leoeosseus

martes, 6 de outubro de 2009

Seguros



Esta mañá tiña un xuizo como parte demandada. Houbo sorte e non chegou a celebrarse porque a miña ex-compañía chegou a un trato co denunciante. A compañía non nos avisou disto pero non nos extraña despóis de deixarnos sen seguro de coche durante un mes sen aviso ningún. Iso si; para mandar felicitacións de aniversario cando eramos bos clientes si que andaban lixeiros.
Cambiamos de compañía aseguradora e non sei onde nos metemos porque lendo os casos que non cobre o seguro aparece este apartado:
" f) La modificación de la estructura atómica de la materia y sus efectos ".
En fin, que non nos pase nada.

Etiquetas:

venres, 11 de setembro de 2009

O meu 11 - S


Hai datas que quedan gravadas a ferro na memoria e unha delas é o once de setembro de 2001. Naquela data estaba a miña muller nos EEUU en casa duns familiares e fun ao bar dos meus sogros a ver se había chamadas dela. Entrei no bar cando tiñan o telediario posto e saía a primeira das torres xemelgas ardendo e preguntei que pasara. A avoaM díxome que chocara un avión contra a torre e coincidimos en dicir que semellaba unha película de ciencia ficción e, nese xustiño momento, miramos na tele como outro avión chocaba contra a outra torre. Quedamos extrañados pero eu non lle dei máis importancia. Á tarde fun á Freixa ( na foto ) con avoaE e kasege e esquecín o asunto. Logo voltei a Vilaguindastre e fun a un cíber antes de ir traballar de noite. Na interrede puiden observar o alcance dos " accidentes " e o caos no que acabariamos metidos todos a partir dese día. A miña muller tiña o vo de regreso para Galicia o día 13 e tivo que permanecer alá ata o 20 e só ela sabe o medo que pasou cando subiu no avión.
Quero que quedo aquí constatado para Leo cando teña máis coñecemento e poida vivir algo que non viviu.
E ti; como lembras esa data ?.

Etiquetas: ,

mércores, 9 de setembro de 2009

Ola setembro

E comezou setembro e, sen decatarme, botei días sen escribir nin tocar a interrede. Traballo, paseos, adaptación a esta Vilaguindastre setembreira, o malestar do Leo ( aínda ten subas de febre anque non perde o humor ), leituras, músicas, colecións de setembro e demáis fóronme apartando da interrede.
Pero hoxe rompín un espello e lin unha referencia ao meu blogo e a petición dun blogueiro para que visiten o seu blogo e puxen mans á obra e volvo a este mundo.
E se queredes axotar porcos bravos dos vosos milleirais usade o sistema de Brabido.


Etiquetas: , ,

martes, 25 de agosto de 2009

Buscando traballo


Tranquilidade que non é o meu caso ( e que o demo sexa xordo ).
Nesta época de crise hai que expremer os miolos para buscar choio e na imaxe ( descuberta pola raíña Kasege ) este home ofrécese para facer na casa o que o home da casa non fai.
Pareceume unha iniciativa simpática e curiosa e aquí a deixo por se alguén a necesita.

Etiquetas:

luns, 17 de agosto de 2009

Crónicas praieiras


Por esas terras do noroeste pode acontecer de todo. Un visón baixou polas rochas, nadou na auga salgada cinco metros, entrou nunha furna e apañou un cangrexo. A xente que o viamos estabamos abraiados e fomos bautizándoo a medida que avanzaba: gato, rata, ardilla, donosiña, hurón, comadreja, visón e incluso bisonte !. Foi mágoa non ter a cámara a tiro.
Á noite houbo festa e o Leo non o pasou mui ben nas atraccións. Tamén houbo tirada de fogos artificiais impresionante con música e todo. O Leo, ao primeiro tiña medo, pero logo case durmía e todo admirando o lucerío.
Tamén houbo buracos na area, paseo en pedaleta, busca e aprendizaxe de mexillóns, caramuxos, lapas e arneiróns; cafés con xeo, xeados e cervexas.
Ata pillei a uns veciños de toalla contando unha anécdota sobre un alcalde da zona que leva muitos anos gobernando pero que mete bastante a pata á hora de falar.
Estaba o tal alcalde dando un mítin e dixo: " Estos años hemos picheado muchos caminos ". Un secretario intentou correxilo: " Asfaltado, señor alcalde, asfaltado ". E o alcalde pronto remendou: " Bueno, si le he faltado a alguien que me perdone ".

Etiquetas: , ,

xoves, 6 de agosto de 2009

Traballiños



Castelao dicía que o pobre ten un can para ter en quen mandar e agora os galegos temos negros para ter en quen mandar. E aí os están, a pleno sol, facendo o que outros non queren facer.

No futuro, cando estea por ese parque, lembrarei a eses negros e viranme á memoria as calores e cheiros africanos que nunca sentín e as cores rechamantes faranme lembrar a arte decorativa Ndebele.

Quen sabe se eses traballadores non estaban pensando na súa terriña cando creaban esas formas de cores ?.

Etiquetas: ,

mércores, 5 de agosto de 2009

Pintada reivindicativa


Eu acostumo fixarme nas pintadas porque pode ser que apareza algo curioso ou simpático entre tanto borranchón sen xeito. Descubrín esta nunha parede dunha igrexa que di: " Na minha cama nom manda ninguén ". Fíxome graza a pesar de afear a parede. Agora habería que ver a cara do cura cada vez que pasa por diante.

Etiquetas:

domingo, 26 de xullo de 2009

O aire de santa Ana e o lucecuco



En Arbo hoxe soplaba o aire de santa Ana que din que este día sempre sopla o vento. Fomos ao xardín das termas de Melgaço a durmir a sesta o Leo ( e tamén o pai ) mentres unhas mulleres falangueiras case non nos deixan durmir. Comentei o caso curioso da orde da Xunta que manda ás brigadas contraincendios recoller os vagalumes que, seica, poden provocar incendios. En Arbo extrañáronse de que os lucecucos ( como os chaman pola zona ) sexan capaces de provocar incendios e a min non deixan de asombrarme estes da Xunta.
En fin...

Etiquetas: , , ,

sábado, 25 de xullo de 2009

Galiza VS Portugal



Fomos ata Vilanova de Cerveira en Portugal onde hai un parque acuático á beira do río cunha representación do río Miño e os concellos abeirados. Dende o " concello " de Valença pode pelexarse contra o " concello " de Tui con canóns de auga.

É unha mágoa que non todas as guerras se solucionan con pistolas de auga: sería máis divertido e menos danino !.

Etiquetas: ,

mércores, 22 de xullo de 2009

Pouco tacto


Hai un dito que di: Non sirvas a quen serviu e eu podería amplialo dicindo " non debas a quen debeu " como ilustra a imaxe dunha nota escrita por unha antiga debedora que agora airea con pouquísimo tacto as débedas dos demáis.
Tamén no choio hai un con pouquísimo tacto que preguntou por que faltara un compañeiro e, cando dixeron que lle morrera un familiar, o tipo non tivo outra ocorrencia que dicir: "- A ver cuando me muere alguien a mí para tener un día libre ".
E xa basta de exemplos de pouco tacto e vou contar un chiste.
Morreron un galego e un madrileño e foron para o inferno. Na entrada un demo díxolles que había só unha praza no inferno alemán e muitas no español pero podían escoller calquera unha. O madrileño preguntou que diferenza había entre os dous infernos e o demo contestoulle: "- En el infierno alemán todas las mañanas viene un hombre y tira una palada de mierda a la cara. Después te limpias y ya no pasa nada más el resto del día. En el infierno español es un desbarajuste y tanto te tiran una palada como muchas o ninguna ". O madrileño foi de espabilado e pediu praza no inferno alemán e o galego tivo que ir ao español. Pasaron varios anos e o madrileño recibía unha palada de merda tódolos días á mesma hora sen fallar ningunha vez. Un día daba un paseo e recoñeu ao galego e foille preguntar que tal lle ía no inferno español e o galego díxolle: "- Boh, ese inferno é unha casa de putas ". O madrileño xa puña cara de risa : " - ¿ Por qué dices eso, gallego ? ". E o galego respondeu: "- Boh, uns días que non hai pala, outros que non hai merda e outros días que non hai home e aínda non recibín unha palada de merda en todos estes anos !..."

Etiquetas: ,

mércores, 8 de xullo de 2009

O verán é para os estranxeiros


Onte houbo un minifestival internacional en Vilaguindastre onde actuaron un grupo galego, outro mexicano e outro polaco. Este último foi o máis espectacular polo baile ben conxuntado, as súas vestimentas e a súa vistosidade. Son de Silesia pero semellaban cosacos bailando os rapaces.
Tamén no verán hai máis visitas de estranxeiros e temos prevista a dunha amiga e temos que facerlle unha carta de invitación onde a policía nos pide de todo e hai que pagar, e non pouco. Piden tamén o enderezo da vivenda pero a policía de aquí é mui prosaica e non sabe que en Costa Rica hai sitios onde non hai nome de rúa e non hai número de vivenda. A amiga mandou o enderezo así: "... casa de dos plantas color blanca de cemento con verjas negras, contiguo a las oficinas del periódico...". Por suposto que non valeu e tivemos que bautizar a rúa e darlle un número á casa e deixarnos de literaturas e contos.
Creo que esta visita promete !.

Etiquetas: , ,

xoves, 2 de xullo de 2009

Unión Penosa



Non me gusta queixarme e non o vou facer pero hai feitos curiosos. Hoxe, 2 de xullo, chégame ao buzón do correo unha carta de Fenosa. Non falta a factura do mes de xuño, claro, pero aparte vén unha folla informativa con data de maio dicindo que vai haber liberación de compañía eléctrica, que son estas e aquelas para escoller, patatín, patatán e que teño ata o 1 de xullo para escoller compañía e, se non escollo, sigo coa mesma. E chégame a información o 2 de xullo !.
Dáme gañas de arrincar todos os enchufes da casa e tiralos coas farolas da foto. E por que están esas farolas tiradas se funcionaban ?. Esa é outra. Pois porque houbera cambio de goberno municipal e tiña que notarse o cambio.

Etiquetas:

martes, 16 de xuño de 2009

Para pensar e non rir


En abril fixen esta foto a menos dun quilómetro de onde vivo e, no primeiro, fíxome gracia pero pensei un pouco e decátome de que quen o puxo quere sacar da ignorancia polas boas ao " apañador " descoñecido.
O amigo Chousa puxo unha foto semellante no seu blogo onde tamén se informa aos ignorantes de que todo, todo ( ata canas e toxo ) ten dono.

Etiquetas:

sábado, 13 de xuño de 2009

Pingando area


Hoxe tocou praia por fin !.
Para mercar unhas empanadillas para xantar tardei muito pero polo menos aprendín un truco para cortar tortas: hai que pasar o cuitelo por auga mui quente antes e así cortas o que sexa sen desfacer nada. Na praia había un chisco de boira pero estábase ben: o Leo xogou coa area seca, coa area mollada e coas ondas que non lles ten medo. Tamén gozou dunha poza de auga quentada polo sol e pingou area do mesmo xeito que sae na foto. Logo foi metelo no coche de volta para a casa e quedar espichado a durmir.
Hai que aproveitar o bo tempo cando vén !.

Etiquetas: , ,

martes, 9 de xuño de 2009

Rimbombancias e pinicos


Vivimos nunha sociedade mui dada ás grandes palabras ocas de significado ou cun significado escuro e así hai unha furgoneta veciña con este nome de empresa que non me di nada: Globalización de servicios integrales; e logo vén pintada cuns peixes voando entre árbores. Se alguén comentarista sabe algo que mo explique.
Así tamén teño un compañeiro de verbo vacio e fácil que cre na teoría creacionista e escribe " agua " con diérese, aparte doutras mostras de saber barato. Cre que vai ir ao paraíso e, de feito, está collendo práctica porque é un mangoeiro que non pega pau na auga. Pero hoxe sorprendeume coa última porque dicía que nas manifestacións do metal os vándalos aprenderon de Kale Borroka. Eu fixen o parvo e pregunteille que era iso e el iluminoume dicindo que Kale Borroka é unha organización proetarra onde aprenden a luitar contra a policía. Nada, que é millor deixalo desbarrar.
A boa noticia de hoxe foi que o Leo pediu para mexar no pinico e mexou nel por primeira vez !. Supoño que o día de chuvia axudou bastante.

Etiquetas: , , ,

venres, 5 de xuño de 2009

Un chiste na xornada de reflexión



Estas eleccións fanme lembrar un chiste que me contou un simpatizante de Feijoo poucos días despóis de gañar este as últimas eleccións á Xunta. Resulta que cando se enteirou o president de Catalunya da victoria de Feijoo pensou que os galegos eran uns calzonazos que non tiñan o que tiñan que ter así que quixo burlarse de Feijoo e chamouno por teléfono: - " Ola, Feijoo. Noraboa polo resultado das eleccións. Mira; sei que tendes unha fábrica de preservativos en Santiago así que quería facervos unha encarga. Os da Generalitat temos unha festa así que quero repartir 5000 condóns pero dunha medida especial. Teñen que ter 40 cms de longo e 20 de diámetro. Mira a ver se podes conseguilos. " Feijoo decatouse de que quería tomarlle o pelo así que seguiu co conto e prometeulle os preservativos. Logo chamou á fábrica de condóns: " - Pereira: podes facerme 5000 condóns de 40 cms de longo por 20 de diámetro ?. " - " Home, por poder, podo." - " Pois logo faimos e na caixa póslle: Condóns feitos na Galiza. Tamaño PEQUENO."

Etiquetas:

domingo, 24 de maio de 2009

Nesta semana pasada

O Leo desfrutou cos flocos de millo mentres bailaba a canción de Moldavia do festival de eurovisión. Non chegou a mirar o final e tampouco sei como reaccionou coa canción gañadora de Noruega " Fairytale ". A min gustoume.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de marzo de 2009

Pola vila Balneario


Hoxe xantamos cerca da ponte dos Remedios onde se bautizaban en tempos os nenos no ventre da nai cando tiña problemas para parir.




Logo fomos ata a vila Balneario onde teñen fama de seren os máis ricos de Galicia porque en todas as casas fan o cocido con auga de Mondariz.
Demos un paseo pola beira do río e os regatos admirando as ruinas restauradas e as ruinas abandoadas co ese aire melancólico de tempos pasados.




Aprendemos de como dunha árbore morta se pode tirar arte na rúa.



Tamén constatei como uns edificios novos teñen nomes de cidades do mundo e cadanseu reloxio no alto coa hora do lugar. Hai tempo semelloume un detalle feo pero agora é muito máis porque cada reloxio ten unha hora distinta ao estaren parados algúns.


En fin, pasámolo ben.

Etiquetas: , ,

mércores, 18 de marzo de 2009

Media Galicia


Un día aí atrás mirei a farola da foto e o ceo e gustáronme así que tirei unha foto. Logo mireina no ordenador e descubrín que a nube de detrás da farola semella a metade norte de Galicia: unha curiosa casualidade.

Etiquetas:

xoves, 12 de febreiro de 2009

Un pouco de relax

Despóis de varios posteos sobre temas escabrosos escribo unhas curiosidades topadas pola rede adiante coa súa foto correspondente para relaxarmos o corpo.

1. É imposible lamberes o teu propio cóbado.
2. Os crocodilos non conseguen sacar a lingua fóra.
3. Os camaróns teñen o corazón na cabeza.
4. Foi efectuado un estudo a 200.000 avestruces durante 80 anos, e non houbo ningunha delas que tivese tentado enterrar a cabeza na area.
5. É fisicamente imposible para os porcos ollaren para o ceo ( ceo directamente por cima das súas cabezas ).
6. Máis do 50% das persoas no mundo nunca fixeron ou recibiron unha chamada de teléfono.
7. Os cabalos non conseguen vomitar.
8. Os elefantes son os únicos mamíferos incapaces de saltaren sobre as súas patas.
9. Se espirras con demasiada forza podes partir unha costela. Se sostés un espirro, podes rebentar unha vea do pescozo ou da cabeza e morrer e se mantiveses os ollos abertos á forza, poderían saltar das súas órbitas.
10. Os ratos reprodúcense tan depresa que unha parella de ratos poderá ter máis dun millón de descendentes no espazo de 18 meses.
11. O uso de cascos de música durante 1 hora aumenta o número de bacterias no ouvido en cerca de 700 veces.
12. Se o goberno norteamericano afirma non ter ningún tipo de coñecemento da existencia de extraterrestres, por que no Código das Regulacións Federais Americanas no Título 14, sección 1211, engadida en xullo de 1969, está expresamente proibido e penado por Lei que calquera cidadán norteamericano teña calquera tipo de contacto con extraterrestres ou cos seus veículos de transporte ?.
13. O cuac dos patos non fai eco. E ninguén sabe o porque.
14. O 23% dos problemas coas fotocopiadoras en todo o mundo, son provocados por persoas que se sentan enriba delas para fotocopiaren as súas partes.
15. A maioría dos surimis ou palitos de cangrexo teñen escamas de peixe na súa composición.
16. Así como as impresións dixitais de cada persoa son únicas, tamén as impresións da lingua son un rasgo de identificación único.
17. Máis do 75% das persoas que leron este posteo tentaron lamber o seu propio cóbado.

Etiquetas: ,