leoeosseus

domingo, 16 de decembro de 2007

Reis magos VS Papa Noel



Non sei se é impresión miña ou non pero semella que este ano hai menos Papa Noeles agabeando polas fachadas das casas e ata hai en troques algúns Reis Magos coma os da foto. No centro comercial os comercios desexan Merry Christmas e a megafonía pon panxoliñas andaluzas e anglosaxonas e un mínimo de panxoliñas galegas. Nunha xoguetería de urxencias oín unha conversa entre unha señora e unha nena.

Señora: - A quen pediches os regalos, a Papa Noel ou aos Reis Magos ?.

Nena: - Aos Reis Magos, claro.

S.: - E por que ?.

N.: - Porque teñen máis cartos.

S.: - E por que teñen máis cartos ?.

N.: - Pois porque son reis.

Sabedoría infantil.

Etiquetas: ,

xoves, 13 de decembro de 2007

Paquete de Nadal



Hoxe recibín o paquete de Nadal que dan na empresa. Aparte dos productos viña cunha nota onde explica a orixe dos paquetes de Nadal. Eu non sabía a historia e gustoume iso de empezar un ano novo con dóces.

Etiquetas: ,

luns, 10 de decembro de 2007

Xoguetes

Estes días ferve a televisión con propaganda de xoguetes: dende os máis sinxelos ata outros que son case inimaxinables. Un exemplo poden ser os peluches. Antes os peluches eran sinxelos e representacións de animais típicos coma cans, gatos, osos, coelliños e pouco máis; pero agora diversificouse a oferta de tal maneira que hai polbos e ornitorrincos. Eu pensaba que o ornitorrinco era un parrulo porque se apretas fai "cua, cua" pero é un ornitorrinco porque ten catro patas en vez de dúas patas e dúas ás. Iso si, os xoguetes semellan ser case todos da mesma marca: " más de 30 euros ". Menos mal que os pais non son os que mercan os xoguetes...

Etiquetas:

luns, 3 de decembro de 2007

Lotaría de Nadal



O outro día estivemos falando da lotaría e os seus premios e a ilusión que trae consigo. Eu non xogo a nada de quinielas, nin ONCE, nin lotarías, nin primitivas, nin bonoloto, nin nada. A única excepción que fago é cando é a lotaría do Nadal. Entón si que merco participacións sen muita confianza en que toque porque sei que vou morrer pobre de cartos. Hai xente que se pon triste se non lle toca un premio pero eu penso que o premio máis grande que podemos ter é o de que nos sobren cartos para mercar lotaría... O resto sobra.

Etiquetas:

martes, 6 de novembro de 2007

San Cucao



Sempre aparecen misterios que non son doados de aclarar como esta escaleira nun penedo de Arbo que non se sabe de onde vén e a onde vai.

Outros misterios teñen explicación. Só hai que buscarlla. Como o misterio dos camións asturianos de San Cucao. Eu pensaba: San Cucao, San Cucao, quen é San Cucao ?. Pois parei a averigualo e souben que era san Cucufate pero en asturianu. En catalán ten un nome bastante coñecido: san Cugat. Pero en galego ten un nome que nin soa a galego: Covade ou Cobad. E non estou inventando nada que sae na wikipedia. O que pasou ese home foi muitas torturas pero saía ben delas e ó final tiveron que cortarlle o gañote. Este santo é bo para topar cousas perdidas.

Etiquetas:

luns, 22 de outubro de 2007

Ignorancia con cartos



Cos cartos pódense conseguir muitas cousas e poder pero a cultura non vén automáticamente cos cartos.

Un exemplo de marulán pode ser o dono desta casa de boa feitura e que valeu os seus cartiños que foi cagala cando puxo o escudo do revés...E aínda andará todo gabacho mostrando o escudo !.

Etiquetas:

venres, 14 de setembro de 2007

Mensaxes no centro comercial

Xa rematou o tempo de praia e hoxe estivemos nun centro comercial. O Leo alucinaba coas luces e o movemento de xente e gustoulle probar un todoterreo e un coche de carreiras.
A xente era un mostrario de vestimentas e o que máis me atrae son as mensaxes das camisetas: unha rapaza quería que a bicasen, outro rapaz daba a coñecer ó mundo que Galicia foi a campiona mundial de futbolín no ano 1997 e así máis mensaxes. Pero o que máis me gustou foi o que puña en inglés que o único que permanece é o futuro... e o noso futuro máis próximo é a vendima 2007.
Ata a próxima.
Na foto unha atracción para menores con mensaxes para maiores.

Etiquetas:

martes, 11 de setembro de 2007

Restaurante " O Gran Botellón "

Hai días que non teño pan ou algo para meter no pan cando é a hora do bocadillo pola mañá. Tamén hai veces que me ergo tarde e non teño tempo para preparar o taco. Unha solución a estes imprevistos é ir a un restaurante ó que van varios compañeiros de cotío. Nese restaurante hai algúns detalles que me chaman a atención. Un é o " Gran Botellón " que vixía a entrada dende o aparcamento cunha cámara de vídeo. Outro detalle é o cadro de abaixo que me semella cheo de vida e que me fai pensar no que di o mozo á moza e no que estará cismando a que supoño que é a nai da moza.
Aparte destes detalles o restaurante ten un máis que bo prezo: unha boa tapa quente a escoller entre tres pratos, unha cervexa, un café e pan moreno a esgalla todo por 2,90 euros... Por ese prezo paga a pena que o " Gran Botellón " me vixíe !.


Etiquetas: ,

xoves, 30 de agosto de 2007

Espantallos

Nas viaxes a Portugal apenas miramos diferenzas entre Galicia e Portugal. Na estrada hai funchos e herbas rapudas que son as primeiras colonizadoras dun terreo queimado ou urbanizado. O millo en Portugal está cultivado máis xunto que en Galicia e non me cadrou de mirar ningún espantallo. Buscar espantallos é unha afección que teño coma outra calquera. A verdade é que se miran de cada vez menos e menos. Agora póñense máis Cds pendurados ou fitas de cores ou bolsas plásticas. Na foto está un espantallo que descubrín en Vigo o ano pasado e a verdade que mete medo. Se queres ver un concurso inglés de espantallos clica aquí.

Etiquetas:

martes, 28 de agosto de 2007

Caricatura de Paideleo



Estamos con reformas na biblioteca da casa e entre libros e trangalladas descubro papeis que cría perdidos. Un deles é esta caricatura que ma fixo un mudo hai once anos. Eu estaba nunha cafetería e apareceu o home co seu bloc e utensilios para debuxar. Ofrecía facer caricaturas por cincocentas pesetas. Eu non tiña ningunha caricatura miña e dispuña de media hora e tamén desas cincocentas pesetas así que me ofrecín para que ma fixera. Fíxoma, leveina a casa todo gabacho e coas mudanzas e o paso do tempo rematou por desaparecer ata que estes días a volvín descubrir. Gustaríame conservala porque segue sendo a única caricatura miña que teño e porque César, o caricaturista, pode que un día se faga famoso e obras asinadas por el adquiran gran valor...Nunca se sabe...

Etiquetas:

xoves, 16 de agosto de 2007

Cabo Home, Costa Rica e dailyphotoblogs



Onte puidemos pasear cuns amigos polo cabo Home, onde remata a península do Morrazo. Á mañá parecía que ía chover todo o día pero abriu o bastante como para podermos pasear. Xantamos coa compaña dunha amiga costarricense profesora nos EEUU que nos falou dos hoteis pegadiños a volcáns con lava que ilumina a noite e as carretas de cores tan típicas dese país. Nós mostrámoslle este rincón da nosa costa con esa aldeíña de Donón asomada ó océano. Podes crerme ou non pero eu soñei co esa aldea antes de vela por primeira vez hai uns anos.



Tamén estes días, como está o blogomillo bastante parado, andei a visitar blogos de dailyphotoblogs con fotos máis que interesantes e daí que veñan comentarios en inglés e brasileiro.


Etiquetas: , , ,

luns, 13 de agosto de 2007

Teste de intelixencia


O outro día fedellando pola arañeira adiante topei un sitio onde podes calcular o teu coeficiente de intelixencia ( IQ ). Fíxeno e non vou negar que levei unha desilusión pois conseguín 100 puntos que me deixa nun posto de intelixencia normaliña de todo. O teste está feito de corenta series de imaxes para completar en corenta minutos. As primeiras son fáciles pero despois complícase o asunto de mala maneira ( polo menos para min ) e rematei respondendo ó chou.
Se tés corenta minutos e gañas de facelo clica aquí. Lembra que son corenta minutos cronometrados e que non che dan as solucións.
Sorte.

Etiquetas:

venres, 3 de agosto de 2007

Cow parade e Horse Parade

Bueno, xa está ben de fotos en branco e negro e con mal tempo que estamos no verán.

No mesmo lugar de Vigo teño eu esta foto da " cow parade " ou exhibición de vacas deste verán. E teño que dicir unha cousiña. Eu estou de acordo con que disfracen as vacas de Cristobo Cowlón ou que as poñan de pé ou surfeando. O que me parece mal é que lle poñan seis tetos no canto dos catro regulamentarios. Xa está ben, non sei onde iremos parar...

E embaixo poño outra foto de hai tres anos dunha mostra de cabalos coa representación dun cabalo representando a España na costa de Carolina do Norte, concretamente en Nags Head que vén a significar Cabeza de Egua.

Etiquetas:

martes, 24 de xullo de 2007

Operación máxica


TioNan estivo de cumpreanos. Estudiou económicas así que seguro que lle gusta este xogo.
- Pensa un número do 1 ó 9.
- Multiplícao por 9.
- Suma os díxitos resultado desa multiplicación.
- Réstalle 5.
- Colle o alfabeto e colle a letra que coincida con ese número. Ex: A é 1, B é 2, C é 3, D é 4, etc.
- Pensa un país que empece por esa letra.
- Colle a segunda letra dese país e pensa un animal que empece por esa letra.
Solución nos comentarios.

Etiquetas:

luns, 18 de xuño de 2007

Interneteando e o meigo


Esta fin de semana tan chuviñenta ( almorzos con xarope de arce e merendas con chocolate ) non deu para paseos reais pero si algúns virtuais. Encantoume a defensa da lingua galega de eunoutrolado. Aprendín algo sobre os nomes dos galegos e ata sobrevoei terras de Arbo gracias ó Youtube.
O Leo tamén aproveitou o tempo para aprender e xa agatuma, ou sexa, arrástase polo chan coma un soldado .
E aquí está na súa bañeira mostrando os sachiños de abaixo. É un meigo ( como di a avoaE ) e tamén é un macaquiño da caixa dos mistos ( como di o avóM ).

Etiquetas: , , ,

xoves, 14 de xuño de 2007

Crise da gandería


O sector da agricultura e gandería está en crise contina e os productos non renden o que deberían. Muitas explotacións fechan. Manolo Rivas de escribir hoxe o seu " Un millón de vacas " tería que cambiarlle o título por " 400000 vacas ". Outros productores optan por cambios radicais. Sae o bum e fan cartos a moreas os primeiros que explotan esas novidades. Pasou cos kiwis, cos visóns, coas búfalas, coas avestruces, etc.
En definitiva, hai que dar de comer a toda esa fauna e así na fábrica pódese topar pienso para polos, porcos, vacas, ovellas, cabras, cabalos, coellos, cans, gatos, pombas e perdices... Incluso hai pienso para avestruces. Pero o que si me abraiou foi topar pienso para caracois ou coscos !!!. Quen sabe cal será o próximo ?.
En fin, a imaxinativa ó poder.
Na foto está o Colín hai dous anos cunhas avestruces na illa de Arousa. O Colín non estaba acostumado a esas pitas tan enormes e apañou un bo susto.

Etiquetas: , ,

xoves, 7 de xuño de 2007

A Coca de Monçao


Dá gusto aprender cousas novas. Teño un compañeiro de traballo portugués e díxonos que hoxe era festivo en Portugal e que en Monçao fan a festa da Coca. Eu coñecía a Coca de Redondela pero non coñecía a de Monçao. No día de Corpos en Monçao no recinto das touradas, fan unha luita entre a Coca e San Jorge como sae na foto e normalmente gaña San Jorge porque a Coca se retira ou perde unha orella que lle corta o cabaleiro. Pero hai ocasións nas que o cabalo ten medo ( cada ano o cabalo e o cabaleiro son distintos ) e acaba fuxindo entre os apoupos e risas do público e resulta gañadora a Coca. Este feito tern a súa parte positiva porque din que se gaña a Coca o ano é bo para a agricultura.
Eu non puiden ir hoxe e non sei o resultado final pero gustaríame que gañase a Coca... Hoxe e sempre.

Etiquetas: , ,

domingo, 27 de maio de 2007

Festival de Cans ( 2ª parte )

Onte foi xornada de reflexión pero tamén foi día de festival en Cans ( nome que procede etimoloxicamente de canles e non dos cans que todos coñecemos ).



Eu puiden escapar un par de horas para cheirar o ambiente e enteirarme un pouco de que ía o conto. Non cheguei a entrar en ningún galpón nin cuberto con proxeccións pero puiden ver os chimpibuses a acarrexar xente. Tamén rin un pouco coa actuación de Toni Lomba e Elio dos Santos. Albisquei algún famoso da TVG e recreeime na " can parade " coas siluetas do can símbolo do festival redeseñadas por artistas locais e así dei coñecido o famoso can verde tan raro de ver ( ou era azul o can da expresión ? ).


E como todo non ía ser troula había veciños de Cans que estaban a cavar nunha veiga alleos ó festival.


En fin, que para o ano conto con repetir.

Etiquetas: ,

mércores, 23 de maio de 2007

Eleccións municipais


É un bloque de granito ?. É un coche ?. Non, é o granitomóbil; o coche pregón da SPL : Sociedade Política Local. O coche vai pintado coma se fose un bloque de granito Rosa Porriño e leva a bandeira galega, altofalantes por onde soa música composta polo primeiro candidato e fotos familiares súas e dos candidatos.
Este ano a campaña está máis reñida ca nunca cos Verdes incluidos que de curiosidade poñen lazos verdes nas farolas.
E logo din que a política é aburrida.

Etiquetas: ,

martes, 22 de maio de 2007

Festival de Cans

Dentro duns días dará comenzo o Festival de Cans no Porriño na súa cuarta edición. Nas ocasións anteriores non puiden ir e este ano non irei o xoves e mailo venres porque traballo de tarde pero o sábado pode ser que me acerque alí. Este festival de curtas ten algunhas peculariedades como que hai desfile de chimpíns (motocultores que levan remorque cos actores enriba), as proxeccións son en galpóns e cubertos, hai música e hai cañas a un euro. Se o tempo acompaña o éxito está asegurado.

Etiquetas: ,