha caixa. Está tranquilo e ten detalles simpáticos como cando mirou un munico cheo de uvas e preguntou se eran todas para comer el.
E seguiremos coa vendima algúns días máis.

Etiquetas: , ,

martes, 20 de abril de 2010

Lampreas


Para esta fin de semana está prevista a festa da lamprea en Arbo e como avóM non a pesca con fisga nin ten pescos, tivo que mercala en Portugal.
E, como quen non quere a cousa, levo seiscentos posteos neste blogo.

Etiquetas: , ,

luns, 15 de febreiro de 2010

Entruido tradicional para o Leo


Onte Leo, avóM, paideleo e naideleo vestíronse de entruidos e foron a tres casas de veciños. Conseguiron dez euros e podían levar orellas comidas no bandullo pero non quixeron. Asustaron en dúas casas onde os donos fecharon a porta con chave pero despóis riron tanto os entruidos como as vítimas.

Etiquetas: , , ,

luns, 18 de xaneiro de 2010

San Antonio da estación


A vida ten uns ciclos e co esta data repetiuse o refrán do ano pasado.
Viñamos onte da adega o avóM máis eu e topamos con dúas veciñas; unha que non chega aos sesenta e outra xa velliña. A velliña preguntou se sabiamos o refrán de San Antonio e dixemos que si pero ela dixo que sabía outro do San Antonio da estación de Arbo onde se facían boas festas hai muito tempo ( na foto ). Ese refrán só o saben os máis vellos e ten medo que se perda. A outra veciña díxome: " - Rapás, escribe este refrán que non se perda ". E aquí o escribo para que non se perda: " San Antonio da estación, casamenteiro das vellas; casa ás novas, que mal che fixeron elas ?. "

Etiquetas: ,

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Terra das Xans


Sempre aprendo cousas novas en Arbo e a penúltima é a antiga existencia das Xans que, antes da chegada do alumeado público aos cruces de camiños, estaban encargadas de facer desaparecer a xente da vista dun. Así lles pasou á avoaM. e á bisavoa Celia hai muitos anos cando se cruzaron cun veciño de nomeada " Pato bravo " que se lles desapareceu diante do camiño como levado polas Xans.
Consultei iso das Xans e explícao mui ben Eladio Rodríguez no seu dicionario onde di que son como unha procesión da Santa Compaña pero feita con vivos.

Na foto sae a Veigha de Campos: terra das Xans.

Etiquetas: , ,

martes, 24 de novembro de 2009

Anexo da matanza

Seguindo a solicitude dalgúns comentaristas vou explicar algunhas palabras do posteo anterior.
As colmeiras de centeo son unha especie de fachucos feitos con centeo como sae na primeira foto.
A Karcher é a pistola de auga a presión. A vide do xamón é un tendón pola zona do calcañar. Os courachos son a parte da pel do porco coa graxa pegada. Se son grandes fanse roxóns con eles. Ventrechas son as zonas graxentas debaixo da teta ou no cu do animal e é unha parte de pouco valor. Carroleira é a zona da médula espiñal. O solombo sería a carne das costas cerca da médula. As papelas son as papadas do porco. O munico é un cesto plástico e a bareixa é a mosca que pode criar na carne.

E agora vou pór algunhas fotos desta Galicia caníbal que dicía a canción.
Arriba está o momento do chamuscado para eliminar os pelos dos porcos.


Logo trasládanse na escada a outro lugar para lavalos coa máquina a presión. Hai anos, pero non muitos, lavábanse con auga e frotábanse con pedras.

E aquí está o menda co mandilón preparado para picar carne. A roupa de traballo quedara mollada de ir ao monte a buscar leña e houbo que vestirse deste xeito.

Etiquetas: , ,

domingo, 22 de novembro de 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Etiquetas: , , , , ,

domingo, 1 de novembro de 2009

Halloween en Arbo


Este día de chuvia intensa é o tal para quedar na casa a comer castañas e escuitar historias como a que contou o avóM sobre o día de onte. Xa era noite pecha cando andaban cabalos de monte por fóra da casa e alá foi o avóM axotalos para que non entrasen. Logo de marcharen os cabalos apareceulle na cancela unha " comitiva " de seis ou sete rapaces disfrazados. Os rapaces dixéronlle se lles daba algo ( nada de truco ou trato ). AvóM preguntou porque lles había dar algo e un que ía cunha saba branca e unhas barbas brancas dixo: " Porque eu son Dios ". AvóM topou a excusa perfecta: " Pero Dios dá e non pide. " O rapaz retrucoulle: " Iso era antes. Tamén don Adolfo antes daba ( un cura da zona ) e agora pide." Como tiña razón deulles un euro. E alá marchou a comitiva por eses camiños.
Este paréceme un bo exemplo de adaptación do halloween á retranca galega: un disfraz de Deus pedindo cartos.

Etiquetas: ,

venres, 2 de outubro de 2009

Rebusco


Hoxe axudei a avóM a apañar as derradeiras uvas tintas desta vendima 2009. No Couto tiña que haber un munico delas pero algún " mui curioso " xa as apañou ( forma simpática de denominar a un ladrón polas terras de Arbo ). Fomos a San Benito, Correlos e Reghengo e xuntamos catorce municos. Xantamos croques e cocido con feixóns ( " caldo sen feixóns é como home sen collóns " di a bisavoa Celia ). Despóis do xantar fomos á Insua, Tumbalobos, As Carmelas ( As Laxiñas xa están a monte; " traballar por quecer non é nada ", di avóM ) e rematamos na Louriña. Logo tocou estrughar todo e inda deu uns 400 quilos.
Abur, viñas !.

Etiquetas: ,

venres, 25 de setembro de 2009

Historias do Couto


Onte tocou vendimar treixadura no Couto, un lugar coa súa historia que daba para unha telenovela.
A finca, a casa e muito máis era dunha tartaravoa de Leo pero muitos dos terreos pasaron a outra xente. Un matrimonio da familia tiña un fillo deficiente. A muller acabou por morrer e o home xuntouse con outra muller que tiña un fillo. O home apareceu morto misteriosamente no río e o fillo da arrexuntada conseguiu os títulos de propiedade de todo pero pouco lle valeu que tamén tivo unha mala morte despóis de malvendelos. Agora podería recuperarse todo pero é mui complicado. Na familia só queda este casoupo, o eido do redor e un par de sucalcos.
Con historias así non me extraña que haxa veciñas que aínda hoxe notan a presencia da tartaravoa por este lugar.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de setembro de 2009

Vendima 2009



As uvas albariñas xa foron para a adega ao prezo de 1,20 euros o quilo ( algo ridículo se comparamos coas 250 pesetas que daban naquel tempo das pesetas ). A partir do xoves a adega abre para as uvas treixadura e, de momento, só se pode vendimar para casa as tintas e brancas híbado. Nesta fin de semana tocou vendimar as tintas para casa das que creo que houbo muito e ben maduro e san anque ás veces aparecía unha uva verde " coma un fumagho " que a avoaM non me soubo explicar que será iso tan verde. E alá quedaron a ferver tres tinallas plásticas de 1000 quilos de uvas de distintas castes como gharnacha, xaque, mencía, barrantes, etc, etc. Na foto ( ben ruin, por certo ) saen uvas Espadeiro coa marca esa que di avóM que é unha espada debuxada e de aí vén o nome. Son uvas algo ácidas e de ghraíña grande pero que vai ben para o viño.
O Leo pasou a súa primeira vendima debaixo das viñas. Démoslle dúas mazarocas de millo verrouchiño ( pequeno ) e alá enredou a debullar os granceiros sentado nunha chaqueta. Aguantou ben nas diferentes fincas e así quedou espichado a durmir na volta do coche.

Etiquetas: , , , ,

xoves, 17 de setembro de 2009

Visita familiar



Pois o Leo segue cos seus choros no cole e non entende como agora vai a outro cole onde non está Susana, a nena que lle trababa na cara, ou Rebeca, a profesora. Nós dicímoslle que agora é maior e ten que cambiar de cole e el di que non vai chorar pero non nos convence. A ver mañá.

Onde si o pasa ben é en Arbo e máis coa visita de familiares dos EEUU. Gracias a eles coñecín os Dragos, que son os montes da foto. Tamén souben da frase " son of a gun " que é unha forma fina de dicir " fillo de pu... " e lembrei a palabra " foos ball " xogando ao futbolín. Decateime de que estou perdendo o meu pouco inglés e de que o tío Pepe segue estando no grupo dos bós e xenerosos. Sorprendinme gratamente de ver o fillo e a súa noiva mollando rosquillas en viño tinto coma se fosen de aquí.

A súa ida e unhas pingas do ceo avísannos de que está rematando o verán.

Etiquetas: , ,