leoeosseus

xoves, 30 de abril de 2020

Optimismo


O compañeiro do choio deu negativo na proba do Confinavirus e é unha boa nova ou mala segundo se mire. É boa porque non ten a enfermidade e os compañeiros suponse que tampouco a temos. O malo é que non a pasamos porque se dese positivo significaría que estamos todos contaxiados pero sen síntomas. E a enfermidade ten que pasar por todo o mundo.

No ambiente nótase optimismo. Hai máis coches na rúa. Hai xente paseando cos nenos anque poalla. E a hora do aplauso semella que vai morrer un día destes ou unha semana destas. Haberá que preguntarlle ao presidente, ha, ha.

O outro día apareceu o avóM coa máscara posta e o maleteiro cheo de cousas. Todo vai ben por Arbo...ata saíron na Sexta coma un concello sen ningún caso do virus. Na imaxe da tele estaba O Pazo con todo pechado e sen xente e o periodista dicía que nun ano normal a esa hora e día sería a festa da lamprea e habería 30000 visitantes.

Pois nada, haberá que esperar a anos millores !.

Etiquetas: ,

mércores, 29 de abril de 2020

Gama de notas


Discutir sobre quen debe aprobar ou suspender e demais trangalladas é pór pedras no camiño. Os alunos xa tiveron que estar na casa por culpa deste virus trasneiro, xa pasaron malos momentos; agora creo que é momento de rir na cara do becho e aprobar ós alunos.
Xa o ano que vén porá a cada un no seu lugar, digho eu !.

Etiquetas:

martes, 28 de abril de 2020

Alixeirando o feche


O goberno xa ten unha rota para alixeirar o feche e con sorte a final de xuño temos case toda a liberdade e case todo está aberto pero con limitacións de aforo e mantendo distancia de seguridade entre as persoas. Vai ser por etapas quincenais pero non se poderá saír da provincia, seica.
Mentres haberá que seguir como agora: saíndo o mínimo preciso e tratando de seguir coas actividades escolares vía virtual que curso presencial non vai haber.
E ao Cornoviros que lle dean e a ver se o mecánico da empresa non o ten que hoxe tócalle facer a análise aleatoria.

Etiquetas:

luns, 27 de abril de 2020

Ganas de saír


Onte saíron os nenos e houbo un pouco de descontrol nalgúns sitios onde xogaban xuntos e os pais estaban de leria. Esperemos non vaia na nosa contra pola saúde de todos e pola fin da reclusión nos fogares.
A verdade é que todos temos ganas de saír, de visitar familiares e de poder ir onde queiramos. Quen penso que o pasa mui mal é a xuventude que está sen o contacto real coas amizades tan necesarias a esa idade e fechados cos pais e chega a ser claustrofóbico. Eu tiven esa idade e non sei como reacionaría se me tocase vivir esta situación.

No choio temos un compañeiro mui novo de vintepoucos anos que se xunta cos amigos nunha casa e o fin de semana pasado ata se bañaron nunha piscina cuberta coa auga choca e verdosa coma a da foto. Quen lles pode reprochar algo ?. Necesitan vivir e gastar adrenalina xa que non poden facer trompos no Penedo Redondo.

O dito; a ver se nos van soltando ós poucos que todos precisamos aire fresco...se o Confinaviros nos deixa.

Etiquetas:

domingo, 26 de abril de 2020

Xela fixo a corentena


E hoxe foi un domingo importante e case coma os de antes. Hoxe os nenos por fin puideron saír dar un paseo dunha hora preto das súas casas. Fun mercar pan no mediodía e as rúas tiñan movemento tranquilo pero movemento e había persoíñas por aquí e acolá camiñando, con bici ou patíns ou monopatíns e había ledicia e algúns risos. Xa o botaba en falta.
E pola tarde saiu Xela despois de non calzar calzado de rúa dende hai 40 DÍAS !! Que se di pronto !.
Espero que o becho non aproveite esta nova liberdade e que a xente siga tomando precaucións.

Etiquetas: ,

sábado, 25 de abril de 2020

O paseo espera por nós



Dicía que ían saír os nenos para a semana pero errei e é mañá cando sain. Non sei se sairán muito que dan mal tempo.
Os que si van notar o cambio neste tempo do Confinaviros son os animaliños que ata o de  agora tiñan todo para eles e agora vai haber máis xente a pasear. O paseo é só dunha hora e o resto do tempo teremos que facer o de sempre: fuchicar cos aparellos electrónicos e mirar películas, cancións ou vídeos.
Na foto está un papamoscas ( creo ) que eu cría que era un carboeiro. E no choio un compañeiro atropelou un tourón ( outro nome do teixugo ); claro exemplo de como inza a vida silvestre agora que estamos a maior parte do tempo fechados.
PD: nin papamoscas nin carboeiro, é un rabirrubio tizón.

Etiquetas: , ,

venres, 24 de abril de 2020

Centésimo sexto mesario


Segundo mesario de Xela pechada anque semella que dentro dunha semana van poder saír os nenos a un quilómetro á redonda. Poderá chegar á rotonda do canteiro, ao mirador da Risca, Fonteliño e Atios e ata o Rincón de Lola en Cans. A ver se así colle cor que parece enferma de " Lipis ".
Xela leva ben o confinamento. De feito, non quere ir ao cole que non sei que problemas ten cos compañeiros que non quere miralos diante. Bueno, iso di; que cando os teña diante seguro que cambia de idea.
As tarefas do cole lévaas daquela maneira: está bastante asilvestrada e di que o sabe todo.
Definitivamente, ten que saír da casa.

Etiquetas: ,

xoves, 23 de abril de 2020

Día do libro ?


Sempre que podo, este día busco e merco algún libro, bueno, varios libros. Este ano, polo motivo arquicoñecido do Contraviros, baixei e nas dúas librerías estaban as libreiras pero coa porta fechada: mi gozo en un pozo !.
Menos mal que teño algún libro despistado dalgunha compra en mercadiños e podo tirar deles. Agora estou co " Nadie debería morir " e " Para despois do adeus ".
De tódolos xeitos; feliz día do libro !.

Etiquetas:

mércores, 22 de abril de 2020

Todo no aire



O futuro preséntase ben turbio. Aquelas boas épocas remataron hai pouco e teremos que afrontalo así. Teremos que amoldarnos á nova situación que non será tan próspera coma antes. Iso non quere dicir que non sexa máis feliz. Todo consistirá en aprezar o que temos e a quen temos e tratar de conservalo e gozalo.
E aquí seguimos coa rotina: Xela escribindo o que din nun vídeo de galego e Leo describindo en inglés as partes dun corpo feito de collage de famosos.
Na foto unha casa veciña dun famosillo que viviu millores tempos no GH.

Etiquetas: ,

luns, 20 de abril de 2020

Enmascarados


Nestes tempos revoltos a xente busca defensas contra ese macaco revirado que deixa todo patas arriba. As máscaras, gafas, luvas e pantallas son produtos máis que buscados, así como desinfectantes e produtos de limpeza. Anta a escaseza de máscaras a xente busca solucións caseiras e  aquí estou eu cunha feita por Naideleo que é ben xeitosa cunha abertura onde se mete un filtro de papel de cociña. Non sei se será mui eficaz ( ninguén o sabe ) pero síntome seguro co ela.
De cada vez máis xente usa alguna protección menos os taxistas que están en curro catro ou cinco coma se non pasase nada.
E logo está o outro extremo de xente que leva a máscara e evita o contacto e, incongruentemente, logo a saca para fumar !. Tamén hai xente que me parece que leva as medidas a extremos absurdos como un que está todo o tempo co ela posta no traballo e como escapando da xente e logo no comedor séntase cos demais e tira a máscara coma se nada.

Ante tanta incerteza hai que tirar do sentidiño e o que teña de ser será.

Etiquetas: ,

domingo, 19 de abril de 2020

Abrindo a man



Hoxe baixei mercar pan. Tiven que desviarme e así fixen algunha foto lembranza de cando pase o Escornaviros este.
Nun edificio había un Carnaval de Balcones cos seus mecos e alegría de cores.


Nunha papelería teñen o que tiñan previsto vender o día do pai. Pasou un mes e semella que levamos varios pechados, nonsí ?.



A tenda das tatuaxes tamén ten a súa pancarta para darnos valor.

E seguimos na mesma anque o goberno vai abrir a man e deixará saír a nenos menores de doce anos a partir do vintesete.

Só falta unha semana para que poida saír Xela !. O Leo terá que agardar.

Etiquetas:

sábado, 18 de abril de 2020

Entre reghateiras de abril


Pasou o día da república e non me decataba ata que mirei o edificio A Colmea de Vilaguindastre con varias bandeiras tricolores. É verdade: mira que me dá rabia que vaian os Mantidos a Coruña e Lugo e eu que non poida visitar a familia e todo por non ser eu da realeza.
E por aquí segue todo igual. O tempo está de abril con lanzas de sol e coas súas reghateiras ( esas chuvias indecisas, inesperadas e intermitentes ).
Semella que hai un chisco máis de movemento que abriu unha papelería e non se mira tanto control. Extrañoume mirar un neno pola rúa coa súa nai. O neno ía con luvas e xogando cunha Nintendo e esperou pola nai na entrada do Lidl á beira do segurata.
Non sei como van os números relacionados co Becho pero os ruxe-ruxe sobre o fin do peche non están claros. Falan tamén de que van estar pechadas as praias e que ata o Nadal non se normalizará a situación.
E onte estivo de quinto aniversario Mateo, o fillo dun compañeiro e foron felicitalo os municipais, a Garda Civil, os doantes de sangue e as empregadas do Eroski e ata o felicitaron na TVG, no Land Róber.
Toca seguir apandando.


Etiquetas:

xoves, 16 de abril de 2020

Fin do cole ?


Onte decidían dende o goberno se remataban o curso ou non e seica non quedou nada claro. Semella que van aprobar todos pero que haberá clases en xullo. Serán unhas clases lúdicas e frescas e sen avaliación e impartidas por vontarios e ONG's. Nada, que non está claro.
De momento mándanlles actividades aos nenos como teatro para Xela e exercicios para Leo e eles fan o que poden. Xela tamén recibe aparte clases de guitarra por videoconferencia e inglés que lle dá unha muller filipina. Na casa temos un horario no que hai tempo para clases, para lectura e para exercicio físico e máis ou menos vaise cumprindo.

Este curso quedará mui raro pero xa sabemos que despois do ataque do Becho todo cambiará.

Etiquetas: ,

martes, 14 de abril de 2020

Banco e farmacias


Onte baixei ao banco. Había que facer cola fóra e un home non o entendía. Quixo entrar e díxenlle que había que esperar que había un cartaz explicándoo pero que el non lía. Entón díxenlle de mala maneira que tiña que facer caso do que lle dicían. Despois pedínlle perdón por falarlle así.
Aproveitei para ir a unha farmacia para tratar de mercar máscaras pero nunha cobrábanme seis euros e ao final nin estaban en venda e noutra non había. Seica lle van vir esta semana. Por aquí creo que non andaron a repartir como si fixeron en outros sitios.
O centro estaba todo pechado e os comercios aínda teñen roupa da tempada pasada que non sei como farán para vender no futuro. Os escaparates están sucios de farna e po e o ambiente é deprimente con xente que anda soa, con luvas e con máscaras de todos os tipos.
Despois do traballo, que semella tranquilizarse un chisco; fun botar gasoil. Co isto da pandemia pensei que ían subir prezos de todo pero non e mesmo o gasoil baixou de 1,16 euros o litro a 1,02. Pregunteille ao empregado se se podía lavar o coche e díxome que non se facía responsable se pasaba a Garda Civil. Como tiña entendido, non está permitido.
A ver se vai levantando isto.

Etiquetas:

domingo, 12 de abril de 2020

Sesión vermú


Á unha houbo sesión vermú onde vivimos e saíron algún veciños a gozar da música dende diante da porta de cadaquén. Hai un veciño que ten unha mesa de música profisional e pon música de distintas épocas e a " Resistiré " non falta. Nós non quixemos participar. Gústame aplaudir aos sanitarios e botar unha parrafada pero organizar xa unha seudofesta seméllame un chisco inoportuno.
Na casa seguimos igual. Leo e Xela estiveron lendo un libro de Greg de crear o propio diario. No xantar tamén lle preguntamos a Leo que lle parece este asunto do confinamento e di que é excesivo. El di que é igual morrer do Covid-19 que morrer de agobio na casa, el que non quería saír da casa nunca antes e había que teimar co el. Supoño que non ten mui claro o grave problema e pensa que non lle vai tocar directamente a el.
E agora vou saír ao xardín que fai bo día e facer unha vídeochamada a avoaE.

Etiquetas: ,

sábado, 11 de abril de 2020

A cazadora de trevos


Despois duns días morriñentos de chuvia hoxe asomou o sol. Dixémoslle a Xela que saíse tomar o sol e pregunteille que opinaba disto do Cornoviros e estar pechados na casa. Dixo que era como estar de vacacións pero o virus era como Elsa, a cadela, que por causa dela non podemos ir a muitos sitios. Eu pregunteille se comparaba a cadela co virus e dixo que o virus era " menos mono ". En fin, rimos un pouco. Logo adicouse a cazar trevos de catro follas no xardín e topou catro e un de seis follas que vai gardar para a avoaE.
E parece que se vai alixeirando o peche e vai empezar a traballar máis xente.
Ós poucos millorará a situación.

Etiquetas: ,

venres, 10 de abril de 2020

Pequenas aprendizaxes


Nin chega a chuviscar hoxe cunha babuxada que cai do ceo coma quen non quere. Toca recollerse maís aínda e gozar da familia e das conversas simpáticas. Xela dicía que quería ser vexetariana, logo que non quería comer seres vivos e logo que só ía beber auga, auga dóce " porque tiene azúcar ". Leo soubo que hai películas en galego coma " Sempre Xonxa " e que hai un río chamado Gállego. E non lonxe do nacemento do tal río está a Selva de Irati que queda pendente de visita.
Como queda pendente a suba ao Faro de Budiño pasando polas Ínsuas co ese verde-húmido-primavera.


Etiquetas: ,

xoves, 9 de abril de 2020

Prioridades


Cando nos solten todos pensamos saír desbocados a gozar da natureza, das amizades, da familia que temos illada e de movernos por onde queiramos. Iso sería o bonito e desexable pero haberá de pór todo a andar primeiro e amañar eses pequenos desperfectos que teremos no corpo e nas nosas pertenzas. Haberá que cortar o pelo, mercar roupa e calzado para os nenos ( semella que o feche fainos medrar ) e amañar esas cousas da casa como bombillas fundidas, un cristal roto, o céspede ( agora precisamos USALO ata machucalo ), a vacina da cadela, a ITV do coche, etc, etc.
Todo isto son miudezas que agora non nos importan pero cando o Carroñaviros lisque co rabo entre as patas serán asuntos importantes.
Xa haberá tempo para andar camiñar eses camiños que non sabemos onde van.

Etiquetas:

mércores, 8 de abril de 2020

Quen o diría ?


 
Nestes días grises anque faga sol todo aparece apagado sexa a hora que sexa. Bueno, ás oito asomamos as caras os veciños, aplaudimos e falamos un chisco. O resto do día é igual a foto do barrio.
 


Algunha vivenda nos fai lembrar que hai nenos e ledicia coma esta dun compañeiro de choio que ten dous macaquiños que poñen todo patas arriba e consumen cores a manchea.


 

Por iso, quen o diría que a padaría Amaquía ( que ten no servizo o audiolibro do Quixote todo o tempo ) me ía dar tantas alegrías con esa empanada de chocos ou esa rosca de Pascua.
Debo de estar san que me encanta comer. O Acollonaviros inda non asomou o fuciño por aquí.

Etiquetas:

martes, 7 de abril de 2020

Unha posible solución


A situación provocada polo Escornaviros ten difícil solución. Por aquí e por alá aparecen teorías e remedios e eu, por non ser menos, vou aportar outra. Parece ser ( dígoo sen ter datos actualizados ) que por Arbo e As Neves aínda non hai ningún positivo e, como pode ser iso ?. Eu vou aventurar unha resposta: é por beber viño con uva Treixadura " que pon a barrigha dura ". Crecente tamén estaría libre se non fose por unha residencia de anciáns que seguro que non lles dan viño.
Ou sexa, vou deixar de máscaras e luvas e lavar mans e demais cirigalladas e vou beber viño con Treixadura. De feito busquei no Eroski e o que topei era do Ribeiro así que non vale. Seguirei tentádoo.

Etiquetas:

luns, 6 de abril de 2020

Algo bo

 


Tanto estar pechados e por fin se miran resultados. Empezan a millorar os números de mortos e ingresados e vaise superar este andazo nun tempiño que ninguén sabe aínda canto é.
Google tamén nos manda quedar na casa. Bueno, escríbeno mal pero enténdese.
E por aquí todo segue ao seu xeito, os nenos andan algo alterados por veces e eu castígoos sen saír da casa e a eles failles graza.
Ás oito saímos a aplaudir pero isto vai a máis e xa poñen música e bailan veciños disfrazados e creo eu que perdeu o significado que tiña antes. Hoxe aplaudirei e deitareime que teño que traballar de noite e préstame durmir antes de cear e tirar para o choio.


Acabo de pasear a cadela e cruceime cuns cans soltos. Seica hai xente que se desfixo do can por medo a contaxios. Seica outra xente está adoptando cans para poder saír da casa. Non sei. O mundo está un chisco revolto.
E esta semana santa vén con chuvia; creo que temos que desfacer as maletas que non imos a ningures.

Etiquetas:

sábado, 4 de abril de 2020

Pasando o control


De cada vez hai menos coches a circular. Onte traballei pola mañá e pola tarde fixen horas extras, tal é o apuro de traballo. Cando volvía para casa a iso das nove só me crucei con dous coches en cinco quilómetros de traxecto.
E hoxe cando ía mercar paroume un control na rotonda do canteiro. Preguntáronme a onde ía e onde vivía. Á volta paráronme no mesmo sitio pero no outro sentido, está claro. Preguntáronme de onde viña. Díxenlle que de mercar e preguntoume se tiña a compra no maleteiro. Díxenlle que si e preguntoume onde vivo. Díxenllo e deixoume pasar. Un condutor dun coche azul xa non o tiña tan doado que oín que lle dicían que estaba gañando unha multa de 600 euros.
O plan para o resto do día é simple. Navegar pola interrede depois de pasear a cadela, aplaudir ás oito e botar unha parrafada con algún veciño e logo celebrar unha " festa " de aprobado da avaliación dos nenos que empezaron coas súas " vacacións ". Xogaremos aos bolos na Wii, como xa é tradición e iremos para cama.

Etiquetas:

xoves, 2 de abril de 2020

Normalidade ?



 

 
 
As fotos que poño son da semana anterior. Había que facer cola para entrar no supermercado e faltaban algúns produtos coma o papel hixiénico ( foto 1 ), ovos ( foto 2 ) ou pasta ( foto 3 ). Tamén faltaban cervexas en cristal, levadura, arroz, café en cápsulas, carne de polo ou bastantes galletas aparte dalgunha delicatessen coma o xarope de arce. Iso foi a semana pasada porque nesta o suministro deu cuberto as fallas e había máis ou menos de todo.
Nas caixas puxeron unha especie de mampara para separar a caixeira da clientela e na megafonía danlle as grazas aos empregados. Supoño que por non pediren un plus de perigosidade que tiñan máis que merecido iso e máis.
 
Na casa a xente colle a súa rotina e busca ocupacións dentro do mundo virtual ou na realidade con arranxos e limpezas.
 
No choio sigo co estrés da carretilla con camións que queren cargar e que lles falta algo por fabricar.
 
E o conaviros segue a atacar por aí fóra e non damos chegado ao famoso cumio onde empeza a costa abaixo da enfermidade.
 
E eu que non quero saber das noticias pola televisión.

Etiquetas:

mércores, 1 de abril de 2020

Nin tan malo para ser primeiro de abril

 
 
Dá medo o un de abril e eu non quería ir pero tiven que ir. Fun coller unhas chaves dunha  inquilina que se muda e parei a visitar a miña nai. Dende a beirarrúa, está claro, e cando estaba no medio da leria non sei como miro para un lado e miro tres militares. Eran noviños e ían sen armas coma paseando. Eu cortei a laretada e marchei para o Froiz mentres lle botaba un ollo aos militares que seguían o seu " paseo ".
Volvendo para Vilaguindastre tiven que ir detrás dun veículo militar un bo anaco que ían a quince por hora.
 
 
Fun á carnizaría e cando ía ao Eroski pararon os municipais a falar con Jorge, un toxicómano que está nas últimas e está sempre a pedir na porta do Eroski. Pedíronlle a documentación pero case se caía para poder tirala do peto do pantalón. A rapaza mirábase novata que arrrecuaba cando Jorge metía a man nos petos. Cando saín da tenda os municipais marcharan e Jorge estaba medio tirado nun portal dun edificio perto.



 
Despois fun polo pan. Seino; hoxe paseime un pouco e na porta da óptica había dispostos uns libros que supoño que son para levar a casa pero calquera se arrisca a coller algo de orixe descoñecida. A tentación era muita pero penseino millor e deixeinos.
Cando máis tarde paseei a cadela no parque había polo menos dous rapaces medios achantados escuitando música e fumando. Déronme ganas de chamar aos municipais. Eles de festa e meus fillos que non poden saír dar unha volta. Pero corteime.
E despois dos aplausos das oito un veciño puxo unha canción de aniversario que tiña a filla no seu sexto aniversario. A sorpresa foi despois cando apareceu un coche da policía local coa sirena posta e logo encenderon a megafonía para dicir:  " Feliz cumpleaños, Laura ".
E así foi este día tan " uniformado ".


Etiquetas: