leoeosseus

domingo, 22 de novembro de 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Etiquetas: , , , , ,

12 comentarios:

Ás 22/11/09, 23:56 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

A todos os porcos lles anda rondando o sanmartiño, si.
Chamoume a atención o de meterlles unha pedra na boca durante a sesión de chamusgado. Con que fin se fai?.

É hora de ir á cama, que xa logo é luns.
Apertas

 
Ás 23/11/09, 00:21 , Anonymous Zeltia dixo...

mamaíña! canso só de lerte.
a túa entrada e todo un documento da matanza. hai unha chea de palabras que non entendo.
¿cómo pode ser? tanto cambian de unha bisbarra a outra?
ou será que eu era moi nena cando asistía á matanza?
o que sei e que había que comer o fígado ese día e a min non me gustaba nada (nin me gusta),
recordo moi ben os berros do porco, o cuchillo do matarife, o sangue caindo da arteria directamente nunha pota, o chamuscado, ir coller as pezuñas para enredar con elas, o cheiro a queimado, o cheiro do corpo do animal aberto en canal...
a verdade e que me encanta o xamón e os chourizos, pero agora recordar toda esa danza macabra dame algo de repelús.
pero ben sei que as familias alimentábanse todo o ano do que o porquiño daba de sí...

 
Ás 23/11/09, 09:43 , Blogger Carlos Sousa dixo...

Todo contadiño con pelos e sinais. Nos aquí tamén se lle mete a pedra na boca, por que? pois non o sei. Unha diferencia é que aquí partese ó día seguinte. Este ano parece que me vou zafar (so matamos o dunha parenta), teño que recoñecer que cada ano gústame menos este choio, que por outra banda, hai que facelo.
Apertas

 
Ás 23/11/09, 13:02 , Blogger fonsilleda dixo...

Na casa non se lle metía unha pedra na boca, se non recordo mal era unha ¿cebola?.
Lembro todo iso pero non así, está pintado pola emoción do recordo e por costumes distintos supoño.
Bonita entrada.

 
Ás 23/11/09, 15:11 , Blogger ♥ meninheira ♥ dixo...

e a multa por que é? (e desculpen a miña ignorancia) :)

 
Ás 23/11/09, 17:20 , Blogger An dixo...

A matanza do cocho é e sera un intre no que a sebeduría popular grabase nos cativos...vianse ben fortes os malpocados.Saúdos e apertas

 
Ás 23/11/09, 19:42 , Blogger BRABIDO dixo...

Pois si que estubeche ocupado,dame gracia o da karcher,iso si que é modernidade.

Cando se mataban na casa rascabanse con testos ou ladrillos.
Menudas papatorias te vas mandar compañeiro,coidado co coresterol.

Saúdos

 
Ás 23/11/09, 20:00 , Blogger Eva G. Rei dixo...

Eu xa hai moito que non "vivo" a mata, pero tampouco me lembro desas palabriñas que ti dis. Para ilustrarnos aos ignorantes ben podías explicar que é cada cousa.
E de paso pos a túa foto co mandilón de muller... se che dá vergoña pos o corpo sen cabeza...
Rabeo por vela.
Queda tempo para o magosto adiado na próxima fin de semana?

 
Ás 23/11/09, 21:32 , Anonymous paidovento dixo...

Menos mal que a narración era instantánea, porque discorrer iso...
Por outra parte, é curioso que chamuscásedes o porco ao tradicional (a última vez que vin facelo utilizaban unha bombona cunha especie de soplete) e, en troques, empregásedes a karcher para lavalo.
Bo proveito!

 
Ás 24/11/09, 00:25 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Vim pôr a leitura em dia e adorei este poste que me trouxe à memória outros tempos quando meu pai matava o porco e a minha mãe fazia as chouriças...
Amigo me desculpe a ausência.
Acontece que a minha mãe, está cada dia mais dependente, (ela tem 83 anos e está paralisada do lado esquerdo devido a um AVC) tenho que tomar conta da minha neta Mariana, que fez 9 meses e a cada dia descobre algo novo, tenho que estar sempre atenta, e além disso ainda tenho umas encomendinhas de Natal e tenho que aproveitar que a vida está difícil.
De modo que o tempo evapora-se...
Espero e desejo que esteja tudo bem convosco, especialmente com o vosso principezinho.
Um abraço e uma boa semana

 
Ás 24/11/09, 00:31 , Blogger Barreira dixo...

Mereces un descanso, si señor!!!. Iso si, eses chourizos con treixadura teñen que estar de vicio.
Saudos.

 
Ás 24/11/09, 17:52 , Blogger Suso Lista dixo...

Un bo descansop acompañado de uns bos raxos. Aperta

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio