leoeosseus

Monday, 27 November 2017

Sesenta anos non son nada

 
 
Sesenta anos hai de diferenza entre as dúas fotos da zona onde máis ou menos vivo e o cambio foi grande. Na foto de arriba había muitas menos construcións e os camiños estaban sen empichar. Hai algunas manchas irregulares brancas á dereita e abaixo que a calidade da foto tirada directamente sobre a pantalla do ordenador, apenas deixa mirar. Eses serían os lugares onde se verquía o lindano da fábrica que estaría máis arriba fóra da foto.
Eu bañábame na zona das manchas brancas de abaixo alá a finais dos setenta e principios dos oitenta ata que empezaron a construir edificios e máis cousas.
A finais dos noventa fixeron un parque onde estaba o principal verquedeiro despois de retirar parte da superficie e selar o máis profundo e así estamos hoxe.


A imaxe de arriba de todo tireina do vó americano de 1956. Deixo aquí a ligazón onde podes comprobar como era España naquela altura. Só tés que escribir o lugar que queres visitar e xa está. Na imaxe da ligazón sae Santiago de Compostela.

E, buscando, buscando; topei un vídeo aéreo de Vilaguindastre no ano 2001 que tamén mudou nestes dezaséis anos.

Labels: ,

Saturday, 25 November 2017

Septuaxésimo sétimo mes



Xela está pasando por unha etapa " tranquila " da súa vida que case obedece sempre e non está tan protestona e pegona. Iso si, para comer nin a tiros come. Eu non sei de onde saca as forzas para botar todo o día a xogar e a argallar como no momento da foto onde fixo unha táboa para sumar e restar totalmente ideada por ela.
Tamén está feita unha rompe-corazóns que ten a Llechat triste porque Xela quere casar con Ñajeill ou con Isoj.
E así estamos: cos días que pasan entre clases e actividades coma taekwondo, inglés, piscina ou ioga.
Éche a vida de pai !.

Labels:

Thursday, 23 November 2017

" Yo-kai " e lindano




Martes fomos ao cinema a mirar a película " Yo-kai Watch " e dende logo que non é do meu gusto e así só estabamos Xela, Leo e mais eu, uns nenos dun aniversario duns sete-oito anos e outro neno desa idade e mais a nai. O caso é que na película viaxaban ao pasado e alí acontecía todo.

Cambiando de tema e volvendo ao mundo real. Tamén me gustaría a min viaxar ao pasado e explicarlle aos paisanos que o que carretaban nos carros de bois con escombro de Zeltia era altamente contaminante. Nesa fábrica de insecticidas daban cartos a quen levase os refugallos e a xente chimpaba co eles nos camiños porque semellaba xabre. Resulta que un ingrediente é o lindano que se demostrou que é canceríxeno e acabou por proibirse a súa utilización.
E así estamos hoxe: hai pozos clausurados nesta parroquia de Vilaguindastre e están por ver as consecuencias na saúde daqueles verquidos de hai sesenta anos.

Menos mal que a nós non nos afecta directamente anque eu me bañaba nunhas charcas que agora non existen e que tiñan un cheiro a insecticida fortísimo.
Maloserá !.

Labels: ,

Sunday, 19 November 2017

Ourensinizando




 Empezamos coa obra " Os golfiños e o xigante " de Fantoches Baj que relata a viaxe dunha adestradora de golfiños na busca do home máis alto do mundo para tirarlles do corpo unhas pelotas que comeron da fame que pasaban.

Aparcando á beira do Parque dos Carrileiros significaba dar unha volta montados neses trens de miniatura.
 
No centro comercial onde xantamos Xela puido voar virtualmente cun aparato que alí había.
 
Despois dunhas duras votacións os que votamos a favor de bañarnos na Chavasqueira puidemos facelo.
 
 
Despois tocou volta pasando por Arbo.

Labels:

Friday, 17 November 2017

Xela e Pupi

 
 
Pásame como hai anos cando lle lía contos a Leo e quedaba durmido e logo xa marchaba eu dereitiño para a cama. Agora pásame con Xela que lle leo contos de Pupi que lle encantan. Case todos están en español e temos dous en galego. O malo é que a Xela non lle gusta en galego e hai cousas que teño que explicarlle pero é o que hai. Mira que dei explicacións do significado dese " peixe " que sae na foto.
Tamén eu estou lendo e o outro día bimbei un libriño en dúas noites: " Cans " de Carlos Meixide.
E así pasamos o tempo lonxe da interrede.

Labels: ,

Saturday, 11 November 2017

11 11


Sigo no mundo anque non escriba e podo dicir que hoxe é o día dos solteiros e morreu o Fistro Pecador de las Praderas e bailei un pión que me agasallaran o ano pasado polo medio século de vida e non comín castañas ( que non se enteiren en Ourense ).


Labels:

Sunday, 5 November 2017

Noite de calacús, " Parolas " e " pinchorriño "



Onte foi a Noite dos Calacús en Vilaguindastre e houbo talla de calacús, charanga, castañas e viño.
 


Ademais este ano apareceu unha " competencia " da man do grupo " Parolas " que actúa en eventos e que montou nunha casa un túnel do terror e tocaron na terraza baixo unha lúa digna de noite de terror para promocionarse.
Tamén estamos en novembro e todo Vilaguindastre está co " pinchorriño " de fin de semana onde che dan para comer algo coa consumición e a xente vai a dous ou tres establecementos e sai ceada.
E niso estamos.

Labels: ,

Thursday, 2 November 2017

Por ese Vigo


Fun a Vigo por mirar Cangas porque non conseguín os libros de Suso Lista que buscaba.
Iso si, non todo é perder o tempo e sempre podes atopar un coche vello con música galega e unha pegatina simpática parado nun semáforo.
Ou algunha pintada marabillosa cunha xente feliz sentada nunha flor.


E xa na casa e como o día é longo ata a noite que empezo a traballar dá para rematar de ler " O corazón de Xúpiter " de Ledicia Costas, unha novela cun final nada americano.

Chuvia e libros, que boa parella !.

Labels: