leoeosseus

luns, 30 de maio de 2016

Viaxes de maio


Este maio que remata foi demasiado mollado e con poucas opcións de viaxar. Non queda outra que ollar outras viaxes como as do concurso de fotografía de viaxe de Vilaguindastre. Non sei o criterio para escoller a foto gañadora pero facer unha foto dos pés dun monxe budista non entra para min dentro das opcións gañadoras como si foi na realidade. Eu prefería muitas máis fotos e esta vale de exemplo. Aquí miro tres viaxes. A do fotógrafo que capta esta imaxe nunha cidade lusa, a do titiriteiro que vai daquí a acolá e a viaxe do neno abraiado coa actuación: a viaxe de coñecer a vida e as súas marabillas.
A ver que viaxes nos trae xuño !.

Etiquetas:

venres, 26 de febreiro de 2016

Semana de Rosalía


Esta foi a semana adicada a Rosalía de Castro e así hai monicreques contando a súa vida e a súa poesía.
Outros musicalizan poemas e a min gústame a versión de " Negra sombra " por Astarot. Este vídeo foi realizado por uns alumnos de fotografía que son uns artistas e non coma min que miro unha ringleira de espellos retrovisores de coches de coloríns e tírolle unha foto.
Os retoques fíxenos en iPiccy.

Etiquetas: ,

martes, 23 de febreiro de 2016

Pasaportizándonos


Hoxe temos que facer o pasaporte. Imos botar uns días no verán nunha terra chea de fervenzas, apaixoada polo peixe e cuns cabalos mui especiais.
Busquei fotos antigas dese país porque xa sabes que me gustan as fotos antigas e deixo estas tres de arriba.
As que perdín de mirar expostas en decembro foron as de Gustav Hennigsen que xa son tiradas en Galicia pero bastante tempo despois, anque semelle que non.
Deixo dúas mostras.

Etiquetas: ,

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Socializando e solporizando


Onte Xela tivo un aniversario dunha compañeiriña do cole nun sitio novo que non coñecía a menos de cincocentos metros da casa.


 
 
Non puiden quedar con Xela que tiven que levar a Leo a Vigo ao parque dos bombeiros que tiña unha visita cuns compañeiros.

 
 


Mentres os fillos socializaban eu aproveitei para solporizar en Rande facendo fotos.
Onde está o museo Meirande hai un peirao de carga abandoado en perigo de arruamento co paso proibido que pescadores, aventureiros e algún blogueiro ignoran.


Así fixen unha reportaxe fotográfica onde entraban partes do peirao, os pescadores, a ponte de Rande, a ría coas súas bateas e un solpor marabilloso coas Cíes ao fondo e detrás delas as nubes que nos acompañaron hoxe.
Facía frío no corpo pero a alma estaba feliz.

Etiquetas: , , ,

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Snoopy, Tumblr e frases feitas


 
Onte estreamos para xantar un local que non nos chistou muito. Tiñamos encargado tortilla, pizza e churrasco para as dúas e tardaron de máis. A pizza estaba mui boa pero a tortilla e o churrasco estaban mui salgados. En fin.
Despóis tocou sesión de cinema con Carlitos e Snoopy que non estivo mal anque non entendía a parte cando voaba Snoopy coa súa caseta contra o Barón Vermello, pero bueno, haberá que ler o cómic nesta ligazón interesante con cómics a diario.
 


Á noite estiven a navegar pola interrede e descubrín no Tumblr fotos curiosas como estas galegas fotografadas por Alan Lomax ou estes pintores- acróbatas na ponte de Brooklyn de Eugene de Salignac.
Tamén descubrín expresións galegas que se suman ás que aprendín no traballo estes días como:
- Hai máis mareas ca mariñeiros ( quere dicir que xa haberá ocasión de facer algo ).
- A ver se non vai o burro á feira ( a ver se hai sorte ).
- Queres irlle ao carro ( queres ter relacións sexuais co esa persoa ).
E así ímola virando.

Etiquetas: , , ,

sábado, 12 de decembro de 2015

Imaxes de decembro

 
 
Son días fríos e de néboa cunha luz pálida que non quenta o verde que rodea Valença nin o azul que a cobre.
 

 
 
Para imaxes con cor hai que deixarse embriagar polos centros comerciais que botan por fóra nestes días de decembro.
Xela estivo con febre varios días e houbo que levala ao Cunqueiro por primeira vez e o servizo foi excelente. Foi irmos alí e case saiu curada e comeu ben no centro comercial. Agora está ben a xoubiña.
 

 
 
A Leo estas datas póñeno frenético e nervoso. En vez de carta para Papa Noel parece que lle manda un ultimátum. Xa cando cortou o pelo díxolle ao barbeiro que Papa Noel non existe e millor para Leo que isto sexa verdade que como lea esta carta ao barrigolas do polo Norte non lle vai gustar o tono.
 

 
 
Tamén é tempo de calendarios e hainos con fotos ben xeitosas e con fins benéficos como o que vende a asociación Asperga coa colaboración desinteresada do fotógrafo Edu Pereira e os actores galegos que pousaron para el.
 


 
 
Na casa temos unha imaxe cambiada do Belén con estes engadidos Kinderianos e televisivos.
 


E Vilaguindastre adorna a vila con prantas de Nadal, bólas de polispán, luces, renos vexetais e un trenó que serve de mesa de merenda para os nenos.
E de despedida aquí retrato o canteiro Vilaguindastreán que mañá celebrará a súa patroa santa Lucía.

Etiquetas: , , ,

sábado, 17 de outubro de 2015

Adeus ao Rabudo


Semella unha broma macabra pero hoxe, día de san Ignacio; quedou convertido en cinsas o periodista e blogueiro Nacho Mirás Fole. E digo broma porque el non casaba coas ideas eclesiásticas pero así foi.
Sempre admirei a súa escrita e non cheguei a coñecelo en persoa pero coñecer coñeciámonos dende aqueles tempos nos que eu andaba polos EEUU mercede a isto da interrede.
Deixo unha foto dun Panxón cunhas dunas de haberá oitenta anos que hoxe está descoñecido polo cambio.
Supoño que lle gustaría esta imaxe porque lle gustaban as fotos en branco e negro.


Etiquetas: ,

martes, 26 de maio de 2015

Rescatando fotos

 
 
Hoxe rematan as miñas vacacións e tiven a arroutada de ir onte ata Vivenzo para retratar a evolución dos cabaceiros neste recuncho de Melón. Era media mañá e había máis cans ca xente que só mirei a dous anciáns e sentín falar a dúas persoas máis. Os cabaceiros están prácticamente abandoados e só a da dereita tiña millo.
E falando de cabaceiros non podo evitar pór aquí unha refoto dun mural dun local de Tui onde sae retratado por Ksado o conxunto de hórreos de Betanzos do que só se conservan cinco deles, seica.
 
 
 
E aquí queda arquivado.


Etiquetas: ,

venres, 22 de maio de 2015

Coma burras do monte


 
Hai xente que é coma as burras do monte que quere entrar a comer o dos demáis.
 
 
 
Máis dun levará un carallo por sorpresa este domingo.
 

A ver se gaña o pobo.

Etiquetas: ,

luns, 17 de novembro de 2014

Cando morren os fentos


Cando morren os fentos pode ser que a un lle arrinquen unha moa... ou que se lle pinche unha roda do coche... ou que os seus fillos gocen dun magosto no cole despois de tanto chover... ou pode que non pase nada.

Etiquetas:

domingo, 19 de outubro de 2014

Fotos con perigo


Onte fíxenlle tres fotos a unha obra e ao final saiume o home da foto preguntándome se había algún problema. Díxenlle que non e, acto seguido, tirou de móbil e fíxolle unha foto á matrícula do meu coche. Non sei a que terá medo pero está visto que hai que ter tino á hora de facer fotos. Non coma o señor Chousa que arrisca o gañote.
Millor será facer fotos paisaxísticas.

 



 

Etiquetas:

mércores, 15 de outubro de 2014

Fuchicando coa cámara


Un parque en Vilaguindastre.

 


Milla urbana de Vilaguindastre co provocador de que eu escriba na interrede.
Tamén sae retratada unha amiga e blogueira.

 


" Dácheme o mermiño perder ca ghañar ".

 


Efeito miniatura no parque da Abella.

 


Cargándolle na cor a un parque de Tui.
Este outono pinta ben !.
 


Xela a " penduradora ".

 


Veigha de Campos en Arbo. As viñas empezan a amarelar. Os canais seguen verdes e os vimbios laranxas.

Seguirei facendo fotos.

Etiquetas:

sábado, 4 de outubro de 2014

Outra cámara


 
A cámara facía boas fotos pero tiña ano e medio e a obsolescencia programada tiña que actuar.
 
 O obturador da máquina quedaba a medio pechar e así saían fotos con ese borde negro. De exemplo está o cruceiro da foto que atraiu a muita xente, demasiada.



A nova cámara é máis barata e sinxela pero ten bo zoom e cor. Na foto está Leo na piscina co seu monitor.

 
 
Nas distancias curtas non falla e aí está esta flor da paixón con abella incluida.
Agora toca estragar a cámara nova cunha chea de fotos.


Etiquetas:

luns, 30 de decembro de 2013

Novo ano


Que recibas o novo ano coa ilusión dos nenos !.

A foto é de Marc Riboud e está collida na interrede.

Etiquetas:

luns, 22 de xullo de 2013

Vivindo e refotando


O verán avanza cos seus cambios de tempo, con campamentos e paseos. Non estou nunha etapa mui fotógrafa que digamos pero tiven ocasión de refotar ( fotografar fotos ) en Baiona, Tui e Vilaguindastre cunha perspectiva esta última que descoñecía totalmente.
A foto do gaiteiro e a bávara faime lembrar a Mr. Tichborne, un galego que chegou a Bavaria seguindo uns ollos verdes. Vaia a foto por el.

Etiquetas:

xoves, 18 de novembro de 2010

O fotógrafo Virxilio


Hoxe visitei a exposición fotográfica de Virxilio Viéitez no MARCO de Vigo e aprendín máis del. A sua filla descubriu unhas latas con negativos onde fora parir unha gata e dentro topou unhas obras de arte inéditas. Virxilio botou anos retratando a xente de Soutelo de Montes e arredores en muitos aspectos da vida diaria. Facía retratos para o carné de identidade cun fondo branco como o que sostén esa muller tan risoña. Retrataba mortos para mandar fotos aos familiares emigrados que se non miraban a foto non crían o que dicían as cartas. Retrataba xente na rúa e quería que a foto fose nítida. Tamén retratou xente no bar, no campo, no baile, en vodas, primeiras comuñóns, en romarías e festas, etc. Virxilio especializouse tanto no retrato e era tan coñecido na zona que os seus retratos resólvense carregados dunha humanidade especial.
Virxilio como fotógrafo gustoume pero como persoa semellaba ser humilde e traballador e nunca na súa vida soñara con coñecer personalmente a un fotógrafo como Cartier Bresson e ser espectador dunha exposición das súas propias obras.
En fin, gustoume todo.

Etiquetas:

mércores, 18 de agosto de 2010

Laxe



Laxe foi unha casa de pedra nun labirinto de ruelas empinadas e estreitas e sen sinais de tráfico.






Laxe foi unha praia de area branca, auga quente ( si, quente ), vento sen descanso e ceo azul con carreiras de nubes.



Laxe foi unha chimenea ecolóxica que bota árbores á capa de ozono.




Laxe foi unha camiñada a unha ermida nun alto cunhas boas vistas por diante e por detrás.

E Laxe tamén foi festa con pistolas de pompas de xabón, moras para o Leo ou mercar un libro do fotógrafo muxián Ramón Caamaño.
En definitiva, Laxe foi outra fin de semana para meter no baúl das lembranzas.

Etiquetas: , ,