leoeosseus

venres, 18 de setembro de 2020

Palabras novas e outras que morren

Hai palabras novas que empregan os meus fillos como " efe " para algo que sai mal, " equisde " ou " lol " para algo que dá risa ou o " en serio ? " que se aprende na televisión.

 

 

E despois hai cousas que aprendín da bisavoa Celia como o " ouregho "que é bo para a tos, as  " vincas " que son as marcas que nos deixa a roupa apretada, que as gafas " nocen " no nariz, que hai que escoller millo ou " destremar " patacas ( diferencialas ) e que polo San Pedro hai que reghar a medo seguindo as ordes do minuteiro. Tiña un galego rico e dicía " nonsí ", " enxuito ", " afastar " e " pronto ", aparte do " avernuncio " tan arbense.

Aprendín iso e souben de veciños e costumes de antes. Oín varias veces como topou co lobo pensando que era o can dun veciño ou como despois da guerra a xente escondía cousas nas medas para que non as confiscasen.

A bisavoa Celia pasou por malos tempos cando comía as cabezas dos peixes para deixarlle algo aos fillos. Ela tiña bo corazón e lembraba a fame que pasaban os animais e como bebían viño os bois cando labraban con calor.

Durou noventa e cinco anos e deixounos onte co seu bo saber: esperou a rematar a vendima e apagouse sen facer ruido.

Un bico.

Etiquetas: ,

2 comentarios:

Ás 18/09/20, 22:20 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Luz e Paz para o seu espirito.
Sentidos pêsames a toda a família.
Abraço e saúde

 
Ás 19/09/20, 00:24 , Blogger Maria dixo...

Miña nai cumpliría 91 anos este pasado xuño. Tamén usaba palabras como "ouregho" "nonsí" e "enxoito." Contoume cousas de antes, e boto de menos non poder preguntarlle máis. Cando se van, vaise moita sabiduría.

O meu sentido pésame.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio