leoeosseus

mércores, 23 de outubro de 2019

Encrucilladas e bornazas


O domingo houbo unha tronada sorpresa en Arbo e chegou a marchar a corriente uns minutos. Dixen que era bo momento para contar contos da Santa Compaña e iso fixo activar a memoria dos máis maiores e empezaron a falar dunha encrucillada onde se deixaba os restos da comida dunha persoa que tiña un mal para que os comera outra persoa ou animal  e así pasarlle o mal. Tiña que ir unha"  curiosa ", que é coma unha curandeira e dicir aquelas palabras que sabía ela para conseguir a cura.
Nunha oíra eu a palabra " curiosa " para ese concepto como tampouco oín a palabra " bornaza " que define unha néboa basta nocturna que dixo un compañeiro do choio o outro día.
Cantas cousas seguen quedando por aprender !.

Etiquetas: , ,

sábado, 19 de outubro de 2019

Folklore e teatro

 
Hoxe había o mal chamado I Festival Internacional de Folklore e non fun. Digo mal chamado porque en xullo de 2009 houbo un Festival Folklórico Internacional con representación polaca, mexicana e galega.
 

 
 
 
 

 

Si fun ao teatro que representaban a obra " Rutina " onde un matrimonio pasa o tempo botando en cara un ao outro o desastre da rutina na súa vida e os malentendidos e rematan sendo uns velliños que lembran con nostalxia aqueles tempos rutineiros.
 
Non estivo mal pero preferín " A compañeira de piso " que mirei en setembro. Dúas actrices profesionais  poñen en escea unha comedia onde unha muller tradicional de Ohio recibe na casa a unha inquilina neoiorquina cunha vida complexa e emocionante. A caseira remata sendo máis arriscada ca inquilina.
 


Etiquetas: ,

sábado, 2 de marzo de 2019

Entruido 2019


Hoxe fixo bo día para o desfile de Vilaguindastre. Este ano os nenos non quixeron vir e fun miralo eu. Mirei o xogo da ola e despois as comparsas. Eu fun de choqueiro coa miña careta horripilante a asustar á xente como compañeiras de Leo e compañeiros do choio.
Hai que aproveitar as ganas de humor !.

Etiquetas:

domingo, 13 de xaneiro de 2019

Case un mes

 
 
Case un mes sen publicar e case sen visitar a interrede que só a consultei para mirar que me tocou pagar e non cobrar a lotaría de Nadal.
A mudanza e a súa parafernalia ao redor ocupou case todo o tempo. Pero aínda houbo tempo para mirar actuar a Xela na repetición do concerto de prendido das luces de Vilaguindastre. Tamén visitei as terras veciñas de Acedre para despedir unha familiar que me encheu de bos recordos a infancia.
Houbo xantar da empresa, despedida con uvas e Leo despediu o ano tamén polas Canarias. Houbo bingo familiar e fogos no Barriño. Os nenos tiveron os seus agasallos ben merecidos polas súas notas e o Nadal marchou case sen decatarnos e case sen adornar a nova casa.


Agora a ver se volvo coller o ritmo blogueiro.

Etiquetas: ,

venres, 30 de novembro de 2018

Mata 2018 e Google


O tempo pasa e o pintor parece que quere empadronarse na casa e así a mudanza segue en stand by.
Por Arbo os dous porcos pasaron a millor vida e lembrei faenas e palabras e aprendín outras como reighañas e rodocelo.
E hoxe pasou o coche de Google maps Street view e cando actualice as imaxes xa poñerei a miña aquí cos dous polegares levantados.

Etiquetas: , ,

sábado, 24 de novembro de 2018

Entre arcos de tronos e Xela no octoséximo noveno mes ( e mais un día )


Nestes días de chuvias e bataghadas, fríos e arcos de tronos o avance na " restauración " da casa vai despacio.
Mentres; a empresa veciña retira a grúa e multiplícanse as opcións para comer co Pinchorriño e a castañada da asociación.



E que podo dicir de Xela neste mesario ?.
Pois que Xela practica coa guitarra. Tamén coas cancións que vai cantar no prendido das luces de Vilaguindastre. Millora no xadrez e vénceme. Prefire multiplicar antes que escribir e iso que ten unha letra bonita e aprende o que significa tatelo. Come algo millor porque a cambiaron de mesa e fixo un trato coa " cociñora " como dicía Leo de pequeno.
Deixo unha foto un chisco modificada.

Etiquetas: , ,

domingo, 18 de novembro de 2018

Non todo é fedellar


Como o tempo adicado á casa nova non é o cen por cen, pódese levar a Leo a Chaín na outra aba do monte Galiñeiro onde cortaron o lume do ano pasado dirixindo os aspersores do campo de fútbol ao monte de fóra.

 
 
Despois do partido fomos xantar zorza a Pontellas. E que teima con aturullar estas festas con música a todo volume debaixo da carpa.
 

 
E como non é só cuestión de alimentar o corpo tamén alimentei a alma coa obra de teatro " Chicago killers " e así coñecín unhas mulleres asasinas, un avogado cobizoso, un fiscal ansioso por ser gobernador e unha policía que só se move cando rulan billetes.

Foi un domingo distinto.

Etiquetas: ,

mércores, 14 de novembro de 2018

Pasou o martes trece


E os nenos tiveron magosto nos respectivos centros escolares e Xela tivo de agasallo do ratiño Pérez un xogo magnético para montar figuras. A ver se lle sai o sacho de arriba agora que o dente ten o camiño libre.
O meu martes trece consistiu en non ser capaz de montar unha persiana porque non podo coa tapa da persiana. Pero non foi tan mal día que comín mandarinas a falta de castañas.

Etiquetas:

mércores, 31 de outubro de 2018

Ambiente de terror


Nesta data amenceu con néboa e daba un aspecto tenebroso a todo.
Mentres Xela estaba no cole disfrazada eu fotografei o motel abandonado extremante coa nova casa.
Este si que sería un bo escenario para unha película de terror e non o cole coa súa exposición de sombreiros e o seu túnel do terror.

Etiquetas: ,

martes, 16 de outubro de 2018

Non todo é pagar


Tocou volver a Vigo e desta safei o papeleo pendiente con menos requisitos dos que me pedían.
Tiven sorte de topar aparcamento na rúa onde non me cobraron por razón obvias.
Como tiña un tempo libre dei unha volta pola avenida de Beiramar na zona dos asteleiros onde tiña pendiente facer unhas fotos de graffitis artísticos.
 
 
 
 
O asteleiro Cardama recreou momentos dos seus cen anos de existencia. Poño aquí o momento do meu nacemento.
 


E tamén retrato aquí a rúa Ánimas cos seus petos tradicionais e, entre eles, unha máquina dispensadora de bebidas e petiscos para as ánimas con corpo que necesita manterse pero non de rezos e esmolas.

Etiquetas: ,

venres, 12 de outubro de 2018

Rastrexos e máis



Onte fun á escola vella e mentres non me atendían dei unha volta por alí. Apeteceume coller uvas de rebusco e só atopei unha escadiña de hidro que me soubo a pouco. Tamén topei unhas poucas castañas e fixen unha foto ao resto dun tobogán de auga dun rastrexo. As asociación culturais levan uns anos organizando rastrexos que son carreiras por equipos pasando por distintas probas. Nunca fun pero teñen boa pinta e as asociación conseguen uns cartiños xa que o monte poucos cartos dá.
 
 
Tamén falei con ....iño que pouco fala co tratamento antidepresivo que segue. Antes era faladeiro e simpático e agora só é un eco que repite as últimas palabras que lle dis. Espero que se repoña e que chegue a apuntarse a un rastrexo.

Etiquetas: ,

luns, 27 de agosto de 2018

Gomas queimadas e outras cousas


O venres pola tarde e sábado pola mañá por aí estivemos co fútbol de Leo. Pasouno ben anque mancou as dedas pequenas que lle apretan as botas.
O sábado pola tarde tocoulle a Xela gozar coa festa da escuma de San Sebastián de Vilaguindastre.
Domingo fun lavar a roupa do choio á lavandería e agardando apareceume esta mensaxe no móbil. Entrei e daban cartos por falar, dicir palabras e cubrir unha enquisa. Eu, polo si ou polo non, non contestei que nunca se sabe que pode ser un timo ou se poden ser cousas de bruxas como a fruita que lle regalan a un familiar ou que apareza unha becha  na escaleira da casa de Arbo.
AvoaM ten a solución que consiste en queimar unha bota de goma. Iso pode ser bo para que non aparezan esas alimarias pero para o timo do móbil non sei que hai que queimar.

Etiquetas:

luns, 20 de agosto de 2018

Sol de verán


Sábado Leo xogou o seu primeiro partido amistoso e rematou gañando o seu equipo 5-4 pero só despois de remontar un 1-3. Leo acabou canso pola calor e tivo un tirón nunha perna que quedou en nada.
Xantamos en Vlrñ e quedamos na praia que estaba chea de bañistas e de xente que ía á XIX festa folc de Vilariño. O ambiente era de xolda con grupos ensaiando e público quentando corpos e almas para a noite de festa rachada.
Despois fomos cos amigos do Morrazo á festa corsaria de Marín pero xa estabamos todos derrotados dun día tan longo.
No domingo fomos á piscina de Melgaço despois de xantarmos en Arbo e esquivamos os trinta e cinco grados na piscina misturados con franceses de Portugal, portugueses e españois. Seguindo o horario portugués estes retiráronse cedo e quedou a piscina para os estranxeiros.
E o sol de verán que segue.

Etiquetas: ,

venres, 17 de agosto de 2018

Póndome no día


Hoxe por fin temos interrede despois da colgada que nos fixo unha compañía durante once días.
E nós estivemos pegando unhas voltas por terras de Acedre e Pantón co seu alpendre para comer polbo nas feiras, o encontro cun amigo da infancia que versionara un poema de Bécquer e a imaxe simpática dun xenete ao que lle serven un calimocho montado a cabalo.


O Leo está adestrando nun equipo de fútbol dunha parroquia veciña. Van varios compañeiros de clase e está contento. Eu aproveito para descubrir pintadas mentres exploro camiños da miña infancia polas Barreiras de Centeáns.


A calor esquívase en praias ou en cinemas con películas trepidantes como " Os Incribles 2 " onde a mala semellábaseme a unha coñecida romanesa.


Houbo un día festivo que aproveitamos para ir a Fisterra coa súa praia Langosteira con augas boas de temperatura de maneira mui excepcional.


Merendamos no barco das merendas de Sardiñeiro coa súa praia cada vez máis pequena por un regato que verte alí. Supoño que o novo peirao tamén influi no achique do areal.


Unha mañá foi adicada ao cabo Fisterra cos seus peregrinos e turistas, un guitarrista que alegraba, un selador extraoficial do fin do camiño, as pintadas e pegatinas de peregrinos, un ratiño bebé e unha torreta que caía enriba nosa por efecto óptico.


Tamén fomos á praia de mar de Fóra coas súas moras, as súas ondas perigosas, os seus turistas atrevidos ( que nos fixo lembrar Reynisfjara ) e o instituto con pista deportiva para animar a Leo a mudarse aquí se atopo eu traballo de repartidor de pizzas ou recolledor do lixo.


Voltamos a Sardiñeiro e na despedida saudei a Palmira e coñecín o seu fillo Etel.

E de remate deixo unha foto dunha leiterena das praias.

Etiquetas: , , , , ,

luns, 6 de agosto de 2018

Fin de Vlrñ 18


Nestes días de calor tivemos a sorte de esquivalo noutra casa de Vlrñ que está un chisco máis lonxe da praia pero que dá para camiñadas por sitios curiosos como a casa dos Ghalletos.


Os nenos tiveron a sorte de asistir a un faladoiro sobre o furtivismo no marisco e agasallaban con paletas para xogar na praia. De algo valen os impostos !.


Os nenos gozaron esta tempada da praia e decateime do maiores que están. Nesta foto de Leo seméllame maiorcísimo.


Maior está o José que na foto está preparado para saír co fillo na chalana que lle trae nadando.
Que non lle sexa este o derradeiro verán e que nós o vexamos o vindeiro ano.

PD: E este posteo é o número 1500 deste blogo. Quen me diría que chegaría aquí !.

Etiquetas: , ,

venres, 29 de xuño de 2018

Misterios de San Pedro


Algunhas tradicións van a menos coma o costume de roubar carros e cancelas na noite de San Xoán ou na de San Pedro.
Na foto está o resultado desta noite de San Xoán en Vilaguindastre onde apareceron  nun sitio céntrico " misteriosamente " vallas e unha porta de madeira.
Hoxe percorrín algúns lugares camiño de Arbo onde outros anos aparecían cousas pero neste ano non había nada.
Outro costume que vai a menos.

Etiquetas:

luns, 25 de xuño de 2018

Sétimo ano ( e mais un día )


E a xoubiña fixo os sete anos e ganas que tiña xa que contaba os días e as horas !.
Xa recibiu algúns regalos da familia: para pintar, para mergullarse, para xogar ao béisbol, para lanzar polo aire e máis.
Na foto está diante da fogueira de San Xoán en Vilaguindastre que semellaba adicada a ela. Muito correu ao redor dela debaixo da auga que botaba a mangueira de protección civil.
No cole tivo boas notas ( como Leo tamén ) e xa están de vacacións.

Etiquetas: ,

domingo, 17 de xuño de 2018

Por un trapo


Hoxe fotografei esta casa de Vigo con esas bandeiras e esa pintada. Na varanda hai dúas bandeiras españolas verticais co amarelo gasto das inclemencias e cun crespón negro e no centro a bandeira venezolana. Nunha esquina ondea a bandeira española actual. Unha máis das muitas que se amosan estes días polo mundial de fútbol. Ao lado da porta hai un cartel pequeno que di " Que Dios te dé el doble de lo que me deseas a mí ".
E no portalón escribiron: " Facha Quita a bandeira 1º AVISO ". E eu que non acabo de entender onde está o problema e a que bandeira se refire porque a bandeira española é a actual, non ten aguia ningunha.
A min pásame coa bandeira española como a Carlos Miranda como ben explica no seu artigo " Un problemón con la bandera " e non me chista nadiña a bandeira pero de aí a insultar e pintar avisos nun portalón hai un abismo.

Etiquetas:

luns, 4 de xuño de 2018

Pan e máis


Sábado foi a 3ª Feira do Pan do Porriño e alá fun eu dar unha volta. Había concurso de empanadas caseiras con comentarios simpáticos como mostra a foto con esas caras rideiras. Había postos de produtos de panadería e doutros produtos como viño, cervexa, embutidos, queixo, licor da Louriña, requeixo, marmeladas e non sei se deixo algo atrás. Alá falei con coñecidos de hai pouco e outros de hai trinta anos e marchei cun queixo de cabra dun francés afincado en Castro Caldelas, unha barra de espelta, unha bica dunha panadería nova e unha botella de crema de licor " Terras do Louro " de Mosende. Aparte levei postos algúns licores, unha cervexa e un anaco de panettone aparte de lembranzas e boas lerias.

Etiquetas: ,

sábado, 26 de maio de 2018

Cans 2018


Hoxe Xela tivo o seu bautizo de festival de Cans. Fomos no autobús dende o centro de Vilaguindastre. Paseamos entre as casas cos cans pendurados e a xente coas súas camisolas desta edición ou doutras anteriores e os sombreiros de palla de Mahou. Fomos á parte onde está a caravana coas películas infantís, compramos churros de chocolate e tamén había unha vaca de propaganda Deleite camiñando entre o público. Logo montamos nun chimpín como o da foto  e a Xela gustoulle a experiencia e máis cando mirou un neno que baixou do chimpín e corría atrás del para volver montar.  Botamos unhas carreiras pai VS filla por unha encosta e logo marchamos que empezaba a pingar un chisco.

Etiquetas: ,