leoeosseus

sábado, 28 de setembro de 2019

Trece anos ( e mais un día )


Aquí temos o artista que dá nome ao blogo con trece anos feitos xa. Muito mudou ese neno que agora é un preadolescente coas súas dúbidas e vacilacións. Segue interesado no fútbol, tanto real como na play ou na interrede. Xa non le o que lía pero é bastante aplicado nos estudos anque este curso que empezou non está mui contento porque o separaron de dous amigos que fixera o ano pasado. Tan indeciso está que non sabía que tarta quería para soplar as candeas nin quere festa de aniversario e non falamos de agasallos que aparte da Fifa 20 non quere nada. O que si quere é facer unha festa de pixamas con amigos.
Faise de querer.


Etiquetas:

domingo, 15 de setembro de 2019

Despois do calor vén a tormenta


Hoxe fixo muita calor e Leo e os demais sufriron no partido que rematou cunha derrota catastrófica. O Leo non quedou mui contento. Pensar que empeza mañá no instituto non axudou e a treboada sorpresa da tardiña acabou por rematar co seu optimismo.
Vaia, un bo día para esquecer.

Etiquetas: ,

domingo, 1 de setembro de 2019

En ciclos


O tempo transcorrido pode ser lineal ou cíclico e así linealmente na fábrica estou aprendendo o posto que me faltaba por aprender. Cíclico pode ser o que acontece coas mareas que, cada tanto tempo, son vivas e chegan mesmo a inundar o terreo para xogar ao balón que hai na praia de Vlrñ para abraio de Leo que quería estar alí.
Tamén o Leo muda de voz e faise máis home e abre un novo ciclo que eu estou pechando.
Lei de vida !.

Etiquetas: , ,

domingo, 4 de novembro de 2018

Indecisión


Ao lado da casa dos espellos está o motel abandonado co seu restaurante de nome indeciso. Por un lado é " Lua Chéa " e pola outra banda é " Lúa Chea ".


É que con isto do galego hai indecisións e casos curiosos como o do programa " O máis galego " onde poñen un nome topográfico con " y " grego como o de Cabo " Estay ". E logo van os concursantes buscando xente de Sanxenxo e o home pregunta se é de Sanjenjo a máis de un. Algunhas mulleres foron decididas e responderon dicindo Sanxenxo.


Tamén hoxe Leo foi decidido e conseguiu a vitoria do seu equipo contra o de Salvaterra metendo o único gol do partido.

Etiquetas: ,

domingo, 30 de setembro de 2018

Doce anos ( e mais tres días )


E vai unha ducia !. Quen o diría !. O Leo xa é un mociño que vai ao instituto e que xoga ao fútbol e quere ser youtuber e comentar xogos ou partidos. Segue a ser un neno responsable cos deberes e que non entende aos nenos que se portan mal e que aínda se gaban diso.
Tivo a festa na escola vella coma o ano pasado e xogaron ao fútbol e con globos de auga que aínda fai calor. De agasallo quere un xogo da play e un mando pero tamén recibiu algún libro e algunha roupa.
Estamos contentos co el.

Etiquetas:

domingo, 16 de setembro de 2018

Collendo xeito


Xela empezou o cole e gústalle a profe a pesares de ser loira que non lle gostan as loiras, non sei por que motivo. Tamén reenganchou ioga que o abandoara o ano pasado e comezou a tocar a guitarra.
Por outra banda Leo onte xogou uns minutos co Ribadelouro e con iso está contento.
Todo vai collendo xeito e non o escrito do cartaz que fotografei que ten unha mistura española-portuguesa-galega que non dá confianza nesa empresa de viaxes.

Etiquetas: , ,

mércores, 12 de setembro de 2018

Rexurdir do lume


Non colleron a Leo no equipo de Pontellas. Sobraban nenos e Leo, T. S e P. chegaron os últimos e tiveron que buscar outro equipo. Agora adestran no Ribadelouro e van xogar amistosos porque non son suficientes nenos e hai que misturar categorias. A Leo gustoulle o adestramento e iso é o que importa.
Xela empeza o cole dentro dunhas horas e a ver que tal.
Tamén caíron as Torres Xemelgas hai dezasete anos xa ! e rexurdiu algo no lugar delas.
E en Vilaguindastre celebrouse o aniversario cun novo incendio nunha clasificadora de refugallos e xa vai o terceiro.
Pero hai que ser positivos como a parella da foto.

Etiquetas: , ,

luns, 20 de agosto de 2018

Sol de verán


Sábado Leo xogou o seu primeiro partido amistoso e rematou gañando o seu equipo 5-4 pero só despois de remontar un 1-3. Leo acabou canso pola calor e tivo un tirón nunha perna que quedou en nada.
Xantamos en Vlrñ e quedamos na praia que estaba chea de bañistas e de xente que ía á XIX festa folc de Vilariño. O ambiente era de xolda con grupos ensaiando e público quentando corpos e almas para a noite de festa rachada.
Despois fomos cos amigos do Morrazo á festa corsaria de Marín pero xa estabamos todos derrotados dun día tan longo.
No domingo fomos á piscina de Melgaço despois de xantarmos en Arbo e esquivamos os trinta e cinco grados na piscina misturados con franceses de Portugal, portugueses e españois. Seguindo o horario portugués estes retiráronse cedo e quedou a piscina para os estranxeiros.
E o sol de verán que segue.

Etiquetas: ,

luns, 6 de agosto de 2018

Fin de Vlrñ 18


Nestes días de calor tivemos a sorte de esquivalo noutra casa de Vlrñ que está un chisco máis lonxe da praia pero que dá para camiñadas por sitios curiosos como a casa dos Ghalletos.


Os nenos tiveron a sorte de asistir a un faladoiro sobre o furtivismo no marisco e agasallaban con paletas para xogar na praia. De algo valen os impostos !.


Os nenos gozaron esta tempada da praia e decateime do maiores que están. Nesta foto de Leo seméllame maiorcísimo.


Maior está o José que na foto está preparado para saír co fillo na chalana que lle trae nadando.
Que non lle sexa este o derradeiro verán e que nós o vexamos o vindeiro ano.

PD: E este posteo é o número 1500 deste blogo. Quen me diría que chegaría aquí !.

Etiquetas: , ,

venres, 25 de maio de 2018

Octoséximo terceiro mes ( e mais un día )


A xoubiña vai camiño do sétimo aniversario anque non sabemos se vai celebralo cos amiguiños porque está un chisco rabuda. O malo é que ten a man lixeira e xa lle zoscou a dous amigos. A ver se controla ese carácter.
Cando estivo castigada sen tele nin aparellos electrónicos adicouse a ler libros do récord Guinness e nunca leu tanto. Préstanlle as curiosidades e así se enfrascou cos libros eses.
Por outra banda o Leíño chegou do cruceiro e chegou contento e contando historias do barco e da xente. Semella que ata medrou, colleu máis responsabilidade e que lle mudou a voz.
Médrannos os fillos.

Etiquetas: ,

mércores, 16 de maio de 2018

Leo navegando


Leo saiu de viaxe o luns pero case non monta no avión porque tiña medo. Dende o día que volvemos de Londres con mal tempo e unha aterraxe complicada o neno non quere saber de avións. Menos mal que o seu profe aguantou ata o último momento e logramos convencer a Leo de que montase no avión da foto.
Foi de Santiago a Barcelona en avión e alí colleu o barco Costa Diadema para facer o cruceiro polo Mediterráneo. Onte recalaron en Mallorca e agora mesmo están camiño de Palermo, en Sicilia. Seino pola páxina web esta de CruiserMapper onde sain os cruceiros de todo o mundo a tempo real.
Supomos que Leo estará máis tranquilo agora no barco cos amigos explorando todo. O barco parece que está mui ben. É novo e ata ten robots que atenden á xente: Peppers !.
A verdade é que botamos de menos a Leo todos incluindo a Xela. Nunca estivemos lonxe del máis de dous días.
Ogallá que o pase ben e que chegue pronto o luns vindeiro.

Etiquetas:

domingo, 13 de maio de 2018

Libros e cancións


Onte fomos xantar a Portugal e logo demos unha voltiña para tomar café polo centro de Monçao. O parque tiña as árbores adornadas de motivos florais e con cartaces pendurados coma este da foto.
Vai ser o día das letras galegas e quixen ler algo de María Victoria Moreno e lin " Anagnórise " dunha atacada na tarde e gustoume. Non me gustou que empezase falando de seixos negros coma se existisen pero hai que recoñecerlle á escritora que tiña un bo dominio do idioma a pesar de vir de fóra e aprender galego de adulta. O final da novela foi ben curioso.
No centro de Vilaguindastre houbo a feira do libro coas catro casetas de sempre e merquei o último do Bichero.
Logo á noite houbo sesión musical co festival de Eurovisión e as curiosidades del que botaron a seguir. Portugal este ano quedou fatal e España por aí lle rondou. Gañou unha canción que non me chistaba nada pero xa sei que o meu gusto musical está desfasado aparte do pouco que sei. Prestábame máis a canción de Alemaña ou a de Noruega ou mesmo a danesa e a italiana que viña a conto co de París que acontecía case ao mesmo tempo. Bueno, eles saben.
E hoxe estamos cos preparativos para Leo que mañá se nos vai de viaxe de fin de curso.

Etiquetas: , ,

sábado, 5 de maio de 2018

Graduación e Lamborghini


Onte foi a graduación de Leo e os seus compañeiros. Foi unha cerimonia completa con desfile dos graduados, vídeos onde saían con dous anos e na actualidade e un vídeo simpático do seu percorrido polo colexio, dende excursións a desfiles e actividades extraescolares a o propio traballo na clase. Houbo unhas palabras do seu último profesor que sei que deixará unha boa lembranza nos nenos.
Logo foi a cea, reparto de agasallos ( o profe estaba de aniversario e levou agasallos dos nenos ) e baile.

E hoxe queriamos xantar en Meira pero fechou o restaurante onde queriamos ir. Fomos a outro onde aparcou un Lamborghini que no camiño cheo de coches polas obras na ponte de Rande case me dá por atrás uns minutos antes. O Lamborghini aparcou enriba da beirarúa e baixou Iago Aspas que ía pedir algo para levar a casa. Pedímoslle un autógrafo e pregunteille por unha tatuaxe que tiña no brazo dereito e que inda está a curar.
Gústanme estas sorpresas !.

Etiquetas: ,

mércores, 28 de febreiro de 2018

Febreiriño curto


Remata este febreiriño curto que pasou polo aire.
O tempo pasa sen decatarnos e o comercio da foto de arriba pasou de aberto ao público a estado intermedio de crise  con esa metáfora do galego que non se sabe se sobe ou baixa e esa escaleira que non vai nin sai a ningures. E pasou o tempo, repito, e agora está definitivamente pechado e fixeron desaparecer a escaleira e tapiaron a metade da porta para aclarar dúbidas.
E o tempo pasou e daquel Leo bebé que miramos en vídeos de hai anos chegamos a hoxe que está a estudar a reprodución humana.
O tempo atropélanos !.


Etiquetas: ,

venres, 23 de febreiro de 2018

Case pechados


O principio da semana estivemos case pechados na casa por mor do Leíño. Estivo pachucho con febres, dores de cabeza e cagarría. Xa o xoves e hoxe estivo ben e de feito o mércores xa chinchaba a Xela. A nena tiña un robot-cofre e tiña un contrasinal e, de tanto fozar, pecharon a portiña e Xela non era capaz de abrila. O pior é que tiña dentro cousas importantes coma un monequiño e un cochiño e algo " importantíiiiisimo " que non lembraba que era. Nese momento botamos a rir todos.
Que todo sexan anécdotas !.

Etiquetas: ,

venres, 12 de xaneiro de 2018

Coco


Levaba tempo sen mirar unha película tan boa e orixinal. Na película "Coco" un neno entra no mundo dos mortos que é un mundo cheo de cores. E logo están os "alebrijes" que son animais fantásticos de cores incribles. Esta película emocionoume de verdade polos sentimentos de familia.

O Leo non quixo ir ao cinema. Vai medrando e prefire xogar ao fútbol cos amigos.
O noso Leo vai medrando.
Aí o vai cheo de ilusión co balón e as chaves de casa.



Etiquetas: ,

sábado, 6 de xaneiro de 2018

Cabalgata 2018

 
Pois houbo sorte e despois de botar a chover todo o tempo dende o día de Nadal, onte deixou de chover.
Saiu a cablagata ás seis en punto e a toda velocidade. A policía local cortaba o tráfico e despregaba toda a parafernalia cos dous cabalos supoño que alugados e os " recollepedros " ao rabo deles.
 

O Leíño repartía caramelos dende a carroza de Melchor. El e os compañeiriños repartiron tantos caramelos que quedaron sen apañar muitos deles.


A carroza de Baltasar tamén está adornada polo colexio de Leo e o rei saudou a Xela.


Ao principio da cabalgata ía a rondalla de Pontellas e pechando a cabalgata ían uns animadores mui vistosos.
Xela ía ir camiñando con Naideleo pero como leva unha tempada sen comer está débil e quedou de público comigo.
Levou un par de caramelazos que a fixeron chorar pero despois seguiu apañando caramelos.


E o día de hoxe viñeron os Reis e deixaron agasallos para todos que ben os merecemos.

Etiquetas: , ,

martes, 26 de decembro de 2017

Reclamando a Papa Noel



Este Papa Noel está choucho e equivocouse co galano de Leo. Hoxe tiven que cambialo. Fun a Vigo que estaba atestado de chuvia e coches. Preguntei en varios comercios se recollían o presente pero sen tique non facían nada. Por fin un señor maior díxome que fose á oficina de Correos. Alí fixen cola e expliquei o caso. Devolvéronme o agasallo de Leo que viña confundido co doutro Leo de apelido Salgado que afortunadamente devolveu antes o del. Foi facer o cambio de agasallos e todo solucionado.
O meu Leo quedou contento pero este é o último ano que Papa Noel se equivoca para el. O noso Leíño medra. Sabémolo.

Etiquetas: ,

venres, 29 de setembro de 2017

Once anos ( e mais dous días )


O nécoro medra e fainos máis vellos a todos. Agora é un mociño que me pasa polos ombreiros e que segue a medrar en todos os aspectos.
Mañá terá a festa cos compañeiros na escola vella. Non quere ir ao cinema coma estes anos pasados e prefire xogar ao fútbol cos compañeiros. O fútbol e o seu mundo ao redor segue interesándolle e non está mal. Polo menos así relaciónase cos compañeiros que lle facía muita falta.
A Leo non lle gusta posar para foto e esta é a que millor me saiu.

Etiquetas:

mércores, 28 de xuño de 2017

A vixiar


Vai rematando este mes de forma fresca comparada con maio. E estamos como a pintada: atendendo a varios asuntos. Temos que ter un ollo aberto para vixiar o alifafe da bisavoa curándose no semiabandoado Meixoeiro como tamén ter conta de Leo que se nos meteu futbolista esta semana.
Menos mal que o ollo que me vixía cando vou ao choio é MBI e non é a DXT ou un fillo dela.

Etiquetas: ,