leoeosseus

martes, 10 de xullo de 2018

Vlrñ 2018


Neste mes eu teño que traballar pero a familia está en Vilariño.
Por esas terras pouco cambiou a cousa: este ano están de moda os flotadores de unicornios e flamencos enormes. Os locais seguen máis ou menos igual anque abriron algúns máis. A xente semella que é a de outros anos como o vello da chalana " Polvo " que o outro día tivo un " debate " cunha fodechinchos porque deixaba a chalana na area e algún neno podía espetar o rizón. Tamén está o francés das pizzas e outros personaxes de sempre. Botei en falta ao "Plastiqueiro ": un home todo bronceado e co pelo peiteado para atrás que recollía os plástico da area e da auga ( un adiantado con respeito aos que pagan polas bolsas ).
Xa fomos ao bosque encantado de Aldán e ao túnel da praia Areamilla que me fixo lembrar aos nenos atrapados na cova de Tailandia que hoxe por fin saíron os últimos desa prisión que non recomendo a ninguén.
E Leo está contento porque trouxemos ao seu compañeiro e amigo T. S. con quen se leva mui ben e xogan ao fútbol, falan diso e xogan aos aparellos electrónicos e sen problemas nin discusións. Semella unha relación totalmente simbiótica onde gañan os dous nenos e  inda por riba Xela tamén está contenta con T. S. Así que millor que millor e que o demo sexa xordo.

E agora vou para alá que en Vilaguindastre fai calor e xa volverei á noite a traballar e abafarme.

Etiquetas: , ,

mércores, 4 de xullo de 2018

Escrito o catro de xullo


Empeza este mes algo indeciso co este tempo revolto. Xullo tería que ser caloroso pero de momento semella abril.
Eu empecei a traballar mentres a familia comezou coas vacacións pero é o que hai. Xa irei picoteando momentos de praia e lecer.
E pouco máis teño que dicir: no choio aprendín o nome dun peixe semellante á lubina pero con pintas que se chama " baila ". Tamén asistín a unha case pelexa entre dous compañeiros.
Na familia case todos ben menos a avoaM que caiu e rompeu un peroné.
E así comeza este xullo.

Etiquetas: , ,

venres, 30 de marzo de 2018

LII


Pola mañá fomos ao Ifevi que había inchables para nenos e para maiores. De feito atrevinme a facer unha especie de Wipe Out e paseino ben andando a chimpos e rebotes coma un macaco. Saín mallado coma un pulpo pero despois quedaron os músculos todos relaxados.
E a noite regalounos unha sarabiada que tapizou de branco a veciñanza e xurdiu un regueiro efémero que abriu a superficie branca.
Iso foi hai media hora. Agora todo desapareceu.

Etiquetas: ,

domingo, 11 de febreiro de 2018

Sábado e domingo de entruido


O sábado fun de tigre coa avoaE e uns buscáronme o chip onde empeza o rabo. Tamén ameacei a unha Cruella Deville que fai o abrigo de peles de cadelos e collín de ganchete a unha muller cunha chaqueta de estampado de leopardo.
O xogo da ola estaba na edición 75 que logo se di !.
Leo, Xela e Naideleo desfilaron co colexio e levaban de temática Galicia cos seus traxes tradicionais, pelegríns, mariñeiros, peixeiras e "porranllas".
E o domingo tocounos no concello veciño ( onde tirei esta foto de Xela máis Leo ) e eu fun disfrazado de peixeira anque Xela dicía que eu non parecía unha chica nin cos labios pintados.

Estes son días de muitos e variados disfraces. Abraioume a cantidade de xuventude disfrazada de unicornios.

Que siga a festa !.

Etiquetas: ,

mércores, 13 de setembro de 2017

Patos, choros e ratos


Non é o Caurel, non. É o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre cos seus parrulos ou patos que gozan deste tempo revolto acorde coa volta ao cole. Falando da volta, o Leo tivo un baixón con choro incluido porque foi mui curto este verán, seica. Xela, en troques, está contente que entra pola outra porta do cole, xa está no patio grande e non ten deberes como lle porfiaba o irmán.
E o mundo segue coas súas historias grandes ou pequenas como a das rapazas que querían saber nun banco se aínda era válido un billete de cinco euros rillado por ratos e feito unha verdadeira piltrafa.

Etiquetas: ,

martes, 5 de setembro de 2017

Marchou Mehdi


Si. Mehdi marchou e deixou un baleiro difícil de definir. A verdade é que da ilusión do principio fomos chegando a unha sensación amarga de que a cousa non funcionou. Foi todo. A diferenza de caracteres dos nenos e a barreira do idioma deu lugar a situacións demasiado tensas e un ambiente tenso difícil de levar e non queremos repetir a experiencia.
Agora quedan as boas lembranzas e palabras que aprendemos del.
Como di a avoaM: Que teñas suertiña na vida !.

Etiquetas: ,

domingo, 3 de setembro de 2017

Alá foi agosto

 
 
Unha fin de semana estivemos por terras do Salnés e comprobamos a picaresca das zonas turísticas onde ofrecen unha cousa e é mentira como o tamaño e a vista dun apartamento ou cando queren cobrar unha hamburguesa de máis ou os prezos e a calidade que non están acordes. Iso si, volvemos visitar a aldea dos Grobit e evitamos a marabunta da praia e a calor nunha piscina patrullada por anduriñas que cazaban a rente da auga. 
 

 
 
Tamén fomos ao centro comercial de Braga onde había unha mostra de Playmobil para goce dos pequenos.
 

 
 
Á volta paramos en Ponte de Lima onde soubemos da lenda do río do esquecemento. Fomos pola vila no tren turístico.
 

 
 
Tamén houbo tempo para ir aos parques de Mos, de Tui ( con cea no eterno Fornos ) e de Vilaguindastre. Un día fomos ao Museo do Mar ( onde Mehdi se aburría e dicía " Jolín ! " todo o tempo ).
Un día divertíronse co " A tropa do Doutor Milagre " e non faltou piscina en Tui e en Melgaço ( que lle encanta a Mehdi ) e praia de Cesantes.
 

 
Setembro empezou cunha viaxiña en barco de Vigo a Cangas e meter o coche no aparcamento robotizado do Náutico.
Agora xa falta pouco para que comencen as clases e menos aínda a Mehdi para a súa volta ao Sáhara.

Etiquetas: ,

mércores, 9 de agosto de 2017

Falo que non hai roupa ao sol


Como non están os nenos podo falar.
Mehdi non é o neno perfecto do principio. Agora xa é máis normal e non come todo o que bota no prato. Xa non reza nin dobra a súa roupa. Manda calar a Leo e Xela cando falan no coche e búrlase deles de cando en vez. Os nenos son mui distintos e a convivencia está pasando unha mala racha que non acaba e non sabemos como rematará todo.
Iso si, a Mehdi encántalle saír da casa e así o pasa ben no parque da auga de Mos con outros nenos do Sáhara ( ata saiu unha foto no Faro de Vigo ), facendo cola para botarse polo tobogán de Navia anque nos aburrimos e marchamos antes de montar. Tamén o pasou ben en Acedre co seu lavadoiro decapitado sen tellado e en Monforte no parque. Tamén lle gusta meterse en ríos calzado ou explorar o castelo de Vilasobroso en busca de pantasmas.
Gústalle a música do coche e mira bruxas Maruxa en todas partes: a virxe María da capela do castelo de Vilasobroso ou mirando a Lano, unha personaxe barbuda de Ponteareas.
Bueno, hai que ter paciencia.

Etiquetas:

xoves, 3 de agosto de 2017

Semella que foi hai un século


Aquelas viaxes polo corredor do Morrazo ás veces tan lentas que mesmo daban para fotografar pintadas.

 
 
Aquelas paseatas nocturnas con vagalumes ou coa chuvia no mar para sorpresa e ledicia de Mehdi que podía beber auga caída do ceo.
 


Aquelas partidas de petanca, de paletas, pachangas e rebumbios: fermosa palabra para definir un fútbol de poucos xogadores que xogan todos contra todos. Tamén Mehdi descubriu os cangrexos e ata topou un diminuto dentro dun croque dunha empanada !.



Aquela tarde de cinema onde Mehdi riu muito con Gru 3 e ofreceu palomitas a unha descoñecida.


Aquela manifestación pedindo a liberdade para os presos saharauis en Marrocos. Gozar do espectáculo dos mimos, os escaparates con mariscos vivos e o ambiente festeiro de Santiago antes do día grande de Galicia.


Aquela construción dunha balsa por Robinson Crusoe e Venres na praia case paradisíaca.



Aqueles parrulos que percorrían con pachorra a praia para nadar despois cara o seu acubillo nocturno.


Aquela foguetería para despedida da festa e que coincidía coa fin da nosa estadía en Vlrñ.

De verdade que semella que foi hai un século.

Etiquetas: , ,

martes, 11 de xullo de 2017

O neno bo


Pois si, Mehdi está aquí e estamos contentos co el. É obediente, cariñoso e mui responsable. Gústalle estar comigo e aprender a usar o garfo e o cuitelo ou aprender a pescar co ganapán ou aprender a nadar. Aprende rápido e está abraiado con muitas cousas. O mar para el foi unha descuberta incrible. O primeiro que fixo o pobriño foi probar a auga: chega a poderse beber e sería o paraíso para el !. Gústalle a tortilla, as luras, os iogures e a fruita toda e aghoa polos xeados. Quere xogar con Leo e Xela pero a barreira do idioma é grandísima. Xoga ao fútbol con Leo e outros rapaces e cando cai un anque sexa contrario quere parar o partido para socorrelo.
Agora queda que lle fagan o exame de saúde a ver se ten algo. Está enxuito e fai muito pis ( " goj " en Hassania ) e de noite tose por veces.
Aquí deixo un debuxo feito por el.

Etiquetas:

xoves, 6 de xullo de 2017

Expectantes

 
 
Estamos expectantes.
Por unha banda a bisavoa Celia millora aos poucos no hospital con boas vistas da ría de Vigo.


Por outra banda Mehdi está de camiño dende Tindouff en Alxeria ata aquí. É unha longa viaxe en camioneta polo deserto, en avión para cruzar o Mediterráneo e logo en autobús dende Santiago ao Ifevi en Vigo.


E nós estamos na casa mentres fóra chove miudiño e, sorprendentemente, tamén trona neste verán que hai que tratar co parasol e o paraugas xuntos no maleteiro. Falamos de como será Mehdi e de como hai que tratalo e que Xela será a irmá maior anque sexa máis pequena porque haberá que ensinarlle de todo.

E así estamos: expectantes.

Etiquetas:

martes, 4 de xullo de 2017

Vlrñ 2017


Xa empezamos a gozar das imaxes de Vlrñ un ano máis ( 2014, 2015 ). A vila muda aos chiscos con casas reformadas e o paseo rematado dende o pasado ano. Desaparece a chalana " Polvo " anque o dono segue por aí. Segue a furgoneta das pizzas do francés simpático así como os calamares do " Buxaina ".
Dá gusto esquivar a calor admirando esceas mariñeiras e agardando pola familia mallorquina e tamén por Mehdi que chegará o venres dende o Sahara.
Agardo que lle guste isto.

Etiquetas: ,

mércores, 28 de xuño de 2017

A vixiar


Vai rematando este mes de forma fresca comparada con maio. E estamos como a pintada: atendendo a varios asuntos. Temos que ter un ollo aberto para vixiar o alifafe da bisavoa curándose no semiabandoado Meixoeiro como tamén ter conta de Leo que se nos meteu futbolista esta semana.
Menos mal que o ollo que me vixía cando vou ao choio é MBI e non é a DXT ou un fillo dela.

Etiquetas: ,

luns, 29 de maio de 2017

Gandaxe e máis palabriñas


Había tempo que non escuitaba a palabra " gandaxe ". Busquei esta palabra por dicionarios e na interrede pero só a topei nun par de  sitios. Aparece no libro " O enxoval da noiva " e despois nalgún comentario e blogo do sur de Pontevedra así que debe de ser unha palabra desta zona. Gandaxe vén a dicir xente de mala calaña ou de mala ralea na que non pode fiar un e supoño que vén de " gando " máis o sufixo " -axe ".
Poño a foto duns políticos que ben poderían entrar dentro desta definición na maioría dos casos.

E, falando de políticos e as súas prácticas, como non todo vai ser galego tamén aprendín a frase americana " Money talks, bullshit walks " para dicir que o diñeiro move todo, traducido finamente.
Coa familia norteamericana tamén aprendín a tradución de níspero " medlar " e de estruga ou ortiga que é " nettle " co que comprobaron que os galegos poden tirar licor de case calquera pranta.

A ver que aprendemos con Mehdi, o neno saharaui, cando veña aquí !.

Etiquetas: ,

domingo, 7 de maio de 2017

O día do " Quérote máis "


Nesta época que van madurando as fresas chega o día da nai.
Este ano estivo caracterizado polos agasallos sorpresa e outros menos sorpresa e por un vídeo gravado no cole onde Xela di que quere a Naideleo porque " es muy blandita ".
Iso si, xa temos banda sonora do día coa canción " Quérote máis " de O Sonoro Maxín que estivemos co ela na boca todo o día.
Feliz día da nai !.

Etiquetas:

luns, 3 de abril de 2017

Entrou abril


Rematou marzo coa carretada de agasallos que levei para min: que se bombóns, que se pantalóns, que se entradas para teatro, que se libros, que se cervexas artesás, que se produtos ecolóxicos e sibaritas.

E abril comezou con Xela que foi onde non tiña que ir e non me seguía e escondinme dela e logo non me topaba na galería Durán. Nuns segundos armouse unha enleada cos camareiros das galerías e unha dependenta dun comercio con Xela no medio co seu panda de peluxe chorando que non me atopaba. Logo abrazouse a min e xa non me escapaba; aprendeu co susto. Máis tarde díxome que tres cousas levaría a unha illa: a Naideleo, xoguetes e unha hamburguesa. Púxenlle cara de sorpresa e díxome: " ¿ Qué ?. Estaba indecisa entre tú o una hamburguesa pero tengo que comer, ¿ no ?. "
No domingo amenceron rotondas con globos azuis do día do autismo e fixo unha tarde boa para dar unha paseata por Arbo adiante e mirar o corticeiro sen pólas caídas polas tormentas ou como amplían a adega das Laxas. Por sorte non atopamos o lobo como atopou a bisavoa Celia e relatou por enésima vez e que o siga contando que vai para os noventa e dous anos.

Etiquetas: , , ,

sábado, 18 de marzo de 2017

Co pobo saharaui


Hoxe tivemos unha reunión para coñecer un pouco por riba a situación do pobo saharaui que leva 41 anos vivindo en campamentos no deserto, na Hamada ou terras do inferno como a chaman eles. Dependen da axuda exterior que cada vez é menor ao aparecer outros focos con necesidades como Haití ou Siria. A crise tampouco axuda e así están as cousas.
Nós acolleremos un neno este verán e estamos ilusionados e expectantes a ver como vai todo.
Deixo un mapa de como está o Sahara Occidental invadido por Marruecos e cunha barreira de campos minados e muros que é a liña vermella que separan os territorios ocupados dos liberados polo Frente Polisario.
Os nenos que veñen de acollida veñen de Tinduf en Alxeria.
Máis información na páxina oficial de Solidariedade Galega co Pobo Saharui.

Etiquetas: ,

domingo, 15 de xaneiro de 2017

Pequenas vitorias


Poden e de feito cain as xigantes sequoias pero a vida dá pequenas vitorias. Un familiar sai ben dunha operación, Xela vence unha catarreira que atacaba con febres e Leo fai unha excursión a Coruña. Todo nun venres trece.
Só queda vencer ao fluoroscente da cociña pero vou conseguilo.
A foto é dun regato de augas quentes que desemboca no Pai Miño: unha pequena vitoria da natureza.

Etiquetas: ,

xoves, 29 de decembro de 2016

Feliz 2017 !


Estes días non parei. Que se reunión de Asperga, que se cesta da empresa e o xantar, que se exhibición de patinaxe de Xela, que se matar os porcos en Arbo, que se chegada do Papa Noel, que se avaría da caixa de cambio do coche, que se problemas coa calefacción , que se facer os calendarios, que se dentista de Leo, que se teatro con " Pinocho ", que se cinema con " Vaiana ", etc, etc. Tantas actividades que me mantiveron lonxe do blogo así que decido entrar hoxe para felicitar este novo ano que entra con todo o que traerá de sorpresa.
Feliz 2017 para todos !.

Etiquetas: , , ,

sábado, 12 de novembro de 2016

Pinchorriño


Estamos en novembro e Vilaguindastre leva anos facendo o pinchorriño nas fins de semana deste mes. Tomas unha consumición e danche un pincho. Así que paseamos pola vila e fomos ao " Adèle " que nos deu unha carne moruna con pan e patatillas. Logo fomos ao " Cólleo con pinzas " onde nos agasallaron cun bóliño con pólo e canónigos e xa estabamos ceados.
No paseo falamos coa familia mallorquina das pequenas historias de Vilaguindastre e das viaxes e, de casualidade, topei unhas letras debaixo dunhas pegatinas.

Etiquetas: ,