leoeosseus

sábado, 25 de novembro de 2017

Septuaxésimo sétimo mes



Xela está pasando por unha etapa " tranquila " da súa vida que case obedece sempre e non está tan protestona e pegona. Iso si, para comer nin a tiros come. Eu non sei de onde saca as forzas para botar todo o día a xogar e a argallar como no momento da foto onde fixo unha táboa para sumar e restar totalmente ideada por ela.
Tamén está feita unha rompe-corazóns que ten a Llechat triste porque Xela quere casar con Ñajeill ou con Isoj.
E así estamos: cos días que pasan entre clases e actividades coma taekwondo, inglés, piscina ou ioga.
Éche a vida de pai !.

Etiquetas:

venres, 17 de novembro de 2017

Xela e Pupi

 
 
Pásame como hai anos cando lle lía contos a Leo e quedaba durmido e logo xa marchaba eu dereitiño para a cama. Agora pásame con Xela que lle leo contos de Pupi que lle encantan. Case todos están en español e temos dous en galego. O malo é que a Xela non lle gusta en galego e hai cousas que teño que explicarlle pero é o que hai. Mira que dei explicacións do significado dese " peixe " que sae na foto.
Tamén eu estou lendo e o outro día bimbei un libriño en dúas noites: " Cans " de Carlos Meixide.
E así pasamos o tempo lonxe da interrede.

Etiquetas: ,

martes, 24 de outubro de 2017

Septuaxésimo sexto mes


A nena faladeira preparando un póster de Halloween ou Samaín.
Ten boas ocorrencias como aquela vez que mirou un home de garavata nesta zona onde algúns pais van co uniforme de traballo a recoller os fillos. Xela díxolle: " ¿ Eres el alcalde ? ". O home respondeulle: " Casi. Un poquito menos ". E Xela retrucoulle: " ¿ Entonces eres el hijo del alcalde ? ".
Non se corta e pregúntalle a un virollo porque mira un ollo para ela e outro para o ceo.
Inventou a palabra " mascotería " para tendas de animais e conserva do galego a palabra dedas para as dedas dos pés e o numeral " cincocientos ". Tamén estamos na época que di: " Se lo digo a mamá " e eu póñome a bailar para que rían ela e mais Leo.
No cole mándanlle ler pero ela non quere e aínda así sabe ler ben. Gústalle o conto de Pupi e o misterio da televisión e o de " Adiviña canto te quero " que estamos lendo estes días para ir a cama. E segue facendo peidos cos sobacos e incluso aprendeu a facelos coas sofraxes ( palabra galega que en español significa corva ).
Segue indo a taekwondo pero non quixo saber nada de ximnasia. Tamén vai a piscina porque felizmente coincide con amiguiños da clase.
Do resto segue coma sempre: sen comer, co seu xenio e a súa mente argalladora que agora aproveita para as matemáticas.

Etiquetas:

domingo, 24 de setembro de 2017

Septuaxésimo quinto mes


Aquí está a xoubiña conducindo na festa co amigo que a invita á súa casa con frecuencia.
Ela segue sen comer e brincando coma se nada. Este curso non vai a patinaxe pero quere seguir con ioga e entrará en Taekwondo se hai Anpa no colexio. Gústalle a tele e a tablet e catro contos para ler antes de durmir como " Los amigos del señor Croc " ou " Un, dous, tres, que ves ? ". Segue argallando ideas ou inventos e non parou ata aprender a botar peidos coa man no sobaco como facía Mehdi.
Nada, que progresa.

Etiquetas:

sábado, 26 de agosto de 2017

Septuaxésimo cuarto mes ( e mais dous días )


Pasa o tempo e esquezo o mesario da xoubiña. Aquí a está armando as súas historias con Pepini, Paporrubio e Panda. A verdade é que agora xoga pouco na casa; a tablet e a tele ocupa a maior parte do seu tempo. Con Mehdi empeza a xogar agora un pouco, cando xa lle queda pouco para volver á súa terra. Xoga a Mario Bross ou fan manualidades xuntos.
Do resto segue coma sempre: de pouco comer e con forte carácter.
Engado unha foto do mes pasado.




Etiquetas:

domingo, 2 de xullo de 2017

Fóra do común


Este ano Xela celebrou o sexto aniversario cos amigos in extremis. Como segue sendo teimuda e pouco obediente case non celebra o cumpreanos. Xela ten unha personalidade mui forte, un carácter mui seu e mais unha intelixencia especial.
No lugar da festa non parou e gozou cos canóns de bólas ou escalando no rocódromo. Gustáronlle os agasallos que eran de construir uns, outro de coches e outro era un robot que baila e todo. Xogou con todo e deulles mil voltas e fixo cousas orixinais. Xela é unha nena tan fóra do común que se debuxou vista de costas, sentada e debuxando nun papel. Eu penso que é algo sorprendente nunha neniña de seis anos.
Promete un futuro creativo e orixinal.

Etiquetas: ,

domingo, 25 de xuño de 2017

Sexto ano ( e mais un día )


Xela está contenta. Xa é máis maior. Aparte como se portou ben vai ter festa cos compañeiros do cole. De momento  houbo dúas tortas e agasallos da familia como un ukelele, un xogo de construción, un jenga, un golf de madeira e unha casa de Doraemon. Tiña muitas gañas de recibir regalos e nin quería esperar a rematar de comer.
E o outro día remataron o curso e Xela tivo a graduación. Agora pasa de infantil a primaria.

 
 
Vaia: que a nena vai medrando.

Etiquetas:

xoves, 25 de maio de 2017

Septuaxésimo primeiro mes ( e mais un día )


Imos camiño dos seis anos e a xoubiña xa é máis sardiña. Este ano estase portando " regulín, regulán " e a festa do seu aniversario está aínda no aire. Obedece bastante anque sempre ten algo máis importante que facer antes de facer o mandado, sempre. E hai veces que se altera e berra cando non é o que quere ela e así andamos. No fundo ten un bo corazón e, por exemplo, quere coñecer a " el amigo del desierto ". Onte, coa calor esaxerada destes días, lembrouse del e quere que veña para que estea máis fresco que no Sahara. Pensa nel muitas veces e haberá dúas semanas dixo algo simpático: " Ojalá que al niño del desierto le gusten los mismos juegos que a nosotros. No sé: a lo mejor sólo le gusta mirar pirámides. " Bendita inocencia !.

Na foto está facendo unha postura de ioga que é unha actividade que lle encanta.

Etiquetas:

luns, 22 de maio de 2017

Lévanme de paseo

 
 
Esta foi unha fin de semana intensa.
Venres tocou ir á praia de Lourido en Poio onde había un aniversario que se celebraba nunha pista de karts a pedais. Xela demostrou ser unha boa piloto que ía a toda velocidade e collía ben as curvas, mesmo levantando unha roda de atrás. O Leo tamén se animou a dar unha volta cando a pista estaba libre.




O sábado Leo tiña outra festa de aniversario e xogou ao fútbol. Cando xa lle picaba o corpo pola suor empezou o rastrexo zombi no bosque do arredor. Había que topar tres obxectos e levalos de volta á mesa de control onde nos facían pasar unha proba ou resolver un enigma. Tivemos sorte co zombi que andaba detrás das nenas e nos deixou bastante tranquilos.
En fin, pasámolo de medo ( nos dous sensos da palabra ) !.


E o domingo a estrela do día foi Xela en Mos coa súa actuación patinando.

Que sorte teño que me levan de paseo !.

Etiquetas: ,

mércores, 26 de abril de 2017

Septuaxésimo mes ( e mais dous días )


Aquí temos a Xela saíndo dunha das súas actividades. Ela non quere ir pero despois pásao ben. Tamén hai momentos que non  obedece ou se porta mal pero é tararear a música de " Cumpleaños feliz " e volve ao rego. O ano pasado quedou sen festa de aniversario e este ano quere tela.
E así estamos, cos tiras e aloxas coa nena que me deu un agasallo polo meu cumpreanos con case un mes de retraso que non se lembrou de darmo antes.

Etiquetas: ,

domingo, 23 de abril de 2017

Do 17 ao 22


A volta das vacacións fíxose dura pero xa estamos ao cen por cen de volta na normalidade.
O luns dezasete Xela recibiu de agasallo do Ratiño Pérez polo seu segundo dente unha lanterna para a cabeza e unha bóla plástica que encolle e estira e o primeiro día non apeaba da cabeza a lanterna. Ao Leo caíralle unha moa en Barcelona e recibiu do rato Pérez unha figuriña de Messi e un chupachups.



O outro día para aparcar en Vilaguindastre fun dar a un camiño que non coñecía e que estaba perto de onde vivía José Moreira, o fotógrafo que hai case cen anos fixo esta foto de catro homes almorzando coas súas camisas abrochadas ata o pescozo, os chaleques e a cachola cuberta con boina ou con viseira.
Si que mudaron os tempos !.


Hoxe pasaron uns ciclistas rodeados de máis motos e máis coches que bicicletas competían mentres unha locutora de radio queixábase de que ninguén lle falaba en galego e así non podía aprender que significa " furafollas " que o compañeiro dela lle traduciu en " furahojas ".
En fin: parvadas do directo.


E o día rematou coa comedia teatral " Amigos ata a norte " que nos fixo rir e tamén pensar sobre este triángulo de amor, rancor e amizade e coa morte rondando para complicar  a trama.
Os tres actores foron mui bos.

Etiquetas: , , ,

luns, 3 de abril de 2017

Entrou abril


Rematou marzo coa carretada de agasallos que levei para min: que se bombóns, que se pantalóns, que se entradas para teatro, que se libros, que se cervexas artesás, que se produtos ecolóxicos e sibaritas.

E abril comezou con Xela que foi onde non tiña que ir e non me seguía e escondinme dela e logo non me topaba na galería Durán. Nuns segundos armouse unha enleada cos camareiros das galerías e unha dependenta dun comercio con Xela no medio co seu panda de peluxe chorando que non me atopaba. Logo abrazouse a min e xa non me escapaba; aprendeu co susto. Máis tarde díxome que tres cousas levaría a unha illa: a Naideleo, xoguetes e unha hamburguesa. Púxenlle cara de sorpresa e díxome: " ¿ Qué ?. Estaba indecisa entre tú o una hamburguesa pero tengo que comer, ¿ no ?. "
No domingo amenceron rotondas con globos azuis do día do autismo e fixo unha tarde boa para dar unha paseata por Arbo adiante e mirar o corticeiro sen pólas caídas polas tormentas ou como amplían a adega das Laxas. Por sorte non atopamos o lobo como atopou a bisavoa Celia e relatou por enésima vez e que o siga contando que vai para os noventa e dous anos.

Etiquetas: , , ,

mércores, 29 de marzo de 2017

Xela fanada


Onte chamáronme do cole que a Xela lle dera un mareo. Resulta que se lle movía o dente de abaixo e saiulle un chisco de sangue. Xela é mui impresionable e púxose pálida e mala. Funa buscar e estivo o resto da mañá preguntando se sangraba toda intranquila. Por sorte caiulle o dente de noite na cama e non houbo dolores nin sangue nin máis problema.
Agora toca deixarlle o dentiño ao ratiño Pérez.
Na foto sai Xela coa dentadura completa.

Etiquetas:

sábado, 25 de marzo de 2017

Sexaxésimo noveno mes ( e mais un día )

 
Xela tira para adiante anque non se note. Está mostrando ser unha nena intelixente, criativa, orixinal e autoesixente. Quizá de máis que chega a pasalo mal se algo non lle sai como quere. No cole están contentos co ela no plano académico pero no comportamento xa non tanto que hai veces que vai enfadada da clase matinal cando temos que levar aos nenos antes. En canto ás actividades depende. Para ir a inglés Kangaroo non ten muitos problemas. A teatro vai ben. Non  está mui conforme con Art Attack pero como vai dende o cole non hai problema. A patinaxe non quere ir que Xoel lle manda muito ou perde nos xogos que fan ao final da clase. A piscina xa non vai e agora está probando ioga, a ver.
Parecen muitas actividades pero ela pode con iso e máis que é inqueda.
Agora xa está coa teima do seu aniversario e iso que quedan tres meses.
Se remata controlando o seu carácter e as frustracións será unha nena ideal porque é cariñosa aparte de intelixente.


Etiquetas:

xoves, 9 de marzo de 2017

Napoleón e as mulleres


Onte foi o Día Internacional da Muller e tocoume traballar de noite. Xela estivo mala estes días e non foi ao cole. Normalmente durmo pouco pero con Xela na casa menos porque, con toda a lóxica do mundo, quere que eu lle faga caso e acende as luces do cuarto para que mire ben un debuxo que fixo ou chama por min para mostrarme que fai equilibrios co mando no xeonllo sentada no sofá. Por fortuna o mal de Xela xa pasou pero sigo sen durmir muito e todo isto fíxome lembrar a frase que dicía Napoleón que non pensaba cousa boa das mulleres e que dicía que cinco horas durmindo ao día son suficientes e só as mulleres e os idiotas precisan máis. Para Napoleón as mulleres eran necesarias para fabricar soldaditos para o seu imperio e pouco máis.
A sorte é que a historia segue o seu camiño paseniño con dous pasos para adiante e un para atrás e agora as mulleres poden votar, poden estudar, poden traballar, teñen dereito a folga e poden gobernar países e todo.
Oxalá que non aparezan máis napoleóns nin imitacións " Trumpeteiras " con esas ideas misóxinas de antes e cos seus pasos para atrás.

Etiquetas: ,

mércores, 1 de marzo de 2017

Sen tempo non era


Sen tempo non era. O sachiño que lle saiu hai un par de meses xa está facendo que se mova un dente de diante. Nuns días Xela terá o seu primeiro dentiño para o rato Pérez anque penso que sería millor que o botasemos ao lume, como facían antes, por iso de " Toma lumiño; para que o novo saia máis dereitiño ".

Tamén lembrei aquel artigo de Calros Solla onde falaba dos dentes e refráns.

A foto é dunha ( charanga ) comparsa de Moaña no domingo pasado. Había outra mui corida con traxes mexicanos e todas ían de Frida Kahlo.

Etiquetas: ,

domingo, 26 de febreiro de 2017

Sexaxésimo oitavo mes ( e mais dous días )


Xa saltaba eu o mesario da xoubiña. Aquí sai retratada vestida de Super Flas, o único disfraz que quixo poñer porque lle daba superpoderes o cinto ese.
A nena segue debuxando, escribindo e creando construcións cando non mira a tele.
É mui intelixente e razoa ben. Tamén é mui perfeccionista. Ten carácter e quere saír coa súa sempre e ai de quen se opoña. Así ten machacado a Leo . Fala todo o tempo e a volume alto. Pero no fundo ten bo corazón e é mecosiña e quere gustar...e acaba gustando, está claro.

Etiquetas:

sábado, 11 de febreiro de 2017

Balonmán e Carapuchiña Vermella



Hoxe tocoulle a Leo xogar o primeiro partido " real " contra nenos doutros colexios.


E á tardiña tocou teatro coa versión con cancións e final feliz para o lobo da obra Carapuchiña Vermella.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Sexaxésimo sétimo mes ( e mais un día )


E o tempo sabe o seu camiño e Xela ao par del.
A nena cambia e aprende e millora en todo. De cada vez escribe e debuxa millor e razoa máis. Asómbranos con algunhas cuestións case filosóficas sobre onde estaba antes de nacer e que pasa cando un morre e ela non quere morrer e nós dicímoslle que hai que comer para non morrer e que esqueza iso que inda é mui nova.
No plano físico dicir que agora case nunca mexa na cama anque segue a durmir co cueiro posto. Saiulle un sachiño diante dos sachos de abaixo e fai graza cando lava os dentes e lava aparte ese dentiño.
Desta volta deixo dúas fotos coas súas construcións porque no mesario pasado non puxen ningunha, xa sabes: era Nadal.

Etiquetas: ,

luns, 12 de decembro de 2016

De volta na rede


Pois si. Foron días complicados coa lavadora estropeada e xa sustituida por unha nova. Botei tempo a escoller fotos para o calendario do 2017 e quedamos sen teléfono e interrede toda a fin de semana e por se fose pouco Xela estivo maliña con febres. Todo sumou para desconectar case totalmente esta semana pasada.
Pero todo acaba volvendo ao rego e xa temos interrede e Xela recuperouse e debuxou un mostro que cai na auga chea de peixes feituquiños e un can que cada vez que debuxa un máis se van semellando a cans reais.
Conto con volver á interrede esta semana e ir rematando a escolla de fotos.
E, de agasallo, outro debuxo de Xela.

Etiquetas: , ,