leoeosseus

mércores, 28 de outubro de 2020

Cousas extrañas ou non


 

O luns pasou algo extraño como que había néboa e chovían pingas gordas ao mesmo tempo. Non coñezo unha palabra para definir iso pero tería que habela ( pode ser que sexa meleada  ).

Xa onte cando entrei a traballar pola noite enteireime de que somos dous empregados menos. Un deles foi cachado roubando cartos a un compañeiro e non só iso senón que vendía cousas por adiantado e as cousas non aparecían como caixas de polbo conxelado. Pillárono co truco dos billetes marcados que puxo de cebo unha das vítimas. O outro empregado cubría unha baixa e cando apareceu o da baixa de volta o xefe mandouno para casa pero pola tarde volveu chamalo para cubrir a vacante do ladrón e o outro xa non quixo volver. E coa cantidade de traballo que hai !

En fin, cousas extrañas ou non.

Etiquetas: , ,

venres, 18 de setembro de 2020

Palabras novas e outras que morren

Hai palabras novas que empregan os meus fillos como " efe " para algo que sai mal, " equisde " ou " lol " para algo que dá risa ou o " en serio ? " que se aprende na televisión.

 

 

E despois hai cousas que aprendín da bisavoa Celia como o " ouregho "que é bo para a tos, as  " vincas " que son as marcas que nos deixa a roupa apretada, que as gafas " nocen " no nariz, que hai que escoller millo ou " destremar " patacas ( diferencialas ) e que polo San Pedro hai que reghar a medo seguindo as ordes do minuteiro. Tiña un galego rico e dicía " nonsí ", " enxuito ", " afastar " e " pronto ", aparte do " avernuncio " tan arbense.

Aprendín iso e souben de veciños e costumes de antes. Oín varias veces como topou co lobo pensando que era o can dun veciño ou como despois da guerra a xente escondía cousas nas medas para que non as confiscasen.

A bisavoa Celia pasou por malos tempos cando comía as cabezas dos peixes para deixarlle algo aos fillos. Ela tiña bo corazón e lembraba a fame que pasaban os animais e como bebían viño os bois cando labraban con calor.

Durou noventa e cinco anos e deixounos onte co seu bo saber: esperou a rematar a vendima e apagouse sen facer ruido.

Un bico.

Etiquetas: ,

xoves, 13 de agosto de 2020

Lombear


O outro día preguntoume o xefe que me quedaba por facer e dixen: " lombear ". Pero resulta que hai xente que non coñece esa palabra. Lombear significa facer un traballo físico duro que esixe dobrar o corpo.
E hoxe aprendín unha frase feita que significa facer algo doadamente: facelo cunha perna ao lombo.
E nada, hoxe coma se non me chegara co lombeo tiven que cambiar unha roda pinchada do coche. Para colmo de mala sorte cando levaba a cadela ao parque apareceu a policía local e dei media volta. Non é que estivese a fumar ( o que tiña que fumar na miña vida xa o fumei ); é que non levaba máscara. Por sorte non ían por min.
A xente parece que tomou en serio a nova prohibición de fumar na rúa e terrazas que só mirei a un fumando nunha terraza. Iso si, mirei ao flautista sen máscara pola rúa pero comendo pipas.

Para mostra de lombeo poño unha foto de Gustav Hennigsen.

Etiquetas: , , ,

martes, 11 de agosto de 2020

De aquí, de aí e de alí


Eu pensaba que tiña un galego escrito máis ou menos correcto pero non é así. Esther apréndeme cousas novas todos os días co esas pílulas lingüísticas do " Dígocho eu ". O curioso é que semella que le o meu blogo ás veces porque é escribir eu algo mal e ela corríxeo despois. E así aprendín que non é en chinés, nin é " dakí " nin é " daquí " ( menos mal que nunca o escribín así ) senón " de aquí ". Pero tampouco é " dalí " que é " de alí " así que toca correxirme igualmente co " daí ".
Graciñas, Esther ! Vai o vello morrendo e vai aprendendo.

Etiquetas:

martes, 30 de xuño de 2020

Bye, bye xuñoviros !


Os políticos seguen cos seus inventos. Neste caso desenterran unhas vías de tranvía, múdanas de sitio, póñenlle un panel explicativo e crean un monumento.


Outros monumentos como o idioma galego déixanos de lado e non os COIDAN.


Outra vítima é a cultura. Fecha a sala Ingrávida.

 
As institucións públicas aíllanse do Cornoviros como saben.
 
 
 
E a vida salvaxe segue ao seu.
 
Agora a ver Blogger como muda este blogo.

Etiquetas: , , ,

domingo, 14 de xuño de 2020

Actividades desta fin de semana


Lembrei a palabra " maranduxo " que é unha persoa mal vestida e que non aparece en ningún sitio da interrede.
Gardei o blogo por se hai novidades a fin de mes en Blogger.
Coñecín a Xosé Maseda, un rapaz que fai rap en galego e choutando por aí topei luitas de rapeiros que me semellan unha cousa boa para a xuventude: estimula a criatividade e desafogan hormonas.
E hoxe volvemos camiñar. Desta volta polo concello veciño.
E faltan minutos para que abran os parques.

Etiquetas: , ,

martes, 9 de xuño de 2020

Fase tres. Lareca ou fame negra.



Nesta nova fase abren ximnasios e outras actividades. Os comercios teñen aforo e quen lles dera completalo que a xente non está por mercar. Máis complicado o teñen os nenos que seguen sen parques infantís nin de bolas e as piscinas públicas non van abrir este verán.

E falando do mundo non sei como seguen as revoltas contra o racismo. O outro día escuitei un vídeo de Muhammad Alí e dicía que todo o malo é negro, preto. Eu lembrei a expresión " fame negra " que é unha fame excesiva ou lareca que é unha palabra que non é coñecida en toda Galicia. De feito, o Leo de pequeno cando non tiña fame dicía que tiña " fame branca ".

Etiquetas: , ,

sábado, 6 de xuño de 2020

Outro pasiño


Todo semella recuperar o ritmo frenético de hai tres meses. Os bares funcionan case a ritmo normal e así hoxe almorcei cos compañeiros do choio un bocata de xamón asado como faciamos antes de cando en vez. Tamén no choio nos agradecen con dous días máis de vacacións por seguirmos traballando durante o peche.
E semella volver todo ao seu sitio coas súas présas, burocracias, compras en varios sitios e arranxos en vivenda de alugueiro. En definitiva, que non puiden escribir nin visitar este mundo virtual.

 
 
O que si parece non mudar é o desleixo pola lingua galega con ese anuncio de  Gadis en galego con ese " Gallito " que é un rapante de toda a vida. O triste é que aparece á beira de Esther Estévez que pola contra nos ensina bo galego todos os días.
En fin.


Etiquetas: , ,

domingo, 17 de maio de 2020

Carvalho do DLG 2020


Este ano o día das letras galegas está adicado a Ricardo Carvalho Calero. Tardaron en adicarllo seica porque era partidario do reintegracionismo, a idea de que o galego entra dentro das linguas lusas e que temos que escribilo como en portugués anque sigamos falando galego.
Eu lin estes días " Xente da Barreira " e teño o " Gramática elemental del gallego común " que me aprendeu muito cando empecei a escribir en galego hai un feixe de anos.
E hoxe pouco podo aportar ao galego. Menos mal que por fin visitamos a familia de Arbo e aprendín a frase " delgada coma unha espadela " que dixo avóM da cadela. O outro día lendo aprendín " axirío " que significa sentido común alá por Betanzos.
E " axirío " é o que precisamos estes días cando se dan liberdades e non están mui claros os límites.

Ós poucos tratamos de retornar á cotiandade de hai máis de dous meses e así hoxe xa mirei bastantes motoristas aproveitando o bo tempo, as pombas por fin poden arrimarse á xente das terrazas abertas ( poucas aínda ) e os contedores de lixo xa teñen a tampa baixada

Etiquetas: , ,

venres, 8 de maio de 2020

Miudezas


Nesta etapa tan especial calquera cousiña faise notar. Saín do traballo e a " terraza " do Pradera tiña dous consumidores.


Fóra da casa sentín un rebumbio e o motivo era unha lavandeira que alimentaba dous pitiños. Estiven bastante preto para facerlles fotos e non fuxían. Quedaban estáticos.


A nai ou pai vixiaba dende o castiñeiro.

Os que non vixían son os " cabismóbil " invención miña para referirse á persoa que está a ollar o móbil e non se enteira do que acontece á redonda.
E falando de palabras, seica a palabra " perrera " non existe en ningún dicionario, nin galego, nin español, nin portugués.
Explícao aquí Esther Estévez no seu " Dígocho eu " dende o feche no seu domicilio.
E, falando de pelo, a xente vaino cortando coma Leo que foi hoxe.

Miudezas que aledan un chisco. Como saber que as parroquias de menos de 5000 habitantes teñen  liberdade de paseo. Non é o noso caso pero si dos avós.

Un pasiño máis cara a liberdade.

Etiquetas: , ,

xoves, 19 de marzo de 2020

Día do pai " especial "


Hoxe é festivo anque extraño. Eu tiven que traballar que a xente ten medo a deixar sen alimentar os animais e as vendas incrementáronse.
Os nenos fixéronme unha tarxeta con cualidades boas miñas como que falo cos veciños e así eles coñecen outra xente, entre outras.
O ambiente segue pesado e triste sen coches pola rúa e apenas xente e menos aínda nenos. A ver se a partir de hoxe poden saír facer recados cun adulto.
O Leo semella medrar co peche obrigatorio e o pixama quédalle curto. A ver se non segue o confinamento senón teremos que buscar unha tenda de servizos mínimos para mercarlle roupa.
E as novas seguen sendo malas e ata a lingua galega segue co virus do catalego, agora na CRTVG co ese " ha estableu " enxertado a machada na nova do feche das fronteiras con Portugal doutro día.

Etiquetas: , , ,

venres, 14 de febreiro de 2020

Ganar ou gañar ?


Aí atrás apareceu este cartaz en Vilaguindastre onde relacionan mui atinadamente a relación entre os videoxogos, a comida lixo e a obesidade. Ata  aí todo mui correcto e orixinal. Pero hai dous detalles que non me acaban de convencer. Un é o local onde estáchantado o cartel que é un predio onde van ou ían drogodependentes chutarse e non son mui obesos que digamos e semella unha burla.
A segunda cuestión é o " gánalle " que non me semella mui correcto. Por aquí dicimos " gañar " e da xente boa dicimos que " ten o ceo ghaño ".
Consulteino e non o aclarei. Terei que pregunta a Esther e o seu # digocho eu.

Etiquetas:

domingo, 24 de novembro de 2019

Manda Cecilia


Esta semana mandou a borrasca Cecilia e así dous porcos de Arbo pasaron a outra vida mentres o matador e agarradores " mollabamos a papadela ". E alí aprendín a palabra " veta " para definir o músculo que agarra a lingua á boca.
Cecilia ou Icía é a patroa da música e hoxe gocei coa actuación das cantareiras de Fonteliño, un grupo local que reparte cancións alegres, rosquillas e convidan a bailar cun fondo cheo de imaxes antigas da vila e da xente de Vilaguindastre.
Con quen non puido Cecilia foi coa estrea da páxina de viaxes pola Ribeira Sacra da familia onde con  todo o cariño e o saber, convidan a coñecer esta zona galega tan interesante.
 No día da infancia naceu a páxina " Arribeirados " cunha chea de iniciativas marabillosas.

Etiquetas: , ,

domingo, 17 de novembro de 2019

Aquí non hai quen lea

 
 
Seica o informa Pisa sobre lectura en España deu uns resultados tan malos que teñen que repetilos. Neste caso foi unha falcatruada dos rapaces que a todo contestaban que si ou que non.
E é que ler cada vez é máis complicado. Xa se todo está escrito coma sempre require o seu traballiño pero se o complican con linguaxe non sexista, inclusivo e retorto pode distraer. Así no Farode Vigo de onte temos esta nova sobre animais abandonados coa expresión " perros y perras " e " gatos y gatas " que xa me tardaba en sair esta estupidez. Iso si, deixan atrás " voluntarias " e "socias " e " apadrinan " por non seguir.


Tanta trapallada escriben que nin corrixen e na segunda liña desta nova din " bachear los socavones " en troques de " parchear ".
E queren que os estudantes lean !.

Etiquetas:

mércores, 23 de outubro de 2019

Encrucilladas e bornazas


O domingo houbo unha tronada sorpresa en Arbo e chegou a marchar a corriente uns minutos. Dixen que era bo momento para contar contos da Santa Compaña e iso fixo activar a memoria dos máis maiores e empezaron a falar dunha encrucillada onde se deixaba os restos da comida dunha persoa que tiña un mal para que os comera outra persoa ou animal  e así pasarlle o mal. Tiña que ir unha"  curiosa ", que é coma unha curandeira e dicir aquelas palabras que sabía ela para conseguir a cura.
Nunha oíra eu a palabra " curiosa " para ese concepto como tampouco oín a palabra " bornaza " que define unha néboa basta nocturna que dixo un compañeiro do choio o outro día.
Cantas cousas seguen quedando por aprender !.

Etiquetas: , ,

venres, 11 de outubro de 2019

Papuza



Pasa o tempo que mete medo e os morotes do monte veciño alédanme a vida. Tamén empezan a pintar as poucas mandarinas do mandarineiro da casa.
O que si me aleda aprender palabras novas como " papuza " que é a parte do pé dentro do círculo que sai na foto.
Busqueina na interrede e só sai coma un tipo de droga en Sudamérica. Probei a ver se era portugués " papuça " pero non aparece así.
E o que me queda por descubrir !.



Etiquetas: ,

venres, 4 de outubro de 2019

Rebiquete


O outro día saía un artigo falando da disminución de falantes de galego que é máis que evidente. Baixa o número de falantes e mesmo o número de persoas que o entendan e así haberá que espallar cartaces coma este de arriba por todas partes.
En cambio no choio teño compañeiros que falan galego e un hoxe dixo que estaba eu manchado de colorante no rebiquete do nariz; ese punto onde o nariz se xunta co bigote e que non sai en ningún dicionario.
Este mesmo compañeiro lembroume a frase para definir un asunto complicado: pintou a da cana verde.
Aquí deixo a foto do artigo.



Etiquetas:

sábado, 15 de xuño de 2019

Cleopatra quere falar galego


Saíndo da autovía respírase o ambiente humano e así atopo esta vítima dunha despedida de solteiros.
Levei a Leo para a comida cos compañeiros de fútbol e á volta enchín o depósito do coche. Na gasolineira faloume Cleopatra, unha rapaza cun corte de pelo e uns ollos pintados que me lembran a esa emperatriz ( ou era faraona ?). Díxome que era de Benavente e que quería aprender galego pero ninguén llo falaba. Eu díxenlle que contase comigo que non falo outra cousa. Logo ela falou cun chófer e rectificoulle dicindo que era señorita e non señora que ningún galego quería casar co ela.
Está claro que non é este da foto !.
Que teña sorte Cleopatra; co noivo e co galego !.

Etiquetas: ,

sábado, 18 de maio de 2019

DLG 2019 ( pasado un día )


O Día das Letras pasou e non souben que escribir. Quería engadir algunha palabra que non sexa mui común pero non se me ocorría ningunha. E agora estou cos " fumaghos " ás voltas, que sigo sen saber que son pero que teñen que ser verdes porque só o escuitei en Arbo referíndose a uvas pouco maduras que din: Están verdes coma fumaghos.
E así está o idioma galego que non acaba de madurar e levantar cabeza e que vai a menos ata no mundo hipócrita da política que xa están muitos tirando o pelexo de años para mostrar o corpo de lobos.
E desaparecen palabras e expresións a ritmo de esquela publicada anque algunha palabra trata de rexurdir cambiada como pupia que en Arbo son as migallas de pan que quedan na mesa e que Leo reconvertiu en boliñas negras de caucho que quedan na bota de fútbol procedentes de campos de herba artificial.
A imaxe topeina de casualidade nun anuncio dun xogo de guerra e co que non estou conforme, que conste.
E hoxe hai festival de Eurovisión onde o idioma inglés gañará case seguro.

Etiquetas: ,

venres, 30 de novembro de 2018

Mata 2018 e Google


O tempo pasa e o pintor parece que quere empadronarse na casa e así a mudanza segue en stand by.
Por Arbo os dous porcos pasaron a millor vida e lembrei faenas e palabras e aprendín outras como reighañas e rodocelo.
E hoxe pasou o coche de Google maps Street view e cando actualice as imaxes xa poñerei a miña aquí cos dous polegares levantados.

Etiquetas: , ,