leoeosseus

luns, 23 de agosto de 2010

Na terra dos pirlos


Na terra dos pirlos combinan mar e terra.



Descubres hórreos xigantes en terreo privado con castiñeiros á vista do mar.

Mesmo ten unha praia que descubrín buscando moras.



O malo foi ter que recoller a tenda pola chuvia e deixar a marca na terra cuberta por " pirlos " que é o nome precioso que lle dan ás follas do piñeiro por terras fisterrás.
Por certo, como se chama a folla do piñeiro pola túa zona ?. En Vilaguindastre chamámoslle " candeas " e en Arbo " fasco ".

Etiquetas: ,

mércores, 18 de agosto de 2010

Laxe



Laxe foi unha casa de pedra nun labirinto de ruelas empinadas e estreitas e sen sinais de tráfico.






Laxe foi unha praia de area branca, auga quente ( si, quente ), vento sen descanso e ceo azul con carreiras de nubes.



Laxe foi unha chimenea ecolóxica que bota árbores á capa de ozono.




Laxe foi unha camiñada a unha ermida nun alto cunhas boas vistas por diante e por detrás.

E Laxe tamén foi festa con pistolas de pompas de xabón, moras para o Leo ou mercar un libro do fotógrafo muxián Ramón Caamaño.
En definitiva, Laxe foi outra fin de semana para meter no baúl das lembranzas.

Etiquetas: , ,

luns, 26 de xullo de 2010

De camping








Estivemos de cámping esta fin de semana por terras do Grove. No cámping estivemos ben e tiñamos uns veciños asturianos que nos ofrecían de todo: "martillu", "silles", microondas, etc. A tenda aguantou ben o aire das noites pero tardamos máis de dous minutos en montala e aínda máis en desmontala. Temos que aprender no vídeo. O Leo pasouno ben coas lanternas e os monecos e entrando e saíndo da tenda. Na praia estabamos ben andando polas rochas ou buscando pedras de area pero a auga cortaba do fría que estaba.
Creo que temos que repetir !.

Etiquetas:

domingo, 7 de marzo de 2010

Días en Lugo


Lugo pode significar durmir no carril das Hortiñas onde pouco queda da orixe do nome.



Ou xogar nun parque infantil con nenos galegofalantes e abeirado de sebes arrecendentes de loureiro.


Ou decatarse de que hai unha figura dun carteiro no alto do edificio de Correos.


Ou pasear pola penumbra da catedral.



Ou constatar a decadencia de muitas edificacións.



Ou retratar a muller que chama a gatos e pombas cun axoúxere para alimentalos.





Ou fotografar hórreos curiosos na estrada ata Portomarín.



Ou esconderse dentro dun castiñeiro do souto de bruxas do parque dos Paxariños.



Ou encher o río Chanca de pauciños representando barcos.



Ou admirar construcións artesanais no parque do río Rato.



Ou agasallar cunha folla a unha blogueira aparecida por sorpresa na muralla.

Etiquetas:

xoves, 11 de febreiro de 2010

O Covelo


Domingo de paseo por terras do Covelo. O cruceiro de Cerviño, un paseo polo campo da feira cos montes de follas recollidas, un cocido con bólo, o fotógrafo profisional que me persegue, a praia fluvial de Maceira onde sustituiron os dinosaurios por un camping (creo), a visita do pazo da Torre que non ten pasadizos secretos pero si muito que mirar e aprender como, por exemplo, a ser rei galego dos xíbaros, o can que defende os cabalos, etc. Todo isto e máis coa compaña de bós amigos pode significar O Covelo.

Etiquetas:

domingo, 10 de xaneiro de 2010

Chapapote e neve




Estes días de neve ( por outras zonas pero non por Vilaguindastre ) fixéronme lembrar a neve de hai xusto sete anos. Era un dez de xaneiro de 2003 e a costa galega aínda tiña chapapote do Prestige. A asociación de graniteiros de Vilaguindastre fletou NOVE autobuses cheos de traballadores para irmos limpar chapapote en Carnota. Saímos ás sete da mañá pero no camiño tivemos que parar durante dúas horas pola neve e xeo que había na estrada e saímos xogar coa neve. Chegamos á unha da tarde e fomos sen comer nada a limpar para aproveitar a marea baixa. Traballamos duro ( dixéronnos uns bombeiros vontarios chegados dende Sevilla que xa levaban unha semana limpando ) e conseguimos arrincar coas mans máis de vinte toneladas de chapapote. O pago polo noso traballo foi un bocata, un iogur, unha mazá e unha botella de auga. Pode parecer pouco pero a satisfacción de facer algo positivo pola nosa costa, iso é o que realmente importa.
Chapapote nunca máis !.

Etiquetas: , , ,

domingo, 22 de novembro de 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Etiquetas: , , , , ,

domingo, 18 de outubro de 2009

Manifa


Tras uns días de indecisión acordei ir á manifestación en Santiago. Por razóns de saúde tiven que abrigar o pescozo e falar aínda menos do habitual. Polo camiño adiantei muitos veículos con pegatinas de " GZ " e " Nunca Máis " ( nótase que esta xente conduce dentro da velocidade legal ). Fóra da autoestrada ( muitos cartos fixo a conta da manifestación ) había cazadores e algún paisano traballando o campo.
En Santiago aparquei onde puiden por San Lourenzo e xunteime coa familia Eira de Balixe-Paidovento e un mar de miles e miles de persoas de distintas idades, de variada indumentaria e con diferentes sotaques. Había multitude de mensaxes e ondeaban un feixe de bandeiras. Na marcha soaban consignas e cancións acompañadas con gaitas, pandeiretas e tamboríns. Ao primeiro acompañamos unha pancarta co lema " Ego galego ", logo cadrounos detrás da xente de Adega, máis tarde camiñamos á beira da actriz Uxía Blanco, adiantamos a Antón Santamarina, admiramos as carreiras e chimpos de Isca, etc, etc.
Cando chegamos á praza das Praterías xa estaba a praza da Quintana acugulada de xente e ían repetir o manifesto. Logo houbo un momento de caos no que unha xente foi ao Obradoiro e outros seguiron entrando na Quintana polas Praterías.
Despóis era hora de xantar e recoller e rematou a manifestación coa marea de xente diluíndose polas rúas contenta e satisfeita por formar parte deste soño.

Etiquetas: ,

sábado, 3 de outubro de 2009

Igualdade na illa


Hoxe fomos en barco á illa de San Simón que había unha xornada de igualdade de pais e nais e fillos e fillas. Houbo unha charla para os pais mentres os nenos tiñan contacontos e eu aprendín da vida dunha muller pirata: Mary Read. Logo houbo obradoiro de danzas do mundo: " caracolillo " do Ecuador, baile grego, country, danza do ventre, baile de Hawaii ( os movementos son como unha linguaxe de signos ) cunha canción de Elvis Presley para rematar con baile galego ( a rapaza ergueu a saia e mostrou os pasos e sorprendeume o movemento que hai debaixo desas saias ). Logo houbo obradoiro de cociña pero xogando: o cociñeiro tiña os ollos vendados, o axudante tiña as mans atadas e foi simpático ver dedos dentro da maionesa ou xoubas no cacharro do queixo fresco. Logo tocou o xantar con mexillóns, pasta, xamón asado e tetilla con marmelo ( foi mágoa a falla de café ) . Ata as seis houbo xogos ideados por un home que semellaba un inventor simpático. Fíxoos con chatarra, pelotas e pintura de cores. Ás seis houbo un cuarteto feminino que tocou música composta por mulleres e, ao remate, tocou montar no barco de volta cando empezaba a chuvia.
Foi un sábado distinto e o Leo desfrutou co seu amigo X.

Etiquetas:

luns, 31 de agosto de 2009

Abur agosto



E rematou agosto e puiden fotografar ao señor que baña os porcos. Tamén ollei de lonxe uns arroaces pescando, oín a verba " embigho " na lingua coloquial, descubrín que lle chaman truel e trueiro ao que chamamos ganapán e mincha ao caramuxo, probei un calzzone de marisco e souben de temperaturas de máis de trinta grados. O malo foi que tocaba recoller e que o Leo anda solto de ventre e con febre.
En fin, abur agosto.

Etiquetas: , ,

luns, 24 de agosto de 2009

Máis crónicas


Estando nun lugar agradable sempre se agradecen visitas de bós amigos como as que recibimos o sábado. Chegaron varias parellas coa descendencia e saiu redondo todo: a viaxe ( a pesares de TomToms e familia ), o xantar con viño albariño da casa e croques, o día praieiro con sol, partidas de fútbol-praia, pedaleos na pedaleta arco da vella, exploracións de rochas e de augas un chisco máis frías que as das Burgas e conversas, risos e pancenteo.
Mágoa de que non durase !.

Etiquetas:

martes, 11 de agosto de 2009

A Costa da Morte: que bellesa !

Esta fin de semana foi de facer quilómetros pola Costa da Morte para mostrarlla a dúas amigas de Costa Rica.

Muxía e o III Mercado das rutas do mar.





Camariñas coas súas palilleiras e outras artesanías e festa de aniversario dunha conserveira.



Os virandelos do cabo Vilán co seu zunido.



O propio e maxestuoso cabo Vilán.


O cemiterio dos ingleses e a enseada do Trece coa duna xigante do monte Branco e o vento omnipresente.



O museo de Man en Camelle co solpor e frío.



A vista dende un restaurante de Fisterra cun lentísimo xantar.


O castelo de Vimianzo co eco das palilleiras no interior.



E tamén foron tortillas e viños albariños, " tamburinas " e " lancetas ", cancións do Leo e muitas " habladeras ". En definitiva, unha fin de semana para lembrar.

Etiquetas:

martes, 4 de agosto de 2009

Conectándome


Levo tempo sen escribir e sen conectarme porque estou vivindo a realidade do verán ( se se lle pode chamar así a esta sucesión de días de chuvia, anubados e frescos ). Pasei unhas minivacacións por terras fisterrás onde a xente é amable e saúda, hai innúmeros gatos, cómese ben e hai homes que lavan os porcos con mangueiras.
Ao final ten razón o reloxio de sol feito polo avóP: Só conto as horas felices ( tradución libre ).

Etiquetas: ,

sábado, 25 de xullo de 2009

Galiza VS Portugal



Fomos ata Vilanova de Cerveira en Portugal onde hai un parque acuático á beira do río cunha representación do río Miño e os concellos abeirados. Dende o " concello " de Valença pode pelexarse contra o " concello " de Tui con canóns de auga.

É unha mágoa que non todas as guerras se solucionan con pistolas de auga: sería máis divertido e menos danino !.

Etiquetas: ,

luns, 6 de xullo de 2009

Viaxiña real-virtual


Dá gusto saír da monotonía e visitar lugares pouco coñecidos. Tamén desfruta un facendo castelos e piscinas na praia para o Leo e os curmáns ou mesmo pedaleando no aparello cor do arco do trono. É pracenteiro bañarse con auga inusualmente morniña. Tamén é un gustazo tomar un café ou unha cervexa mirando a praia e o mar.
Pero o máis sorprendente é topar unha blogueira e saber das súas orixes e desfrutar duns calamares boísimos e recibir un libro agasallo doutro blogueiro e coñecer persoalmente ao gran Pau que quería coñecer a Leo.
Esta fin de semana foi unha curiosa mistura de realidade e virtualidade fóra do normal. E gustoume !.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de marzo de 2009

Pola vila Balneario


Hoxe xantamos cerca da ponte dos Remedios onde se bautizaban en tempos os nenos no ventre da nai cando tiña problemas para parir.




Logo fomos ata a vila Balneario onde teñen fama de seren os máis ricos de Galicia porque en todas as casas fan o cocido con auga de Mondariz.
Demos un paseo pola beira do río e os regatos admirando as ruinas restauradas e as ruinas abandoadas co ese aire melancólico de tempos pasados.




Aprendemos de como dunha árbore morta se pode tirar arte na rúa.



Tamén constatei como uns edificios novos teñen nomes de cidades do mundo e cadanseu reloxio no alto coa hora do lugar. Hai tempo semelloume un detalle feo pero agora é muito máis porque cada reloxio ten unha hora distinta ao estaren parados algúns.


En fin, pasámolo ben.

Etiquetas: , ,

xoves, 19 de marzo de 2009

Feira en Monçao


Hoxe aproveitamos o festivo e o bo tempo para acercarnos á feira de Monçao. A feira tópase abeirada á muralla que é case un elemento imprescindible na arquitectura das vilas portuguesas da zona e que lle dan unha beleza grande a estas poboacións. Merquei uns " zacatines " para sustituir os meus calcetíns furados do choio e tomamos consumicións baratas. Tamén coñecín a historia da heroína de Monçao que se chama Deu-la-deu Martins quen tirou pans dende a muralla aos asediadores galegos do século XIV e fixo que levantaran o asedio pensando que os portugueses tiñan alimentos a fartar.
Na foto sae unha zona de Monçao que merece unha restauración.

Etiquetas:

domingo, 1 de febreiro de 2009

Labirinto


A lavandeira coxa vive no seu cárcere inmenso de pedra, cemento e cristal e come as pupias e farangullas dos bocatas dos nenos. Paséase perto do bar " O Finikito " onde son xenerosos ata provocar o abraio dun pai de tres fillos. Tópase o bar no primeiro andar nunha das infinitas voltas que dá o labirinto. Botas, roupa, contos Disney, cueiros, de xantar, de beber e de sobremesa e máis cousas pódense adquirir aquí. Iso si, reloxios postos no trinque NON que se desfai a obra de arte de corazóns valentinescos. Tamén neste lugar fai frío pero pódese durmir unha sesta ou mesmo montar nun elefante rosa e repetir a experiencia. A fauna humana complétase con bandas de música, militantes pola paz e contra a fame do mundo, vendedores da verdade política que din que o nacionalismo é unha relixión para practicar na casa, algún actor da televisión e un violinista vello na entrada. Para isto e máis dá un centro comercial.
Aviso importante: non tires fotos como a de arriba que está proibido.

Etiquetas:

xoves, 11 de setembro de 2008

Vacacións en Eivissa

Xoves 4


Tocou a viaxe dende Vigo a Madrid e Madrid a Eivissa que transcorreu sen grande novidade. Alugamos un Fiat Panda que é o típico coche de aluguer en Eivissa. Pensabamos que estaba suxo pero os coches da illa están todos carregados dunha capa de pó. A illa non é mui grande e a viaxe ata o norte non durou media hora. O recepcionista foi mui amable e tiña acento estranxeiro. Díxonos que nos tocara un apartamento con boas vistas. Ti que cres ?. Fomos á praia que non tiña unha area mui boa pero si unha auga morna para nadar.








Venres 5


Decidimos probar outra praia do mesmo concello pero a uns vinte quilómetros. No norte de Eivissa hai dous tipos de estrada: estreita con curvas e estreita con curvas perigosas. As estradas están abeiradas de sucalcos con figueiras, oliveiras, algarrobos e amendoeiras e as casas son cadradas e brancas con fiestras pequenas e unha arcada na cara sur. O feísmo case non existe e hai que ir ás urbanizacións costeiras e vilas grandes para topalo. A praia de san Vicent resultou deliciosa pola súa area e auga. No mediodía voltamos ao hotel e fixen unhas fotos de sant Joan de Labritja, cabeza do concello coa igrexa branca típica e a súa arcada. Á tarde facía calor así que nos metemos na cova de Can Marçá que a tiñamos pertiño do hotel. Facía tanta calor que había un feixe de lagartas tomando o fresco na terraza da entrada da cova. O prezo é de oito euros por adulto pero as bebidas están ao prezo de 2,50 euros, asunto típico da illa. A cova estivo ben e fresca. Puxeron a funcionar unha fervenza artificial con cambios de luces de cores e música clásica. Agora xa non corre auga polo cambio climático pero houbo tempos que tiña un río e unha fervenza e que se formaban columnas coas estalactitas e estalagmitas. A cova foi refuxio de contrabandistas e estivo cuberta polo mar en tempos prehistóricos. O acceso faise por unha escalinata de máis de cento cincuenta chanzos ( perdín a conta ) no acantilado. E dende ela mírase unha casa dun ruso millonario que semella tirada dunha película. Máis tarde fomos á praia e fixemos mamarrachos na area e logo mercamos un pareo a unha hippie suiza que vive perto do hotel.








Sábado 6


Hai un mercado hippie os sábados en sant Carles de Peralta ( case tódalas vilas teñen nome de santo así que rematei por tirarlle o santo de diante senón non me daba para ler indicacións e aprender nomes ). Tivemos sorte que fomos cedo. Hai que aparcar debaixo duns algarrobos e cobran tres euros polo aparcamento. O mercado está mui ben e é mágoa que non estea todo debaixo dunha sombra. Venden de todo pero hai muito turista ( incluíndonos nós, claro ). O Leo flipou cun chiringo tipo árabe con coxíns polo chan e taboletes baixos de muito corido. Había unha pallaza que facía figuras con globos e Leo levou o seu que era un canciño. Tamén había libros de segunda man e incluso en galego anque non entrei para previr gastos. Tamén neste sábado coincidiu que había mostra de artesanía pero estaban nunha explanada a pleno sol que non sei como aguantaban alí. Falei cun cesteiro da vida e o home falou de maltrato a nenos e a maiores. Logo apareceu un mozo hippie que lle preguntou se podía aprender a facer cestos. Penso que é bó que non se perdese o costume e creo que non se vai perder na illa porque a artesanía e labores relacionadas son unhas das ocupacións dos illáns. En Eivissa hai muito hippie de primeira, segunda e terceira xeración e topas anuncios de clases de ioga, de música, de baile, de pintura e muitas granxas ecolóxicas de xente que veu vivir aquí atraída por unha luz, unha calor e un ritmo de vida que incitan á calma interior. Bueno, e precisamente esa calor agravada pola cantidade de xente obrigounos a marchar do mercado. Fomos á praia de sant Vicent e dalí para o hotel. Logo decidimos ir a santa Gertrudis de Fruitera e dar unha volta polo bar Costas e a vila. Tomamos un xamón delicioso e un pan con tomate exquisito. A vila é pequerrecha pero ten un ambiente acolledor de xente estranxeira que ancorou o seu porvir en Eivissa e se misturou con illáns.









Domingo 7



Como estaba anubado e era domingo decidimos ir a Eivissa capital que é unha vila amurallada cunha muralla longa e unha arquitectura típica e laberíntica que merece o título de Patrimonio Mundial que posee. Demos un longo paseo que se complicou coa cantidade de chanzos que hai que subir e a calor que saía de entre as nubes. Nunca imaxinaría eu que subiría e baixaría tantos chanzos para ir a unha praia, a unha cova ou para visitar unha cidade. Bueno, tivemos sorte de ir nun domingo de mañá porque así evitamos a multitude e puidemos admirar a muralla, as vistas e as rúas de Dalt Vila que é como se chama a cidade fortificada. Outra vez botounos fóra a calor do mediodía e recuamos para o hotel e logo pasamos unha tarde tranquila de praia e paseos.













Luns 7



Acordamos visitar outra vila importante da illa. Non quixemos visitar sant Antoni porque hai muita movida aí e non iamos nese plan. Así que fomos a santa Eularia des Riu. No camiño mirei muitos muiños de vento pero case todos arruados. Santa Eularia é unha vila grandeira con muito apartamento vendido a estranxeiros e un paseo e unha praia ben feitucos. O paseo está abeirado de multitude de restaurantes e pubs tipo inglés. No centro hai unha alameda pequena cuns postos hippies. Desfrutamos da praia cunha area fina e mui boa e unha auga que daba pena saír dela. Á tardiña ( en Eivissa anoitece unha hora antes e ás oito xa é noite ) ceamos pizza no " Over the world " e estivo rica.







Martes 8


Levantouse outro día anubado pero con engano coma sempre. Parece que non vai facer calor pero logo sóltanse os infernos todos. Dende o hotel mirabamos a Torre den Mular e tiña gañas de ir a ela así que collemos o coche e tiramos por onde parecía ser o camiño. Chegamos a unha urbanización respetuosa coa arquitectura típica que se chama Na Xemena e preguntamos a unha señora que paseaba o can. Indicounos o camiño nun español simple cun acento estranxeiro mui forte. Volvemos por unha pista de terra e tivemos medo de que se atascase o Fiat Panda así que seguimos a camiñar e por fin demos coa torre ao final do camiño. Está abandonada e ao borde dun acantilado e ten vistas sobre o chalé do ruso e sobre a cala de sant Miquel con seus hoteis. Á tarde despedímonos da praia mentres uns rapaces daban pan a uns peixes e os collían coas mans. Fixen tamén unhas fotos da cala Ses Mutorons cos seus alboios típicos para as embarcacións.








Mércores 9


E tocou a hora amarga da despedida dunha terra de cor colorada e árbores baixas. Unha terra con rolas e lagartas, coas suas árbores fruiteiras e viñas baixas cos cachos protexidos contra paxaros. Unha terra cun mar cálido e tranquilo. Unha terra con xente de todo o mundo. Unha terra que non me extraña que muitos estranxeiros queiran para o seu retiro.


Etiquetas: