leoeosseus

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Terra das Xans


Sempre aprendo cousas novas en Arbo e a penúltima é a antiga existencia das Xans que, antes da chegada do alumeado público aos cruces de camiños, estaban encargadas de facer desaparecer a xente da vista dun. Así lles pasou á avoaM. e á bisavoa Celia hai muitos anos cando se cruzaron cun veciño de nomeada " Pato bravo " que se lles desapareceu diante do camiño como levado polas Xans.
Consultei iso das Xans e explícao mui ben Eladio Rodríguez no seu dicionario onde di que son como unha procesión da Santa Compaña pero feita con vivos.

Na foto sae a Veigha de Campos: terra das Xans.

Etiquetas: , ,

6 comentarios:

Ás 04/01/10, 01:12 , Blogger Dilaida dixo...

Eu teño do "Dicionario de seres míticos galegos" de Xerais e di:
As Xans son pantasmas de vivos, ou sexa sombras dobres, ou corpos astrais, semellantes a Sociedade do Óso. É unha procesión nocturna en dúas fileiras, cun cadaleito no medio. Anuncian a súa propia morte. O que vai no cadaleito xa está cun pé no outro barrio, os demais segundo vaian de chegados á caixa, tardarán máis ou menos tempo pero os de máis lonxe non pasan dos dous ou tres anos.
Só os poden ver os vedoiros e os anturuxados, nas encrucilladas, pero polo demais nen sequera se senten pasar.
Se algún vivo bate con elas e é amigo dalgúns dos da comitiva, lévano polo aire a outro lugar sen lle facer dano; se pola contra ten a desgracia de levarse mal con algún deles danlle unha malleira e arrástrano polas silveiras.
Bicos, fermosa foto.

 
Ás 04/01/10, 02:11 , Blogger fonsilleda dixo...

Se non chegaba coa Compaña, agora traes as Xans, ¿outros pantasmas? e por riba vivos.
Teño amigas en Arbo, fermoso lugar.

 
Ás 04/01/10, 02:15 , Blogger Paz Zeltia dixo...

mira tí,
agora quetodo mundo vai nos coches que pasan arreo polas estradas que fixeron por todas partes nas aldeas, (que non queda ferrado de monte que non teña unha carretera arredor)
a santa compaña está jodida, sen pasarlle a última vela a ninguén, porque non hai ninguén polos camiños...
asi que pode que agora sexa o tempo das xans,
que tampouco oira falar delas,
pásame como co apalpador que haberá un par de anos que sentín del.
pois hai que darlle pulo a esta tradición,
porque qué é galicia sin santa compaña,
polo menos que haxa outra de repuesto.

 
Ás 04/01/10, 10:00 , Anonymous Anónimo dixo...

Agora habería que saber se o tal Pato Bravo estaba daquela cun pé no outro mundo.
Tampouco estaría de máis saber a orixe do alcume.

 
Ás 06/01/10, 00:02 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

Pois nunca tal oira.
E tamén me chama a atención o alcume de pato bravo

 
Ás 31/10/19, 11:53 , Blogger delouredo dixo...

En Louredo e Remuíño temos recordo das Xans, mais non teñen outra forma que a de lumiños ou luces.

Está pendente de reelaboración, pero por se podo aportar algo máis: https://delouredo.blogspot.com/2016/05/as-xans.html

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio