leoeosseus

xoves, 8 de marzo de 2018

Día da muller


Baixo os choros do ceo unha marea de cores pide igualdade real, non só teórica.

Etiquetas:

mércores, 28 de febreiro de 2018

Febreiriño curto


Remata este febreiriño curto que pasou polo aire.
O tempo pasa sen decatarnos e o comercio da foto de arriba pasou de aberto ao público a estado intermedio de crise  con esa metáfora do galego que non se sabe se sobe ou baixa e esa escaleira que non vai nin sai a ningures. E pasou o tempo, repito, e agora está definitivamente pechado e fixeron desaparecer a escaleira e tapiaron a metade da porta para aclarar dúbidas.
E o tempo pasou e daquel Leo bebé que miramos en vídeos de hai anos chegamos a hoxe que está a estudar a reprodución humana.
O tempo atropélanos !.


Etiquetas: ,

mércores, 14 de febreiro de 2018

O xigante triste


O xigante está triste. Pode ser polo monte queimado á súa redonda. Pode ser polo tempo que estraga dedos e dedas. Eu penso que é por estar só neste día.

Etiquetas:

luns, 22 de xaneiro de 2018

Nova mascota do camiño


Levamos uns días grises, poallentos e case pechados na casa. Saímos dela para traballar, irmos ao cole e actividades e pouco máis. Son días de tele, chocolate con churros e de preparar disfraces.
Tamén Vilaguindastre semella triste con novos establecementos pechados anque no despacho de lotaría non paran de conseguir premios.
Pero sempre queda lugar para o optimismo e así frutas Katuxa crea unha nova mascota para os pelegríns que se chama "PeraGrino" que se engade ás anteriores mascotas do Camiño.
Xa chegará o bo tempo !.

Etiquetas: ,

luns, 15 de xaneiro de 2018

Luns triste


Seica hoxe é o "Blue Monday" ou luns triste que é o baixón que lle dá a un despois de rematada a época de Nadal e o comezo das rebaixas. E para min, que non sabía do conto, empezou apagado cun día gris, frío e de néboa sen asomar un raio de sol e lendo de casualidade O diario de Anne Frank en novela gráfica. Mira ti se non xustifica a tristeza do día !.
Non podía seguir así e xa fixen por cambialo; fomos xantar a Lademanu en Tui, un sitio limpo, agradable, de bo trato e boa comida a prezo interesante. E tamén vou aparcar a lectura do libro ata mañá. Total, xa sei o final.
Que o teu luns vaia ben.

Etiquetas: ,

mércores, 3 de xaneiro de 2018

Un novo ano


Un ano novo e haberá que pedir algo.
Supoño que o primeiro será pedir saúde para min e para a familia e iso pido. Tamén pido tranquilidade ou paz e que non haxa envexas como dicía a bisavoa Celia que unha muller botou mal de ollo á vaca que tiñan hai unha chea de anos e cansou o leite. A solución era sacar a camisa do pantalón coas dúas mans e facer o sinal do cruz coa camisa por diante dos cornos do animal.
Outra petición: que non chova o día da cabalgata. Despois do traballo que levaron os pais do cole sería inxusto non facer a cabalgata de Reis o venres.
E pouco máis se pode pedir, nonsí ?.

Etiquetas: ,

domingo, 31 de decembro de 2017

Que teñas un mui bo 2018 !


Quero desexar un feliz 2018 a quen le isto.
Que veña cargado de ilusións, bos momentos e saúde.
Deixo a ligazón a unha panxoliña que escuitei hai uns anos e que me segue a gustar:
" Din, don, din, dan " ( como din os meus nenos ).

Etiquetas:

xoves, 28 de decembro de 2017

Rectificar é de sabios

 
Pois si. A marca de coches Hyundai puxo no mercado neste ano que remata un modelo chamado Hyundai Kona en toda Europa. Bueno, en toda Europa, non; porque no país luso ese nome " suscitaba problemas " e mudárono polo de Kauai que fai referencia a unha das illas hawaianas máis turísticas. En Galicia seguía chamándose Kona polo sometemento á autoridade estatal e seguía " suscitando problemas " como explica millor ca min Carlos Garrido aquí. Atentos a isto a RAG formulou unha queixa que acabou sendo aceptada polo goberno español con Rajoy á cabeza anque na prensa non saia reflectida entre tantas novas de Cataluña, do goberno e das Campos en New York. Grazas á RAG o automóbil famoso pasará a chamarse a partir do primeiro día de xaneiro Hyundai Bulba para non ferir sensibilidades lingüísticas nin feministas.
Iso si, a illa Hawaiana e os nomes derivados dela coma o do cartaz de abaixo seguirán tal como son.
 
Un pequeno paso para a RAG pero un gran paso para o idioma galego !.
 

Etiquetas: ,

martes, 5 de decembro de 2017

Entre novembro e decembro


O fin de novembro chegou co día contra a violencia machista e en Vilaguindastre penduraron fotos con mensaxes e repartiron calendarios.

 
E decembro está aquí con este aire nadaleiro. Os días son curtos e fríos, o ambiente está cargado de fume e as casas e as rúas empezan a adornarse.



Este ano a novidade en Vilaguindastre é que están aparecendo pingüíns polas rúas. Será cousa do cambio climático que chegan do polo sur ata case o polo norte !.
E así imos entrando neste mes complicado para postear con tantas actividades diferentes e visitas e viaxes.
Agardemos que aparte non haxa males imprevistos.

Etiquetas:

luns, 27 de novembro de 2017

Sesenta anos non son nada

 
 
Sesenta anos hai de diferenza entre as dúas fotos da zona onde máis ou menos vivo e o cambio foi grande. Na foto de arriba había muitas menos construcións e os camiños estaban sen empichar. Hai algunas manchas irregulares brancas á dereita e abaixo que a calidade da foto tirada directamente sobre a pantalla do ordenador, apenas deixa mirar. Eses serían os lugares onde se verquía o lindano da fábrica que estaría máis arriba fóra da foto.
Eu bañábame na zona das manchas brancas de abaixo alá a finais dos setenta e principios dos oitenta ata que empezaron a construir edificios e máis cousas.
A finais dos noventa fixeron un parque onde estaba o principal verquedeiro despois de retirar parte da superficie e selar o máis profundo e así estamos hoxe.


A imaxe de arriba de todo tireina do vó americano de 1956. Deixo aquí a ligazón onde podes comprobar como era España naquela altura. Só tés que escribir o lugar que queres visitar e xa está. Na imaxe da ligazón sae Santiago de Compostela.

E, buscando, buscando; topei un vídeo aéreo de Vilaguindastre no ano 2001 que tamén mudou nestes dezaséis anos.

Etiquetas: ,

sábado, 11 de novembro de 2017

11 11


Sigo no mundo anque non escriba e podo dicir que hoxe é o día dos solteiros e morreu o Fistro Pecador de las Praderas e bailei un pión que me agasallaran o ano pasado polo medio século de vida e non comín castañas ( que non se enteiren en Ourense ).


Etiquetas:

sábado, 28 de outubro de 2017

Ata os perrinchos


Ata os perrinchos estou de  zascas e tanto bombardeo de Libertad Digital, Periodista Digital, Ok Diario, La Vanguardia, El País, Telecinco, Marca, ABC e outros e preciso de outros puntos de vista.
E así tamén coñezo a Marcos Escudero: un artista escultor e debuxante, a Carlos Méixome: un historiador e unhas figuras que sobreviven ao lume en Tortoreos, As Neves.
Hai que abrir os ollos.

Etiquetas: ,

xoves, 12 de outubro de 2017

Allariz...again

 
Facía un día bo para unha paseata e tiramos cara a Allariz onde vai rematar o Festival Internacional de Xardíns.
Sempre acordamos tarde para visitar estes xardíns e perdemos o esplendor que terían na primavera pero algo queda del.
Antes paseamos pola beira do río sen a presenza de cans que é típica en tantos paseos. Descubrimos estatuas colocadas este mesmo ano como a adicada ao Boi de Allariz.
Na exhibición dos doce xardíns adicados á memoria foi Leo o noso guía que fixo curiosamente o seu papel en galego despois duns seis anos sen falar en galego !. Sería por ser hoxe o día da Hispanidade !.

 Os xardíns eran ben variados e orixinais e escollemos votar polo número dous.
Despois os nenos merendaron un phoskito orixinal de 1972 e tiramos para casa que mañá non é festivo.
 
Aínda tivemos que pasar por un incendio despois de Melón que enchía de fume a estrada para pánico de Xela que nunca tivo un lume tan perto. É o que acontece por prantar leña no monte.

Etiquetas: ,

domingo, 1 de outubro de 2017

Primeiro de outubro



Hoxe é un día raro, especial e con mal sabor de boca. Non o digo polos callos en Vilaguindastre que estiveron bos e o bo tempo acompañou anque o exceso de clientela fixo que o local onde fomos comelos non daba avío. Non. Falo por Cataluña e como vai o asunto do referéndum.
Eu non lle miro unha solución que sexa perfecta para Cataluña e para o goberno español e non vou aportar nada por descoñecemento. Non está nas miñas mans e é un tema serio e espiñento de máis.

Prefiro deixar unha nota de humor que circula polas redes de como se redactaría a famosa papeleta en Galicia.


Tamén hai outra opción con humor para o día de hoxe.



En fin. Fóra bromas e que todo quede en auga de bacallao.

Etiquetas:

xoves, 21 de setembro de 2017

Rir a pesar de todo


Hoxe rematan as miñas vacacións, empeza a chover e raiáronme o coche pero hai que rir a pesar de todo.
Graciñas a Canto Ghalpón.

Etiquetas: ,

sábado, 16 de setembro de 2017

Polo paseo da Canuda


Despois de xantarmos na pizzaria Don Genaro en Monçao por primeira vez, fomos andar polo paseo da Canuda en Salvaterra.


Camiñando podes descubrir detalles pequenos como cartaces reivindicativos ou o feixe de niños de anduriña nas colunas do cuartel da policía.



Lendo os paneis tamén se pode descubrir o único tipo de peixe que medra cando sae da auga.


Xela quería agabear por toda canta altura topaba e menos mal que non entrou na obra das piscinas de auga termal que non dan rematado: sería capaz de entrar na cuarta piscina que estaba chea de auga con rás !.
Esperamos volver cando estea rematado e gozar da auga termal.

Etiquetas:

mércores, 13 de setembro de 2017

Patos, choros e ratos


Non é o Caurel, non. É o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre cos seus parrulos ou patos que gozan deste tempo revolto acorde coa volta ao cole. Falando da volta, o Leo tivo un baixón con choro incluido porque foi mui curto este verán, seica. Xela, en troques, está contente que entra pola outra porta do cole, xa está no patio grande e non ten deberes como lle porfiaba o irmán.
E o mundo segue coas súas historias grandes ou pequenas como a das rapazas que querían saber nun banco se aínda era válido un billete de cinco euros rillado por ratos e feito unha verdadeira piltrafa.

Etiquetas: ,

martes, 15 de agosto de 2017

Monumentos e monumentiños

 
 
Seguimos coñecendo a terriña e notamos diferenzas entre vilas que teñen monumentos e parques infantís como mandan os tempos e Vilaguindastre que ten monumentiños xacobeos e parques infantís demasiado simples.
Arriba unha foto parcial de " Inés - Palmira " de José Solla en Bueu e abaixo un pelegrino en Vilaguindastre.



Etiquetas: ,

xoves, 3 de agosto de 2017

Semella que foi hai un século


Aquelas viaxes polo corredor do Morrazo ás veces tan lentas que mesmo daban para fotografar pintadas.

 
 
Aquelas paseatas nocturnas con vagalumes ou coa chuvia no mar para sorpresa e ledicia de Mehdi que podía beber auga caída do ceo.
 


Aquelas partidas de petanca, de paletas, pachangas e rebumbios: fermosa palabra para definir un fútbol de poucos xogadores que xogan todos contra todos. Tamén Mehdi descubriu os cangrexos e ata topou un diminuto dentro dun croque dunha empanada !.



Aquela tarde de cinema onde Mehdi riu muito con Gru 3 e ofreceu palomitas a unha descoñecida.


Aquela manifestación pedindo a liberdade para os presos saharauis en Marrocos. Gozar do espectáculo dos mimos, os escaparates con mariscos vivos e o ambiente festeiro de Santiago antes do día grande de Galicia.


Aquela construción dunha balsa por Robinson Crusoe e Venres na praia case paradisíaca.



Aqueles parrulos que percorrían con pachorra a praia para nadar despois cara o seu acubillo nocturno.


Aquela foguetería para despedida da festa e que coincidía coa fin da nosa estadía en Vlrñ.

De verdade que semella que foi hai un século.

Etiquetas: , ,

mércores, 21 de xuño de 2017

Pan e auga


Eu non son muito de dar cartos aos mendigos. Doulle algo á xente que fai algo, que toca música, fai malabares ou é un mimo ben feito. E así pasaron anos que miraba case a diario ao mendigo da foto e nunca lle dei nada. Houbo unha vez que o mirei na caixa do supermercado comendo pan e esperando para pagar ese pan e unha botella de auga e ese día foi o primeiro que lle dei algo. Onte volveume a pesar o mesmo con outro que comía pan e bebía auga na porta do supermercado e volvín soltar a galiña.
Non sei; pero estar a pan e auga sóame extremo. Como o que pasou Salvador Alvarenga cando estivo á deriva no Pacífico 438 días e que foi bastante pior.

Etiquetas: ,