leoeosseus

xoves, 14 de xaneiro de 2010

Liortas e poceiros


Hoxe vou destacar dous asuntos nesta miña vida sinxela. A profe Maite separou a Leo e Carlos que estaban enganchados nunha liorta pola bolsa da merenda sen consecuencias. A nai de Carlos, que foi o que iniciou todo, ofreceume que lle pegase no cu ao seu fillo. Eu, por suposto que non lle peguei e fíxenlle dicir que non ía repetir a pelexa con Leo nin con ninguén. Por fortuna todo quedou nun amago de bullying, que é como lle chaman agora ás pelexas de rapaces.

O outro asunto que destaco foi o tema que falamos no tempo do taco do choio. Resulta que na empresa hai unha fuga de auga subterránea e chamaron a un poceiro para que atine co lugar da avaría. Pois resulta que o tal home é quen de adiviñar por onde foxe a auga co sistema do péndulo. Eu sabía do sistema da galla de salgueiro, amieiro ou de vimbio que seica agarras con forza do pau e tira a punta para abaixo alá onde hai muita auga. Pero non coñecía o sistema do péndulo. Este método consiste en soster unha cadea de prata cun reloxio de pulso na punta ( non valen dixitais ). O home vai andando e cando hai auga o reloxio empeza a facer círculos. Canta máis auga, máis rapidamente xira e ata pode saber os metros de fondura que hai que cavar. Para iso piden que lle boten unhas pedriñas ou moedas na man libre que pon de cazo apoiada nas costas. Manda parar e logo conta; tantas unidades, tantos metros que hai que cavar.

Non sei. A min seméllame un pouco fantasioso pero os compañeiros teiman en que atinan e hai que crerllo. Tamén din que é famoso un tal " Bomba " que atina co sitio pero que non di os metros que hai que cavar.

Na imaxe sae un pozo dun xardín de Vigo sitiado por edificios esperando o seu turno de demolición.

Etiquetas: , , ,

domingo, 10 de xaneiro de 2010

Chapapote e neve




Estes días de neve ( por outras zonas pero non por Vilaguindastre ) fixéronme lembrar a neve de hai xusto sete anos. Era un dez de xaneiro de 2003 e a costa galega aínda tiña chapapote do Prestige. A asociación de graniteiros de Vilaguindastre fletou NOVE autobuses cheos de traballadores para irmos limpar chapapote en Carnota. Saímos ás sete da mañá pero no camiño tivemos que parar durante dúas horas pola neve e xeo que había na estrada e saímos xogar coa neve. Chegamos á unha da tarde e fomos sen comer nada a limpar para aproveitar a marea baixa. Traballamos duro ( dixéronnos uns bombeiros vontarios chegados dende Sevilla que xa levaban unha semana limpando ) e conseguimos arrincar coas mans máis de vinte toneladas de chapapote. O pago polo noso traballo foi un bocata, un iogur, unha mazá e unha botella de auga. Pode parecer pouco pero a satisfacción de facer algo positivo pola nosa costa, iso é o que realmente importa.
Chapapote nunca máis !.

Etiquetas: , , ,

xoves, 7 de xaneiro de 2010

O " Bebopurrela "


Cando vou a Arbo paso por este camión de gaseosas abandonado e non podo evitar pensar no camioneiro " Bebopurrela ". Este rapaz traballaba para a Torredocaminho e un día ata falei dun accidente que tivera. Pero diso xa choveu un pouco e a el tamén lle chegou a famosa crise e agora está cun camionciño repartindo bebidas para bares e de aí que o lembre eu cando miro este camión. O " Bebopurrela " caiume sempre ben porque é de mente positiva e leda e ten un sorriso imposible de borrar. Os accidentes e as crises non poden co el. Conserva a simpatía e conta historietas e " paridas " con humor. Sempre canta e dálle un xeito pero o máis simpático é que inventa letras e de aí que eu lle chame " Bebopurrela ".
E agora vou resolver o misterio da nomeada que lle puxen ligando a canción que el cantaba e titulaba " Bebo purrela ".

Xente así nunca está de máis !.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de decembro de 2009

Ágape


Este ano, como hai crise, a cesta de Nadal da empresa vén máis lixeira e, en troques do xantar cheo de zamburiñas feitas de tódolos xeitos coñecidos; houbo un ágape nas instalacións da Torredocaminho. A comida non foi copiosa pero o xamón estaba delicioso e o queixo curado tamén. Probei o viño Triskel dunha adega famosa en Arbo e o viño escumante de moscatel feito en Valencia de marca Reymos.
Só espero que para o ano non haxa crise e se poida repetir todo e con máis abundancia.

Etiquetas:

mércores, 4 de novembro de 2009

O " Tatuado "



Remataron as miñas vacacións e volvín ao traballo. Hai poucas novidades: un fillo dun compañeiro tivo a gripe A e contrataron un home grande como dous ( semella que a crise imos capeala ). Volvín mirar compañeiros como o " Tatuado ". A primeira impresión que levei del non me gustou muito: leva muitas tatuaxes, estaba serio, falaba pouco e koruño. Pero a medida que pasaba o tempo descubrín o seu perfil máis humano: facía bromas, preocupábase polos animaliños e ata me contou a súa última bondade. Resulta que está proibido fumar pero el vai ao baño igual e alí alivia o vicio. Nese tempo " morto " descubriu unha arañeira e collía el moscas coa man e púñallas á araña. E así fíxose amigo da araña e ata falaba co ela. Pero pasou o tempo e o outro día estaba triste porque a muller da limpeza fixera desaparecer a súa mascota.
En fin, que debaixo dun corpo tatuado pode haber un corazonciño sensible.
A foto é de Doisneau.

Etiquetas: ,

sábado, 10 de outubro de 2009

Casualidade


Hoxe por casualidade coincidín na rúa con tres antigos compañeiros de outros tantos traballos anteriores: un de hai nove anos, outro de hai seis e outro de hai tres anos. Aledoume velos e saber que as súas vidas van ben. Pero non nego que me pareceu extraño este fenómeno e non sei se significará algo. Iso si, quedo coa despedida que me dixo un: " Cuidate que é gratis ".

Etiquetas: ,

venres, 3 de xullo de 2009

Concurso - sorteo


Como eu non teño unha compañía eléctrica considérome máis xeneroso e regalo dúas botellas de viño.
Pois si, o outro día estaba eu ensacando alimento para animais no choio cando me fixei na etiqueta e lin isto curioso: " Administrar a libre disposición sobre una superficie plana de fácil acceso para los animales ". Pensei nos animais para quen ía destinado o produto e dixen para min: " Claro. " E agora empeza o concurso-sorteo. Cada blogueiro ten opción a dicir un animal na caixa de comentarios, atención, só un animal por blogueiro. O que atine co becho leva unha botella que lla mando por correo. Logo sorteo entre todos os que non atinaron a segunda botella. E dou de prazo unha semana xusta. Ala, animaivos !.

Etiquetas: ,

xoves, 25 de xuño de 2009

Pouco choio


A ver: si, se non hai máis remedio. Pero é o que toca cando non hai traballo. Levamos toda a semana case sen producir e xa non sabemos onde meternos. Botei de carpinteiro amañando palés uns días e hoxe tocou limpar paredes do almacén que estaban cheas de arañeiras. Quen tivo sorte de que limpase eu foron dous pichóns e dous ovos de pomba que tiveron a súa segunda oportunidade.
A ver se saímos deste bache produtivo...

Etiquetas:

martes, 9 de xuño de 2009

Rimbombancias e pinicos


Vivimos nunha sociedade mui dada ás grandes palabras ocas de significado ou cun significado escuro e así hai unha furgoneta veciña con este nome de empresa que non me di nada: Globalización de servicios integrales; e logo vén pintada cuns peixes voando entre árbores. Se alguén comentarista sabe algo que mo explique.
Así tamén teño un compañeiro de verbo vacio e fácil que cre na teoría creacionista e escribe " agua " con diérese, aparte doutras mostras de saber barato. Cre que vai ir ao paraíso e, de feito, está collendo práctica porque é un mangoeiro que non pega pau na auga. Pero hoxe sorprendeume coa última porque dicía que nas manifestacións do metal os vándalos aprenderon de Kale Borroka. Eu fixen o parvo e pregunteille que era iso e el iluminoume dicindo que Kale Borroka é unha organización proetarra onde aprenden a luitar contra a policía. Nada, que é millor deixalo desbarrar.
A boa noticia de hoxe foi que o Leo pediu para mexar no pinico e mexou nel por primeira vez !. Supoño que o día de chuvia axudou bastante.

Etiquetas: , , ,

luns, 9 de febreiro de 2009

O río ten pelos


Na foto saen barcas do río Miño na beira portuguesa un día tranquilo de verán.
Estes días de temporal dan muito para falar do tempo e así conta historias un compañeiro de cando ía ao río sendo novo. Fala de pescar taíñas ( como lle chama ás carpas ) ou lampreas e remata relatando historias de naufraxios e desaparecidos no río e como aínda non se recuperou o corpo dun sobriño que leva máis de dous anos desaparecido. Cando finaliza o seu relato hai un silencio espeso e incómodo no que todos tratamos de imaxinar o que pode pasar pola mente da familia. O silencio queda roto cando outro compañeiro finaliza a conversa cun: " O río ten pelos ", frase curta e rotunda para dicir que o río sabe dos seus desaparecidos.

Etiquetas: , ,

venres, 16 de xaneiro de 2009

Cada vez menos


Hoxe houbo dúas despedidas no traballo. Un compañeiro xubilouse merecidamente e trouxo empanada, rosca, xamón, xamón para monos ( como lle chama el aos manises ) e viño. Esa foi a despedida alegre. A triste é a do compañeiro que non lle renovan o contrato. Este home viu de Madrid porque coñeceu á súa muller de aquí por internet. Gustáronse e aquí quedou. Quixeron ter un fillo pero teñen problemas. Probaron con inseminación artificial e nada e agora seguen probando pero co método " divertido ", que di el. Eu só espero que o seu porvir veña cun sorriso grande coma o seu e amenizado co falaricar rebuldeiro dun neno.
Na foto sae un moneco dunha protesta por despidos laborais nesta época de crise.

Etiquetas:

domingo, 21 de decembro de 2008

O teo da máquina


Xa sei que case é pecado falar de traballo nestes días pero teño que dicilo antes que o esqueza. Estes días a máquina paletizadora ( parecida á da imaxe roubada na interrede ) andaba tola e traballaba mal. Un camioneiro falou comigo:
- O que pasa é que a máquina ten o teo.
- E iso que é ?.
- É unha enfermidade que lle dá aos porcos na cabeza e que se poñen a dar voltas ata morrer. Para curalos hai que darlles un corte nas orellas para que lles baixe a presión sanguínea.
- Ah !!!. Pero si lle digo iso ao encargado non o vai entender( leva pouco tempo na empresa e vén de Madrid ).
- Entón aos porcos de Madrid non lles dá o teo ?...
E así me convenceu de tratar de ensinarlle galego ao encargado novo; aos poucos para que non se asuste. Xa aprendeu o que é unha trapallada.

Etiquetas: ,

domingo, 14 de decembro de 2008

Invernía



Nesta fin de semana chuviñenta, ventosa e fría case non pasou nada: os papa Noeles das fiestras case voan, case se inauguran parques acuático- infantís como o da Escarranchada da foto, voaron algúns foguetes lanzados por canteiros celebrando a súa patroa e houbo xantar de empresa con citas de Herman Hesse e discursos do tipo: " Fue de las primeras o segundas personas que conocí "... Case nada.

Etiquetas: , ,

xoves, 11 de decembro de 2008

Premio




A min gústame cumprir no traballo e hai veces que para facer o meu teño que chincharme e facer o doutros. Procuro non encomodarme pero necesito dicilo nalgún sitio senón arrebento e para iso teño o blogo. Para que conste.

E este asunto faime lembrar hai anos, cando limpaba nun hotel de Londres, que nos mandaran limpar os baños das escaleiras e eu limpaba e fregaba o millor posible. O meu compañeiro dicía que non facía falta tanto pero debaixo dun escobilleiro dun baño topei uns billetes dobrados que eran tanto como o que cobraba eu nunha semana. Quedei mui contento co eses cartos que ninguén recramou e que sempre considerei como un premio ao meu traballo.

Na foto saio eu e compañeiros españois, un polaco, unha francesa e dúas suecas.

Etiquetas:

sábado, 25 de outubro de 2008

Big Ben


Pouco a pouco imos esquecendo a tristura e o mal sabor de boca do despido dos compañeiros e ata botamos unhas risadas. Un exemplo pode ser o que pasou o outro día. Resulta que para paliar o frío destas mañás poño bastante roupa como a camisola da foto que está gastada e a deixo para traballar. O " He asistido " mirouma posta e soltou unha das súas: " - Ah, ese es Einstein; el que formuló la teoría del BIG BEN ".

Etiquetas:

sábado, 18 de outubro de 2008

Crise



O cataclismo da crise anunciada xa se asomou pola Torredocaminho e deu a primeira sacudida. Neste venres despediron a tres compañeiros. De dous deles xa falara algo no blogo pero do outro aínda non dixera nada. Este compañeiro coñecémolo como o " Quiyo " porque é andaluz. Hai tempo chegou de acampada pola costa galega cuns amigos e coñeceu á que sería a súa muller. Durante uns anos víanse só nas vacacións pero logo o Quiyo deu o paso e deixou o sol e a ledicia de Sevilla por este clima noso que tal mal o fai pasar. E todo por amor. Buscou traballo e entrou na empresa esta e o venres chámano á oficina e dinlle que está na rúa despóis de seis anos e medio traballando.

A impresión foi grande para todos e non sabemos por onde seguirá atacando o mal becho da crise.

Etiquetas:

xoves, 7 de agosto de 2008

Música portuguesa


Nesta época de vacacións andamos no choio movendo postos e agora teño de compañeiro a un portugués que ten boa voz para cantar. No xantar de Nadal a xente que comezou ese ano ten que cantar unha canción e cando cantou hai anos cantou varias anque o éxito e os aplausos chegaron cando cantou " A cabritinha " de Quim Barreiros. A min persoalmente gústame cando canta " Estou na lúa " , unha canción que bailabamos hai dez anos no " Tres Tempos " da zona vella de Tui.
Nada, que lle teño envexa á xente que sabe cantar ou tocar un instrumento.

Etiquetas:

Os ghuevos de plomo



Teño un compañeiro no choio que sempre conta acontecidos reais graciosos. Vou pór un exemplo.

Unha señora tiña un problema coas súas galiñas que repinicaban nos ovos que puñan e acababan estropeando todos. Unha veciña díxolle que tiña que mercar uns ovos de chumbo e pólos no niño e así cando fose repinicalos había de doerlle no bico e non volvería facelo. Alá foi a señora á ferraxería e o dono era un marrecas, un velliño xorobeta. Foi a señora e preguntoulle: - "Ten ghuevos de plomo ?." E o home contestou: - "Non, señora; é reuma."

Etiquetas:

xoves, 3 de xullo de 2008

Mangantes



Hoxe o home das máquinas de bebida deixou unha porta aberta sen querer e houbo xente que arrapañou con bebidas sen pagar. A min ofrecéronme pero non quixen. Quero ter a conciencia tranquila e se teño setenta céntimos para unha cervexa por que vou mangala ?. Tivo que vir un camioneiro portugués para dicirnos que a máquina estaba aberta e que había que chamar ao home e el mesmo chamouno por teléfono.

Na foto sae un quiosco nun aeroporto norteamericano. Teñen na entrada ese estante con periódicos e revistas onde " colles e marchas " despóis de deixar os cartos no peto. Alá pode facerse iso pero por estas terras aínda non.

Etiquetas:

xoves, 26 de xuño de 2008

Agarrada


Nesta foto histórica estou nunha andaina bastante inusual en min porque son pacífico anque teña os meus prontos.
A foto vén a conto porque cando hai unha situación violenta non sei como reaccionar e hoxe houbo unha agarrada no choio entre un compañeiro e o Orzowei. O Orzowei díxolle lindezas como: " vouche dar un patadón neses dentes ", " antes esperaba a que hubese unha revolución para matarte pero non vou esperar ", " burra falsa ", " voute seghir hasta o peto das ánimas ", " vou caghar nas túas cenizas ", etc, etc. E eu e uns compañeiros quedamos calados sen dicir nada.
Estas situacións non me gustan nada e supoño que o tempo suavizará os roces. Tamén eu levei unha mallada o día da foto e non gardo ningún rancor ao meu contrincante que só sei que era de Noia.

Etiquetas: