leoeosseus

mércores, 20 de xullo de 2011

Vacacións 2011: primeiro asalto



Neste primeiro asalto descubrín unha chalana abandonada á súa sorte e de nome Xela. Coincide no nome coa nena e quedaron en explicarme a orixe do nome. Outra coincidencia: no momento que nacía a nosa Xela a rapaceada de Sardiñeiro levaba a chalana para botala ao lume de san Xoán pero saiu a dona e rescatouna no último momento. Semella que ambas as dúas, nena e chalana; naceron no mesmo momento.






Nun quiosco merquei o setenta e cinco por cento da literatura galega que tiñan ( ou sexa tres libros ) e axudou a pasar muitos momentos de chuvia e insomnio na casa.





Tiven ocasión de probar a cervexa Gallaecia no centro comercial Finis Terrae de Cee e quedei coas ganas de probar máis porque hai seis variedades. A ver se teño sorte.





Houbo ocasións para fotografar imaxes mariñeiras e veranceiras de Sardiñeiro e como mostra deixo esta pranta multicolor esperando que alguén me dea un nome desta pranta das dunas que non dei atopado neste miniatlas.



Por fin quitei a espiña da visita á fervenza do río Xallas en Ézaro que levo décadas querendo visitala e ata o domingo pasado non tivera éxito. Non me defraudou... e pensar que agora só admiramos o dez por cento do seu caudal orixinal !.


Tamén houbo reencontro co sabor do bólo da panadería Suárez, aturar chuvia, ver ao Leo chapaleando en bulleiros, comer pizza nunha pizzería con manteis de papel do mapa de Galicia e que tamén serven tapas, aburrirnos coas repeticións da canle Clan e ter a primeira sesión de cine do Leo con Cars 2 ( e que non deu aguantado ata o final ).
 



Agora quedan uns días máis e a ver se millora o tempo e non lle fai caso ao cartel atopado nun mercadiño: " Para el verano gallego: nueva temporada otoño ".





Ata outra.

Etiquetas: ,

luns, 11 de xullo de 2011

Cambio de aires



Durante uns días andaremos polas terras fisterrás e non haberá muito movemento neste blogo.

Así que mentres xa podedes portarvos ben e con saúde.

Ata pronto.

Etiquetas:

sábado, 9 de xullo de 2011

Graciñas



Queremos agradecer a todos os vosos comentarios de felicitacións.

Tamén quero dicir que o blogo non cambia de nome nin nada en especial porque segue sendo Leo " e os seus ". Cambiarei agora a descrición da imaxe e pouco máis.

E por aquí seguimos medrando todos anque non o percibamos. Xela supoño que medrará co impo ou faluco que ten ás veces e o que dorme que iso é medrío, seica.

Un saúdo e graciñas outra vez.

Etiquetas:

domingo, 3 de xullo de 2011

Entre cueiros e bombóns



Entre cueiros e bombóns pasan os días. Veñen visitas de amigos e familiares e a " xoubiña " estase comportando ben cos seus choros mínimos e a súa tranquilidade. O irmanazo Leo pregunta todo sobre ela e acarrexa os cueiros suxos ao lixo tapando o nariz e avisa se a nena chora. Leva bastante mal as visitas que o poñen tontiño e saca o seu lado " simpático " con cambios de voz e idioma e movementos parvos pero hai que aturalo.

E o tempo pasa.

Etiquetas: ,