leoeosseus

luns, 24 de agosto de 2015

Quincuaxésimo mes


Exemplo perfecto de aforro enerxético: con aire, auga e algúns derivados do cacao conseguimos este exemplar de nena inqueda, activa, rabicha e chea  de enerxía e personalidade.
Cando está de boas é unha marabilla pero cando está de malas berra coma unha posesa e ten que ser o que ela quere. Xoga con Leo ou máis ben el faina rabear. Tamén xogan na Wii e hai cousas nas que gaña ao irmán para abraio noso. Iso si, a tele ocupa gran parte do seu tempo de lecer.
Esperamos que coa volta ao cole colla máis as letras e os números que os ten de lado.

Etiquetas:

mércores, 19 de agosto de 2015

Día complicado


Hoxe facía una tarde preciosa e decidimos ir á praia de Vilariño e a tarde foi máis ou menos ben: bo tempo e auga tépeda. Houbo un momento que Leo quixo ir ao baño e alá fomos anque chegamos un pouco tarde. Pero o pior foi a volta á praia que Xela desaparecera. Alá nos tocou buscala dun lado a outro e foron uns minutos que deron para pensar de todo e non precisamente bo. Ao final apareceu na punta da dereita da foto e nós estabamos no medio. Resulta que quedara con Naideleo e, xogando, tiroulle Xela area por riba. Naideleo díxolle que tivese cuidado e Xela pediu perdón. Naideleo non se enteirou entón Xela encomodouse e marchou andando ata a punta da praia.
Bueno, foron uns minutos para esquecer pero non cairá esa breva.
Logo fomos polo coche que non estaba mui ben aparcado pero seguía no sitio e logo tocou apandar a caravana de volta.
Menos mal que o día remata nuns minutos.

Etiquetas:

luns, 17 de agosto de 2015

Atrás queda


 
 
Atrás queda unha fin de semana intensa con festa en Cee onde os ananos gozaron cos cilindros flotantes, os inchables, un carrusel, os coches de choque e o hockey sobre aire.
O sábado recollemos e co mal tempo que facía paramos en Santiago, nas Cancelas, no " Muerde la pasta ".
 

 
O domingo estivemos por terras morracensas. O xantar no restaurante foi un chisco caótico con pratos a destempo e tortilla con casca de ovo incluida. A tarde adicámola a pasear polo bosque encantado que non coñecían os amigos do Morrazo. Os nenos exploraron e contaron historias de medo e así levaron un susto cun adulto que xurdiu do escondite.
Logo paseo pola pasarela de madeira de Vilariño e cea na furgoneta da pizza.
Hai que aproveitar os días do verán como sexa !.

Etiquetas: ,

sábado, 25 de xullo de 2015

Cuadraxésimo noveno mes ( e mais un día )


A xoubiña vai ter que mudar de nome e chamarse a chinchiña que só fai comer chinchos. A Xela é a raíña dos chinchos e do colo que quere estar no colo sen lle importar de quen. Gústalle a praia e xogar coa area e a auga. Non anda pero se lle botas unha carreira na area apúntase. No comer aparte dos chinchos segue enganchada ao sanduiche de Nocilla, aos batidos e ao xelado de Haribo. Na forma de ser segue sendo teimuda e ata fai un quebracabezas dun dinosaurio que non sei facer eu. Non lle gusta perder a nada e non lle gusta que a chinchen pero ela é a primeira en chinchar e pegar que ten a man levantada.
Pero tamén ten momentos mecosos e cariñosos que che fan perdoala nesta guerra de tratos e cesións entre pais e fillos.

Etiquetas:

xoves, 25 de xuño de 2015

Cuarto ano ( e máis un día )



Con san Xoán veñen as fogueiras, as sardiñas e os roubos de cancelas e carros; pero tamén é o día que naceu Xela, a xoubiña guerreira.
Este ano fixo os catro anos e estaba radiante de felicidade. Convidou a algún amiguiños do cole ( todos, os vintecinco, habían ser un pouco muitos ) e brincaron, merendaron e abriron regalos no parque de bólas.
Graciñas a Maia, Erik, Braian, Nayra, Aitana, Nerea, Aynara, Lucas, Nikolas e Xaime por compartir a ledicia do día.

Etiquetas:

luns, 15 de xuño de 2015

Segue a pasar o tempo


A vida segue unha liña pero tamén ten o seu ritmo cíclico e o osiño de peluche de hai catro anos apareceu de novo no ceo o outro día.
Hoxe fun a Vigo e gastei un euro nun malabarista dos semáforos da praza dos cabalos. Bueno, gastei non que invertín. Como invertín mercando un libro para Leo e outro para Xela, á que estabamos a agardar hai catro anos. Descubrín unha tenda co nome " Sipi Nopi " do que estivemos a falar o outro día que era o que se dicía cando ensinabas cromos a outro neno e que din de formas distintas por aí adiante. Uns pais ( máis ben nais ) pedían libros gratuitos para a escola no Príncipe. Gastei no parking e gastei no concello de Vilaguindastre para que os nenos poidan ir ao comedor escolar e invertín nas cousas da casa que merquei no supermercado.
Segue a pasar o tempo.

Etiquetas:

mércores, 10 de xuño de 2015

Coas calores de xuño

 
 
Levamos uns días de muita calor. O venres pasado suei esperando para facer a revisión da ITV do coche e iso que lle dera un mangueirazo antes de ir. Por certo, nun lavado de coches topei outro exemplo de " catalego " co ese " Moltas gracias ".



Nun parque os nenos fuxían de min porque facía de zombi. Agacheime detrás dun muro e asomeime para facerlles esta foto.


Esta calor vénlle ben, dentro do malo; ao vagabundo que dorme nunha cama de pedra e le un libro dos masóns.



O sábado andamos un pouco por Mondariz Balneario ( e iso que morrían abafados os paxariños ). Nun cartaz informativo aprendín un novo nome galego para o cabaliño do demo e non é outro que o sonoro " quitaollos ".
Tamén no choio teño oído estes días o de " pixallada " por bronca do xefe e o de " ese non solta a ghaliña " para dicir dun que non paga ou non solta os cartos.


O domingo fomos a Cesantes un momento e os nenos gozaron coa auga, as algas e a area.
E así pasamos estes días: con pouca roupa, bebendo de todo, durmindo no chan incluso e disparándonos con pistolas de auga. O ordenador pouco o toco: dá calor e Xela quere algunhas noites que lle lea o conto do señor Coc e outro de Pepa Pig e quedo durmido co ela.
E agora vou beber e mirar se durmo que, anque baixou a temperatura fóra, na casa non se para coa calor.

Etiquetas: , ,

luns, 25 de maio de 2015

Cuadraxésimo séptimo mes ( e máis un día )


Aquí sae retratada a nena facendo unha das cousas que máis lle prestan: comer un xelado.
Xela está nunha época de reafirmación do seu  " eu " e así quere facer as cousas por ela mesma e ao seu ritmo. O malo é cando non quere vestir ou calzar algo e temos présa. Tampouco permite que se burlen dela nin o irmán nin o curmán.
Polo resto todo vai ben: aprende rapidamente ( hai que ver como millorou a letra !), busca para xogar ( anque ten mal perder ) e pinta mui ben. Tamén  lle gusta aprender cousas en galego e en inglés. Está enamorada da canción " Let it go " de Frozen e non cansa de escuitala unha e outra vez e xa a sabe bastante. Á hora de durmir gústalle que lle lean contos deses con xaneliñas e, iso si, xa volve durmir na cama grande conosco.
Agora vou cheirar a ver quen gañou en Vilaguindastre.

Etiquetas:

mércores, 20 de maio de 2015

Case adulta


A semana pasada díxonos Xela que xa era maior e que ía durmir soa toda a noite coma Leo e que non ía mexar. Cumpriuno o día que o dixo e tres días máis botou sen vir para a cama grande anque si mexou no cueiro. Despois outra noite viu para a cama grande e non mexou e agora volveu vir no medio da noite para a nosa cama. Pero vai aprendendo.
Abraiuonos que dixese iso con tal seguridade e que case o cumprise.
Vai a nena medrando.

Etiquetas:

domingo, 10 de maio de 2015

A dez de maio


O venres saiu Xela contenta do cole porque traía para casa a mascota " Peliños ". Esta mascota bota unha fin de semana con cada neno e nunha libreta póñense fotos e textos explicando o que fixo " Peliños " na casa do neno. O malo foi que Xela lle pintou algo na fazula do moneco e non lle dá saído.
En fin, accidents happens.


Despois dunha semana con chuvias e nubes hoxe quería saír o sol con forza.
A foto tireina cando saín de traballar de noite hai trece horas e nela a néboa desfaise en fíos entre as árbores e as canteiras.


As cada vez máis escasas anduriñas aniñan onde poden e lles deixan. Non sei se para o ano que vén seguirá o niño aí.



E nós fomos mirar a película de " Astérix e a residencia dos deuses ". Mui ben os debuxos e a historia. O que me chocaba era a voz das personaxes principais que eu nunca imaxinaría así.

Etiquetas: , ,

venres, 24 de abril de 2015

Cuadraxésimo sexto mes

 
 
E xa van corenta e seis meses que fai a nena hoxe. O mes pasado quedou sen reflexar no blogo os seus corenta e cinco meses porque coincidiu coa avaría do outro ordenador e así poño hoxe unha foto " vella " de Xela de hai un mes saltando de pedra en pedra.



A xoubiña segue avanzando en todos os ámbitos e así escribe, debuxa, colorea, recorta, xoga ao coito, á pita, xoga con monecos ( sempre quere que eu fale co ela e os monecos ) e fai boas migas con Leo e cos curmáns. No parque xoga con nenos e saúda aos amiguiños que topa pola rúa. E ten razón quen di que vou ter que andar atrás dela cunha escopeta que xogaba con Brian e logo estiveron os dous paseando da man para sorpresa da nai del e miña. Conta todo o que fai e quere ser a gañadora e primeira en todo.
E todo isto faino sen apenas comer para marabilla da natureza que eu non sei de onde saca as forzas.
No falar segue facendo verbos regulares e así é: " dijí ", " hací ", etc. Pregunta como se din cousas en galego e segue a contar neste idioma ata o vinte que transforma en cuarenta ( para Leo era " dezadez " ).
Agora a ver se non salto ningún mesario máis de Xela.

Etiquetas:

xoves, 12 de marzo de 2015

Esperas


Tras varias semanas de esperas por fin apareceu o home que nos vén cambiar o baño.
Facía tanto ruido que se puxeron Leo e Xela na liteira de Leo coas cabezas cubertas co edredón. Nunha destas Xela caiu dalá arriba. Caiu de costas no chan e queixábase da espalda e de que non podía andar. Leveina ao centro de saúde de Vilaguindastre e non lle toparon nada malo pero, por seguridade, millor que a levase ao Xeral de Vigo. Alá fun e tocounos esperar e esperar. Eramos muita xente con bebés e nenos con problemas e, aos poucos, foise despexando o asunto. Xela durmiu no meu colo e só espertou cando estaba unha médica co ela. Fixéronlle unha radiografía e un analise de orina e tivemos que agardar polos resultados e, por fin, ás tres da mañá puidemos volver para casa despóis de estar alí dende as nove.
Foi longa a espera pero o importante é que Xela está ben.
Agora xa ten outra anécdota para contar de maior: non todo o mundo cai dunha liteira de costas e non lle pasa nada !.

Etiquetas:

luns, 9 de marzo de 2015

Zeta de Curro Jiménez


O futuro é dos nenos e Leo exerce de ensinante con Xela. Na foto está Xela hoxe mesmo repetindo palabras co son " z " que é complicado para os nenos pequenos e para os estranxeiros. A min sóame ben tal como o di Xela pero Leo é un perfeccionista e non está conforme.
O que dicía: o futuro é deles e o pasado doutros. Mirando un vídeo de Carlos Velo de Galicia do ano 36 lembrei cando fun de extra ( con dous autobuses cheos de xente de Vilaguindastre e vendedores ambulantes ) alá polos oitetantos na película Gallego de Sancho Gracia. Faciamos de refuxiados da guerra civil en Francia e no segundo número seis podo recoñecerme á dereita de todo da imaxe na ringleira coas mans nos petos. Atrás miña viñan dous grandes amigos.
Que tempos !.
P.D: Engado o vídeo dunha Escuela Nacional de Friol alá por finais dos setenta. Igualiña á que fun eu anque eu non era do rural, senón dun barrio obreiro.
Este vídeo buscábao Tartaruga e topou cunha amiga que llo recuperou.
Aí queda para que non se volve perder.

Etiquetas: , ,

martes, 24 de febreiro de 2015

Cuadraxésimo cuarto mes


Hoxe coincide co 178 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que nos lembra Google.

Xela é lista e así aprende sociais á par de Leo e queda coa copla dos planetas e as estrelas. Xogan xuntos a facer festas de cumpreanos dos monecos e xogan ás sillas co eles e ao escondite inglés. Xela segue gozando coa tele con Peppa Pig e outras series. Tamén lle gustan os xogos da wii de Mario Bros e Donkey Kong. Escribe letras na pizarra e corta papeis coas tesouras agarradas ao seu xeito e hoxe cortou " tirámides " ( pirámides ). Segue confundindo consoantes iniciais e así " fuego " e " juego " son " juego " para ela.
No comer segue aproveitando o aire ao máximo e é unha tola dos batidos de vaca de vainilla e o bocadillo de Nocilla con chocolate ( de Nocilla soa, vamos ).
Ten medo da chuvia, o vento e os tronos pero vaise afacendo ( non lle queda outra ! ).
E alá vai ela evolucionando coma un foguete.

Etiquetas:

xoves, 12 de febreiro de 2015

Xela a cariñosa


Xela parece que vai suavizando o carácter e non ten tantas perrenchas. Hoxe saiu da piscina, colgouse do meu pescozo e encheume a cara de bicos. Cando saímos pregunteille en que coche quería ir: comigo ou con mamá. Dixo: " Con mamá que es más guapa. No tiene barba y no pica. Las chicas somos unas campeonas. "
Bueno, aparte de cariñosa; tamén hai que dicir que está simpática.

Na foto está co seu inseparable Pepini e cun xogo dos innúmeros xoguetes que saca para xogar.

Etiquetas:

sábado, 24 de xaneiro de 2015

Cuadraxésimo terceiro mes


Que sorriso ten cando posa para unha foto !. Anque logo se aburre e di que non quere máis fotos. Prefire xogar a calquera cousa e chama por min para que faga de personaxe nunha historia de monecos. Tamén quere voar e que lle faga tiligas. Mirar a tele, xogar coas maquinitas e pintar mentres Leo fai os deberes tamén entran na súa rotina. Ten xenio e así recibimos unha nota da súa profe Cristina dicindo que non quixo vestir o mandilón e tiveron que castigala. Fala muito e quere que lle fagan caso. Cecea un pouco. Hai algunha pronuncia especial: di con " J " suave " fue " e tamén di " cuedo " por " puedo "  e " descués " por " después ". Tamén ten a palabra especial " fútbolt " tal como soa. E unha expresión típica dela é: " Mira como si ". Agora xa non me corrixe e ata repite o que lle digo en galego e conta do un ao dez en galego.

Etiquetas:

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Os debuxos de Xela

 
 
O outro día foi Xela á médica por un problema na barriga, nada grave. A médica deulle un debuxo para que o pintase e ao chegar a casa alá soltou a súa vea artística.
Primeiro coloreou a Hello Kitty.
 
 

 
Logo coloreou un círculo abstracto cheo de cores.
 
 
 
 
E rematou facendo un retrato de Pepini, o mono que viu de Madrid.
 
Está claro que se Leo tira polo camiño escritor, Xela non queda atrás e vai polo camiño pintor.

Etiquetas: ,

sábado, 27 de decembro de 2014

Cuadraxésimo segundo mes ( e mais tres días )


Xela fixo os tres anos e medio con mocos e tos pero sen perder a súa vitalidade. Aplaude e canta tanto na actuación dos " Tres Porquiños " como na de " Xiqui, xoque "  e nos agasallos do Nadal tanto quería os seus coma os de Leo ( menos os libros ).
A fervellica ponnos a andar a todos coas súas peticións e a súa voz potente. Con Leo lévase ben anque pelexan polas cousas e ela chívase cando Leo di ou fai algo malo.
No asunto da alimentación segue case igual: comendo pouco. Na hora de durmir vai ela polo seu gusto á cama. Cun par de contos que lle lean xa dorme pero no medio da noite sempre vai para a cama grande.
É inquieta e xoga con muitas cousas pero o de pintar, esconder cousas e atar é o que máis lle presta.
Ímola virando !.

Etiquetas:

martes, 25 de novembro de 2014

Cuadraxésimo primeiro mes ( e mais un día )


Estamos no día dos lazos lilas e Xela está moneando á miña beira. É unha nena mui lista e de carácter forte, competitiva e mecosa. Vive da tele e dos batidos de cacao " de vaca " di ela porque saen debuxadas unhas vacas. Quere todos os xoguetes que saen anunciados na tele. Non lle gusta calzarse para saír pero logo son carreiras para acender as luces da escaleira ela primeira. Tamén nos quere dar sustos cando baixamos e se pon debaixo do balcón do primeiro. Segue coa cantinela de que é maior e xa pensa no seu cuarto aniversario cando aínda quedan sete meses. Cando dixen que vivía da tele esaxerei porque tamén lle gusta debuxar e facer as súas letras na pizarra branca. E agora que temos o Belén montado as figuras non paran quietas. E coa árbore de Nadal apaga as luces da sala e ponse a bailar pensando que é a festa do seu aniversario.
E o tempo segue o seu percorrido.

Etiquetas:

sábado, 15 de novembro de 2014

Mediando novembro

 
 
Co este tempo tan cheo de bataghadas temos que quedar na casa.

 
 
Xela adícase a aproveitar que aínda pode chuchar as dedas e a practicar a autodebuxarse e escribir o seu nome coas letras bailando de posición e de orientación.
 




O Leo adícase a escribir historias complexas que dan para pensar.

 
 
Aínda así temos algún momento para fuxir e mirar no cinema a película da Tropa de Trapo.

Etiquetas: , , ,