leoeosseus

luns, 29 de decembro de 2014

Belén vivinte de Couso

 
Mirei de casualidade un cartaz anunciando un Belén vivinte e alá fomos onte.
Tratábase dun roteiro duns dous quilómetros que comezaba nuns muiños e logo cruzaba polo medio da parroquia. De cando en vez aparecía xente facendo un oficio ou mostrando algunha actividade.
De primeiro apareceu o labrego que estaba no muiño durmindo no medio dos follatos e preguntando pola muller.
Pasamos por un muiñeiro que estaba moendo de verdade e por outro muiño onde un veciño facía que amañaba a mó cun pico. Mais adiante estaba un home con abellas e utensilios para a apicultura.
Como estabamos nun río non faltaba un pescador.




Máis adiante tiña que haber un cazador pero puxeron unha funda atada a un piñeiro cunha escopeta de madeira que mais espantaba a caza que cazaba.
Logo escuitamos unhas queixas duns leprosos que pedían augardente para curar as feridas. Para min que eran os actores que millor o pasaban de todos os veciños.

 
Non podían faltar os leñadores que mais ben eran rachadores de leña que fendían os toros dun so machadazo para abraio de Leo.
 
 

Polo medio das casas pasamos por unhas leiteiras e á beira delas estaba o ferrador co pochinco que xa estaba aburrido de que lle levantase a pata.




Pasamos por un zoqueiro e uns alfareiros e alí había un canastro que debía ser de dous irmáns: home rico e home pobre.
Noutra casa había un cesteiro e dende alí podía verse o castelo de Herodes que non era outra cousa que a casa dun veciño cun amago de torreón e unhas figuras de soldados romanos.

 
Tamén puidemos entrar nunha casa vella, vella, que tiña ese cuarto de baño da foto cos casulos que servían para limpar as pousadeiras... e Leo preguntando pola tele !.
 
 
 
Dentro había duas mulleres cun neno e non puiden evitar fotografar á muller co neno nesa cociña cun pote nunha trepia.
 
 

 
Camiño da casa do carpinteiro había un rapaz e a súa avoa que non eran actores pero que ben valían unha fotografía.
 



 
Chegamos a ver un artista do cristal e un escriba pero entrou a fame.
Para min que a organización se viu desborbada con tanta xente. Só se podía comer no mercado de produtos ecolóxicos onde malamente mercamos tortilla, empanadillas, pan e pizza. De pór un fallo neste Belén poríallo a este detalle.
O Leo non se atopaba ben así que marchamos e non acabamos o roteiro e non chegamos a ver o pesebre nin os Reis Magos.
Para rematar o domingo á tarde fomos á actuación de Magín Blanco en Vigo co teatro concerto  " A nena e o grilo nun barquiño" .

Etiquetas:

domingo, 28 de decembro de 2014

Ocasión perdida


Hoxe queda lonxe o ano 1997 cando houbo un intento fallido de instaurar o galego como idioma oficial do mundo. Segundo a investigación que saiu á luz hai uns días Bill Clinton, Boris Yeltsin e Aznar chegaron a reunirse para buscar un idioma mais ou menos neutral que servise de idioma oficial. Estaban de acordo que estaría ben un de orixe latina pero que non fose nin español, nin francés, nin portugués e sopesaron a opción de que fose o galego. Cando estaban a punto de ratificalo apareceu a crise das vacas tolas e deixaron atrás o asunto e así perdemos a ocasión de revitalizar este idioma tan infravalorado actualmente.
Menos mal que aínda se crean panxoliñas cun son actual.
Para consultar a información sobre esa reunión de alto standing podes pinchar aquí.

Etiquetas:

sábado, 27 de decembro de 2014

Cuadraxésimo segundo mes ( e mais tres días )


Xela fixo os tres anos e medio con mocos e tos pero sen perder a súa vitalidade. Aplaude e canta tanto na actuación dos " Tres Porquiños " como na de " Xiqui, xoque "  e nos agasallos do Nadal tanto quería os seus coma os de Leo ( menos os libros ).
A fervellica ponnos a andar a todos coas súas peticións e a súa voz potente. Con Leo lévase ben anque pelexan polas cousas e ela chívase cando Leo di ou fai algo malo.
No asunto da alimentación segue case igual: comendo pouco. Na hora de durmir vai ela polo seu gusto á cama. Cun par de contos que lle lean xa dorme pero no medio da noite sempre vai para a cama grande.
É inquieta e xoga con muitas cousas pero o de pintar, esconder cousas e atar é o que máis lle presta.
Ímola virando !.

Etiquetas:

martes, 23 de decembro de 2014

Circos, comidas e máis



Os nenos tiveron boas notas así que merecen ir ao circo de Nadal. Non lles chistou demasiado que se fixo longa a actuación dos artistas e non había animais.
Eu tamén me portei ben e recibín a cesta da empresa e tivemos a comida onde case saio a cantar a panxoliña de Víctor Manuel.


E Vilaguindastre que se prepara para estas festas cos paraugas dos colexios.

Etiquetas:

domingo, 14 de decembro de 2014

Santa Lucía e os porquiños



Imos camiño do Nadal e as celebracións acumúlanse.
Onte foi santa Lucía, patroa dos canteiros como o da foto dun monumento de Vilaguindastre que foi a feliz sustitución a última hora dun pozo andaluz que ían instalar nunha rotonda.
Nós estivemos montando unha árbore de Nadal en Vigo, tomando un chocolate no cal se tiña en pé a culler ( verídico cen por cen ) e admirando luces da cidade.


Hoxe fomos á Cidade das Burgas onde representaban a obra dos tres porquiños que remataba cun lobo comendo unha mazá. A obra estivo orixinal coas súas cancións e as pelotas que rodaron polo público e cun narrador que animaba a obra.
E imos cara ao Nadal.

Etiquetas:

martes, 9 de decembro de 2014

Polos Madriles

 
A semana pasada non estiven de humor para escribir así que facemos borrón e empezamos a conta nesta fin de semana pasada.
Collemos unha oferta de hotel e entradas no parque Warner de Madrid e tiramos para a capital.
O sábado chegamos pola tarde e quedamos cuns amigos de Madrid que nos acompañaron ao centro.
Pasamos de casualidade por onde vivía o ratiño Pérez.
 


Xuntámonos cos milleiros de persoas para mirar como encenden os adornos de Nadal do Corte Inglés.

 
 
Tamén estivemos no formigueiro da porta do Sol para ver a árbore de Nadal.
Os nenos demostraron a cordura natural e pediron todos que marchasemos daquela marabunta nun metro que dicían que non estaba cheo pero que lle chegaba.


 
O domingo amenceu soleado e fresco e alá tiramos para o Warner. A entrada no parking xa avisaba do que ía ser: unha marabunta de xente e pagar por todo.

 
Fomos á zona infantil pero os nenos non se animaban a subir en nada. Despois descubrimos o engano da facer cola de case unha hora para entrar no Bosque Animado dos Looney Tunes: un labirinto nunha nave onde nos pasaban dun a outro barriobajero disfrazado que nos facía cantar panxoliñas para prender o noso espírito nadaleiro.
Aínda e todo os nenos semellaba que o pasaban ben.
Tivemos sorte de ir cedo a xantar e libramos de facer cola.

 
Intentamos ir ao musical Jingle pero xa estaba o cupo cheo. Voltamos á zona infantil e fixemos máis de media hora de cola para facer unha foto con Piolín que non mercamos ( 14 euros tamaño folio ). Fomos á zona do Vello Oeste e Xela quedou a pintarse de linda gata. Os chicos fomos á casa de Scooby Doo que seica había pouca cola e que acabou sendo tres habitacións cheas de xente suando e hora e media que daba para ligar cunha loira para rematar baixando nun vagón disparando a dianas ( os que tiñan sorte de que a pistola funcionase ).
Logo xa decidimos que iamos dar un paseo para mirar que non daba tempo nin ganas para facer máis colas.
Para rematar na saída había unha aglomeración para admirar o espectáculo Las Luces de la Navidad que fixo chorar a Xela coa neve en forma de escuma que botaban.
Na entrada puxéronnos pulseiras para volver o día seguinte e Leo non quería. Aínda foi simpático mirar a chica convencendo a Leo de que era " solo un día más ". E logo a correr todos para o coche que saían todos ferro a fondo.

 
No día seguinte, luns, decidimos visitar Europa sen saír de Torrejón de Ardoz e isto xa foi millor que o parque Warner.
O parque Europa é gratis. Ten monumentos europeos a escala e algunhas diversións que son de pago.
Nós paseamos pola Torre de Belem, a ponte de Van Gogh, os muiños de Holanda, a porta de Brandenburgo, a Sereíña de Copenhagen e o Tower Bridge de Londres.
O curmán F. atreveuse a montar na tirolina que pasa por riba dun lago e encantoulle.


Entramos dentro da muller xigante que debe de ser a novia do Gulliver de Valencia. O malo foi que Xela colleu medo. O simpático da muller xigante é cando pare o bebé que ten dentro que o fai coma se non fose nada.

 


O Leo, o curmán F. e o amigo de Madrid foron ao labirinto de pistolas láser e alí estiveron a suar e a correr. O Leo levou unha grande desilusión cando lle deron os resultados da batalla pero acabou pasándolle.
Rematamos a estancia nesas terras nun chiringo dese parque onde dan as cervexas sen vaso e a carne sen gornición.
Despois tocou a longa volta.
E con todo, pasámolo ben.

Etiquetas: