leoeosseus

domingo, 24 de xaneiro de 2010

Razón e equivocación



Un posteo de Chousa da Alcandra fíxome lembrar un enredo que aprendín hai anos onde o final acaba coma o principio.



Cando un neno ten catro anos pensa que o pai sabe todo. Cando o rapaz ten doce anos pensa que o pai ás veces se equivoca. Cando ese mozo ten vinte anos di que seu pai non se enteira de nada. Cando chega aos vinteoito di que seu pai ás veces ten razón. E cando chega aos trinta e seis o neno, xa feito un home, exclama: " Canta razón tiña meu pai ! ".



Na foto está a bisavoa Celia rodeada de veciños nenos, rapaces, adultos e vellos con razón ou errados ou no camiño entre ambas posicións.

Etiquetas: , ,

venres, 6 de novembro de 2009

Huevo, pico, araña


A xenerosidade fixo que Ángel Utrera me enviase unhas fotos preciosas que agradezo muito. E grazas a el descubrín outros fotógrafos como Veiga Roel ou Ramón Dimas.
Entre as fotos que mandou hai esta duns nenos xogando a " Huevo, pico, araña", un xogo que practiquei na escola. Dividiamonos en dous grupos e un grupo apandaba e os outros saltaban enriba. O primeiro en saltar puña os dedos da man facendo a forma dun ovo ou un pico ou unha araña de maneira que non o descubrise o de abaixo e á vista da "madre" que era o rapaz que aguantaba o grupo apoiado nunha parede e o de abaixo tiña que atinar a figura. Se atinaba cambiaban de sitio os grupos e se erraba seguía apandando o grupo de abaixo. Se derreaban ( cedían ao peso ) perdían e volvían saltar os gañadores. Tamén os había bestas que saltaban todos enriba do último que apandaba para que derrease e non apandar.
Tempus fugit !.

Etiquetas: , ,

xoves, 22 de outubro de 2009

Coito infantil


Estes días trato de ler e mirar todo o que hai na rede sobre a manifestación e así puiden escuitar as arengas na praza da Quintana onde non fun quen de entrar fisicamente o día da manifestación. Xurxo Souto animou á xente nova das cidades galegas a empregar o galego e iso fíxome lembrar a miña infancia viguesa. Eramos rapaces e xogabamos na rúa aos xogos típicos da época e un que había era o " coito ". O " coito " non é outro que o xogo das agachadas ou escondite e tamén era o nome do pando. Pasaron os anos e mudei de domicilio e poboación e xa ninguén coñecía o meu " coito " infantil. Medrei máis e coñecín o outro tipo de coito. Agora non me queda máis que rir comparando os dous coitos e tamén, por que non ?, extrañar aquel tempo do coito infantil.
A foto preciosa de Doisneau topeina en Taringa.net onde hai máis fotos deste e outros fotógrafos.
Postdata: aparece a palabra nun dicionario de ausencias da illa de Arousa.

Etiquetas: , ,

venres, 16 de outubro de 2009

Recreo na fotografía


Un dos meus divertimentos é ollar fotografías e isto da interrede é o tal para iso. Quedei enamorado desta foto de Paul Fusco feita desde o tren onde ía o corpo de Robert Kennedy. Tamén merquei un libro marabilloso e barato sobre fotos de indios de Edward S. Curtis e navego por sitios de fotografías marabillosas como photodom, photo.net, negativodigital, magnum ou trekearth entre outros lugares.

Etiquetas: ,

mércores, 26 de agosto de 2009

Terragrafías









Terragrafías é unha fermosa mistura entre terra e fotografía onde se mostra o traballo da xente coa terra e acompáñase dalgún texto pequeno.
Fusilei algunhas das fotos que están en exhición no centro cultural do Porriño ata fin de mes para os que non poidan visitalo.

Etiquetas: ,

martes, 24 de marzo de 2009

Descubrindo a " Rizo "


Unha das gratas sorpresas que teñen as librerías é topar libros descoñecidos. Un exemplo é o libro de fotografías Xosé Vázquez Arias " Rizo ", tres décadas de imaxes prodixiosas.

Fusilei algunhas fotos do libro e aquí as deixo para desfrute e coñecemento dese fotógrafo ourensán e do seu traballo.










Etiquetas:

luns, 16 de febreiro de 2009

Conservando


A foto esta ten uns aniños e foi feita por unha estranxeira en Arbo. Gústame polo enfoque que ten e o colorido ( gaña se a amplías clicando nela ) e serve de testemuña do cambio dos tempos porque esta viña hoxe non existe e o feixe de veigas adicadas a millo coas súas medas agora están adicadas a viño.
Eu creo que un blogo é unha ferramenta ideal para conservar fotos e textos en forma de diario que co tempo gañan valor.
E por iso hoxe quero conservar as anécdotas do Leo " bautizando " pedriñas no xardín da avoaM, o riso que botamos cando queriamos gravalo cantando " Cumpleaños feliz " ao avóM e soltou a canción de " Caracol, col, col ", a ledicia que levou probando o disfraz de indio cos curmáns e o falar " extraterrestre " cando colle o teléfono.

Etiquetas: , ,

mércores, 22 de outubro de 2008

Maxia do abandono



Este tempo de outono ten un aire triste e como de abandono. Non sei a ti pero a min sempre me atraeron os lugares abandonados ou arruinados e o ano pasado non puiden evitar a tentación de entrar nun pazo abandonado cerca de Vilaguindastre. Supoño que será ilegal pero movíame a curiosidade por ver por dentro aquel lugar. Ao final non tiña ningún misterio anque a silla esa que mira á fiestra non sei que será.

E como hai blogos de todo hai un blogo adicado a lugares abandonados como minas, aldeas ou puticlús !.

Vía magago.

Etiquetas: , ,

martes, 8 de xullo de 2008

Deixaime que eu son así



Hai tempo topei esta foto nun libro do fotógrafo Magar e non puiden evitar fusilala. Na foto sae un coñecido de cerca de Vilaguindastre que xa morreu. Eu coñecino con máis idade e cun carriño xa motorizado. Naceu eivado e para camiñar facíao a catro patas cuns tacos de madeira nas mans para non esfolalas. Había rapaces que lle tiñan medo pola feitura tan pouco común pero el tiña bo humor e sempre sorría e ata contaba unha anécdota que lle pasara cuns portugueses. Era noite e el volvía á súa casa no carriño pero nunha curva un coche saiu da estrada e tirouno con carro e todo a unha finca. Os portugueses que ían no coche saíron berrando e botando as mans á cabeza mirando a desfeita. Entre dous agarraron á vítima e empezaron a puxar crendo que os brazos e as pernas quedaran encollidos do accidente. Muito turraban e o home chiaba e chiaba pero non o deixaron en paz ata que berrou:- Deixaime, carallo, que eu son así !.

Etiquetas: ,

martes, 1 de xullo de 2008

Fusilando

Cando digo fusilar refírome a facer fotos doutras fotos que isto é outra das vantaxes das cámaras dixitais.


As últimas fotos que fusilei son do libro " A illa de Ons, unha cultura, unha identidade " onde saen fotos da década dos 60 feitas por un sueco que estudou antropoloxía e, despóis de estar nas illas Faroe, pasou a vivir na illa Ons. A vida fixo das súas e o sueco rematou por namorar e casar cunha moza da illa. Bueno, supoño que aquí haberá unha historia ben fermosa de amor esperando por unha película pero eu non vou facela. O que si vou facer é deixar fotos fusiladas dese libro feitas por un sueco que quixo retratar unha xente e uns costumes diferentes.
















Etiquetas: , , ,

venres, 12 de outubro de 2007

Día das comunidades indíxenas



Hoxe celébrase o día da hispanidade ou da raza en España e sudamérica como ben reflexa a foto. Tamén eu falei deste día hai dous anos.
En fin, polo menos fixo sol para pasear e xantei pulpo á feira que non sei se será considerado mui español que digamos.
PD: interesantes fotos en Guatemala.

Etiquetas: ,

venres, 5 de outubro de 2007

Album de outono


Se clicas no " sign this guestbook " podes engadir unha foto a este album.

Quero facer un album con fotos do outono anque podes subir a foto que queiras.

Graciñas.

Etiquetas: ,

venres, 17 de agosto de 2007

Album de fotos antigas de Vilaguindastre


Teño un libro precioso de fotos antigas do Porriño e quero compartir algunhas delas.

Etiquetas: , ,

xoves, 16 de agosto de 2007

Cabo Home, Costa Rica e dailyphotoblogs



Onte puidemos pasear cuns amigos polo cabo Home, onde remata a península do Morrazo. Á mañá parecía que ía chover todo o día pero abriu o bastante como para podermos pasear. Xantamos coa compaña dunha amiga costarricense profesora nos EEUU que nos falou dos hoteis pegadiños a volcáns con lava que ilumina a noite e as carretas de cores tan típicas dese país. Nós mostrámoslle este rincón da nosa costa con esa aldeíña de Donón asomada ó océano. Podes crerme ou non pero eu soñei co esa aldea antes de vela por primeira vez hai uns anos.



Tamén estes días, como está o blogomillo bastante parado, andei a visitar blogos de dailyphotoblogs con fotos máis que interesantes e de aí que veñan comentarios en inglés e brasileiro.


Etiquetas: , , ,

domingo, 15 de xullo de 2007

Novas ligazóns

Este domingo non foi un día ideal para pasear así que tiven unha sesión intensa de interrede. Uns blogueiros, por desgracia, deixaron de escribir pero en cambio descubrín outros como un arqueólogo en Neixón, la queue bleue, mueja ou un xaponés enamorado de Galicia. Tamén descubrín as fotos de Fernando Bellas que non teñen desperdicio e de exemplo está esta foto das Marías reais de Santiago, modelo das Marías que están no Paseo da Ferradura.

Etiquetas: ,

martes, 26 de xuño de 2007

Interneteando

Estes días tiven tempo para coñecer as fotos de Carlos Valcárcel Gay , visitar as antípodas de Vilaguindastre ( é o parque nacional de Paparoa en Nova Zelanda, á beira do mar ) e para escoitar música de Los Berrones.

Etiquetas: ,

luns, 26 de febreiro de 2007

Camelias e caracois

Onte saiu o sol por fin e puidemos ir visitar a mostra de fotografías de camelias de Cristina Barreiro en Marín. E gustounos. E aprendín que hai multitude de variedades entre as que está as variedades "Cidade de Vigo" e "Rosalía de Castro" entre outras. Tamén aproveitamos as lambonadas que había nunha sala como fixo tamén Oko.
E poño unha foto onde sae unha camelia cun caracol para dicir que no choio, polo medio dos bloques de granito, hai muitos caracois ou coscos.
A min dáme nonseique imaxinar o seu futuro se seguen na pedra así que trato de salvar a maior cantidade de bechos. Iso si; procuro que non me vexa ningún compañeiro de choio que me consideraría un tolo.

Etiquetas: , ,

martes, 6 de febreiro de 2007

Exposición de fotos de camelias



Hoxe chove e todos sabemos que a chuvia é boa para as prantas e as frores. Co inicio da primavera frorecen as camelias coas súas camelias de cores ben variadas. Pois ben, no Museo Torres de Marín vai haber unha exposición de fotografías de camelias na segunda quincena de febreiro. A fotógrafa é Cristina Barreiro e, coñecendo a súa sensibilidade e bo facer, non hai ningunha dúbida de que mostrará fotografías preciosas e dignas de premio.

Un engadido filolóxico: en Arbo chámanlle ghapoeiro á árbore das camelias e non sei se esa denominación terá que ver coa orixe das camelias que viñan do Xapón.

Etiquetas: , ,

martes, 26 de setembro de 2006

Máis fotos antigas de Vilaguindastre



Como ves na foto, Torneiros cambiou. Medraron as árbores, multiplicáronse os coches, mudaron de farolas e hai novas construcións. Tes razón cando dis que as cousas cambian. E, falando de cambios, Leo parece que xa está colocado e a súa saída xa é cousa de pouco tempo.

Aquí abaixo deixo unha foto do centro de Vilaguindastre de hai uns corenta anos.

Etiquetas: ,

sábado, 23 de setembro de 2006

Fotos antigas de Vilaguindastre


O tempo pasa e xa estamos nas festas de Vilaguindastre e este ano hai unha mostra de fotos antigas aportadas polos veciños. Teño gañas de ir a esa mostra na que non vai estar esta foto dun accidente en Torneiros hai case trinta anos. Muito cambiaron as cousas dende aquela...

Etiquetas: ,