leoeosseus

xoves, 31 de xullo de 2008

Canastro abafado



Onte o Leo aprendeu a dicir " can " e tivemos un susto porque case máis nos atropellan nun paso de peóns. Este susto foi máis grande que o que levei cando mirei este canastro abafado en Vilaguindastre; anque tamén lle chegou ben.

Etiquetas: , ,

mércores, 30 de xullo de 2008

Foto de documental



Sempre me gustaron os documentais de animais e lembro as imaxes de búfalos africanos con paxaros ás costas eliminándolles parásitos. Pero non foi ata o ano pasado que puiden facer esta foto de ovellas deitadas aproveitando a sombra e unhas pegas por riba delas limpándolles os parásitos. E é que hai veces que non se ten que ir lonxe para ver imaxes curiosas.

Etiquetas:

luns, 28 de xullo de 2008

Festa da prehistoria en Mos



Unha das idades do home máis admirada é a da nosa prehistoria. Quen non soñou con andar con taparrabos por ese mundo adiante e tirar pedras ?. Pois en Mos levan varios anos organizando unha festa da prehistoria no segundo fin de semana de agosto. Así que xa sabes; xunta uns colegas e xa podedes formar unha tribu para participar nesta festa onde creo que se pasa mui ben polo vídeo que mirei do ano pasado. Ademáis este ano hai un concurso de curtas coa prehistoria como temática principal. Aviso un pouco tarde pero eu son así.

Hala, a desfrutar !.

Etiquetas:

domingo, 27 de xullo de 2008

Vintedous meses


Hoxe o Leíño chegou aos vintedous meses con algúns avances dende o mes anterior. O naipelo xa ampliou algo máis o vocabulario e, de feito, aprende palabras case tódolos días. Gústalle o petit de chocolate e xa pregunta por el dicindo " coco ". Como non lle queremos dar muitos dicimos que non hai e el xa di " coco " e arrandea a cabeza negando. Dos monecos e peluches que ten hai un que é un moneco dun neno deportista e el pregunta por " quiqui " que se chama Quique. Logo a Epi chámalle " pipi ". E xa vai dicindo " mamá " dende que o reaprendeu nas Cíes. Físicamente está grande e case lle saíron tódolos caninos. Anda ben e corre un pouco pero é un medento subindo e baixando escalóns. É bastante tranquilote e tímido e algo mangoeiro que non quere comer pola súa man.
E así vai.

Etiquetas:

martes, 22 de xullo de 2008

Eu non son do blogomillo



Hai tempo lin nun blogo as características que había que ter para pertencer ao blogomillo e quero saber se as cumpro.


Netiqueta pra blogomillo


É necesario. O colectivo "autóctono" enxebre e auto publicitado ven-de un exemplo do pulo na Galiza. O "colectivo" blogueiro jallejo está auto denominado como blogomillo. Espero que non todo. Como colectivo que perpetra na rede os seus feitos necesita dunhas definicións e xeitos proprios que o diferencien.

UN TI NON podes formar parte do blogomillo, o blogomillo non elixe nen é elexido polos seus integrantes. Iso fano dende fora ( e a isto digo non sei como se elixe. Creo que con ter un blogo en galego xa formas parte do blogomillo. Por este motivo eu formaría parte do blogomillo. Igual que o Nemigo. Punto a favor.)

DOUS é o número mínimo de blogueiros necesario pra ser oficialmente do "movemento" Cando te citen dúas veces xa tes colar ( será. Non sei. o blogomillo non creo que sexa un movemento. Eu creo que teño ese colar posto por máis de dúas persoas. Punto a favor.)

TRES é o número máximo de entradas que pode facer un blogueiro nun mes ( aí desentono. En abril escribín 17 posteos. Poño abril porque foi o mes anterior a esta categorización e así non puiden facer trampas. Segundo a definición do Nemigo eu non pertencería ao blogomillo.)

CATRO nunca serás do blogomillo se non participaches nalgunha xuntanza do clan ( Eu participei en dúas e xa me considera de antes membro do blogomillo.)

CINCO por el culo... ( sae un ornitorrinco ?. Punto nulo.)

SEIS nunca, nunca, endexamáis no blogomillo se fala do agro ou do mar iso non é geek ( vaia, cando falo da natureza ou de vendimas deixo de pertencer ao blogomillo.)

SETE a cidade. O blogomillo é urbanita ( No meu caso falo de vilas e aldeas e mui pouco de cidades.)

OITO a ser posible se bloguea dende madrí ou barna outras cidades do estado dan menos sona ( eu empecei escribindo dende os EEUU así que serei do máis. Agora blogueo dende unha vila así que non son blogomilleiro.)

NOVE comentarios: nen unha chistada. O dito no blogomillo é a única mentira verdadeira ( remítome a abril: 173 comentarios e restamos 8 que fixen eu e a conta resulta 165. Non son do blogomillo.)

DEZ sen argumentos. As reflexións do blogomillo teñen a profundidade dunha fochanca ( non procuro reflexionar. Non son así. Punto a favor da pertenza ao blogomillo. )

ONCE sen visión. O blogomillo ten pendente falar da actualidade e do país ( se actualidade é política, novas de periódico e deportes de masas entón engado un punto a favor da miña pertenza ao blogomillo.)

DOCE endogámico. O blogomillo é endogámico. Só sabe de porno e pra iso pouco e malo ( eu pouco navego fóra das miñas ligazóns. O porno non é o meu. Metade a favor, metade en contra. )

TRECE ERDF no blogomillo sería incesto ( non entendo este punto. Coma o cinco.)

CATORCE prescindible. O blogomillo é prescindible ( totalmente a favor. Antes non existía e viviamos igual. O mesmo pasa cos coches, coa tele, cos ordenadores, etc. Pertenzo ao blogomillo. )

QUINCE subvencionable. O blogomillo gustaría da sopa boba en san caetano ( quen non ?. Pero non creo que se dea o caso. O meu blogo non entraría neste punto.)

DEZASEIS inútil. O blogomillo non serve pra nada e nada aporta ( depende. Serve para comunicación entre xente de gustos minoritarios e a distancia que doutro xeito non se podería comunicar. )

E o resultado sería... Cinco puntos a favor, tres nulos e oito en contra; logo eu non pertenzo ao blogomillo.

Etiquetas:

luns, 21 de xullo de 2008

Pericas e pericos



Onte o Leo desfrutou mirando pastar unhas ovellas en Arbo. Despóis apareceu na conversa a palabra " pericas " como definición de ovellas cando eu pensaba que eran cabras. Como tiña as miñas dúbidas hoxe preguntei no choio a un compañeiro de Salceda e dixo que " Para nós as ovellas son ovellas e as cabras son cabras. Iso si, nós dicimos pericos de cabalo ou de burra á merda dos cabalos e dos burros ". E así, sen querer, saiu unha nova palabra escatolóxica para engadir.

Etiquetas: ,

venres, 18 de xullo de 2008

Fotografando a calor



Hai conceptos abstractos que por seren iso precisamente, non teñen unha imaxe real. Nestes casos é mui difícil asignarlle unha imaxe a conceptos como gratitude, frío ou calor, por exemplo. Por iso, nestes días de calor abafante non dubidei en fotografar as fiestras da veciñanza que se abren na noitiña como se as vivendas quixeran respirar aire fresco despóis dun día de lume. Esta sería para min unha imaxe de calor abafante.

E agora, cal sería a túa ?.

Etiquetas:

mércores, 16 de xullo de 2008

O maniscoto



Como se pode apreciar na foto o Leo non é só cocheno, zurdán, esquerdeiro e manecho; senón que tamén é maniscoto. Esta palabra aprendina en Arbo hai poucos días e aventurando a súa etimoloxía diría que vén do latín " cautivo da man ".

Etiquetas: ,

luns, 14 de xullo de 2008

Cíes e a lenda do Boto


Onte fomos ás illas Cíes. Logo de xantar fomos camiñando ata o faro das Cíes e logo ata o faro da Porta. Na praia de Rodas corría aire así que nos bañamos na praia da Nosa Señora. A auga estaba fría como de costume. Ía connosco un familiar brasileiro e contounos a lenda do Boto, que é o golfiño do Amazonas. Di a lenda que nas noites de lúa chea transfórmase nun mozo xeitoso que baila mui ben e que é encantador. Leva un sombreiro para tapar o buraco por onde respira. Nos bailes namora as mozas e acaba por engravidalas e o Boto é o culpable dos embarazos non desexados da zona.
Gustoume a lenda e a estadía na illa.
Dende o barco de regreso víase a excavadora que está a tirar o monolito feito por Franco.

Etiquetas: , ,

sábado, 12 de xullo de 2008

O can suicida



O outro día o escritor Alfredo Conde gabou ao blogueiro Suso Lista e, de paso, nomeoume a min sen querer. Adivíñolle ao escritor curiosidade pola historia que mencionei do can suicida e vou satisfacerlla.
O asunto foi hai máis de vinte anos e no centro de Vilaguindastre e nos arredores do paso a nivel. Eu pasaba a cotío por alí na ida e volta da casa ao instituto. Nunha ocasión apareceu un can pequeno de raza indefinida que nos fuxiu da beirarrúa. Eu considerei este acto como normal nun can que ten prevención con humanos descoñecidos. Pero o curioso foi que o raio do canciño se botou a un coche que circulaba. O condutor fixo unha manobra brusca e esquivouno e así safou ese día. No día seguinte xa andaba polo medio e medio dos coches e botándose a eles con movemento alegre do rabo. Os coches esquivábano pero un camión non puido esquivalo. O raio do can quedou no medio e medio e salvouse por ser pequeno que o camión lle pasou por riba sen problemas. O público estaba abraiado e quería salvar o can pero el marchou sen deixarse atrapar. Ao día seguinte seguiu co seu deambular entre coches sen acadar o seu propósito e, nisto, baixou a barreira do paso a nivel e o can acordou un cambio de estratexia. Cando notou que o tren pasaba botouse á vía. O can era pequeno e o tren ía rápido así que o aire que rodeaba o tren tirou co can atrás sen chegar a pillalo. Desta volta a xente estaba máis que abraiada co can e os seus intentos de suicidio.
A partir daquel día non o volvín ver máis. Eu non sabía se lle cambiara a vida e decidira non suicidarse ou se conseguira o seu devezo e rematei por case esquecer o asunto. Pasou un tempo e eu andaba de paseo entre as vías a un quilómetro do paso a nivel cando descubrín o esquelete dun can. Tiña a cabeza dun lado da vía e o corpo doutro e polo tamaño e polos restos de pelo souben que era aquel can kamikaze do paso a nivel. Ao primeiro deume tristura pero logo aledeime polo can que conseguira o seu propósito. Un canciño daquel tamaño que se enfrentaba a monstruos metálicos con tanta alegría merecía un fin cinematográfico como o que tivo. Imaxino que hai que ser mui valente para apoiar o pescozo na vía e esperar que veña o tren.

Etiquetas: , ,

venres, 11 de xullo de 2008

Baños de aventura



Hoxe no choio falamos de como nos bañabamos cando eramos rapaces. No meu caso falei do río Louro coas súas zonas de baño da Fos, o Solombo e o Peirao. A Fos e o Solombo desapareceron coa autovía e do Peirao non sei que será pero o río está contaminado. Tamén estaban as barreiras de Centeáns a uns tres quilómetros da casa que eran iso precisamente, un sitio onde sacaban barro para facer ladrillos. Iamos ata alí e metiámonos en coiro e sen medo e iso que había bechas e tartarugas. Despóis medramos e apareceron piscinas e autobuses ata a praia e deixámonos de baños aventureiros.

A foto fíxena en marzo do ano pasado e quedei abraiado do temerarios e pouco escrupulosos que eramos.

Etiquetas: ,

martes, 8 de xullo de 2008

Deixaime que eu son así



Hai tempo topei esta foto nun libro do fotógrafo Magar e non puiden evitar fusilala. Na foto sae un coñecido de cerca de Vilaguindastre que xa morreu. Eu coñecino con máis idade e cun carriño xa motorizado. Naceu eivado e para camiñar facíao a catro patas cuns tacos de madeira nas mans para non esfolalas. Había rapaces que lle tiñan medo pola feitura tan pouco común pero el tiña bo humor e sempre sorría e ata contaba unha anécdota que lle pasara cuns portugueses. Era noite e el volvía á súa casa no carriño pero nunha curva un coche saiu da estrada e tirouno con carro e todo a unha finca. Os portugueses que ían no coche saíron berrando e botando as mans á cabeza mirando a desfeita. Entre dous agarraron á vítima e empezaron a puxar crendo que os brazos e as pernas quedaran encollidos do accidente. Muito turraban e o home chiaba e chiaba pero non o deixaron en paz ata que berrou:- Deixaime, carallo, que eu son así !.

Etiquetas: ,

luns, 7 de xullo de 2008

Ouregho



Se a bisavoa Celia vivise en Italia empregaría a pranta da foto para dar sabor ás pizzas pero como vive en Arbo fai infusións de ouregho para aliviar a tos.

Etiquetas: ,

xoves, 3 de xullo de 2008

Mangantes



Hoxe o home das máquinas de bebida deixou unha porta aberta sen querer e houbo xente que arrapañou con bebidas sen pagar. A min ofrecéronme pero non quixen. Quero ter a conciencia tranquila e se teño setenta céntimos para unha cervexa por que vou mangala ?. Tivo que vir un camioneiro portugués para dicirnos que a máquina estaba aberta e que había que chamar ao home e el mesmo chamouno por teléfono.

Na foto sae un quiosco nun aeroporto norteamericano. Teñen na entrada ese estante con periódicos e revistas onde " colles e marchas " despóis de deixar os cartos no peto. Alá pode facerse iso pero por estas terras aínda non.

Etiquetas:

martes, 1 de xullo de 2008

Fusilando

Cando digo fusilar refírome a facer fotos doutras fotos que isto é outra das vantaxes das cámaras dixitais.


As últimas fotos que fusilei son do libro " A illa de Ons, unha cultura, unha identidade " onde saen fotos da década dos 60 feitas por un sueco que estudou antropoloxía e, despóis de estar nas illas Faroe, pasou a vivir na illa Ons. A vida fixo das súas e o sueco rematou por namorar e casar cunha moza da illa. Bueno, supoño que aquí haberá unha historia ben fermosa de amor esperando por unha película pero eu non vou facela. O que si vou facer é deixar fotos fusiladas dese libro feitas por un sueco que quixo retratar unha xente e uns costumes diferentes.
















Etiquetas: , , ,