leoeosseus

mércores, 13 de xaneiro de 2010

Cantinela das primeiras letras


O Leo está a aprender a ler as primeiras letras e sabe ordear as do seu nome. Agora teremos que xogar con cada vez máis letras e que vaia millorando. Se non soubese ler cantaríanlle por todas partes " AEIOU borriquito como tú que no sabes ni la U " pero por Arbo din doutro xeito que eu descoñecía e que habería que recuperar para o galego: " AEIOU se non sabes vouche ao cu ".

Etiquetas: ,

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Terra das Xans


Sempre aprendo cousas novas en Arbo e a penúltima é a antiga existencia das Xans que, antes da chegada do alumeado público aos cruces de camiños, estaban encargadas de facer desaparecer a xente da vista dun. Así lles pasou á avoaM. e á bisavoa Celia hai muitos anos cando se cruzaron cun veciño de nomeada " Pato bravo " que se lles desapareceu diante do camiño como levado polas Xans.
Consultei iso das Xans e explícao mui ben Eladio Rodríguez no seu dicionario onde di que son como unha procesión da Santa Compaña pero feita con vivos.

Na foto sae a Veigha de Campos: terra das Xans.

Etiquetas: , ,

sábado, 26 de decembro de 2009

Vincas


Onte o Leo seica levaba uns calcetíns que lle apretaban un pouco e lle facían unha marca. O Leo dixo: " Os calcetíns fan dano. Fan raias. " E nós rimos, é claro; pero eu sabía como lle chama a bisavoa Celia ás marcas que fai a roupa cando apreta e non o lembraba eu nese momento. Ao final lembrei a palabra que é " vinca " ( poño con v non sei polo que ). E aquí a deixo como parte da memoria dos ancestros para que non se perda e, sobre todo, para que non volva esquecela eu !.

Etiquetas:

xoves, 10 de decembro de 2009

Estos gallegonos !


Nesta fin de semana longa, invernal e sen viaxe programada viaxei pola rede e cheguei ao youtube onde descubrín " El chigre ", unha serie asturiana de humor onde sae unha personaxe que lle chaman "El Gallego " que é da Asturias de fala galega. A foto feita por min no verán de 2005 é precisamente desa zona e está tirada dende a ponte que une-separa Galicia e Asturias. Podes botarlle unha ollada ao vídeo aquí:

Etiquetas: , , ,

martes, 24 de novembro de 2009

Anexo da matanza

Seguindo a solicitude dalgúns comentaristas vou explicar algunhas palabras do posteo anterior.
As colmeiras de centeo son unha especie de fachucos feitos con centeo como sae na primeira foto.
A Karcher é a pistola de auga a presión. A vide do xamón é un tendón pola zona do calcañar. Os courachos son a parte da pel do porco coa graxa pegada. Se son grandes fanse roxóns con eles. Ventrechas son as zonas graxentas debaixo da teta ou no cu do animal e é unha parte de pouco valor. Carroleira é a zona da médula espiñal. O solombo sería a carne das costas cerca da médula. As papelas son as papadas do porco. O munico é un cesto plástico e a bareixa é a mosca que pode criar na carne.

E agora vou pór algunhas fotos desta Galicia caníbal que dicía a canción.
Arriba está o momento do chamuscado para eliminar os pelos dos porcos.


Logo trasládanse na escada a outro lugar para lavalos coa máquina a presión. Hai anos, pero non muitos, lavábanse con auga e frotábanse con pedras.

E aquí está o menda co mandilón preparado para picar carne. A roupa de traballo quedara mollada de ir ao monte a buscar leña e houbo que vestirse deste xeito.

Etiquetas: , ,

domingo, 22 de novembro de 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Etiquetas: , , , , ,

xoves, 22 de outubro de 2009

Coito infantil


Estes días trato de ler e mirar todo o que hai na rede sobre a manifestación e así puiden escuitar as arengas na praza da Quintana onde non fun quen de entrar fisicamente o día da manifestación. Xurxo Souto animou á xente nova das cidades galegas a empregar o galego e iso fíxome lembrar a miña infancia viguesa. Eramos rapaces e xogabamos na rúa aos xogos típicos da época e un que había era o " coito ". O " coito " non é outro que o xogo das agachadas ou escondite e tamén era o nome do pando. Pasaron os anos e mudei de domicilio e poboación e xa ninguén coñecía o meu " coito " infantil. Medrei máis e coñecín o outro tipo de coito. Agora non me queda máis que rir comparando os dous coitos e tamén, por que non ?, extrañar aquel tempo do coito infantil.
A foto preciosa de Doisneau topeina en Taringa.net onde hai máis fotos deste e outros fotógrafos.
Postdata: aparece a palabra nun dicionario de ausencias da illa de Arousa.

Etiquetas: , ,

domingo, 18 de outubro de 2009

Manifa


Tras uns días de indecisión acordei ir á manifestación en Santiago. Por razóns de saúde tiven que abrigar o pescozo e falar aínda menos do habitual. Polo camiño adiantei muitos veículos con pegatinas de " GZ " e " Nunca Máis " ( nótase que esta xente conduce dentro da velocidade legal ). Fóra da autoestrada ( muitos cartos fixo a conta da manifestación ) había cazadores e algún paisano traballando o campo.
En Santiago aparquei onde puiden por San Lourenzo e xunteime coa familia Eira de Balixe-Paidovento e un mar de miles e miles de persoas de distintas idades, de variada indumentaria e con diferentes sotaques. Había multitude de mensaxes e ondeaban un feixe de bandeiras. Na marcha soaban consignas e cancións acompañadas con gaitas, pandeiretas e tamboríns. Ao primeiro acompañamos unha pancarta co lema " Ego galego ", logo cadrounos detrás da xente de Adega, máis tarde camiñamos á beira da actriz Uxía Blanco, adiantamos a Antón Santamarina, admiramos as carreiras e chimpos de Isca, etc, etc.
Cando chegamos á praza das Praterías xa estaba a praza da Quintana acugulada de xente e ían repetir o manifesto. Logo houbo un momento de caos no que unha xente foi ao Obradoiro e outros seguiron entrando na Quintana polas Praterías.
Despóis era hora de xantar e recoller e rematou a manifestación coa marea de xente diluíndose polas rúas contenta e satisfeita por formar parte deste soño.

Etiquetas: ,

venres, 2 de outubro de 2009

Rebusco


Hoxe axudei a avóM a apañar as derradeiras uvas tintas desta vendima 2009. No Couto tiña que haber un munico delas pero algún " mui curioso " xa as apañou ( forma simpática de denominar a un ladrón polas terras de Arbo ). Fomos a San Benito, Correlos e Reghengo e xuntamos catorce municos. Xantamos croques e cocido con feixóns ( " caldo sen feixóns é como home sen collóns " di a bisavoa Celia ). Despóis do xantar fomos á Insua, Tumbalobos, As Carmelas ( As Laxiñas xa están a monte; " traballar por quecer non é nada ", di avóM ) e rematamos na Louriña. Logo tocou estrughar todo e inda deu uns 400 quilos.
Abur, viñas !.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de setembro de 2009

Vendima 2009



As uvas albariñas xa foron para a adega ao prezo de 1,20 euros o quilo ( algo ridículo se comparamos coas 250 pesetas que daban naquel tempo das pesetas ). A partir do xoves a adega abre para as uvas treixadura e, de momento, só se pode vendimar para casa as tintas e brancas híbado. Nesta fin de semana tocou vendimar as tintas para casa das que creo que houbo muito e ben maduro e san anque ás veces aparecía unha uva verde " coma un fumagho " que a avoaM non me soubo explicar que será iso tan verde. E alá quedaron a ferver tres tinallas plásticas de 1000 quilos de uvas de distintas castes como gharnacha, xaque, mencía, barrantes, etc, etc. Na foto ( ben ruin, por certo ) saen uvas Espadeiro coa marca esa que di avóM que é unha espada debuxada e daí vén o nome. Son uvas algo ácidas e de ghraíña grande pero que vai ben para o viño.

O Leo pasou a súa primeira vendima debaixo das viñas. Démoslle dúas mazarocas de millo verrouchiño ( pequeno ) e alá enredou a debullar os granceiros sentado nunha chaqueta. Aguantou ben nas diferentes fincas e así quedou espichado a durmir na volta do coche.

Etiquetas: , , , ,

luns, 31 de agosto de 2009

Abur agosto



E rematou agosto e puiden fotografar ao señor que baña os porcos. Tamén ollei de lonxe uns arroaces pescando, oín a verba " embigho " na lingua coloquial, descubrín que lle chaman truel e trueiro ao que chamamos ganapán e mincha ao caramuxo, probei un calzzone de marisco e souben de temperaturas de máis de trinta grados. O malo foi que tocaba recoller e que o Leo anda solto de ventre e con febre.
En fin, abur agosto.

Etiquetas: , ,

xoves, 13 de agosto de 2009

Roteiro de Carracido

Hoxe pegoume unha arroutada e fun de mañá facer o roteiro de pedras e auga en Carracido, unha parroquia de Vilaguindastre. Son uns catro quilómetros en círculo e pasas por unha zona onde semella que estivo un xigante caprichoso xogando con penedos e ciscándoos entre construccións, labradíos, regatos, camiños e bosques de loureiros, piñeiros, carballos, castiñeiros, acacias e eucaliptos.










Case non me crucei con ninguén pero si algúns cans e un cabalo que me ollaba curioso dende unha xanela da corte.


Mirei penedos enormes e outros que semella que van caír en calquera momento.






Pasei por viñas abandonadas onde medran castiñeiros agora.

Tamén había un muiño abandonado co rodicio ou reducio ( como lle chamamos por esta zona ) esperando que alguén o leve para adornar unha finca, un chalet ou un bar.




Topei amoroteiros ou érbedos que me fixeron lembrar a palabra " morojo " roubada do galego falado para a Real Academia Española.






E aproveitei e acerqueime ao monumento de Mos feito con pezas dun muiño cun panel explicando que " mós " é como se lle chama pola zona ás moas do muiño e aos tornarratos.




Adico este posteo con muito cariño a unha leitora fiel do blogo e que é desta zona e sei que lle vai gustar.

Etiquetas: , , ,

domingo, 26 de xullo de 2009

O aire de santa Ana e o lucecuco



En Arbo hoxe soplaba o aire de santa Ana que din que este día sempre sopla o vento. Fomos ao xardín das termas de Melgaço a durmir a sesta o Leo ( e tamén o pai ) mentres unhas mulleres falangueiras case non nos deixan durmir. Comentei o caso curioso da orde da Xunta que manda ás brigadas contraincendios recoller os vagalumes que, seica, poden provocar incendios. En Arbo extrañáronse de que os lucecucos ( como os chaman pola zona ) sexan capaces de provocar incendios e a min non deixan de asombrarme estes da Xunta.
En fin...

Etiquetas: , , ,

luns, 22 de xuño de 2009

Pelo da raposa e demáis






O aniversario da avoaM e Celia é bo para que Leo desfrute da piscina de Barbie, da manga de auga, dos chafarises en Melgaço e do parque do río do Porto. Eu aprendín o nome do pelo da raposa e os seus sinónimos, comprobei que as galiñas e os pitos van comendo o millo do canastro e que a roupa tendida co canastro no fundo non fan mala fotografía.


Etiquetas: , ,

luns, 8 de xuño de 2009

Ensinando o que sei


Onte pasamos o Leo máis eu por diante deste graffitti nunha parede veciña e díxenlle que era Dalí. Gústame ensinar o que sei e procuro facelo. Fálolle en galego porque non teño dúbidas de que vai aprender castelán pero non quero que se extrañe de oír falar galego. Hoxe xogaba coa curmá no parque da praza da Miñoca en Vigo e apareceu unha amiga dela. Oiu que a curmá falaba no seu galego co Leo ( ten muitísimo mérito que lle pon gañas ) e preguntoulle con extrañeza e polo baixo: - Oye, tu primo habla en gallego ?. Ela non contestou e eu quedei pendiente de como acababa o asunto. Ao final a nena recuperouse da súa extrañeza e púxose a falar no seu galego con Leo coma se fose un xogo. Aledeime de que o asunto rematase así e non houbese burlas nin malas historias porque non aguantaría sentirme culpable por só ensinar humildemente o que sei. Espero que no futuro o Leo non me reproche nada.

Etiquetas:

mércores, 3 de xuño de 2009

Flatoso


Leo no blogo de Francisco Castro que hai un político basco orgulloso de non saber basco. Nos comentarios hai xente que di, mui atinadamente, que non saben como unha persoa pode estar orgullosa de ignorar algo. Por iso eu podo dicir que non me presento para as eleccións europeas ( nin gañas ) pero estou flatoso ( presumido na miña aldea ) de que sei contar ata cen en basco e de que podo bautizar algúns monecos do Leo con nomes bascos e así a tartaruga chámase Dorti ( de dortoka, tartaruga en basco ) e o polbo chámase Oili ( de oilarra, polbo en basco ). Hai anos miña novia tiña un coelliño de peluche que tiña o nome de Untxi e non se pode negar a beleza desa palabra. Todo iso aprendino pola miña conta, como tamén a escribir no ordenador con máis de dous dedos e aínda non estou contento de todo porque aínda teño que mirar algunhas técolas de cando en vez e non sei tanto basco como querería.
Pero non hai problema: supoño que poderei seguir " colexiándome " no tempo libre que me deixe o parlamento europeo.

Etiquetas: ,

xoves, 12 de marzo de 2009

Errar é de humanos

... pero rectificar é de sabios.
Vén isto a conto para dicir que metín a zoca cando dixen o outro día que chorar as prantas significa botar flor. Merce, An, Carlos Sousa e rui estaban no certo cando dicían que a viña chora cando a podas e cae savia. Cando o comentaron entráronme as dúbidas e consulteino cos compañeiros e aclararon o significado do verbo chorar nas viñas que coincide co que din os comentaristas. Síntoo porque o chorar malinterpretado por min habería de valer para facer poesías fermosas e todo pero non vai ser o caso.
Este asunto faime lembrar o erro no que estabamos algúns cando falaba un familiar noso da súa familia política e dicía: Fulano da Famulia, Zutana da Famulia. Nós estabamos convencidos que famulia significaba familia política. Só despóis de muitos anos descubrimos unha parroquia cun lugar chamado A Famulia que era de onde viñan eses familiares todos.
Curiosidades.

Etiquetas:

luns, 9 de marzo de 2009

Máis feo ca ...


Hoxe é luns e lembrei unha frase simpática que dixo un compañeiro haberá un par de semanas. Estabamos falando dun home e o compañeiro dixo: É máis feo ca un " lunes ". Penseino un pouco e fíxome graza.
Deixo aquí escrita esa frase para non esquecela anque hoxe non foi un luns particularmente feo. É máis, eu diría incluso que foi bonito cun tempo agradable para ir ao parque co Leo e desfrutar e todo.

Etiquetas:

domingo, 8 de marzo de 2009

As prantas choran


Hai muitos anos aprendín que o grupo consonántico inicial " FL- " do latín evoluciona para o galego en " CH- " e o extraño era que a palabra latina tan abundante como " flos, flororis " non resultase " chor " no galego. Iso si, había o caso da chorima que é unha palabra querida por muitos e que é a flor do toxo. Ata aí o que tiña entendido eu sobre flor e a súa evolución no galego.
Pero o outro día falaba un compañeiro xa maior sobre atar e podar viñas e dicía que era xa tempo que senón empezaban as prantas a chorar, a botar flor. E lembrei o asunto da evolución da palabra flor e o raro que non estea rexistrado este verbo exemplo de evolución.
Bueno, aquí o deixo para o futuro.
A foto é da camelia que chora agasallo dunha amiga para o Leo.

Etiquetas: ,

xoves, 26 de febreiro de 2009

O Leo aprendendo


O outro día sorprendeume o Leo contando ata cinco nun libriño para aprender a contar. Pareceume un feito case máxico porque paréceme aínda cedo para iso. Non sei.
O que é verdade é que é curioso e quere saber os nomes de todo o que mira e unha das súas novas afeccións son os contos dos pitufos e aí estou eu inventando nomes de pitufos. Iso si, espero que non aprenda a escribir con Gargamel porque escribe nun frasco " bava " de sapo.

Etiquetas: ,