leoeosseus

Monday, 28 May 2007

-eiro


Cada zona ten as súas características lingüísticas propias e esta onde vivo non ía ser menos. Aparte doutras singularidades ten un emprego especial do sufixo -eiro que individualiza palabras colectivas e así, por exemplo, dise "granceiro" no canto de "gran" para distinguir un gran de millo de todo o gran en xeral. Tamén dise "ombreiro", "videira" e incluso "peleiro" que ten plena vitalidade e por aquí é bastante normal oir: Non te pases un peleiro, Móveo un peleiro para aquí, etc. E todo isto vén a conto polo das eleccións que o outro día dixo un compañeiro algo que nunca oíra antes: Os políticos dedícanse todos ó mesmo: á roubeira.
Ogallá que este meu compañeiro estea errado e que os novos alcaldes e concelleiros sexan honrados.

Labels:

Sunday, 27 May 2007

Festival de Cans ( 2ª parte )

Onte foi xornada de reflexión pero tamén foi día de festival en Cans ( nome que procede etimoloxicamente de canles e non dos cans que todos coñecemos ).



Eu puiden escapar un par de horas para cheirar o ambiente e enteirarme un pouco de que ía o conto. Non cheguei a entrar en ningún galpón nin cuberto con proxeccións pero puiden ver os chimpibuses a acarrexar xente. Tamén rin un pouco coa actuación de Toni Lomba e Elio dos Santos. Albisquei algún famoso da TVG e recreeime na " can parade " coas siluetas do can símbolo do festival redeseñadas por artistas locais e así dei coñecido o famoso can verde tan raro de ver ( ou era azul o can da expresión ? ).


E como todo non ía ser troula había veciños de Cans que estaban a cavar nunha veiga alleos ó festival.


En fin, que para o ano conto con repetir.

Labels: ,

Saturday, 26 May 2007

Oito meses


O Leo fai mañá oito meses e está fino coma un allo e agudo coma unha cebola. Gústalle investigar a orixe dos ruidos e dálle a volta ós xoguetes para localizar a procedencia da música. Tamén lle gusta emborcar a caixa dos xoguetes e fozar en todos anque remate xogando coa caixa ou cun calcetín. Outra manía que ten é axitar os monecos pendurados do corredor e oscilar o cadro que fixo o tíoNe. As mans do cadro chaman a súa atención e parece que quere agarralas e ó final oscila o cadro enteiro. O Leo come mui ben e aínda toma teta e se tarda a nai acaba chupando onde pode e así lle fixo un chupón nun brazo o outro día. Aínda non agataña nin agatuma e cando o intenta arrecúa. Como si avanza un chisco é sentado. Nos falares segue cos " tha tha " e marmulla cando come.
E iso é todo.

Labels:

Wednesday, 23 May 2007

Eleccións municipais


É un bloque de granito ?. É un coche ?. Non, é o granitomóbil; o coche pregón da SPL : Sociedade Política Local. O coche vai pintado coma se fose un bloque de granito Rosa Porriño e leva a bandeira galega, altofalantes por onde soa música composta polo primeiro candidato e fotos familiares súas e dos candidatos.
Este ano a campaña está máis reñida ca nunca cos Verdes incluidos que de curiosidade poñen lazos verdes nas farolas.
E logo din que a política é aburrida.

Labels: ,

Tuesday, 22 May 2007

Festival de Cans

Dentro duns días dará comenzo o Festival de Cans no Porriño na súa cuarta edición. Nas ocasións anteriores non puiden ir e este ano non irei o xoves e mailo venres porque traballo de tarde pero o sábado pode ser que me acerque alí. Este festival de curtas ten algunhas peculariedades como que hai desfile de chimpíns (motocultores que levan remorque cos actores enriba), as proxeccións son en galpóns e cubertos, hai música e hai cañas a un euro. Se o tempo acompaña o éxito está asegurado.

Labels: ,

Saturday, 19 May 2007

Desventuras do Colín


Hai uns meses o Colín empezou a perder pelo e a aparecerlle calvas aquí e acolá e fomos ó veterinario. O veterinario atendeuno coma sempre: fóra da tenda de animais, fumando e sen enquerquenarse tan siquera para tocar o animal. A súa diagnose foi rotunda: o Colín tiña unha alerxia e había que cambiarlle o champú. Bueno. Así fixemos e pasou o tempo e non miramos millora ningunha. Un día rapámolo e quedamos asustados: o Colín parecía un can sarnoso coa pel desfeita. Non quixemos volver ó veterinario de sempre e fomos a outro veterinario que o observou cunha lámpada especial e lle fixo un raspado e dictaminou que tiña uns fungos contaxiosos por contacto directo e que eran mui malos para o Leo e para persoas maiores coma os bisavós. Deunos un tratamento e había que seguilo e o can tiña que estar lonxe de Leo e non misturarse con máis cans. E así tivemos o Colín muito tempo: aíllado de nós e sobre todo do Leo, lavando as mans cada vez que o tocabamos a el ou algunha das súas cousas, deixándoo fóra da casa en Arbo e sen poder levalo a outras casas onde antes ía sen problema e berrándolle cando se arrimaba ó naipelo. O Colín estaba apartado de nós, triste e coma un maldito, coma un paria con lepra e nós sufriamos por el e barallando a posibilidade dunha inxección que acabase cos seus problemas e a mala vida que lle dabamos ultimamente.
E fixéronlle unha biopsia o mércores para ver que tiña de verdade e porque non milloraba co tratamento e resulta que ten alerxia e non é contaxioso nin maligno !!. Acertou o veterinario que semellaba un incompetente e erraron os tres da outra consulta veterinario e pensar que nós estivemos a punto de eutanasialo...
En fin, que o Colín pode volver facer vida normal e a ver se nos perdoa estes últimos tempos que lle fixemos pasar.

Labels:

Thursday, 17 May 2007

Meducos


O día das letras tócame seguir cos mobles e espero ter case rematado o choio. Outra xente paseará, irá á praia ou irá a algún acto que teña que ver co día das letras galegas. Tamén haberá xente que vaia apañar herba e monte os MEDUCOS que saen na foto. Cando eu era un rapaz e queriamos facer unha trasnada iamos os veciños máis eu alá polas leiras derrotando ese exército de inimigos a patadas e empurróns para desespero do dono que tiña a herba erguida así para que secase.
E esta é a miña contribución para o DLG: a palabra meduco que pode ser un monllo de herba ou un inimigo a derrotar por rapaces aburridos que merecen un bo turrón de ourellas.

Labels: ,

Wednesday, 16 May 2007

Máis flores amarelas

O tempo voa e van murchando as flores do toxo e as glicinias apareceron e desapareceron case sen decatarse un. Para sustituir as chorimas abrochan aquí e acolá as flores da xesta que son tamén amarelas e ben poderían ser flor nacional.
Eu non sabía que eu fose de gusto tan " vexetal " pero paresque si. E aínda me quedan algunhas prantas máis na recámara.

Labels:

Sunday, 13 May 2007

Artigo no Progreso de Lugo


LEO SALGUEIRO. 7 meses.


No habla, no escribe y ni siquiera camina, pero ya tiene su blog. Es Leo, uno de los bebés más conocidos entre los blogueros. Además, heredó el cuaderno de bitácora que tenía su padre, Pedro Salgueiro, su voz en la red. " Empecei o blog cando estaba en Estados Unidos e falaba de min e dos americanos. Coincidiu que a miña muller estaba embarazada e tocounos a volta a Galicia. O blog, cuxo enderezo era http://eueoseeuu.blogspot.com/, tivo que cambiar de nome e pasou a ser http://leoeosseus.blogspot.com/ para seguir co trabalinguas. Desde aquela, a evolución de Leo é o motor principal do blog e quero seguilo como unha especie de diario seu mentres non poida escribir el o que queira ", comenta Pedro, que cree que los blogs también pueden ser cosa de niños. " Anna Frank era unha nena cando escribiu o seu diario ", razona.

E isto foi o que apareceu o domingo 29 de abril de 2007 en El Progreso de Lugo.
Ó Leo xa lle asoman os dentiños de abaixo que saíron o cinco de maio e anda máis rallante que nunca e pasa malas noites. De tódolos xeitos non ten febre e as molestias son puntuais. En canto ós mobles da cociña dicir que case, case están rematados despois de furar de máis e repetir intentos de colocación de mobles altos e despois de picar un tubo de auga coa correspondiente visita do fontaneiro. En fin, unha enleada de mil pares que por fin xa está rematando.
E máis nada, a ver se normalizo o meu ritmo blogueiro.

Labels: ,