Incongruencias
Paseniño vanse esborranchando as mensaxes de fiestras e balcóns ou directamente desaparecen. Ás oito cada vez menos xente aplaude. Porque nada é inmutable e todo segue o seu camiño. E así o luns entramos na fase 1 que permite encher o coche coa xente da casa, visitas a familiares e amigos cun tope de 10 persoas e abertura de comercios pequenos e terrazas de bares á metade do aforo entre outras liberdades.
E así entramos nas incongruencias: só se pode pasear a determinadas horas pola túa localidade pero podes coller o coche e ir dentro da provincia a onde queiras e o tempo que queiras. Aparte na visita hai que manter a distancia de seguridade e as medidas hixiénicas. Como que todos temos unha mesa de vinte metros para sentarnos afastados os uns dos outros e comeremos coa máscara posta.
Ben, quen sabe o que sairá de aquí.
E na casiña todo ben. Hoxe choveu bastante e ninguén me mirou con envexa cando paseei á cadela. Cos nenos hai conversas e aprendemos detalliños como de onde vén a palabra abacate, por que Bugs Bunny ten ese nome ( Como vai a cousa, meu ? ) e que pinta ten un wonbat.
E seguirei fedellando pola interrede e despois a ler " Xente da Barreira " do homenaxeado deste ano polas letras galegas.
Etiquetas: covid-19 II, curiosidades XX, lecturas II
0 comentarios:
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio