leoeosseus

venres, 13 de xuño de 2008

Servicios mínimos



A folga segue e son poucos os camións que se aventuran a saír. Como en todo hai clases e clases e se tés un camión ou dous de Transportes Manolo, por exemplo; a garda civil ou a policía non te acompañan. Pero se tés un feixe de camións xa tés escolta asegurada. Esta é unha proba máis de que non vivimos nunha democracia senón nunha plutocracia.

Na Torredocaminho dedicámonos a limpar, amañar e axeitar cousas. Iso si, hoxe saíron camións con pienso animal en servicio mínimo porque se non os animais morren á fame.

O pienso non é como a herba pero seguro que lles aproveita, coitados.

Etiquetas:

mércores, 4 de xuño de 2008

Folga de camioneiros


Estes días anda todo o mundo alborotado na fábrica porque os camioneiros queren facer o número maior de viaxes posibles antes da folga.
Esta situación faime lembrar o camión da foto que un día non pasou a revisión e pensaba que se ía retirar. O conto foi outro: quitáronlle a matrícula e metérono contra a súa vontade na fábrica de granito e aí segue camiñando en primeira e marcha atrás carregado con bloques inmensos castigado coma un Sísifo motorizado. Só lle queda que chegue o día que non sexa quen de andar e descansar para sempre.
Quen defende os dereitos das máquinas ?.

Etiquetas:

xoves, 22 de maio de 2008

Unha aposta



O outro día estivemos falando os compañeiros de choio sobre Eurovisión e o Chiquilicuatre e, ao final, acabei apostando as cervexas dunha semana contra un compañeiro. El dicía que vai quedar entre os seis primeiros e eu digo que acabará entre os dez últimos. Ao final rematamos partindo a lista en dúas metades e o compañeiro di que quedará na metade dos primeiros e eu digo que queda na metade para abaixo da lista.

Supoño que gañarei a aposta pero se non é o caso non me importa porque ese compañeiro, enxuito coma un asubío e que me lembra un xudeu dun campo de concentración é o que millor me cai da empresa por traballador e bó compañeiro.

Etiquetas:

mércores, 7 de maio de 2008

Un rapaz con cabeza



Mentres trataba de recuperar fotos perdidas en safari fotográfico por Vilaguindastre adiante pilloume un compañeiro de choio. Este compañeiro caime ben. É un rapaz novo pero coa cabeza ben asentada e as ideas claras. Ten asumido que cobra o que cobra e non hai máis e que non hai que encapricharse por papaxadas caras que afunden a un en préstamos. Sacou o carné de conducir hai pouco e mercou un coche vello pero xeitoso e condúceo con toda calma. Encántanlle os coches antigos pero sabe que debe conformarse con posuilos só en fotos de revista. E non penses que é aburrido o rapaz. Que va !. Sabe desfrutar da vida e dicir cousas simpáticas como que a xente pouco espabilada ten menos luces ca un barco pirata.

Etiquetas: ,

mércores, 9 de abril de 2008

Un ano en Torredocaminho


Hoxe fago un ano traballando na Torredocaminho facendo alimentos animais e, mirando o que chove, alédome do cambio de traballo que fixen naquel día. Non só era malo traballar no exterior coa chuvia senón os riscos de accidente que corría un.
Alédome de que esta foto pertenza ao pasado.

Etiquetas:

xoves, 3 de abril de 2008

Dominios



No traballo temos outro mecánico pero que se caracteriza polo dominio da palabra e así para dicir que ninguén é perfecto di: " o que non cae, esbara " e prodiga refráns no momento oportuno e así falando dun home coxo que é mala persoa soltou aquilo de: " de home coxo e can rabelo fíate coma do demo ".

Outro dominio que ten é o da navalla porque prona a fruita con mestría. Supoño que será unha destreza da xente con máis idade.

E de proba deixo a foto tirada en Acedre duns xugos e arados tallados a man por un velliño.

Etiquetas: , ,

luns, 24 de marzo de 2008

Manitas malfalado


Case parece pecado falar de traballo despóis destes días non que quen máis quen menos descansou pero o traballo tamén forma parte das nosas vidas, non é ?.
No choio hai un mecánico que é un manitas no seu oficio amañando problemas lixeiro. O que ten é que é un chisco malfalado e mentres arranxa algo císcase en toda a corte celestial. Pero el remata por reparar o que faga falta. Tamén pensa na seguridade dos traballadores e como exemplo poño este cartel feito por el no que a palabra " joder " pode valer de sinatura súa.

Etiquetas: ,

martes, 5 de febreiro de 2008

Ata o ano, entruido



Este ano o rei do entruido foi Cuquín, digno contrincante de Mortadelo nisto dos disfraces.

Eu despedín hoxe o entruido comendo lacón con grelos de tapa con orellas de sobremesa. Iso e máis unha cervexa e un café no bar do Gran Botellón pagando 2.90 euros ( aínda non subiu os prezos ).

Etiquetas: ,

venres, 11 de xaneiro de 2008

Alimento de cabalos


Hoxe tocoume ensacar pienso para cabalos e hai que ver como arrecende. O alimento para cabalos ten dúas características diferentes dos outros: é de sabor e cheiro dóces e non ten pó que senón os cabalos esbarrufan cando comen. O cheiriño dóce dallo a melaza e a garrofa. A melaza parece ser que a empregan tamén para facer Coca-Cola, de feito vén un camión cisterna deles a encher o depósito de melaza. No tocante á garrofa dicir que é unha especie de xudía tamén de sabor dóce que pendura dos algarrobos. Antigamente había muitos algarrobos pero van a menos estas árbores mediterráneas debido ao abandono da economía tradicional e a urbanización da costa mediterránea. Tamén descubrín que os exipcios usaban as sementes para pegar as vendas das momias e que as sementes do algarrobo servían para pesar o ouro nas balanzas ( kerat en árabe é semente de algarrobo e daí vén a palabra quilate ). Todo isto descubrino aquí. Para que vexas que todo ten a súa historia curiosa.
Na foto saen uns ponis cun refuxio " tipical galician ".

Etiquetas: ,

mércores, 9 de xaneiro de 2008

Tirizó



Eu non acostumo atinar coa xente. Fago a miña presuposición sobre unha persoa e non atino. Poño un exemplo. Hai un compañeiro de choio cachas, guapiño que eu pensaba que era un chuleta. Pero eu estaba errado. O tal compañeiro é alegre, canta ben ( presentouse para unha Operación Triunfo e chegou a estar clasificado en Galicia ) e é un cacho de pan que rescata gatiños abandonados e déixaos durmir na súa cama. E hoxe apareceu cun ollo tapado que pode ser dun tirizó ou turubelo e din as malas linguas que os tirizós saen por ver a unha muller embarazada de forma libidinosa. Eu vou atinar desta vez e vou dicir que o tirizó do compañeiro apareceu de forma natural.

O debuxo é dun tal Leo Ríos.

Etiquetas: ,

xoves, 13 de decembro de 2007

Paquete de Nadal



Hoxe recibín o paquete de Nadal que dan na empresa. Aparte dos productos viña cunha nota onde explica a orixe dos paquetes de Nadal. Eu non sabía a historia e gustoume iso de empezar un ano novo con dóces.

Etiquetas: ,

venres, 30 de novembro de 2007

Español de telenovelas


Onte tomei o bocata por primeira vez no bar enfrente da Torredocaminho. Cando entrei estaba a camareira soa e arrimada á estufa de leña e mirando a tele. Ergueuse, saudeina e pregunteille de que había bocadillos. Ela recitou con acento estranxeiro unha lista pequena e eu escollín. Despóis de comer o bocata pregunteille de onde era e díxome que romanesa e que levaba dous meses aquí. Díxenlle que falaba español ben para levar só dous meses aquí e díxome que o aprendeu vendo telenovelas. Díxomo cunha candidez enorme e cun sorriso dunha rapaza optimista que mira o futuro sen medo. Desexeille sorte. Ela sorriu outra vez e dixo " grasias ".
Alédome de que estea aquí: este país necesita xente así.

Etiquetas: ,

mércores, 28 de novembro de 2007

Big bag



No traballo hai unhas sacas enormes de mil quilos. Chámanlles " big bag " en vez de chamarlles sacas grandes. Non sei porque teñen o nome en inglés se a xente descoñece o significado nin sabe como pronuncialo. Óese " bicbac " por aquí, " biobá " por alá, " bijbaj " por acolá e ata eu digo " bimbán " de broma.
No inglés teñen un problema parecido coas palabras foráneas e así un barrio de Londres chámase " elephant and castle " ( na foto ) en honor a unha muller que era " la infanta de Castilla ". Pero eu ademáis coñecín persoalmente un caso parecido cando facía sanduiches en Londres no " Pret a Manger ". Un ingrediente dos bocatas veganos era a alfalfa que viña de España. Os ingleses na súa vida sentiran falar de tal ingrediente e etiquetaban os paquetes escribindo " alfa alfa "...Supoño que así parecería un ingrediente máis nutritivo.
En fin...

Etiquetas: ,

luns, 19 de novembro de 2007

Espirran as cabras



Parece mentira que ata hai ben pouco facía sol e bo tempo. Xa non facía calor pero había un soliño que convidaba a pasear. Hoxe empezou a chuvia desexada por muitos pero co ela veñen as catarreiras, toses e espirros. Por certo, por aquí cando unha persoa espirra dicimos: " Espirran as cabras, cheiran os castróns " ou " Espirran as cabras, ventan nortada ". Non sei a orixe destas frases humorísticas pero semella que as cabras valen para todo xa que no traballo chámanlle " pericas " ás carretillas e " pericas " son ... cabras.
En fin: a mal tempo boa cabra , digooo, boa cara.

Etiquetas: , ,

xoves, 15 de novembro de 2007

Cruzándonos no camiño


Hai veces que cando vou xantar me cruzo no camiño cunha rapaza que conduce un coche coa pegatina de " Naipelo a bordo " en catalán. Saudámonos coa man pero a próxima vez vou dar un paso adiante e mandarlle un bico polo aire. Por riquiña.

Etiquetas: ,

martes, 13 de novembro de 2007

Obelix no choio


No choio hai un camioneiro que semella ser Obelix. É grande e forte e gasta bigote. Aguanta o frío e levanta os sacos cun suspiro. Gústalle falar e fai comparacións simpáticas como chamarlle gharroucha ó camión ( gharroucha é unha especie de guindastre de obra para levantar pedras ). O tal home non caiu de pequeno dentro dunha marmita de poción máxica senón que deixou de fumar e de ser un asubío con bigote pasou a ser un Obelix que aguanta o frío destes días.
Mañá voltarei velo e imaxinarei que estou nunha aldea gala, os romanos seguirán estando tolos e eu seguirei sendo amigo de Obelix... Por sorte para min.

Etiquetas: ,

xoves, 25 de outubro de 2007

Orzowei


Hai un compañeiro na Torredocamiño que lle chamamos Orzowei. Cando era novo dicía que cazaba parrulos ó vó nas gándaras veciñas. Eu xa o mirei cun cazapo agarrado polas orellas e sentado na carretilla que atrapou á carreira, disque. Tamén di que chega nun cuarto de hora camiñando da súa casa ó choio e son uns dous quilómetros de distancia.
Gústanme as cousas que conta que supoño esaxeradas e hoxe fíxome rir cando falaba dunha cousa que lle contou a un encargado xa xubilado. Díxolle que había un traballador que dicía que a muller do encargado era unha " tamanqueira " e que dicía que o encargado non valía para nada, que era un " obstácOlo ".
En fin, miudezas da cotiandade.

Etiquetas: ,

luns, 15 de outubro de 2007

Soñando co traballo

Segundo parece espertei falando do traballo. Resulta que traballo ata durmindo e o pior de todo é que non me pagan ese tempo.
Para rematar canso igual e non cobrar prefería soñar que xogaba con Leíño a pillar.


Etiquetas: ,

xoves, 11 de outubro de 2007

Algunhas palabriñas aprendidas no traballo



Xa sei que é case pecado falar de traballo ás portas dunha fin de semana longa pero teño que referirme a el para anotar unhas palabras antes de que as esqueza. Xa hai un tempiño descubrín aos carretilleiros falando dunhas bateas pero estamos algo lonxe do mar para que falen desas da foto así que preguntei e descubrín que lle chaman así aos palés onde van os sacos. Tamén descubrín onte mesmo a expresión de " estar na coca " que a oín dicir referida a un home que esperaba a que estivese a punto de dar o premio a máquina tragacartos do bar para botar el a moeda e gañar o premio. " Estar na coca " viría a ser " estar á espreita " ou algo semellante. Non sei a orixe que pode ter pero non creo que teña que ver nada coa droga. Aparte tamén aprendín como lle chaman aos coches sen carné pola zona de Tui. Teñen o nome humorístico de " pinico ". Eu xa sabía o nome de " lavadora " empregado por terras de Suso Lista pero chamarlle ouriñal paréceme máis simpático.

E agora xa non falo máis do traballo. Desfrutai destes días.

Etiquetas: ,

mércores, 3 de outubro de 2007

O encargado optimista



Hoxe descubrín que xa levaron a carretilla da vía do tren. Hai anos viña materia prima á fábrica en vagóns e a carretilla da foto era a encargada de remolcar os vagóns. O traballo foi a menos e a carretilla levaba cinco anos sen utilizarse... cinco anos !. Hai uns meses estaba co encargado que eu considero unha das persoas máis optimistas do mundo e apareceron uns homes para revisar a carretilla. Eu pregunteille ó encargado que facían eses homes e el dixo que ían levar a carretilla. Eu pregunteille se non ía usarse a vía nunca máis e el díxome: - Non, DE MOMENTO, non...Para min iso é optimismo.

Etiquetas: