leoeosseus

sábado, 31 de xullo de 2021

Fin de Ldn

 

Rematou a estadía en Ldn. Este ano o tempo non acompañou e facía aire cando non estaba anubado. Demos paseos e fixemos terraceos na de Bruno coas súas cervexas artesás. Ceamos pizza de Stephan e un día xantamos no Pinela e outro no Bahía. Quedaron o Peralta e As Marías sen probar. O Valladares xa non ten comidas así coma O Carlete. Todo vai a menos. Cruzámonos con xente diversa coma o que levaba a chaqueta vaqueira con " God don't pay the bills " escrito, ou o avó co nique do Sahara do rivés e os calcetíns " Fuck off ". Supoño que non saberá o significado. A cadela correu pola area cando non había xente e Leo xogou ao fútbol canto quixo. Eu rematei " Vicus Afastado " e non me gustou. Daba todo masticado e con datos que sobraban coma os "16 grados positivos" ou con palabras con significados ampliados coma "apañou o móbil". E o final foi un churro digno de película B.

E poñería fotos pero blogger non me deixa. Como siga así terei que mudar de plataforma. 💨

Etiquetas: ,

martes, 11 de maio de 2021

A trinta por hora

 

Seica hoxe empeza a lei que prohíbe circular a máis de trinta quilómetros por hora por zona urbana. Teremos que ir en patinete. Iso si, teremos que deixar a peste dos móbiles atrás como di o sabio Roxelio no libro de Suso Lista.

Pois iso, circula amodo e non abuses do móbil. 

Etiquetas: ,

domingo, 18 de abril de 2021

Chalordas, tataramigas e máis


 

Non hai policías na casa e xuntámonos máis da conta pero tamén entre vacinados, nenos e xente que xa pasou a enfermidade só quedaba eu de persoa problemática. E é que apetece xuntarse inda que sexa con máscara e así tamén onte os tres curmáns xogaron xuntos nun parque, falaron despois de Pejertos, Dositeos e Baltasaras e hoxe xantamos varios xuntos.

E avóM falou cun veciño de aquí que resulta que é de Arbo, dos Chalordas, palabra que non coñece o avóM pero que eu busquei e hai unha zona de Portugal que a emprega como sinónimo de horta ou leira. E falamos todos e lariamos coma chacarelas e así Xela fainos a burla e di " Tataramigas " que podería ser unha bonita palabra. Habería que buscarlle o significado; amigas de hai muito tempo ou amiga dunha amiga doutra amiga. Eu que sei.

E " Repúblico " durou pouco que lle fuxiu á dona e a ver se volve que xa hai cadeladas por ai diante que a primavera vén rabiosa.

E estou lendo " Como a roda no muíño " de Suso Lista, cun protagonista case Quixote facendo un camiño francés de Santiago ao seu xeito. Xa contarei como remata.

Etiquetas: , , ,

martes, 13 de abril de 2021

Por aquí estou

 

Hoxe estou na casa, non me vaia pasar algo polo martes trece; pero o domingo repetimos a paseata de Arbo.  Na foto sae a praia fluvial, despois os pescos que son as construcións desde onde se pescaba ou pesca a lamprea, a ponte internacional actualmente fechada polo Escornaviros e da outra beira do río xente sen máscara e non sei se poden estar así ou non fan caso da lei. 

Outro asunto, rematei de ler " Cobiza " de Reimóndez e parte dunha idea mui suxestiva. No futuro a humanidade está sen tecnoloxía e case non hai mulleres fértiles. Por outra banda unha científica logra mesturar unha muller cunha planta e consegue crear o ser perfecto. É unha novela escrita durante a pandemia e así ten esa carga distópica e case deprimente dun futuro mui duro para o planeta e os habitantes que quedan.

E hoxe aprendín que non de di pinchar en galego cando se pon unha vacina ou cando a roda perde aire con algo que se lle clavou. Pinchar só serve para saltar ou chimpar que así si que o usaba eu.

Etiquetas: , , ,

martes, 23 de febreiro de 2021

Tempo de " lisemia "


Hoxe por fin houbo mercado en Vilaguindastre e así apareceu algo de vida. Aínda non se sabe certo como vai quedar a liberdade no concello porque anque baixaron os casos ao millor rexen os datos anteriores. O caso é que a partir do venres haberá terrazas abertas que xa é algo. Tamén poderán xuntarse catro persoas non conviventes así que a avoaE poderá estar cos seus netos. Iso si, a Arbo inda non podemos ir.

Eu hoxe fun mercar e tiven que ir ao concello da Rosa. Deixei o coche e fun por un atallo e crucei a vía do tren e non me crucei con ninguén. Na farmacia dixéronme que se quería podía facer a proba do cuspe que é gratis. Dixen que non pero xa sei onde facela se a preciso. Ía volver por outro camiño pero mirei a Garda Civil e volvín polo atallo da vía.

A Garda Civil estivo controlando os montes este domingo pasado e multou a motoristas e condutores de quads por circularen por sitios prohibidos, non levar máscara e houbo casos de xente que non estaba no seu concello e non tiñan ITV nin seguro. Así aprenden que non se pode xogar polo monte por puro pracer.

Outra cousa: estou a ler " Arqueofaxia " de M. Lourenzo González e atopei que falaba dunha enfermidade chamada " lisemia " que mataba a muita xente. A novela é dos anos 90 pero xa anticipaba esta pandemia anque, claro, a enfermidade ten distinta orixe e distintos síntomas. Xa sería atinar demasiado ! Eu non a lin cando ma agasallara Naideleo no 2001. Nótase que non tiña a paciencia de hoxe para poder ler o principio que é algo confuso.

E a ver se ten razón Bill Gates e para o 2022 recuperamos a liberdade anterior anque co paso que levan as vacinacións teremos que facer como Uzbekistán e coller inmunidade de rabaño para poder andar sen máscara e con todo aberto e con contacto físico.

Xa se mirará.

 


Etiquetas: ,

venres, 4 de decembro de 2020

Imaxinación na política


 

Manolo Rivas fala de que temos que facer ecoloxía da linguaxe e recuperar o verdadeiro significado das palabras e non o que nos queren chuzar. Ben, el dío doutro xeito pero el é quen eu e eu son este menda.

O que si que estou farto de que lle cambian o que quere dicir un termo ou que o fagan tan etéreo e difuso que ou non diga nada ou diga todo o contrario ou diga todo ao direito.

O cartaz de arriba co esa frase tan nonseique que é " Imaxina canto futuro hai nunha Galicia 98% rural " é un exemplo do que quero dicir. Como uns políticos poden falar de imaxinar sendo  tan bos xestores e contables como son ? Como poden falar de futuro ? Futuro máxico, porvir ou que para quen ? Se é para os animaliños seguro que hai se non morren queimados ou intoxicados de tanto eucalipto. E o de 98 % rural ? É certa esa cifra ? Que quere dicir rural ? Xela preguntoume que significaba e se era palabra galega. Non souben que dicir pero tampouco o saben dicir os que o escriben á vista da paisanaxe que mira o cartaz e di. Que chulo ! Que bonita é Galicia ! E, claro, miran a foto pero non paran a ler e se len esa frase tan voluble interpretarán algo místico ou lendario que sempre vende.

E saíndo do cartaz hai que ver como se lles incha o peito falando de perímetros, conviventes, vacinas e " aforos ". E os bares empezaron hoxe coas terrazas abertas e a mesma xente de antes a tomar o cafelito e o cigarrito coa máscara de adorno ou presta para colocar e evitar unha multa se vén a autoridade que non está para iso que se supón que somos maiorciños. E en Vilaguindastre aínda non se pode tomar nada no interior que cando sexa pasará do 30 % ao 120 % ou máis se collen clientes.

E así estamos.

E descubrín que hai bandeiras da República do Sáhara en muitos balcóns e Xela pensaba que a xente cría que Papa Noel viña do Sáhara. E pensará como siga facendo caso de muitas trapalladas que se din e escriben.

En fin.

Etiquetas: , ,

xoves, 1 de outubro de 2020

Un novo outubro


 

Un novo outubro e sinto a sensación de que case todo volve a ser o mesmo. O traballo segue sendo estresante e andamos de aquí para alá cos nenos para as súas clases e as súas actividades como por exemplo Xela que segue indo a xadrez anque gardando medidas preventivas contra a peste que vivimos.

E o tempo que refresca e que conseguiu que se pechase a piscina ata o verán que vén.

E onte  morreu Quino, o pai da eterna Mafalda. Terei que relela.

Etiquetas: ,

martes, 29 de setembro de 2020

Algo de distopía

 

 
 
O outro día rematei unha noveliña ambientada nunha futura Galicia con megacidades onde viven os cidadáns de pleno dereito que falan galego e terra salvaxe entre elas habitada por xente que falan unha mistura de inglés, español e francés e outros que falan latín puro e duro. O curioso foi cando cheguei a esta parte do libro onde din que se deixou de viaxar polo espazo despois de traeren os astronautas unha especie de " peste das estrelas " que matou á metade da poboación de América. Esta parte sooume coñecida, nonsí ?
E nestas andamos cun home facendo dedo o outro día que non creo que teña muita sorte e no día seguinte era unha muller a que facía autostop e non sei que pensar e hoxe levei un compañeiro novo ata o centro de Vilaguindastre e esquecín pór a máscara.
Estarán mudando os tempos ? Empezaremos a nova distopía ?
 

Etiquetas: ,

sábado, 1 de agosto de 2020

O sol cai


Baixan os días. O sol case non quenta na entrada no mediodía. O aire móvese ( o Leo di que o aire existe sempre ). AvoaE fai anos. Leo artigos de Roy Galán. Lavo roupa de faena e máscaras que sobran en barrio obreiro. Merco Lk do Louro e fotografo unha flor curiosa do xardín.



Etiquetas: , , ,

sábado, 9 de maio de 2020

Incongruencias


Paseniño vanse esborranchando as mensaxes de fiestras e balcóns ou directamente desaparecen. Ás oito cada vez menos xente aplaude. Porque nada é inmutable e todo segue o seu camiño. E así o luns entramos na fase 1 que permite encher o coche coa xente da casa, visitas a familiares e amigos cun tope de 10 persoas e abertura de comercios pequenos e terrazas de bares á metade do aforo entre outras liberdades.
E así entramos nas incongruencias: só se pode pasear a determinadas horas pola túa localidade pero podes coller o coche e ir dentro da provincia a onde queiras e o tempo que queiras. Aparte na visita hai que manter a distancia de seguridade e as medidas hixiénicas. Como que todos temos unha mesa de vinte metros para sentarnos afastados os uns dos outros e comeremos coa máscara posta.
Ben, quen sabe o que sairá de aquí.

E na casiña todo ben. Hoxe choveu bastante e ninguén me mirou con envexa cando paseei á cadela. Cos nenos hai conversas e aprendemos detalliños como de onde vén a palabra abacate, por que Bugs Bunny ten ese nome ( Como vai a cousa, meu ? ) e que pinta ten un wonbat.
E seguirei fedellando pola interrede e despois a ler " Xente da Barreira " do homenaxeado deste ano polas letras galegas.

Etiquetas: , ,

xoves, 23 de abril de 2020

Día do libro ?


Sempre que podo, este día busco e merco algún libro, bueno, varios libros. Este ano, polo motivo arquicoñecido do Contraviros, baixei e nas dúas librerías estaban as libreiras pero coa porta fechada: mi gozo en un pozo !.
Menos mal que teño algún libro despistado dalgunha compra en mercadiños e podo tirar deles. Agora estou co " Nadie debería morir " e " Para despois do adeus ".
De tódolos xeitos; feliz día do libro !.

Etiquetas:

luns, 30 de marzo de 2020

Airearse


Haberá unha hora que saquei a cadela a pasear e fun ao parque que temos á beira da casa que, milagreiramente, non quedou precintado pola policía local. Aquí hai paz e pode mirarse montes a quilómetros de distancia e éntrame a cobiza de poder ir ao Aloia, ou ir aos muiños do Deique ou subir a Cabreiros e mirar o gando solto ou ir ao Galiñeiro...pero non pode ser. Menos mal que teño libros abondo na casa e xa estiven no Macchu Pichu, no Sáhara, na Baixa California e agora vou a Exipto.
E hoxe tiven un agasallo, comín bigotes e torta Sacher, mandáronme un vídeo mui xeitoso e faltoume soplar unha candea pero en algo ten que notarse estes tempos tan extraños do Escornaviros.

Etiquetas: , ,

venres, 10 de xaneiro de 2020

Costas e virus


Empecei o ano malo do estómago. Supoño que serían as navallas ou un virus. Virus que tamén ten o ordenador. O meu virus xa pasou pero o do ordenador vai a máis.
E co ano empezaron as costas coa suba do pan e máis sorpresas que toparemos polo camiño.
Polo menos os Reis deixaron libros para distraer !.

Etiquetas: ,

venres, 18 de outubro de 2019

Chuvias, flautas e libros


Nesta semana de chuvias empecei con catarreira e dor de cabeza. Para agravar o asunto Xela quería tocar a flauta... e aprendeu a canción " O himo da alegría " !; e todos os ensaios atureinos eu e a miña cachola.
O Leo recibiu unha alegría porque saiu o diario de Greg en galego por fin. Xa pasaron uns aniños de cando intentamos traducilo. E, seguindo con libros, eu conseguín o libro " Zocas e decibelios " do Raposo.
E así estamos: medios pechados na casa e a cadela apandando coas teimas de Xela.

Etiquetas: ,

xoves, 12 de setembro de 2019

Entre tres libros


Neste pasado dia da Diada e aniversario do 11 de setembro de 2001, Xela e máis nenos empezaron un novo curso. Xela ía contenta coas súas trenzas de raíz e o pelo alisado que quería conservar durmindo sentada.
Eu sigo coa miña rotina e lendo libros de fuxidos da guerra civil, do conflito do Sahara e agora quero ler  " Se isto é un home " de Primo Levi que sobreviviu en Auschwitz.
E que non se repitan estas traxedias !.

Etiquetas: ,

venres, 3 de maio de 2019

Mes de letras e flores


Promete este maio: camionetas de comida, día da nai, feira do libro, festival de Cans, letras galegas, eleccións e máis.
A ver se nos medra o céspede ( mea culpa: enterreino en troques de sementalo ) e arranxan o problema da humidade ( tardarán menos en restaurar Nôtre Dame ) para que sexa este mes florido e fermoso.

Etiquetas: , ,