leoeosseus

martes, 30 de xuño de 2020

Bye, bye xuñoviros !


Os políticos seguen cos seus inventos. Neste caso desenterran unhas vías de tranvía, múdanas de sitio, póñenlle un panel explicativo e crean un monumento.


Outros monumentos como o idioma galego déixanos de lado e non os COIDAN.


Outra vítima é a cultura. Fecha a sala Ingrávida.

 
As institucións públicas aíllanse do Cornoviros como saben.
 
 
 
E a vida salvaxe segue ao seu.
 
Agora a ver Blogger como muda este blogo.

Etiquetas: , , ,

domingo, 28 de xuño de 2020

Triple Galicia e máis


A puntiño de rematar este xuño e aparecen os cartaces de propaganda política coas súas frases " explicativas ": un pon " A! " , outro pon " Galicia Galicia Galicia " e aqueloutro repite o da hora do cambio. Outros partidos non sei que poñen de momento.
No concello veciño a fonte da rotonda di " Co orgullo de ser como soMOS " en referencia ao día de hoxe. Celebración polémica segundo algunhas ideas que non van cos tempos. Semella que queren volver aos tempos de Waldo de los Ríos.
Non topo unha foto miña coa bandeira multicolor pero poño esta imaxe co esa errata tan desafortunada.
E este ano non houbo curros por mor do Escontraviros que aínda anda por aí e a Xunta obriga a usar máscaras case todo o tempo.

Etiquetas: ,

mércores, 24 de xuño de 2020

Noveno ano


E xa van nove anos. Son tantos que botei unha boa tempada pensando que facía oito anos no canto de nove !
Esta mociña é un ser inquisitivo e con muitas cualidades e tanto monta smartgames como toca a guitarra, o piano ou a frauta i esta cunha soa man. É teimuda pero con bo corazón e un pouco medenta a catástrofes ou a miniferidas ou bechiños que precisan dun microscopio para topalos.
Este ano soprou a candea pero non hai festa con amigos nun espazo infantil por mor do Cornoviros. Iso si, terá festa nun merendeiro na Risca, o monte emblemático de Vilaguindastre.

Este san Xoán foi máis apagado do que é normalmente: sen fogueiras nin sardiñadas ou churrascadas públicas e tampouco mirei cousas " mudar " de sitio coma noutros anos.
Haberá que esperar para o san Xoán que vén ou para a Noiteboa que é cando fan o lume e o roubo de cancelas e carros no Rosal.
Xa se mirará !

Etiquetas: , ,

luns, 22 de xuño de 2020

Dobre aniversario

 


Todos os anos o 21 de xuño é especial na familia. Ese día fan anos a bisavoa Celia e a súa filla a avoaM. Xela non os fai o mesmo día por tres días !.
Este ano foi bastante especial porque fomos muitos os convidados.
Comemos e bebemos a esgalla e aprendín a facer viño gaseado. Nunha botella de champán vacía métese albariño e dúas culleradas de azucre. Métese a rolla amarrada cun arame e de alí a uns días xa tes algo semellante a cava.
Haberá que probalo !.

Etiquetas: ,

sábado, 20 de xuño de 2020

Nin tan ben


Hoxe fun lavar a roupa na lavandería despois de muito tempo. Eu estaba só. Mentres a roupa daba voltas quixen tomar un café. Onde o tomaba normalmente agora non abre a esas horas da tarde que non lle dá coa clientela que ten. Tomei o café no outro sitio e o café era malísimo, pior ca antes e eu era o único tomando café dentro do local. A cafetería da foto xa cambiou de nome e xa fechou antes da pandemia e agora segue pechada.

Nin tan ben esta volta á cotiandade

Etiquetas:

venres, 19 de xuño de 2020

Ultramoderno VS natural



O outro día apareceu a oficinista asustada porque mirou unhas luces extrañas no ceo. Eran brancas e ían seguidas. " É un avión coas ventanillas coa luz encendida " dixo un compañeiro e botamos a rir. Logo, consultando no quitateimas de Google explicou que era un carrusel de satélites que mandou un millonario ao espazo para facilitar as telecomunicacións.
Non aprendemos e o mundo segue indo a velocidade absurda a esmagarse contra unha parede.
Allea á tolemia humana, unha cobra riscada pasea pola Risca.

Etiquetas: , ,

mércores, 17 de xuño de 2020

Outra fin do mundo


Unha consecuencia boa de que os nenos non teñan clase é que xantamos todos xuntos. Isto dá para falar de muitas cousas coma dos soños que tivemos. Hoxe Leo soñou que estaba nun concurso televisivo de música cos compañeiros do instituto e quen gañaba escollía aula. Xela soñou con animais de cores e eu non lembro que soñei. Cando traballo de noite a durmida da mañá é tan funda e curta que non me dá para soñar.
E falando, falando; falamos da fin do mundo que vai vir este domingo. Eu dixen que era a terceira que lembraba e Xela, que quedou mui preocupada, preguntoume como era o mundo antes. Muito rimos. Lembro que na de 1984 un bar puxo barra libre  e chimpamos o que quixemos aquel día. Non volvín en muito tempo non foran facerme pagar o que bebín.

Na foto está Nova Guinea que forma parte dun cadro á beira da mesa onde xantamos. Para min seméllame un voutre pero para outros semella unha tartaruga.

Etiquetas:

luns, 15 de xuño de 2020

A vida asoma


Esta mañá inda había parques precintados. Tamén había fileiras de xente na oficina do Oral, diante de  bancos, na autoescola ou no centro de saúde.
Isto de formar ringleiras xa parece que vai quedar  así.
Tamén mirei o primeiro peregrino dende hai tres meses. Ía só, non semellaba estranxeiro e levaba unha máscara cirúrxica no queixo.


Van abrindo bares. Asoman os fuciños coma os coellos cando pasa o perigo. Outros non aguantaron o achuchón e non abren.



Estaba aberto o cemiterio e entrei que de cando en vez atopo sorpresas como xente que levaba tempo sen  mirar e resulta que morreu.
Encolle o peito entrar aquí e pensar nesta parroquia dos mortos.
Menos mal que de volta á casa mirei xente xogando ao tenis nunhas pistas e un cartaz anunciando un serán para o dezasete.

Semella que imos recuperando o ritmo anterior á peste Córnica...Para o bo e para o malo.

Etiquetas:

domingo, 14 de xuño de 2020

Actividades desta fin de semana


Lembrei a palabra " maranduxo " que é unha persoa mal vestida e que non aparece en ningún sitio da interrede.
Gardei o blogo por se hai novidades a fin de mes en Blogger.
Coñecín a Xosé Maseda, un rapaz que fai rap en galego e choutando por aí topei luitas de rapeiros que me semellan unha cousa boa para a xuventude: estimula a criatividade e desafogan hormonas.
E hoxe volvemos camiñar. Desta volta polo concello veciño.
E faltan minutos para que abran os parques.

Etiquetas: , ,

venres, 12 de xuño de 2020

Galicia: sitio distinto




E será verdade este dito. Luns comezamos a recuperada normalidade baixo o mando das autoridades galegas. Haberá discotecas ( pero sen baile coma como se coma isto ) e abrirán parque infantís ao aire libre. Aumenta o aforo dos establecementos ( coma se se respetase isto nalgúns sitios ) e haberá que seguir levando máscara ata non se sabe cando. O Contraviros pode abrochar de novo e hai que ter cuidado. Agora só falta que se poña a traballar de verdade o sistema sanitario que hai máis asuntos aparte do Becho e que se aclaren coa volta á escola anque o noso presidentiño non quere falar de aumentar aulas e profesores...na escola pública, por suposto.
En fin.

Etiquetas:

xoves, 11 de xuño de 2020

Afortunado



É certo. Teño un traballo suxo e ruidoso, quente no verán e frío no inverno, cuns turnos-sorpresa que ata o venres non sei de que xeira traballo o luns, cunhas vacacións preestablecidas que coinciden ou non coas dos fillos. Pero teño un choíño e no tocante á saúde todo vai normal e non coñezo a ninguén en persoa que estea ou estivese infectado co Escornaviros.
Supoño que son afortunado...e que siga así a miña normalidade.

Etiquetas: ,

martes, 9 de xuño de 2020

Fase tres. Lareca ou fame negra.



Nesta nova fase abren ximnasios e outras actividades. Os comercios teñen aforo e quen lles dera completalo que a xente non está por mercar. Máis complicado o teñen os nenos que seguen sen parques infantís nin de bolas e as piscinas públicas non van abrir este verán.

E falando do mundo non sei como seguen as revoltas contra o racismo. O outro día escuitei un vídeo de Muhammad Alí e dicía que todo o malo é negro, preto. Eu lembrei a expresión " fame negra " que é unha fame excesiva ou lareca que é unha palabra que non é coñecida en toda Galicia. De feito, o Leo de pequeno cando non tiña fame dicía que tiña " fame branca ".

Etiquetas: , ,

domingo, 7 de xuño de 2020

Estatuas e paseatas


Cando empezou o confinamento eu baixaba a pe por unhas ruelas a mercar pan os domingos. Son rúas tranquilas por onde non pasaba a policía e así eu non tiña que dar explicacións de a onde ía ou deixaba de ir.
Por estas rúas hai boas casas e había á vista máis estatuas humanas que xente .
Menos mal que, de momento, non hai que esquivar a policía e mañá xa se pode saír da provincia.



E pola tarde aproveitamos para facer un sendeiro en Baredo, Baiona. É un camiño de madeira seguindo un regato cos seus muiños e que desemboca no mar con esas olas rompedoras.


 
Alí perto hai un lavadeiro escondido na barriga dun castelo feito con lastros no ano 2000.
Non paramos en Baiona que tiña bastante xente a pasear pero pouca con máscara. Será o que di un compañeiro: están esperando a que saian máscaras de marca.
 
Simpática esta primeira saída " turística "despois do peche.


Etiquetas: , , ,

sábado, 6 de xuño de 2020

Outro pasiño


Todo semella recuperar o ritmo frenético de hai tres meses. Os bares funcionan case a ritmo normal e así hoxe almorcei cos compañeiros do choio un bocata de xamón asado como faciamos antes de cando en vez. Tamén no choio nos agradecen con dous días máis de vacacións por seguirmos traballando durante o peche.
E semella volver todo ao seu sitio coas súas présas, burocracias, compras en varios sitios e arranxos en vivenda de alugueiro. En definitiva, que non puiden escribir nin visitar este mundo virtual.

 
 
O que si parece non mudar é o desleixo pola lingua galega con ese anuncio de  Gadis en galego con ese " Gallito " que é un rapante de toda a vida. O triste é que aparece á beira de Esther Estévez que pola contra nos ensina bo galego todos os días.
En fin.


Etiquetas: , ,

mércores, 3 de xuño de 2020

Pavo real


No mundo imos estar tres días mal contados. Temos que vivir tranquilos e axudándonos que nunca sabemos se necesitaremos de outra xente. E todos imos e vimos e somos o mesmo. Se onte fomos a outro continente os dese continente teñen dereito a vir hoxe a este porque mañá pode ser que precisemos ir a esoutro continente. Se os Relouxos emigraron no seu tempo os morochos veñen agora. Iso sábeo calquera cun mínimo de raciocinio. Anque hai xente que está na mesma órbita ca o mandamáis dos Estados Xuntiños que non recoñece iso nin alá nin acá. E así anda de mal o asunto no país máis poderoso deste planeta.
Facei caso desta canción e que se xunte o mundo coma un " pavo real ".


Etiquetas:

luns, 1 de xuño de 2020

Comeza xuñoviros

 
 
Empeza este novo mes e hai algúns cambios no ambiente. Xa se empezaron a animar os restaurantes e abriron as portas. O tráfico segue indo a máis pero isto é a punta do iceberg. Semella que todo vai ben pero aínda non sabemos a cantidade de empregos que se perderon e están ocultos.
Extrañoume mirar dúas chicas dándose unha aperta na rúa.
Os bazares chineses funcionan e poñen cartaces na porta coas probabilidades de contaxiarse segundo se leva máscara ou non. Unha xefa reproba a unha empregada galega que non leva postas luvas. As terrazas teñen xente pero bastante apegados os uns aos outros e só lles falta bailar " pechito con pechito ". E despois dunha semana de calor infernal esta noite houbo unha treboada con sarabia que entrou ata na tenda dos chineses. Menos mal que o noso céspede aguantou.
A vida normalízase con avarías en quentadores e avisos vermellos no coche. Xa tardaban.


 Agora vai un debuxo corrixindo a foto.



Etiquetas: ,