leoeosseus

mércores, 19 de marzo de 2008

Feliz día do pai



Esta persoa pequecha fai que hoxe sexa un día especial para min.

Felicidades a tódolos pais.

Etiquetas:

mércores, 27 de febreiro de 2008

Dezasete meses




Hoxe o naipelo fai dezasete meses e podes ver na foto que ten bastante autonomía e que lle gusta fuchicar nos caixóns. Tamén lle gusta mirar DVDs de nenos cantando e xogando e baila dando voltas. Logo adícase a pasar páxinas; hai meses collía un dicionario enorme de alemán pero agora gústalle a revista do IKEA. Tamén lle gustan os contos con debuxos e fotos. Hai un de animais e eu fágolle os ruidos para que repita pero el só repite o ruido das abellas. O ruido dos coches sabe facelos así como o de auga que se bota dunha botella ou dunha billa aberta. De falar non quere saber nada e fala coa boca fechada. Se lle preguntas onde están as cousas sinálaas cun dedo pero hai veces que dubida entre papá e mamá e eu estou contente pola parte que me toca. Cando quere auga di " a " e ao Colín chámao " i ". Outro xogo que lle gusta é o de meter e sacar cousas dun sitio e facer torres. Pola noite dorme dun tirón por fin e apenas dorme sesta despóis de xantar e xa non quere que o arrolen para durmir. Dá bicos cando quere e despídese coa man tamén cando quere. Segue tomando teta polo menos dúas veces ao día e gústalle probar comidas novas e sentarse na mesa cos maiores. Rilla pan e galletas pero ponos verticais e logo ten que comer de lado ata que chega aos dedos e cabréase e tira todo.


E aquí deixo outra foto con cara de non romper nada.


Etiquetas:

domingo, 27 de xaneiro de 2008

Dezaséis meses


O naipelo chega hoxe aos dezaséis meses feito este mozote da foto. Muito cambiou dende esta outra foto feita no mesmo lugar... Agora é dono de oito dentes e unha moa e algún flemón enorme. Camiña mui ben e bota algunha carreiriña. Encántanlle as escaleiras e hoxe subiu os seis pisos do edificio coma un machote mentres o pai se cansaba e o Colín botaba a lingua de fóra que derreaba o pobre do can. Para baixar xa é máis difícil e hoxe levou un tombo e fastidiou un pouco un beizo. O de falar aínda non se dá soltado en case nada intelixible anque pasa muito tempo falando extraterrestre.
E así vai o Leíño.

Etiquetas:

martes, 15 de xaneiro de 2008

Pantalóns de peto



As rebaixas son boas para mercar cousas para o Leíño que medra rapidamente. E agora ten uns petos. E os petos fan a Leo un machote coma o home da foto que fotografei dunha tarxeta de propaganda de guisqui sureño ou " bourbon ". Fotografeina porque me fixo muita gracia. O home di: " Os veciños do lado antes tiñan un caniche ". E semella que o di extrañándose de onde iría a parar o raio do caniche sen imaxinar que o seu crocodrilo teña algo que ver coa desaparición do lapacricas. E logo pon embaixo: Os sureños teñen as súas propias normas.

No futuro pode que o Leo teña bigote, unha tatuaxe e tamén un crocodrilo, pero antes ten que comer muito e seguir as vacinacións.

Etiquetas: ,

martes, 8 de xaneiro de 2008

Perdón polo mal tempo



Remataron as festas con chuvia de agasallos por parte de Papa Noel e os Reis Magos. O Leo non apreza os xoguetes e faille máis caso a un corcho dunha botella que a un moneco. Bueno, está na idade, non ?.

O mal tempo parece que segue con nós. Pero tamén cantei a noite de Reis cancións do karaokiño en boa compaña e iso merece un castigo divino en forma de chuvia. Pido perdón.

Etiquetas: , ,

xoves, 27 de decembro de 2007

Quince meses

O Leo fixo hoxe os quince meses. Camiña solto sen grandes problemas pero aínda non fala. Segue cos seus oito dentes pero ten moas a punto de sairen coas enxivas inflamadas. Antes, cando lle nacían as moas ao bebé as nais púñanse de luito da dor que sentían os nenos. O Leo hai veces que mete as mans a fondo na boca e muitas veces non come ou dorme mal e precisa que o " aghalimen ", como din por Arbo; que o collan no colo ben apretadiño contra o corpo. Xoga ó coito ( como lle chamaba eu de pequeno a xogar ao " escondite " ) pero non sabe e achántase no mesmo lugar sempre. Tamén gusta de imitar á xente e unha imitación que nos fai gracia é a de falar polo móvil. O Leo colle o móvil de calquera xeito e arrímao á orella e fala no seu idioma extraterrestre, como di o seu curmán D. No vídeo pódese ver a imitación.

E iso é todo. Estes días ando liado e case non podo postear.

E finalizo cunha nota de carácter social e unha das razóns polas que non me gusta o fútbol; hoxe " desfrutamos " en Vigo da afección galega de fútbol ocupando a rúa e queimando contedores de lixo.

Ata a próxima.

Etiquetas: , ,

luns, 24 de decembro de 2007

Boas festas



Na casa do Leíño non caiu a lotaría pero se estivemos vivindo sen eses cartos ata o de agora, poderemos seguir sen eles outro ano, non si ?.

Boas festas.

Etiquetas:

mércores, 19 de decembro de 2007

O zapeo do Leo


Cando lle apagamos a tele ao Leo vai el e volve prendela dándolle nos botóns e así cambia de canais. Onte fíxoo e atinou coa escolla para o meu gusto. Primeiro puxo a segunda onde falaban do nivel lector en España que é o último país da comunidade europea e extrañábanse de que os países do leste leran máis. Logo o Leo deulle ao botón e saiu Antena 3 onde falaban da Fala, unha variedade linguística do galego-portugués que se fala en Extremadura e que ten total vixencia na actualidade. Nas imaxes estaban nenos cantando unha panxoliña na escola e logo nenas xogando ás palmas cunha cantinela na súa lingua. Non sei: gustoume esa xente que consideran que a súa Fala non se debe perder e están orgullosos dela. Muitos galegos deberiamos seguir este exemplo non vaia ser que dentro de mil anos eles sigan coa súa fala e en Galicia xa non exista o galego.

Etiquetas: , ,

sábado, 15 de decembro de 2007

Vídeo duns primeiros pasos

O prometido é débeda e aquí poño un vídeo do Leo camiñando cun pequeno tombo sen consecuencias que levou ao final. Cousa lóxica cando un só leva oito días de experiencia nisto de camiñar sen axuda.

Pasa boa fin de semana anque sexa tan fría neste hemisferio.

Etiquetas:

venres, 7 de decembro de 2007

O Leo xa camiña !

Onte fomos a Arbo que tocou a matanza dos porcos que practicamente foi igual que a do ano pasado e ía facer un posteo co ela. Pero o que foi importante foron os primeiros pasos sen axuda do Leo pola casa de Arbo. Houbo un momento que se soltou das mans de Ana e botou a andar cos brazos en alto, mirando para as mans e abraiado de que ninguén o agarrase. Botou unhas andadas pola cociña e polo corredor con ida e volta. Había muitos espectadores e a festa foi grande. Aledámonos de que o Leo por fin se soltase. Agora toca andar atrás del máis atentos que antes.

Para celebralo poño un vídeo do Leo bailando cunha postal musical; de momento non teño vídeo do Leo camiñando.

Etiquetas:

martes, 27 de novembro de 2007

Catorce meses



O Leo fixo hoxe os catorce meses. Camiña agarrando unha man dun adulto ou agarrado a un dedo e exprémeos con forza. Aínda ten medo a soltarse a andar só pero calquera día sóltase. Iso si, agataña máis rápido ca un adulto e gústalle explorar. No falar segue sen dicir palabras aparte de " mamamama " e " papapapa " e non sempre. Dorme bastante ben en xeral e tamén come ben e aínda toma teta. Xoga co pan e chucha as patacas fritidas pero hai que darllo que el non os colle para comer. Ten oito dentes e bastante forza e xenio e encomódase se lle din que non a algo que quere facer ou tocar. Gústalle xogar e falar só e encántalle prender a televisión. Tamén baila movendo o cu con cancións. No baño protesta cando lle botan auga pola cabeza e hai veces que é unha pelexa poder mudarlle o cueiro.

Vamos, que o Leo segue indo para adiante ó seu ritmo.

Etiquetas:

xoves, 22 de novembro de 2007

O Cocheno



Esta chalana da foto non quere dicir que extrañe o verán que si o extraño. Resulta que esta chalana é de " O Cocheno ": un velliño que está durmindo ou descansando debaixo da sombrilla na praia de Abra. Espera que suba a marea para puxar a chalana ata a auga e nunca lle faltan vontarios para puxala entre a xente que toma o sol. Chámanlle cocheno porque ten o reloxio na man dereita e usa a man esquerda para todo. Cocheno vén a dicir zurdán, esquerdeiro, manecho ou home que usa máis a man esquerda que a dereita. E lembrei a este home mirando ó Leíño puxando un coche de xoguete coa esquerda e pintando nos papeis cun lapis na man esquerda. Aínda é cedo pero pode ser que o Leo saia cocheno... O tempo xa o dirá.

Etiquetas: ,

mércores, 7 de novembro de 2007

Papapapapapa



O Leo xa leva algúns días dicindo " mamamama " cando mira a Ana pero hoxe sorprendeume cando entrei pola porta da casa e agatañou cara a min dicindo " papapapapapa ".

Non sei que dicir. Gustoume.

Etiquetas:

sábado, 27 de outubro de 2007

Trece meses



Hoxe o Leíño fai os trece meses de vida. Aínda non fala e adica días a distintas cantinelas. Hai dúas semanas dicía " coricó " sempre. A semana pasada estaba " gogui, gogui " e agora está cambiando de palabra. Camiña agarrado dunha man e o outro día quedou dous segundos de pé sen apoiarse mirando unha flor. Calquera día destes bótase a andar. En canto á dentición dicir que segue cos seus sete magníficos pero que andan dando a tabarra os outros. Come ben e aínda chupa teta. Leva uns días repugnantiño para comer pero é por mor dos dentes. Tamén durmía ben el só no seu cuarto pero hai veces que a dor dos dentes é grande e chora desconsolado.

E deixo aquí unha minipelícula dun protagonista tamén chamado Leo.

Etiquetas:

luns, 15 de outubro de 2007

Soñando co traballo

Segundo parece espertei falando do traballo. Resulta que traballo ata durmindo e o pior de todo é que non me pagan ese tempo.
Para rematar canso igual e non cobrar prefería soñar que xogaba con Leíño a pillar.


Etiquetas: ,

martes, 9 de outubro de 2007

Sorriso para a cámara e a canción de Don Gato




O Leo ri cando lle facemos unha foto con flash. É mirar a luceciña que avisa do flash e pon a cara da foto. Tamén ten muita curiosidade por todo e aquí sae tratando de adiviñar por que dá voltas a roupa dentro da lavadora.

Tamén lle gusta que lle canten e de exemplo poño a versión da avoaM da canción " del señor don Gato ", unha canción con máis de cen anos que parece que ten que ver con algún rei. Esta canción está extendida por toda sudamérica e a península ibérica. Aí a vai:

- " Estaba el señor don Gato sentadito en su tejado marramiau, miau, miau...sentadito en su tejado.

Y ha llegado la noticia que había de ser casado marramiau, miau, miau...con una gatita parda que quería los hijos pardos marramiau, miau, miau...y quería los hijos pardos.

Y el gato con la alegría cayó del tejado abajo marramiau, miau, miau...cayó del tejado abajo.

Rompió las siete costillas y la puntita del rabo marramiau, miau, miau...y la puntita del rabo.

Lo llevaron a enterrare a la plaza del pescado marramiau, miau, miau...a la plaza del pescado.

Los gatos iban cantando y los ratones saltando. Siete vidas tiene un gato marramiau, miau, miau...siete vidas tiene un gato. "

E isto é o que hai por hoxe.

Etiquetas: ,

xoves, 27 de setembro de 2007

Primeiro aniversario do Leo



Hoxe o Leo está de primeiro aniversario. Na foto sae o naipelo coa boca larafuzada de chocolate do seu pastel de cumpreanos. Quedou abraiado vendo a candea acesa e non sabía que tiña que soprar pero aplaudiu cando aplaudimos todos. Logo meteu os dedos na torta e colleu os monecos que a adornaban. Foi para o chan e adicouse a percorrer todo agatañando a velocidade do demo. Ponse de pé e foza con todo e encántanlle as luces e farolas da rúa e adícalles sorrisos e balbuceos. Aínda non di palabras e, como muito, sáenlle diálogos estilo pelacho. O outro día estaba Ana dicíndolle " Micky " por un debuxo no gorro e Leo dicía " iki " e Ana repetía " No: Micky " e o Leíño porfiaba " kiki " e Ana outra volta con " Micky ". O Leo fartouse e respondeu: " TETA ".

Parece mentira pero xa pasou un ano dende aquel día do necoriño, e logo un mes, e dous, e tres, e catro, e cinco, e seis, e sete, e oito, e nove, e dez, e once e así ata o día de hoxe...E que haxa máis.

E iso é todo por hoxe. Graciñas de corazón ós que felicitaron a Leo.

Etiquetas:

xoves, 20 de setembro de 2007

O conto dos rabos dos cans



Levo un tempiño traballando polas mañás e xa non saco a Colín con Leo a iso das nove da mañá. Colín adícase a cheirar por aquí e alá e o Leo observa o mundo dende o cochiño. Hai veces que se acercan outros cans a Colín e seguen sempre a mesma pauta: poñense a cheirarse o cu. O Leo vai medrar e un día empezará co esas preguntas curiosas dos nenos e quererá saber porque os cans andan a cheirar os cus dos outros. Nese momento terei que contarlle o conto que aprendín hai tempo.

Resulta que tódolos cans do mundo tiñan unha reunión mui importante nun palacio. Como ían estar apretados ordearon colgar os rabos na percha da entrada que xa se recollerían á saída. E no momento que estaban todos reunidos tranquilamente soou a alarma de que había un lume e alá fuxiron todos collendo o primeiro rabo que lles caía a xeito. Pasou o tempo e agora cando un can mira outro polo camiño acércase a verlle o rabo se é o seu que deixara pendurado. E así están na busca eterna do rabo deixado no palacio.

Bueno, o motivo é outro pero queda máis bonito se se conta en forma de conto, non é ?.

Etiquetas: , ,

martes, 4 de setembro de 2007

Barquiiillos

Esta imaxe foi tirada hai tres horas. O Leo desfrutou na area agatañando e metíase sen medo no mar. Houbo dous feitos extraños para el: que a auga que tiraba na area desaparecese de forma misteriosa e que pasase cada pouco unha señora berrando " Barquiiiiillos ". Eu lembro que antes dicían " Parisiiiiiéns y patatillas ".

Etiquetas:

luns, 27 de agosto de 2007

Once meses


O tempo pasa e o Leo chegou ós seus primeiros once meses de vida. Está grande e longo e ten bastante forza que se amarra coma unha lapa ó que lle gusta. É dono de sete dentes e un sorriso especial con ollos chispeantes para Ana e para outros nenos. Segue sendo un naipelo e dá malas noites pero no día faise querer. Ten o seu falar estranxeiro e o seu gatañar lixeiro polo chan ou ó longo do sofá; pero tamén bota tempo de pé e dando pasiños agarrado a unha silla ou á cancela da sala. Gústalle xogar a pillar, explorar e tirar con todo e pasa muito do día xogando e lareando el só. Pola rúa xa non fala e adica o seu tempo a mirar e remirar. É a admiración das caixeiras do Froiz, das veciñas e dunha xitana vella que lle deu a súa benzón e que se admira dos seus pés espidos como " perro de cura " ( segundo di ela )... E xa sabemos que as maldicións e benzóns das xitanas son poderosas; polo que o Leíño seguirá progresando.

Etiquetas: