leoeosseus

martes, 15 de xuño de 2021

Varias cousas


Vai calor e rematan os días treboentos. Os nenos están rematando o curso e con boas notas. Naideleo xa ten a segunda dose da vacina e a min creo que me chaman para a semana. Falan de quitar os betillos andando polo exterior...oxalá !

E La Coz de Galicia vende un libro en español dun escritor galego mentres Danone promociona os seus produtos en galego.

Nada novo neste mundo !

Etiquetas: ,

domingo, 30 de maio de 2021

Dende letras galegas a libros pasando por paxariños e saúde

 

No " X " escribiron uns versos de Xela Arias. Supoño que en homenaxe ao cartaz de entrada coa " rampla ".

 

As rolas xa voaron. Quixen facerlles unha foto o outro día e botaron a voar. Ben por elas.

 

Seica tiven unha posible fisura muscular no hipocondrio esquerdo. Pasei a tarde do sábado no centro de saúde e no hospital. Nada que non solucionen uns calmantes e seguir no choio.


E hoxe fun á superfeira do libro de Vilaguindastre cunhas colas para asinar María Reimóndez que xa as quixera o " X " no Nadal. Mirei a Manuel Bragado e o libreiro de Pedreira deixoume tres semanas sen polbo.

Etiquetas: ,

luns, 17 de maio de 2021

DLG 2021

 
 
 
 
Queda muito por facer a prol do galego e para exemplo este cartaz en español falando da rúa " La Corredera " que é a forma fina de dicir " A Corredoira " ou " A Corredoura ".
Por sorte, aínda aprendo dunha máis vella ca min " simbeleando " que significa " de aquí  para alá, sen destino claro " ou dun máis novo ca min " andar na queima " " andar a toda velocidade ", " ferro a fondo ".
 
 

 

 


Etiquetas:

sábado, 15 de maio de 2021

Me chamábades ?

 
Hoxe merquei no Gadis que agasallaban un libriño de poetas e unha bolsiña de papel de Xela Arias. Mentres o Fóra de Vigho empezaba a vender unha obra de Pardo Bazán en español.


Eu falei hoxe en galego coma sempre. Falei co mecánico que me fala en galego de sempre e non sei se será de Mondariz que di " tivo ", " tiveron " e nunca escuitei iso no galego da rúa e só a xente que era de Mondariz ou Covelo, non lembro. No Eroski a caixeira faloume en galego como tamén o fixo a camareira da cafetería do barrio obreiro e antes expliquei a unha muller como se emprega a lavadora da lavandería e ela pedírame axuda antes en galego. Na froitería do Gadis tamén a muller falou galego e só non falou comigo en galego a caixeira á que lle tiven que pedir o libro que explicou a outro caixeiro que era un " regalo de las letras gallegas ". Tamén avisei do agasallo do supermercado á Adebalixe en galego mutuamente.

E así estamos: castrapeando de cada vez máis e a directora de Xela actúa dicindo toda chea: Me chamábades ?

Etiquetas:

venres, 23 de abril de 2021

O galego en Mortadelo

 

Hoxe é o día do libro e eu inclúo os tebeos e cómics. No último cómic de Francisco Ibáñez os axentes Mortadelo e Filemón pegan unha volta por España e pasan por Galicia. Os galegos debuxados falan un galego inventado que hai que perdoarlle ao debuxante. O debuxante está mui maior e non sei canto lle quedará por debuxar. Cando teña tempo eu tratarei de colectar as chiscadelas ao idioma galego deste monstro da historieta.

E hoxe Xela debuxou no cole a portada do libro que máis lle gusta que é do Diario de Greg e Leo no instituto fixeron un  vídeo entre a clase de música e a de inglés.

Etiquetas: , , ,

domingo, 18 de abril de 2021

Chalordas, tataramigas e máis


 

Non hai policías na casa e xuntámonos máis da conta pero tamén entre vacinados, nenos e xente que xa pasou a enfermidade só quedaba eu de persoa problemática. E é que apetece xuntarse inda que sexa con máscara e así tamén onte os tres curmáns xogaron xuntos nun parque, falaron despois de Pejertos, Dositeos e Baltasaras e hoxe xantamos varios xuntos.

E avóM falou cun veciño de aquí que resulta que é de Arbo, dos Chalordas, palabra que non coñece o avóM pero que eu busquei e hai unha zona de Portugal que a emprega como sinónimo de horta ou leira. E falamos todos e lariamos coma chacarelas e así Xela fainos a burla e di " Tataramigas " que podería ser unha bonita palabra. Habería que buscarlle o significado; amigas de hai muito tempo ou amiga dunha amiga doutra amiga. Eu que sei.

E " Repúblico " durou pouco que lle fuxiu á dona e a ver se volve que xa hai cadeladas por ai diante que a primavera vén rabiosa.

E estou lendo " Como a roda no muíño " de Suso Lista, cun protagonista case Quixote facendo un camiño francés de Santiago ao seu xeito. Xa contarei como remata.

Etiquetas: , , ,

martes, 13 de abril de 2021

Por aquí estou

 

Hoxe estou na casa, non me vaia pasar algo polo martes trece; pero o domingo repetimos a paseata de Arbo.  Na foto sae a praia fluvial, despois os pescos que son as construcións desde onde se pescaba ou pesca a lamprea, a ponte internacional actualmente fechada polo Escornaviros e da outra beira do río xente sen máscara e non sei se poden estar así ou non fan caso da lei. 

Outro asunto, rematei de ler " Cobiza " de Reimóndez e parte dunha idea mui suxestiva. No futuro a humanidade está sen tecnoloxía e case non hai mulleres fértiles. Por outra banda unha científica logra mesturar unha muller cunha planta e consegue crear o ser perfecto. É unha novela escrita durante a pandemia e así ten esa carga distópica e case deprimente dun futuro mui duro para o planeta e os habitantes que quedan.

E hoxe aprendín que non de di pinchar en galego cando se pon unha vacina ou cando a roda perde aire con algo que se lle clavou. Pinchar só serve para saltar ou chimpar que así si que o usaba eu.

Etiquetas: , , ,

xoves, 1 de abril de 2021

Un de abril

 
Estamos neste primeiro de abril na casa. Inda que soñei que viñan trens cheos de turistas abafados coma sardiñas en lata mentres unha veciña me dicía que non me botou en falta cando marchou ela. Saín pasear a cadela e mirei o coche radar da Garda Civil circulando. O día 30 estaban achantados detrás dun camión cando pasei a 51 quilómetros por hora nun treito limitado a 50. Non sei se me mandarán un "agasallo" polo meu aniversario.
 
E tocou cambiar folla de calendario e topei outro exemplo de catalego nun calendario que supostamente tiña que ser en galego e que aparecen as festividades en catalán. En fin.

 


 
E onte fomos ao parque á beira da piscina. Facía bofa ( seica había aire do Sáhara ) e había un home cunha mangueira no alto do edificio. Non o miras na foto ? Agora cha amplío.


Aí o está, nesa cornisa sen arnés nin corda nin casco...nin máscara !

Como faga iso hoxe vai ir a onde non debe ir...ao chan !

Etiquetas: ,

sábado, 20 de febreiro de 2021

Auto Covid, municipais, soños e interrede

 

Vaia noite  e mañá de chuvia ! E chovían mares cando fun con Naideleo a facer a proba PCR que lle mandaron unha cita para facela.

Despois ao mediodía mirei aos municipais facendo proba das drogas a un que ía con outro no coche.

 

De noite Leo soñou que iamos nun barco e que afundía e morriamos Xela e eu. Un pouco tenebroso. 

É como cando soñei que había " mambas ". Paseabamos e había xente facendo picnic nun parque coas máscaras postas daquela maneira e unhas negras miraron unhas formigas a fuxir e as mulleres escaparon cos seus nenos dicindo que viñan " mambas ". Apareceron uns insectos andaríns altos con plumas azuis. Os primeiros eran pequenos pero logo apareceron outros grandes coma gatos. Parecían riquiños e os nenos tocábanos e quedaban convertidos en zombis que necesitaban comer carne humana. A xente acababa coa cara de cor terra e ollos brillosos e sorriso satánico. O malo foi que a miña familia acabou sendo zombi e ía atrás miña. Eu botáballes comida pero querían morderme a min. Menos mal que espertei.

E como o día está así de choucho estou pola interrede mirando vídeos galegos, Frank Cuesta, Necojitablog, ou de idiomas coma o dun cajun co que me identifico. 

 

 

Etiquetas: , , ,

venres, 19 de febreiro de 2021

Corrixindo


 

Que pouco cuidado se ten coa lingua galega ! No cartel da foto sain varias erratas, grallas ou aberracións. E menos mal que o texto é curto !

Pero tamén a Xunta fai das súas que o outro día recibimos unha carta escrita a dúas caras nas dúas linguas oficiais. A parte escrita en español non tiña nin erros nin grallas nin aberracións ( para o que eu sei ) Pero na parte escrita en galego apareceron tres " una " no canto de " unha ", dous " aso " no canto de " aos ", un " agradecemnto " e un " viendeiros " que é tradución de " próximos ". Nótase que o escribiron cun corrixidor electrónico español pero que non tiveron a decencia de repasalo persoalmente.

Pero o importante é que hai menos covidia.

Etiquetas:

domingo, 14 de febreiro de 2021

Coronatroido


 

Este ano o entruido é ben triste con todo suspendido e o pouco ambiente que hai. Este ano xa non houbo xogo da ola nin comparsas nin nada. Algúns nenos saíron disfrazados hoxe da man dos pais e poucos destes se disfrazan. Iso si eu mirei un dinosauro o sábado e un Piolín e un bote de ZZ Covid hoxe que me dá na espiña a min que é cousa do Cuquín que non perde ocasión de disfrazarse.

Eu poñerei algo o martes e darei por finalizado este Coronatroido 2021. Xa virán tempos millores.

Deixo un mapiña coas distintas formas de referirse a esta tradición de disfrazarse en Galicia.

Etiquetas: , ,

sábado, 30 de xaneiro de 2021

Nobel da paz e patatillas


 

Onte Xela saiu toda contenta do cole porque lle deron o Nobel da Paz na súa clase. Por fin ! Déronlle un diploma como lle deran a Leo no 2017 e un libro titulado " Color verde ladrón " que empecei a ler onte e rematei no mesmo día. O libro está escrito por unha muller de Jaén e, nun momento dado, fala de que hai patatillas nunha mesa de festa de aniversario. Prendéuseme a bombilla filolóxica e busquei polo Google adiante a palabra " patatilla " que eu supuña empregada nesta zona arredor de Vigo. A onde cheguei é a que tamén a din en Mallorca e que en Jaén ( de onde é a escritora ) existe un local chamado Patatillas.

Dende logo eu prefiro chamarlle patatillas ás patacas de bulsa e non chips, crisps ou patacas fritas que son outras ben distintas.

E é o que queda estes días medio enclaustrados pola covidia e os temporais: ler e comer patatillas... pero en paz, eh ?

Etiquetas: ,

luns, 4 de xaneiro de 2021

Reis raros


 

Este ano empezou complicado por esta mobilidade que nos deixou o goberno e que provocará máis casos de Cornaviros. Mañá non deixan saír das zonas pechadas e así non iremos a Arbo e a ver se os Reis levan agasallos ás Sequeiras.

En Vilaguindastre non hai gatacalva este ano e poño a foto do ano pasado. Sai Baltasar e non o Papón que quedou polos desertos pero vivindo a corpo de rei e nunca millor dito.

Por Vilaguindastre hai colas en supermercados e tendas de xoguetes e non mirei pero supoño que haberá nas administración de lotaría. Había muita xente hoxe cando fun mercar comida para a cheminea. Tamén mirei unha muller grávida que semella que a pandemia criou unha xeración ou paréceme a min.

E eu estiven a fuchicar pola interrede cheirando ligazóns supostamente paradas e topei a Álex Ghalpón https://alexghalpon.wordpress.com/ que inda segue aí e a Dúbidas do galego que me descubriu un diccionario Castelán - Galego https://rinoceronte.gal/dicionario/ que vai mui ben e que traduce frases feitas e todo.

Etiquetas: , , ,

luns, 21 de decembro de 2020

Todos somos somos


 

Somos os que somos, Somos Salceda, Somos Mos, Somos Nadal, SomosMagenta...etc. Hai esta moda de dicir que somos o que sexa e xa está. E só somos o que as circunstancias nos deixan ser. E así eu son un montador de liteiras, ou fágome fan do Jato Kósmico  ou descubro que " quedar a pre " é galego e non español ou río aprendendo galego non durmindo senón antes. Os que fixeron este vídeo ben puideron falar antes cos de Somos Magenta que me dá na espiña que o farían millor

Etiquetas: ,

xoves, 10 de decembro de 2020

Tanta tecnoloxía...


 

Agora hai aparellos para todo e hoxe estreamos ( máis ben Xela ) un mando para a televisión que busca por ordes faladas. Lonxe quedan aqueles tempos nos que meu pai nos dicía que subíramos un patacón o volume da voz. Subir un patacón significaba subir un pouco de nada  e así tamén dicía meu pai " Non vale un pataco " polo que valía pouco. En efecto: un pataco eran dez céntimos de peseta que agora sería menos dunha milésima de euro.

E a tecnoloxía invade todo e este ano a lotaría da empresa había que mercala de forma Online e así seriamos máis felices pero como estou farto de corrixir as entradas e saídas do choio vía móbil online, pois non a merquei. Houbo máis intentos por parte da empresa para que mercaramos lotaría os que non o fixemos pero por aí non paso. Non deixaban mercar aos xubilados da empresa e limitaban a cantidade de décimos así que teñan sorte os que a mercaron.

E a tecnoloxía tamén vai anulando pensamentos como o compañeiro que co cambio de carretillas a gasóleo ruidosas a eléctricas silandeiras agora pon cascos de música para non escuitar o seu cerebro traballando.

E, pegando un chimpo ao tema do Cornoviros, resultou positivo un compañeiro que está de vacacións. Fixeran un peneirado no seu concello e saiu positivo pero, por fortuna, asintomático. Agora está de baixa e teño que cubrir o seu posto un tempo máis.

Éche o que hai !

Etiquetas: , , ,