leoeosseus

sábado, 20 de outubro de 2018

E máis papeleos


 
 
Ultimando trámites e con impostos que hai que pagar hoxe si, mañá non, e sen saber como rematará a lideira.
E o banco con esta pintada que aleda a vista.
 

E un escrito curioso pegado nunha parede pedindo unha fotocopiadora para espallar a mensaxe.
Que mundo este !.

Etiquetas:

martes, 16 de outubro de 2018

Non todo é pagar


Tocou volver a Vigo e desta safei o papeleo pendiente con menos requisitos dos que me pedían.
Tiven sorte de topar aparcamento na rúa onde non me cobraron por razón obvias.
Como tiña un tempo libre dei unha volta pola avenida de Beiramar na zona dos asteleiros onde tiña pendiente facer unhas fotos de graffitis artísticos.
 
 
 
 
O asteleiro Cardama recreou momentos dos seus cen anos de existencia. Poño aquí o momento do meu nacemento.
 


E tamén retrato aquí a rúa Ánimas cos seus petos tradicionais e, entre eles, unha máquina dispensadora de bebidas e petiscos para as ánimas con corpo que necesita manterse pero non de rezos e esmolas.

Etiquetas: ,

luns, 8 de outubro de 2018

E viu o fresco !


Sábado na tapería de Bugarín e no campo de fútbol fixo muito frío. Viña o aire do norte todo e tiven que mandarlle un licor café. Leo xogou uns quince minutos e tocou a pelota un par de veces e o equipo acabou gañando por fin.
O domingo foi de lavandería mentres o chico-bambán gozaba e cantaba a todo volume. O da lavandería regaloume un niqui de propaganda e lin unha revista atrasada en galego que falaba da película Vilamor cando era novidade. Nas esquelas saía un gran profesor que aprobaba aos alumnos se lle mercaban unha enciclopedia.
Pola tarde baixamos Xela máis eu e houbo un incidente entre un vagabundo e un amiguiño de Xela. Pensei que empezaría unha guerra entre Portugal indocumentado e Arxentina ofendida pero quedou en nada.
Caíron as sombras e marchamos. Definitivamente chegou o outono.

Etiquetas: ,

domingo, 23 de setembro de 2018

Calor e auga


Seguimos coa semana de adaptación dos nenos ao seu novo curso coas súas actividades e nós andamos con papeleos que me obrigan a vestir pantalóns longos coa calor que fai.
Prefiro estar no merendeiro do río Deique perto de onde adestra Leo.


Co esta calor apetece beber e ata probaría esa auga negra do Canadá que resulta canda menos curiosa.

Bueno, dentro dun chisco baixamos ás festas de Vilaguindastre e mollaremos a palleta.

Etiquetas: ,

mércores, 5 de setembro de 2018

Verán agonizante



Os días acúrtanse mentres os nenos gozan dunha praia con olas.
Fútbol, piscina, crêpes, pingueira na ducha, axeitamento dun piso para alugar e unha visita a un chalet adosado ocuparon esta semana pasada.
A vida corre rápida e case non saímos na foto como lle pasou a este descoñecido.


Etiquetas:

luns, 6 de agosto de 2018

Fin de Vlrñ 18


Nestes días de calor tivemos a sorte de esquivalo noutra casa de Vlrñ que está un chisco máis lonxe da praia pero que dá para camiñadas por sitios curiosos como a casa dos Ghalletos.


Os nenos tiveron a sorte de asistir a un faladoiro sobre o furtivismo no marisco e agasallaban con paletas para xogar na praia. De algo valen os impostos !.


Os nenos gozaron esta tempada da praia e decateime do maiores que están. Nesta foto de Leo seméllame maiorcísimo.


Maior está o José que na foto está preparado para saír co fillo na chalana que lle trae nadando.
Que non lle sexa este o derradeiro verán e que nós o vexamos o vindeiro ano.

PD: E este posteo é o número 1500 deste blogo. Quen me diría que chegaría aquí !.

Etiquetas: , ,

luns, 18 de xuño de 2018

Arte con sprai



Hai xente que admira a cantantes, ou a actores ou a futbolistas. Eu prefiro escritores, debuxantes , fotógrafos e grafiteiros.
O graffiti de abaixo combina fotografía antiga con graffiti dun xeito marabilloso.
Que envexa !.



Etiquetas:

domingo, 10 de xuño de 2018

A corenta de maio


...E non quitamos o saio que parece que imos para o inverno e así nestes días de chuvia estamos case sempre recollidos.
Esta semana tocou intentar facer robots e alá estiven rompendo os cornos cunha man robótica que non traballa.
Os que si traballan son os da escola de música de Xela que fixeron unha actuación cos alumnos vestidos de animais da selva
Como di o cartel: o camiño do éxito é a actitude: pensa, crea, atrévete.

Etiquetas:

domingo, 3 de xuño de 2018

Alá quedou maio


Maio marchou coa súa feira do libro en Vilaguindastre e onde Ledicia Costas me asinou libros e dixo que o seu preferido era " Un animal chamado néboa  ". Ledicia mostrou humor cando asinou nunha pelota dun neno que lle dixo que non trouxera ningún libro.
Xela mais eu fomos ata o instituto veciño mirar a obra de teatro " Estes zocos non son para min " de Raquel Castro que é unha versión simpática e feminista da Borrallenta.



No cole houbo o festival fin de curso coa actuación musical de Uxía e Magín Blanco. Os nenos fixeron coreografías das súas cancións.




E xa rematando miramos " Muiñada " unha obra de teatro onde se reviven os tempos aqueles onde se ía moer millo aos muiños e as parellas namoraban cos contos e bailes. A obra de Ana Carreiras ten un texto rico en refráns e ditos que se van perdendo.

Etiquetas:

martes, 29 de maio de 2018

Zaragallada de temas


Andando polo mundo cos ollos abertos podes retratar niños de anduriñas pola barriada cunha gaivota que se cruzou para " estropear " a foto. Hai que aproveitar que as anduriñas cada ano que pasa son menos.



Na interrede hai de todo e aprendín este truco para multiplicar cos dedos. Na imaxe copiada semella difícil pero non o é.




E polo mundo real hai intentos de publicitar en galego e como seica mola mogollón puxeron un TE de máis. En galego correcto sería: " Pasa ao pastoreo ". Ese " Pásate " faime lembrar ao meu xefe castelán cando me manda limpar: " Recógete esta zona ".
E falando de galego aprendín outro significado de alpabarda que descoñecía. Eu sabía o significado de roupa abrigosa de máis ou de persoa que non se enteira, pero non sabía que era outro nome do peixe alcrica, chandarme, nela ou agulla.

Etiquetas: , ,

venres, 18 de maio de 2018

DLG 2018


Mentres Leo está en Roma nós temos que facer vida normal. Onte, día das letras galegas, marchamos a Redondela aos títeres. Xela gustou da actuación deste home co seu moneco con tantos fíos que ata movía nariz, orellas e lingua aparte do resto típico. A actuación estivo mui simpática co monicreque que voaba coas orellas ou que quería pegar ao manipulador cando lle erguía o peluquín. Tamén mandaron subir a catro nenos a facer o que facía o monicreque e eles fixeron ata que o monicreque se levantou e quedou no aire.
Xela e o amigo L. déronlle de comer aos parrulos do río e ata se deixan tocar. Logo visitamos o mercadillo, fomos ao parque infantil e para casa.

Etiquetas:

domingo, 13 de maio de 2018

Libros e cancións


Onte fomos xantar a Portugal e logo demos unha voltiña para tomar café polo centro de Monçao. O parque tiña as árbores adornadas de motivos florais e con cartaces pendurados coma este da foto.
Vai ser o día das letras galegas e quixen ler algo de María Victoria Moreno e lin " Anagnórise " dunha atacada na tarde e gustoume. Non me gustou que empezase falando de seixos negros coma se existisen pero hai que recoñecerlle á escritora que tiña un bo dominio do idioma a pesar de vir de fóra e aprender galego de adulta. O final da novela foi ben curioso.
No centro de Vilaguindastre houbo a feira do libro coas catro casetas de sempre e merquei o último do Bichero.
Logo á noite houbo sesión musical co festival de Eurovisión e as curiosidades del que botaron a seguir. Portugal este ano quedou fatal e España por aí lle rondou. Gañou unha canción que non me chistaba nada pero xa sei que o meu gusto musical está desfasado aparte do pouco que sei. Prestábame máis a canción de Alemaña ou a de Noruega ou mesmo a danesa e a italiana que viña a conto co de París que acontecía case ao mesmo tempo. Bueno, eles saben.
E hoxe estamos cos preparativos para Leo que mañá se nos vai de viaxe de fin de curso.

Etiquetas: , ,

mércores, 25 de abril de 2018

Prefiro os libros

 
 
 
 
O outro día peguei outra volta por Vilaguindastre e fotografiei o monumento a Óscar Pereiro montando a Galicia no canto dunha bicicleta.





Satisfixen a curiosidade de mirar as ruinas dunha casona por dentro.



 
 
Fixen varias fotos de detalles de Villa Xeiteiro.
 




 
E merquei unha rifa para mirar se me tocan alpacas valoradas en 5000 €. Fíxome graza iso de que decidise a cagada da toura o gañador.
 
E logo pasou o día do libro e viñeron os problemas co fregadeiro que pinga, o coche que non frea e o estrés coa carretilla no choio.
Dende logo que prefiro os libros.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de abril de 2018

Veño de Galicia


O outro día lin unha nova dunha rapaza malagueña Mari Roldán que non lle deixaban ser azafata por mor das tatuaxes que leva no corpo. Como ela non podía viaxar decidiu pintar billetes e que a súa arte viaxase por ela. E así fixo unhas artistadas que non sei como deixa circular.
Outros escriben mensaxes en billetes e outros cantan sobre a súa terra como Ricky Hombre libre co seu videoclip cheo de fermosas imaxes e boas palabras sobre Galicia e a súa xente titulado " Vengo de Galicia ".
Gózao coma eu o gozo.

Etiquetas:

domingo, 15 de abril de 2018

Música no cinema



Hai un tempiño que non imos ao cinema. O Leo xa prefire outras cousas como xogar ao fútbol ou á Fifa18 ou ao Fortnite.
Pero hoxe foi distinto porque fomos pola mañá ao cinema para escuitar música. Tocou A Gramola Gominola, un grupo que toca rock e outras músicas actuais para nenos. Non estivo mal.

Etiquetas:

sábado, 14 de abril de 2018

14 de abril


Hoxe celébrase o día da república española que non está nada mal a idea de que algúns mantidos e parasitos buscasen choio coma o resto xa que todos nacemos iguais, nonsí ?.

Como facía bo día deume a arroutada e baixei a dar unha volta graaaande por Vilaguindastre.
Pasei polo túnel do " fantasma ".


Fun ata unha tenda de fotografía onde quixen refotar unha foto simpática dunha parella de noivos cunha gaita e unha pandeireta e a mensaxe " Casemos coma galegos " pero non fun capaz.

Andei, andei e andei e aprendín que cando non sabes que escribir millor é borrar parte do escrito.



Prohibido pegar carteles > Prohibido a arte.

Notei que a primavera está aquí coas cerudas e a súa saiva amarela que sanda.


Os pampullos multiplícanse.


Os favos das vespas asiáticas están á vista.



Logo volvín á civilización cos seus exemplos de enxendros en rotóndolas.


Menos mal que unhas peregrinas se desviaron porque despois de rir coa casa dos Xeiteiro seguirían rindo.


E despois non faltou o típico perdido que me pregunta por un sitio cada vez que vou camiñando anque esta vez o campo de fútbol polo que me preguntaba está a máis de tres quilómetros. Espero que non se perdera.

E isto foi o que deu este 14 de abril de 2018.

Etiquetas: , ,

luns, 9 de abril de 2018

Vernáculo


Vernáculo refírese ao que é propio dun país un dunha comunidade. Ao primeiro referíase a linguas pero extendeu o significado a costumes, arquitectura ou mesmo fotografía.
A fotografía vernácula é a fotografía feita por un afeccionado sen pretensións artísticas a un momento familiar ou cotián.
Aquí deixo esta fotografía vernácula dunha tampa dun pozo negro cunha inscrición vernácula sobre a opinión dos construtores cando remataron a obra: " Vai tomar polo kú " 2?-8-2005 José Tito.

Etiquetas:

martes, 27 de marzo de 2018

Un chisco de paseo e poesía


Un descanso das chuvias dan para pasear con Xela e os seus patíns. Fomos polo camiño verde e xogamos ao xadrez humano no parque do Lindano.
No camiño verde segue en pé a escultura de hai catro anos que aguantou sen pintadas ata hai un pouco. O bo é que a pintada é pequena e case unha declaración de amor: " Eres la pieza q me falta m caso contigo ".
E para poesía a que descobre a televisión con César Brandon.

Etiquetas: ,

xoves, 22 de marzo de 2018

Futingo


Vai vir a semana santa e van circular muitos coches por eses camiños. Lembrei a palabra futingo para dicir coche que aínda se emprega bastante e descubrín ... que vén do inglés !. A orixe hai que buscala nun anuncio antigo do Ford T que dicía " Foot it and go ! " que se pronuncia algo parecido a " futingo ". Eu non sabía de onde viña esa palabra pero hoxe aprendino da man de Google e Alfredo Conde.

Na imaxe retrato un futingo de hai uns anos cunha mensaxe canda menos curiosa e que lle acai nestas datas.

Etiquetas: ,

domingo, 18 de marzo de 2018

Cores e mais experimentos


Nestes días grises é difícil topar cores anque esta vista aérea dun posto do mercado alegra a vista.


Os debuxos de Xela teñen unha vida especial sen necesidade de darlle cor.


Para pintar algo transparente como a auga non hai millor experimento que pór dous vasos con auga e corante e un vaso libre no medio. Comunicamos os vasos cunha servilleta, deixamos pasar unhas horas e faise o milagre: o nivel de auga dos tres vasos equilíbrase e o vaso do medio mistura as cores dos vasos laterais.


E un experimento literario sería escribir sobre unha parella con chaquetas de camuflaxe e pantalóns negros a xogo que comparten un postre.

Faltaba falar sobre a cor branca que sería brincando coa neve pero a pouca que quedaba desfíxose coa chuvia de hoxe.

Etiquetas: ,