leoeosseus

domingo, 11 de xullo de 2021

Festa e praia


 

En Vilaguindastre estamos en festas; festas relativas por mor do Escornaviros. Na foto está unha charanga estática e pouca xente a mirala tocar e menos sentados a pleno sol. Os músicos levan betillo ( menos o gaiteiro ) e o público tamén. Tamén hai atracións ou bichunchos como din polo Morraso, poucas pero hai. Cando pasei por aí estaban paradas. Supoño que á noite funcionarán.

Fomos á praia de Vlrñ onte e a xente estaba toda sen máscara: a xuventude no campo de fútbol tampouco a levaba e na pizzería tampouco aínda que Stefano xa non  a levaba o ano pasado. Raúl, o empregado, este ano non a levaba. Deille as novidades a Radio Vlrñ e ao home que van operar dos cadrís e mirei a Tarzán da Praia. Non mirei a don José o da chalana. Iso si, na estrada entre as casas si que a xente levaba o tapabocas. Á volta topamos un atasco de coches grande: iso non mudou.

E hoxe fun mercar pan e falei con distinta xente; co fillo de Anselmo, o que colle o vaso de Xela; con Paidovento e a nai e cun Saspirito. Tamén estiven con iago que me quería coller pan. A que me virou o fuciño foi a nai de T. S. e a min pariume a cocha. Polo centro había pouco movemento e algúns pelegríns. A xente estaría no bairro onde é a festa. E logo fun buscar polbo ao alto de San Cosme e levei o último que lles quedaba. Foi no bar da asociación onde facía calor, había cadros " naïves " e a xente toda falaba galego, ata dúas rapazas novas, feito que me extrañou un chisco. En cambio, na feira ( que é pequena agora ) cruceime con alemáns e xente de fóra de Galicia.

E as nubes empezan a tapar o ceo e adicareime a cheirar pola interrede adiante.

Etiquetas: ,

xoves, 13 de maio de 2021

Hotel Ghandalla

Todo ía ben. Ata pensaban ampliar.


 

Pero apareceu o virus e pecharon as portas coma se fosen abrir en poucos días.


 


Pasou máis dun ano e o Hotel Ghandalla pasou de ser unha icona de Vilaguindastre a imitación de hotel de película de terror.

Etiquetas: ,

xoves, 6 de maio de 2021

De botellón ?

 

 


O martes fixen esta foto no parque de Vilaguindastre. Parece un botellón pero non; é Leo e compañeiros do instituto pintando as pancartas que penduran na biblioteca de Vilaguindastre lembrando ao homanexeado polo día das letras galegas.

Este ano tócalle á tocaia de Xela e así locen as pancartas unha vez rematadas.

 

 

 

Etiquetas: ,

luns, 4 de xaneiro de 2021

Reis raros


 

Este ano empezou complicado por esta mobilidade que nos deixou o goberno e que provocará máis casos de Cornaviros. Mañá non deixan saír das zonas pechadas e así non iremos a Arbo e a ver se os Reis levan agasallos ás Sequeiras.

En Vilaguindastre non hai gatacalva este ano e poño a foto do ano pasado. Sai Baltasar e non o Papón que quedou polos desertos pero vivindo a corpo de rei e nunca millor dito.

Por Vilaguindastre hai colas en supermercados e tendas de xoguetes e non mirei pero supoño que haberá nas administración de lotaría. Había muita xente hoxe cando fun mercar comida para a cheminea. Tamén mirei unha muller grávida que semella que a pandemia criou unha xeración ou paréceme a min.

E eu estiven a fuchicar pola interrede cheirando ligazóns supostamente paradas e topei a Álex Ghalpón https://alexghalpon.wordpress.com/ que inda segue aí e a Dúbidas do galego que me descubriu un diccionario Castelán - Galego https://rinoceronte.gal/dicionario/ que vai mui ben e que traduce frases feitas e todo.

Etiquetas: , , ,

venres, 27 de novembro de 2020

Bonitas imaxes VS imaxes feas

 
 

Unha bonita imaxe é a do solpor con roibéns que vivín paseando a cadela o outro día. Tamén ía detrás del un fotógrafo que non o deu pillado.

O concello de Vilaguindastre estivo iluminado dunha cor especial polo día internacional contra a violencia de xénero. A imaxe é bonita pero o motivo é triste.

E a imaxe fea é a da actualidade coa xente limpando todo contra o becho mentres outros non coñecen o significado do café " take away " e tómano á porta da cafetería, fumando, rindo, coa máscara no queixo por se aparece a policía. Non dan aprendido.

En fin.

Etiquetas: , ,

sábado, 7 de novembro de 2020

Sobre bares e sanidade


 

Fun lavar a roupa do choio ao mediodía e percorrín ese Vilaguindastre case fantasmal polo tempo gris e os bares fechados. Restaurante Castro, Platinium, El Sol, O Lar de Lore, Pizzería Argentino 2, Hamburguesería Alhambra, Cafetería O Porriño, Scala, La de Chato, La Bici, Maracaná ( que abriu despois de pechar Rami no confinamento de marzo ), Pantera Rosa, Val do Louriña, A Capela, Club Gesma ( que non sei se pechará que hai obras e furgonetas alí ), Pensión Puente, Restaurante O Carreteiro, Churrasquería Pontenova, Alirón, Que Che Apetece ( que leva uns días con papeis nas fiestras coma se foran reformar ), Nuevo JJ, O refuxio do Peregrino e Meigas; todos fechados por un mes de momento. É triste pero necesario.

Como tamén sería necesario extremar  o control de residencias de anciáns que, despois dunha vida de traballo e cando merecen descansar morren coma moscas... e non van de cafeterías !

E non falamos das probas que ou non as fan, ou tardan (  coma este novo Blogger ) ou mandan o resultado negativo por mensaxe de teléfono a quen non fixo a proba. Verídico 100% !

Na foto sai o meu penúltimo café nunha cafetaría.

Etiquetas: ,

sábado, 12 de setembro de 2020

Cole, mercado e autocinema


Xela por fin empezou o curso anque coincidiu co empichado de todas as estradas que daban ao colexio para desespero de pais. Seis meses sen escola e acordan empichar o primeiro día de curso !. Xela acabou farta de tanta máscara coa calor que facía. No seu primeiro día de clase explicaron en que consistía a peste esta e as normas que había que seguir: nada de compartir, zona de recreo limitada e marcas no chan para entrar e saír da escola entre máis normas. Un asunto curioso é que a norma de separar irmáns xemelgos segue en pé. Eu creo que sería millor xuntalos este curso pero, claro, eu non pincho nin corto.
Hoxe á tarde fun á piscina ventando o fin de verán e fomos ao mercado de oportunidades de Vilaguindastre con pouca xente e máscaras e xeles funcionando de seguido. Facía un serán de verán e tomamos algo cos veciños.
E máis tarde había autocinema e fun facer unha foto. Puñan as películas gañadoras do festival de Cans e fun facer unha foto que me quedou a espiña de non ir a un autocinema en Estados Unidos. Un organizador de Parolas íame dicir a frecuencia de radio para escuitar a película no coche pero dixen que marchaba e iso que había que anotarse nun correo electrónico do concello por mor da capacidade.

Etiquetas: ,

sábado, 5 de setembro de 2020

XVII Festival de Cans


Non me decatei e estes días foi o Festival de Cans. O outro día mirei xuventude saíndo de detrás da biblioteca onde se escuitaba música e extrañoume e hoxe mirei un autobús cun rótulo do Festival de Cans e entón informeime. Hai festival, si; pero hai que ir con entrada ou reserva que non hai atracións na rúa e non recomendan ir por ir por mor do Becho, está claro. Así que non fun e non sei como foi. Xa haberá máis ocasións.
O que sei que Naideleo deu negativo no teste serolóxico do Coronavirus para profesores de hoxe. Xa estivo nos exames de setembro sen facer a proba pero cando empecen as clases xa sabe que é negativa total, nin ten nin tivo anticorpos do virus.

Etiquetas: ,

venres, 24 de xullo de 2020

Paranoia


A xente estase afacendo a levar máscara case todo o tempo e non me extrañaría que nos mandasen levar máscara conducindo, se non...ao tempo. Iso si, hai xente que pasea pola praia levando un chupachups e así non pon a máscara. Tamén hai xente que fuma e aproveita para tirar a máscara e afumar aos demais ( a ver cando prohíben fumar pola rúa ).
A verdade é que o Carroñaviros anda por aí e non nos podemos despistar. E así hai veciños que din que camiño da casa á piscina hai que levar a máscara anque pouco tráfico hai no camiño da foto. Está ben non deixar ir á piscina xente de fóra pero levar máscara cincuenta metros por un camiño baleiro !.
Hai que dicir que tamén contribúe a esta paranoia o abrocho de varios contaxiados en Vilaguindastre estes días.
O Leo onte foi adestrar perto de onde foi o caso e non pecharon o campo de fútbol. Entran todos con máscara, tómanlle a temperatura na porta, cada un leva a súa auga que poñen fóra do céspede coa máscara e adestran normal. Os vestiarios e duchas están pechados.
E imos safando !.

Etiquetas: , ,

xoves, 21 de maio de 2020

Máscaras e gasolineiras


Hoxe empezaba a obriga de usar máscaras e fun mercar dez á farmacia. Valen a 0.96 € cada unha e son eficaces catro horas así que calcula ti o desembulso que será se o fas ben. Creo que muitos, inclúome eu, van rematar levando máscaras defectuosas.
E falando de máscaras, hai que ver a variedade que hai e como a coloca cada persoa. Xa teño visto de todo: levada coma un bulso, coma un gorro, dependurada nunha orella, polo queixo abaixo, tapando só a boca e incluso tapando só o narís !. Só falta o modelo con buraco para fumar un cigarro ( mentolado xa non pode ser que está prohibido ) ou para meter unha palliña para beber.
Xa hai cafeterías preparándose para abrir pero de momento non nos convencen e estase millor tomando unha boa cervexa artesá na terraza da casa. Abriu hai días unha tenda de roupa de chineses pero inda non mirei o primeiro cliente dentro. Agardo que sexa pasaxeiro e non se marxine esa xente.
E hoxe tivemos a noticia de que van facer unha gasolineira na zona arborada do medio da foto onde hai un motel abandonado, un feixe de gatos e a parella de Plasticosos que viven alí non sei se como gardiáns ou de okupas.
Dentro do malo, non van facer edificios que nos taparían a vista e duraría unha eternidade a obra e ata a gasolineira é algo práctico. Home, eu prefería que montasen un parque ou unha herboristería pero non che van por aí os tiros.


Etiquetas: ,

mércores, 18 de marzo de 2020

Menos mal


Onte pola mañá caiu un guindastre enriba da capela e dun edificio de Telefónica e menos mal que case non tocou o parque infantil que grazas a este estado de alarma estaba baleiro.
No choio hai muito estrés: todos os clientes queren material porque traballamos na alimentación animal e a xente pide e pide. De feito, no rural hai un desfile de chimpíns e tractores para arriba e para abaixo para apañar herba, cortar leña ou traballar na veiga que fai bo tempo e hai que aproveitar.


Hoxe fun mercar e Vilaguindastre semellaba unha gran cidade coas ringleiras de xente gardando distancia á porta dos supermercados e a a megafonía dentro avisando de manter a distancia de seguridade. Tamén obrigaban a pór luvas e limpar as mans cun xel alcohólico. No Lidl había pouca xente porque está pechada a zona de bazar. As barreiras dos dous aparcamentos estaban levantadas e os coches na estrada ata semellan ter medo do andazo que gardan máis  distancia de seguridade que a cotío.



Agora ir mercar faise agobiante así que millor quedar na casa como anuncian na fonte da rotóndola de Mos.


Se sais da casa ten precaución anque vaias en moto. Nunca sabes onde está o becho !.

Etiquetas: ,

sábado, 27 de xullo de 2019

Isto é xullo ?


Estes días grises, poalleiros e frescos fan dubidar en que mes vivimos.
Hai detalles que nos sitúan no tempo, no paso do tempo que é unha teima do ser humano. Así menceu o 18 de xullo cunha pintada na igrexa de Vilaguindastre esborranchando os nomes xa case desaparecidos dos mortos no alzamento de hai oitenta e tres anos.


Os últimos mirabeles de Arbo tamén nos sitúan no calendario. O mirabel é unha fruita aneira ( para o ano non haberá ) que está tan mal paga ( 70 cts o quilo ) que a deixan sen apañar na arboriña.


O que non nos axuda a situarnos no tempo é o peche da tenda de nome variable que non chegou a un ano de vida.

Ceos !. O tempo ten diferentes velocidades e valores.

Etiquetas: , ,

domingo, 2 de xuño de 2019

Resaca postelectoral


O día das eleccións foi un día de calor con cara de felicidade nos candidatos e na xente que ía votar que sentirse importante co seu voto sempre levanta un chisco o ego.
En Vilaguindastre os resultados foron parecidos aos de hai uns catro anos así que o elefante branco alcumado " Trinta por cento " ten o poder de decidir quen vai ser alcalde.


E a xente do común tócalle seguir coa súa vida goberne quen goberne.

Poño o meu retrato feito por Xela por se algún día me presento a algunha elección.

Etiquetas: ,

xoves, 23 de maio de 2019

O odio manda


No festival de Eurovisión actuou Islandia cunha canción falando de que o odio ao final acaba gañando. E así parece que se goberna o mundo cando á alcaldesa de Vilaguindastre lle matan un can a cuiteladas ou queiman o monte e só queda unha árbore queimada de onde tiran a figura da foto. Esta figura semella invocar a uns espíritos como a canción de Noruega que si me gustou porque sempre queda un chisco de esperanza.

Etiquetas: ,