
Balbino tivo moitos irmáns; algúns maiores e outros máis pequenos e non todos chegaron aos dez anos. El era vivo e tiña un don especial cos animais que semellaba que lle facían caso. Medrou con dificultades no medio dun ambiente pobre pero conservando unha forma de ser leda e unha forza de vontade enorme. Falaba moito e era botado para adiante. Cando chegou o momento da guerra civil creu os cantos de serea que falaban de patria, orgullo e orde. Non tiña dezaoito anos, mentiu na idade e meteuse vontario. Non destacaba especialmente pero ía dos primeiros aos sitios máis perigosos e así foi coa División Azul a terras rusas, a terras inimigas en mans de demos. Nese momento mandou esta foto para tranquilizar á familia dicindo que estaba na cruzada especial para redimir os comunistas. Non lle foi ben nin a el nin ao seu exército e o inverno, as distancias, as traicións foron calamidades que foron liquidando ós poucos ou ós moitos a División Azul. El caeu enfermo e deixárono atrás dándoo case por morto. Houbo un ataque do inimigo e el matou a un rapaz coma el pero do outro exército. Era el ou o outro e salvouse el. Víase moi mal e mudou o seu uniforme polo do inimigo por seguridade e para ter calor e caeu inconsciente. Cando espertou estaba rodeado de xente de rasgos asiáticos como lembraba nun dos poucos libros que viu diante. Falaban extraño pero amigable e levárono nun trineo tirado por renos. Acollérono no seu poboado de tendas de peles e botou unha tempada repóndose das enfermidades e das feridas de guerra. Aprendía rapidamente o idioma dos
Nenets que o acolleron e recuperou a vida e as súas forzas. Coa chegada da primavera tocou mudar de lugar e seguiu co esa xente acolledora e sinxela. Balbino era forte e foi adiante. Aprendía rapidamente os costumes do pobo que o acolleu e a súa forma de vida que xiraba ó redor da caza, da pesca e cría de renos. A vida bulía e xurdiu o amor entre Balbino e Enej Ja que casaron seguindo os ritos Nenets. Balbino e a súa xente viviron felices uns anos pero chegaron compañías petrolíferas e madereiras ao paraíso Nenet. A súa xente foi discriminada na súa propia terra e tiveron que marchar. Cruzaron a Siberia en dirección leste durante un longo periodo de tempo loitando contra os pobos cos que se cruzaban e pasando calamidades. Cando chegaron ao mar decidiron deter o seu camiño porque toparon unha terra parecida á súa con xentes que os acolleron: os
Even. Balbino empezaba a facerse vello pero era un mestre domando renos e construindo trineos. Ata que un día chegou un vello vestido de vermello que necesitaba un chófer para trineos experimentado...Pero isto xa é outra historia.
Etiquetas: contos, familia I