leoeosseus

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Terra das Xans


Sempre aprendo cousas novas en Arbo e a penúltima é a antiga existencia das Xans que, antes da chegada do alumeado público aos cruces de camiños, estaban encargadas de facer desaparecer a xente da vista dun. Así lles pasou á avoaM. e á bisavoa Celia hai muitos anos cando se cruzaron cun veciño de nomeada " Pato bravo " que se lles desapareceu diante do camiño como levado polas Xans.
Consultei iso das Xans e explícao mui ben Eladio Rodríguez no seu dicionario onde di que son como unha procesión da Santa Compaña pero feita con vivos.

Na foto sae a Veigha de Campos: terra das Xans.

Etiquetas: , ,

xoves, 10 de decembro de 2009

Estos gallegonos !


Nesta fin de semana longa, invernal e sen viaxe programada viaxei pola rede e cheguei ao youtube onde descubrín " El chigre ", unha serie asturiana de humor onde sae unha personaxe que lle chaman "El Gallego " que é da Asturias de fala galega. A foto feita por min no verán de 2005 é precisamente desa zona e está tirada dende a ponte que une-separa Galicia e Asturias. Podes botarlle unha ollada ao vídeo aquí:

Etiquetas: , , ,

martes, 24 de novembro de 2009

Anexo da matanza

Seguindo a solicitude dalgúns comentaristas vou explicar algunhas palabras do posteo anterior.
As colmeiras de centeo son unha especie de fachucos feitos con centeo como sae na primeira foto.
A Karcher é a pistola de auga a presión. A vide do xamón é un tendón pola zona do calcañar. Os courachos son a parte da pel do porco coa graxa pegada. Se son grandes fanse roxóns con eles. Ventrechas son as zonas graxentas debaixo da teta ou no cu do animal e é unha parte de pouco valor. Carroleira é a zona da médula espiñal. O solombo sería a carne das costas cerca da médula. As papelas son as papadas do porco. O munico é un cesto plástico e a bareixa é a mosca que pode criar na carne.

E agora vou pór algunhas fotos desta Galicia caníbal que dicía a canción.
Arriba está o momento do chamuscado para eliminar os pelos dos porcos.


Logo trasládanse na escada a outro lugar para lavalos coa máquina a presión. Hai anos, pero non muitos, lavábanse con auga e frotábanse con pedras.

E aquí está o menda co mandilón preparado para picar carne. A roupa de traballo quedara mollada de ir ao monte a buscar leña e houbo que vestirse deste xeito.

Etiquetas: , ,

domingo, 22 de novembro de 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Etiquetas: , , , , ,

mércores, 11 de novembro de 2009

San Martiño moderno


Como todos estes anos por esta data (2006, 2007, 2008) fun á caza de pións para Leo. Este ano xa foi complicado topar un pión de madeira. Non o había no kiosko do ano pasado, nunha xoguetería dixeron que " Se agotaron " ( forma fina de dicir que non traballan ese tipo de xoguete ), ata entrei nun chinés que soltou un seco " No hay ". Logo busquei nun multiprezos e topei o de plástico amarelo por un euro sesenta. A dependenta díxome que bailaba mui ben pero ten o defecto de que non racha cando xoga. Eu tiña a teima de topar un trompo de madeira e ao final tiven que ir a Marujitaestafadora e topeino ao prezo que dicía ela barato: tres euros !.
Vaia, haberá que adaptarse ás novas tecnoloxías lúdicas que van saír máis baratas e doadas de topar.

Etiquetas:

venres, 6 de novembro de 2009

Huevo, pico, araña


A xenerosidade fixo que Ángel Utrera me enviase unhas fotos preciosas que agradezo muito. E grazas a el descubrín outros fotógrafos como Veiga Roel ou Ramón Dimas.
Entre as fotos que mandou hai esta duns nenos xogando a " Huevo, pico, araña", un xogo que practiquei na escola. Dividiamonos en dous grupos e un grupo apandaba e os outros saltaban enriba. O primeiro en saltar puña os dedos da man facendo a forma dun ovo ou un pico ou unha araña de maneira que non o descubrise o de abaixo e á vista da "madre" que era o rapaz que aguantaba o grupo apoiado nunha parede e o de abaixo tiña que atinar a figura. Se atinaba cambiaban de sitio os grupos e se erraba seguía apandando o grupo de abaixo. Se derreaban ( cedían ao peso ) perdían e volvían saltar os gañadores. Tamén os había bestas que saltaban todos enriba do último que apandaba para que derrease e non apandar.
Tempus fugit !.

Etiquetas: , ,

domingo, 1 de novembro de 2009

Halloween en Arbo


Este día de chuvia intensa é o tal para quedar na casa a comer castañas e escuitar historias como a que contou o avóM sobre o día de onte. Xa era noite pecha cando andaban cabalos de monte por fóra da casa e alá foi o avóM axotalos para que non entrasen. Logo de marcharen os cabalos apareceulle na cancela unha " comitiva " de seis ou sete rapaces disfrazados. Os rapaces dixéronlle se lles daba algo ( nada de truco ou trato ). AvóM preguntou porque lles había dar algo e un que ía cunha saba branca e unhas barbas brancas dixo: " Porque eu son Dios ". AvóM topou a excusa perfecta: " Pero Dios dá e non pide. " O rapaz retrucoulle: " Iso era antes. Tamén don Adolfo antes daba ( un cura da zona ) e agora pide." Como tiña razón deulles un euro. E alá marchou a comitiva por eses camiños.
Este paréceme un bo exemplo de adaptación do halloween á retranca galega: un disfraz de Deus pedindo cartos.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de setembro de 2009

Vendima 2009



As uvas albariñas xa foron para a adega ao prezo de 1,20 euros o quilo ( algo ridículo se comparamos coas 250 pesetas que daban naquel tempo das pesetas ). A partir do xoves a adega abre para as uvas treixadura e, de momento, só se pode vendimar para casa as tintas e brancas híbado. Nesta fin de semana tocou vendimar as tintas para casa das que creo que houbo muito e ben maduro e san anque ás veces aparecía unha uva verde " coma un fumagho " que a avoaM non me soubo explicar que será iso tan verde. E alá quedaron a ferver tres tinallas plásticas de 1000 quilos de uvas de distintas castes como gharnacha, xaque, mencía, barrantes, etc, etc. Na foto ( ben ruin, por certo ) saen uvas Espadeiro coa marca esa que di avóM que é unha espada debuxada e daí vén o nome. Son uvas algo ácidas e de ghraíña grande pero que vai ben para o viño.

O Leo pasou a súa primeira vendima debaixo das viñas. Démoslle dúas mazarocas de millo verrouchiño ( pequeno ) e alá enredou a debullar os granceiros sentado nunha chaqueta. Aguantou ben nas diferentes fincas e así quedou espichado a durmir na volta do coche.

Etiquetas: , , , ,

xoves, 13 de agosto de 2009

Roteiro de Carracido

Hoxe pegoume unha arroutada e fun de mañá facer o roteiro de pedras e auga en Carracido, unha parroquia de Vilaguindastre. Son uns catro quilómetros en círculo e pasas por unha zona onde semella que estivo un xigante caprichoso xogando con penedos e ciscándoos entre construccións, labradíos, regatos, camiños e bosques de loureiros, piñeiros, carballos, castiñeiros, acacias e eucaliptos.










Case non me crucei con ninguén pero si algúns cans e un cabalo que me ollaba curioso dende unha xanela da corte.


Mirei penedos enormes e outros que semella que van caír en calquera momento.






Pasei por viñas abandonadas onde medran castiñeiros agora.

Tamén había un muiño abandonado co rodicio ou reducio ( como lle chamamos por esta zona ) esperando que alguén o leve para adornar unha finca, un chalet ou un bar.




Topei amoroteiros ou érbedos que me fixeron lembrar a palabra " morojo " roubada do galego falado para a Real Academia Española.






E aproveitei e acerqueime ao monumento de Mos feito con pezas dun muiño cun panel explicando que " mós " é como se lle chama pola zona ás moas do muiño e aos tornarratos.




Adico este posteo con muito cariño a unha leitora fiel do blogo e que é desta zona e sei que lle vai gustar.

Etiquetas: , , ,

domingo, 26 de xullo de 2009

O aire de santa Ana e o lucecuco



En Arbo hoxe soplaba o aire de santa Ana que din que este día sempre sopla o vento. Fomos ao xardín das termas de Melgaço a durmir a sesta o Leo ( e tamén o pai ) mentres unhas mulleres falangueiras case non nos deixan durmir. Comentei o caso curioso da orde da Xunta que manda ás brigadas contraincendios recoller os vagalumes que, seica, poden provocar incendios. En Arbo extrañáronse de que os lucecucos ( como os chaman pola zona ) sexan capaces de provocar incendios e a min non deixan de asombrarme estes da Xunta.
En fin...

Etiquetas: , , ,

mércores, 8 de xullo de 2009

O verán é para os estranxeiros


Onte houbo un minifestival internacional en Vilaguindastre onde actuaron un grupo galego, outro mexicano e outro polaco. Este último foi o máis espectacular polo baile ben conxuntado, as súas vestimentas e a súa vistosidade. Son de Silesia pero semellaban cosacos bailando os rapaces.
Tamén no verán hai máis visitas de estranxeiros e temos prevista a dunha amiga e temos que facerlle unha carta de invitación onde a policía nos pide de todo e hai que pagar, e non pouco. Piden tamén o enderezo da vivenda pero a policía de aquí é mui prosaica e non sabe que en Costa Rica hai sitios onde non hai nome de rúa e non hai número de vivenda. A amiga mandou o enderezo así: "... casa de dos plantas color blanca de cemento con verjas negras, contiguo a las oficinas del periódico...". Por suposto que non valeu e tivemos que bautizar a rúa e darlle un número á casa e deixarnos de literaturas e contos.
Creo que esta visita promete !.

Etiquetas: , ,

luns, 29 de xuño de 2009

O prometido é débeda


O outro día falaba do costume de " roubar " carros e cancelas na noite de san Xoán e puña unha foto do ano pasado. Prometín facer unha foto este ano do mesmo sitio e aquí está. Este ano hai unha cancela, dous carretillos de man e unha neveira de praia !. Ao millor había máis cousas no día propio xa que pasaron uns días dende a noite de san Xoán e houbo tempo para recolleren os donos o " roubado ".

E poño outra foto de onte da praza de Barcela con carros, dúas cancelas, un coche de neno, unha zofaina e un bidón. Hoxe seguro que había máis cousas porque tamén " rouban " na noite de san Pedro.



Etiquetas:

martes, 23 de xuño de 2009

Carros e cancelas

Dentro dun chisco fluirán polo aire cheiros a fumes e sons de risas. Empeza a noite máxica de san Xoán cos seus costumes de saltar fogueiras, comer sardiñas, preparar a auga de san Xoán e o costume de " roubar " cancelas e carros como mostra a foto do ano pasado tirada no concello das Neves. Van quedando menos e menos carros e o costume vaise perdendo como todo. Para demostralo xa porei a foto do mesmo lugar cando pase esta semana por este lugar para ver que cambios hai.

Etiquetas:

xoves, 11 de xuño de 2009

Corenta de maio


Un que sei eu estreou coche o corenta de maio pero no canto de quitar o saio metéronlle no coche novo do trinque un allo. Din que é para evitar envexas e mala sorte. A min séguenme facendo gracia que perduren estas crenzas tan antigas neste tempo de motores de dezaséis válvulas.

Etiquetas:

luns, 23 de febreiro de 2009

Cimos e verghas


Non todo vai ser festa e tocou axudar a espodar vimbias para atar as viñas en Arbo. As viñas necesitan duns axudantes vexetais para expandirse e a xente ten que cuidar vimbieiros e canais ( mato de canas ). Os vimbieiros dan vimbias que se espodan en verghas, cimos e rastoballo. As verghas son as máis gordas, logo veñen os cimos e o rastoballo que é o que non vale para atar. Axudei a espodar ata que se foi o sol e non só espodei vimbias senón que tamén houbo salgueiros que valen para atar e que son máis brandiños para cortar.
O día estivo soleado e as sirinas, que cantan como os canarios, voaban entre as viñas.

Etiquetas: , , ,

xoves, 29 de xaneiro de 2009

Cama de san Xián


O outro día andei a buscar o nome de Xiana en internet para ver se topaba algunha lenda ou historia referida a Xiana para poderlla contar cando naza á irmá de Leo pero non topei nada aparte das xianas asturianas. O que si topei foi a cama de san Xián que está aquí perto no monte Aloia. Eu pensei que tiña poderes procreadores coma outras camas de pedra esparexidas por Galicia pero a única lenda que ten é de que nunca nace herba nela.
Supoño que terei que inventarlle unha historia á nena para cando queira escuitar contos.

Etiquetas: , ,

domingo, 18 de xaneiro de 2009

San Antonio de xaneiro


A avoaM dixo onte: " Por San Antonio de xaneiro se chove pon a pipa no fumeiro e se non chove pon a pipa no canteiro " que vén a dicir que se chove non vai haber viño ese ano porque o fumeiro é para secar a pipa e se non chove ese día vai haber viño e vaise precisar o canteiro que é a base onde se coloca a pipa.
Na foto non se apreciaba chuvia. A ver se ten razón o refraneiro.

Etiquetas: ,

domingo, 11 de xaneiro de 2009

Sobremesa nadaleira


Estas pasadas festas teñen tamén as súas sobremesas típicas. Por Arbo son típicas as tostadas de viño e o requesón ( na foto sae con viño e azucre como a min me gusta ). Logo están as típicas mercadas ou conseguidas nos lotes que perduran e perduran. Non sei a ti, pero a min despóis das festas xa non me apetecen e quedan aboiando por aí un tempo. E así agora quedan roscos de viño da Estepa que teñen un ingrediente de nome curioso como é a " matalahúva ". A miña curiosidade encendeuse e non parei ata descubrir o que é.
Bueno, vou ver se remato os dóces dunha vez.

Etiquetas:

martes, 6 de xaneiro de 2009

Fin de festas


Onte foi o día da cabalgata en Vilaguindastre e chegamos apurados despóis dunha sesta longa do Leíño. Había un feixe de xente e saudamos a algúns coñecidos. Cada rei levaba a súa carroza e Baltasar estaba algo tristón pero polo menos era negriño de verdade. As carrozas ían acompañadas de tres rondallas. Atronaba a música dos altofalantes das carrozas e, curiosamente, soaba música en inglés do halloween. O pior momento foi cando recibimos uns caramelazos cousa seria duns paxes postos ao choio. Simpático foi cando lle preguntamos a Leo máis tarde a quen miraramos na cabalgata e respondeu: Melchor, Basaltar e Papa Nel.
Esta mañá tamén foi simpática a cara do Leo cando mirou que non estaban os reis nin os camelos no nacemento e que había regalos debaixo da árbore.
Pola miña parte non debín de ser malo de todo que recibín unha cámara nova para sustituir á outra que está nas últimas e calquera día deixa de funcionar totalmente.
E agora toca tirar boas fotos.

Etiquetas: ,

mércores, 24 de decembro de 2008

Boas festas !


Entre o traballo e a vida real ( uns portugueses pondo tarima flotante na casa e a posterior limpeza ) non teño muito tempo para a interrede. Iso si; quero desexar boas festas a quen lea isto e pido un día tan só no que non morra un neno á fame. Non pido muito pero sei que é un imposible.
Que o Apalpador e as pupieiriñas sexan xenerosos contigo e que sigan adiante as gañas de vivir que valen máis ca os cartos todos.
Graciñas a todos e especialmente a quen me enviou correos como a postal da imaxe enviada por An.

Etiquetas: ,